Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 16 de marzo de 2001 Páx. 3.399

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 2001 pola que se convoca un curso superior de protección civil.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2001, conforme as funcións que ten encomendadas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización de un curso superior de protección civil, que se desenvolverán conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

A formación, capacitación e perfeccionamento profesional do persoal técnico en temas de protección civil, tendo en conta as súas funcións de responsabilidade na planificación, coordinación, dirección e toma de decisións en todo tipo de emerxencias.

Destinatarios.

-Persoal técnico de protección civil da Administración autónoma de Galicia.

-Persoal técnico, funcionarios con responsabilidade en protección civil da Administración local (bombeiros, policía local, funcionarios municipais con responsabilidade en protección civil) e da Administración xeral do Estado.

-Xefes ou responsables das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, que teñan realizado o curso básico e cando menos dous de segundo nivel.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Solicitudes.

1. As persoas que desexen participar neste curso presentarán, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias será de 15 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, 36680, A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido.

O curso consta de doce módulos con clases técnico-prácticas:

Módulo I: normativa legal. Protección civil como servicio público. Agrupacións de voluntariado de protección civil. Responsabilidade civil e penal do servicio do voluntariado de protección civil.

Módulo II: riscos naturais. Temporais, choivas, nevaradas, ventos fortes.

Módulo III: riscos tecnolóxicos. Risco químico, mercadorías perigosas.

Módulo IV: incendios urbanos e forestais.

Módulo V: accidentes marítimos.

Módulo VI: tráfico e seguridade vial.

Módulo VII: cartografía, orientación e localización.

Módulo VIII: asistencia sanitaria en accidentes e catástrofes.

Módulo IX: o apoio psicolóxico en situacións de catástrofes.

Módulo X: planificación e análise de riscos.

Módulo XI: xestións e dirección de emerxencias.

Módulo XII: a información en protección civil: información á poboación a través dos medios de comunicación.

Duración e datas.

O curso dará comezo o día 18 de abril de 2001, e terá unha duración de 120 horas lectivas.

O curso desenvolverase ós mércores todo o día.

O horario será o seguinte:

-Mañás: das 9.30 ás 14 horas.

-Tardes: das 16 ás 19.30.

Prazas.

O número máximo de prazas ofertadas para este curso é de 27.

Relación de admitidos.

Unha vez recibidas as solicitudes presentadas farase unha entrevista persoal que será selectiva.

A relación de admitidos publicarase o día 9 de abril de 2001 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

O curso realizarase na sede da Academia Galega de Seguridade no concello da Estrada.

Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en tódalas actividades do curso. A falta de asistencia, aínda cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas, determinará a calificación de «non apto» no curso.

Certificado de aproveitamento.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada a el e superen as correspondentes probas de coñecementos e a realización dun traballo.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 26 de febreiro de 2001.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade