Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 16 de marzo de 2001 Páx. 3.398

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 2001 pola que se convoca un curso sobre o patrimonio en Santiago de Compostela e o Camiño.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2001, conforme as funcións que ten encomendadas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización de 1 curso sobre o patrimonio en Santiago de Compostela e o Camiño, que se desenvolverán conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Acadar un coñecemento do patrimonio histórico artístico de Compostela, que lle sexa útil ós voluntarios de protección civil na súa axuda ós milleiros de visitantes e peregrinos desta cidade, e sexan capaces de dar unha información clara, concisa e útil.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros das Agrupacións de voluntarios de protección civil de Santiago de Compostela e comarca, que previamente superasen o curso básico de protección civil.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Solicitudes.

1. As persoas que desexen participar neste curso presentarán, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias será de 15 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. As instancias serán enviadas polo presidente da Agrupación correspondente á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, 36680, A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido.

O contido do curso do patrimonio en Santiago de Compostela e o Camiño.

-Historia do Camiño de Santiago. Importancia de Santiago en Europa.

-Santiago de Compostela: coñecementos básicos de servicios que ofrece a cidade para os visitantes.

-Clase práctica en Santiago.

-Historia de Santiago de Compostela. Onte e hoxe da cidade.

A Catedral de Santiago.

-Visitas prácticas.

-Coñecementos sobre tradicións e festas en Santiago de Compostela.

Trato ó peregrino e ó turista que chega a Santiago.

Duración e datas.

O curso terá lugar durante as seguintes datas; 21 e 28 de abril e 5-12-19 de maio. Terá unha duración de 20 horas lectivas.

O horario será en sesións de mañá e tarde, de 16 horas a 20 horas.

Prazas.

O número máximo de prazas ofertadas por cada curso é de 30.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 9 de abril de 2001 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

En Santiago de Compostela, está por determina-la localización da actividade de aula.

Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en tódalas actividades do curso. A falta de asistencia, aínda cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas, determinará a cualificación de «non apto» no curso.

Certificado de aproveitamento.

Á fin do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada a el e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Modificación.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 26 de febreiro de 2001.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade