Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 16 de marzo de 2001 Páx. 3.346

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 7 de marzo de 2001 pola que se clasifica como benéfico-social a Fundación San Martín.

Visto o expediente de clasificación da Fundación San Martín, con domicilio en Ourense.

Supostos de feito.

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense, o día 5 de decembro de 2000, ante o notario Antonio Pol González, co número tres mil novecentos setenta do seu protocolo por Benigno Moure Cortés, José León González e Antonio Fernández Cid, interveñen no seu propio nome; esta escritura foi emendada por outra posterior outorgada en Ourense o día 15 de febreiro de 2001 ante o notario Luis Rajoy Brey co número douscentos noventa e oito do seu protocolo.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é a atención e coidado, mesmo en réxime de internado, de anciáns, inválidos e psíquicos nos seus distintos graos, pobres vergonzantes, mulleres maltratadas, estudiantes con carencia de medios propios, servicio domiciliario a persoas e familias necesitadas, atención primaria a grupos étnicos, transeúntes e parados, garderías infantís, comedores sociais e, en xeral, canto supoña a educación, formación e sensibilización da comunidade e a axuda e asistencia ós necesitados.

4. O padroado da fundación estará composto por Benigno Moure Cortés, José León González e Antonio Fernández Cid.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico-social da Fundación San Martín, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico-social e a súa adscrición á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspón

delle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 6 de marzo de dous mil un.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico-social a Fundación San Martín e adscribila á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia

e Administración Pública