Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 13 de marzo de 2001 Páx. 3.156

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 1 de marzo de 2001 pola que se convocan axudas económicas para a realización de formación práctica en empresas destinadas ó alumnado do último curso de formación profesional de segundo grao e ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica en centros dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

As prácticas en empresas do sector pesqueiro, ademais do seu carácter obrigatorio como módulo de formación nos centros de traballo para os ciclos formativos de formación profesional específica e a súa conveniencia para os alumnos do último curso de formación profesional de 2º grao (en diante FP2), teñen un enorme interese polo seu valor didáctico-pedagóxico e a posibilidade, no eido sociolaboral, de acerca-lo alumnado ó mundo no que se desenvolverá a súa vida profesional.

Por todo isto, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura,

DISPÓN:

Primeiro.-Convocar axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, para a realización de formación práctica en empresas destinadas ó alumnado do último curso de formación profesional de segundo grao, programas de garantía social e ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica en centros dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Segundo.-Serán requisitos indispensables para solicitar estas axudas:

2.1. Que os solicitantes estean matriculados no último curso dunha especialidade de formación profesional, programas de garantía social ou ciclo formativo de formación profesional específica en centros dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

2.2. Que as solicitudes do alumnado se formalicen no modelo de impreso que figura no anexo, que estean asinadas polos interesados e teñan o visto e prace do director do centro conforme reúnen tódolos requisitos.

Terceiro.-Presentación de solicitudes.

3.1. O alumnado que reúna os requisitos para participar destas axudas presentarán a correspondente solicitude, no modelo anexo a esta orde, no centro onde estean matriculados e nos prazos seguintes:

a) Para o alumnado de FP2, programas de garantía social e ciclo medio de acuicultura: nun prazo de 20 días hábiles a partir do 1 de xuño de 2001.

b) Para os alumnos de ponte e máquinas dos ciclos medio e superior e para os do ciclo superior de acuicultura: nun prazo de 20 días hábiles a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no DOG.

Cuarto.-Criterios de selección.

4.1. Ter aprobados tódolos módulos profesionais.

Para os alumnos que teñan un único módulo avaliado negativamente, fará falta informe do titor no que se especifique que o alumno ten fundadas posibilidades de superalo mediante as actividades de recuperación establecidas.

4.2. Dispor de convenio educativo entre centro e empresa.

Quinto.-Contía das axudas.

5.1. A contía solicitada por día estará en función da distancia que exista entre a empresa e o domicilio do alumno/a, segundo o baremo seguinte:

-Dentro dun radio de menos de 6 km: 320 pesetas.

-De 6 a 15,9 km: 520 pesetas.

-De 16 a 30,9 km: 725 pesetas.

-De 31 a 50 km: 1.125 pesetas.

-Máis de 50 km (con retorno no día): 1.330 pesetas.

-Máis de 50 km (sen retorno no día): 5.150 pesetas.

5.2. O número máximo de xornadas para a formación profesional de segundo grao e programas de garantía social será de quince, e, para os ciclos formativos, as suficientes para completa-las horas que fixa o módulo de formación nos centros de traballo. A contía da axuda para os ciclos formativos non poderá supera-las 125.000 pesetas no grao superior de producción acuícola e as 170.000 pesetas no grao medio de acuicultura.

5.3. Os alumnos con praza nos centros residenciais de Vigo e Ferrol poderán seguir usando a residencia e o comedor durante o período de formación en centros de traballo (en diante FCT) se as condicións de embarque e de desembarque, a xuízo do titor, así o aconsellasen.

5.4. Cando a empresa estea a menos de 1 km de distancia dos centros residenciais de Vigo e de Ferrrol o alumno non percibirá ningunha axuda polo transporte.

5.5. Dadas as características singulares da FCT marítimo-pesqueira, seguirase cos seguintes criterios:

a) Para os alumnos que fagan períodos de prácticas en terra seranlles de aplicación automática os criterios recollidos no punto 5.1.

b) Nos períodos de embarque percibirán unha contía de 600 pesetas por día.

5.6. Cando a empresa colaboradora da FCT realice embarques ou desembarques fóra da Comunidade Autónoma de Galicia o alumno percibirá unha axuda complementaria máxima de 25.000 pesetas polos gastos da viaxe.

5.7. Malia o anterior, se a contía total das solicitudes superase o crédito dispoñible, queda autorizada a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación para reaxusta-la dita contía en función da distancia, embarque e do orzamento dispoñible. Neste caso comunicaráselles ós interesados a modificación efectuada.

5.8. O alumnado estará acollido á mutualidade do seguro escolar e á póliza de seguro de accidentes de traballo e responsabilidade civil subscrita polo centro educativo no cal cursa as súas ensinanzas.

Sexto.-Comisión de selección e seguimento das axudas.

6.1. A selección das peticións e o seguimento das axudas levarase a cabo por unha comisión integrada por:

-O delegado territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura ou persoa en quen delegue.

-O xefe de servicio de ensinanzas marítimo-pesqueiras.

-Os directores dos centros onde se impartan as ensinanzas.

-Os xefes de estudio dos centros onde se impartan as ensinanzas.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, que actuará como secretario, con voz e voto.

6.2. Das reunións celebradas pola comisión levantarase acta que será remitida á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Sétimo.-Adxudicación de axudas.

7.1. A dirección do centro, unha vez revisadas as solicitudes, confeccionará un proxecto de expediente económico para a formación en empresas. Este expediente económico, xunto cunha copia de tódalas solicitudes, remitirase á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación dentro dos 15 días seguintes ó remate do prazo de presentación de solicitudes.

7.2. A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, logo de revisa-las solicitudes e comproba-la vixencia dos concertos de colaboración, reexpedirá toda a documentación á comisión de selección e seguimento de axudas.

7.3. A comisión, vistas as solicitudes presentadas, os proxectos económicos e o crédito dispoñible, fará a oportuna proposta de adxudicación ó director xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

O director xeral resolverá, notificándolle a cada centro a concesión ou denegación provisional das axudas, e, se é o caso, a modificación das contías solicitadas.

7.4. A partir da data de comunicación ós centros mencionada no punto anterior, abrirase un prazo de 10 días naturais para que os interesados formulen

as reclamacións que consideren oportunas perante a comisión de selección.

7.5. Resoltas as reclamacións formuladas, a dirección xeral, no prazo de 15 días, dictará resolución na que se farán consta-las adxudicacións definitivas.

Contra esta resolución poderase interpoñer, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, recurso de alzada perante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da notificación ou publicación da citada resolución.

Oitavo.-Aboamento das axudas.

O pagamento das axudas farase dunha soa vez, logo da certificación do centro de que se remataron as xornadas de prácticas e ata un límite de 8.000.000 de pesetas (48.080,968 euros), con cargo á aplicación orzamentaria 12.04.322S.480.0. «Formación profesional FSE».

Xunto coa mencionada certificación deberase acompañar unha declaración de cada un dos beneficiarios na que manifeste que non percibiu nin está pendente de percibir outra subvención ou axuda para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público.

Noveno.-Estas axudas son incompatibles coas de residencia por razón de estudios.

Décimo.-O beneficiario está obrigado ó reintegro total ou parcial da axuda no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Ademais, está obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Para o non establecido especificamente na presente orde, haberá que aterse ó disposto nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro e demais normativa aplicable.

Disposición derradeira

Autorízase a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación a desenvolve-lo disposto nesta orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2001.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura