Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 13 de marzo de 2001 Páx. 3.150

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 12 de febreiro de 2001 pola que se concede autorización definitiva ó centro autorizado de música Obradoiro, da Coruña, para imparti-las ensinanzas de grao medio de música establecidas na Lei orgánica de ordenación xeral do sistema educativo.

Segundo o disposto no artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia, é competencia da Comunidade Autónoma galega a regulamentación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades e, de acordo co artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo (Diario Oficial de Galicia, do 23 de xullo), a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ó que lle corresponden estas competencias.

Por Decreto 481/1990, do 30 de outubro (DOG do 25 de outubro), autorízase o centro non oficial recoñecido de ensino musical de grao elemental Obradoiro. Mediante Orde do 1 de setembro de 1995 (DOG do 19 de outubro) autorizóuselle provisionalmente a impartición das ensinanzas do grao medio de música establecidas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo. O titular deste centro solicita autorización definitiva para a impartición destas ensinanzas.

A Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Coruña informa do cumprimento efectivo dos requisitos mínimos que establece o Real decreto 389/1992, do 15 de abril (Boletín Oficial del Estado do 28 de abril), para os centros que impartan as ensinanzas artísticas regradas previstas no capítulo primeiro do título II da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e de que a estructura e planificación académica do centro se axusta ó disposto no Decreto 253/1993, do 29 de xullo (DOG do 25 de outubro), polo que se establece o currículo do grao elemental e do grao medio das ensinanzas de música e o acceso ós ditos graos.

Cumpridos tódolos trámites regulamentarios e tendo en conta o anteriormente exposto, esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa,.

DISPÓN:

Primeiro.-Autorizar para impartir, con carácter definitivo, as ensinanzas correspondentes ó grao medio de música establecidas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, ó centro autorizado de música Obradoiro, da Coruña, segundo os datos que figuran no anexo desta orde.

Segundo.-En cumprimento do que establece a disposición adicional terceira do Decreto 253/1995, do 29 de setembro, o centro autorizado de música Obradoiro, da Coruña queda adscrito, para efectos administrativos, ó Conservatorio superior de música da Coruña.

Terceiro.-O mencionado centro queda obrigado ó cumprimento da lexislación vixente e a solicita-la oportuna revisión da autorización cando teña que modificarse calquera dos datos sinalados nesta orde.

Cuarto.-A presente orde, que esgota a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto na Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14), de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa (BOE do 14 de xullo).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Provincia: A Coruña.

Concello: A Coruña.

Localidade: A Coruña.

Enderezo: rúa Feans, 152.

Código do centro: 15026947.

Titular: Promotora Educativa Coruñesa, S.L. (Proeduco, S.L).

Denominación xenérica: Centro autorizado de música profesional.

Denominación específica: Obradoiro.

Composición resultante:

Número de postos escolares autorizados: 160 para grao elemental e 180 para grao medio.