Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 09 de marzo de 2001 Páx. 3.012

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 22 de febreiro de 2001, da División de Recursos Humanos, pola que se convocan catro prazas de vinculación temporal na modalidade de interinidade de técnicos de xestión nos hospitais dependentes do Servicio Galego de Saúde.

Co propósito de establecer un sistema de información de carácter corporativo o Servicio Galego de Saúde, organismo autónomo dependente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, dispón dun Servicio de Informática Área Asistencial residenciado na súa secretaría xeral, cunha unidade central denominada Centro de Soporte Técnico e uns servicios periféricos, hospitais e centros dependentes, conformando unha rede que proporciona apoio técnico tanto na implantación de novos aplicativos coma no mantemento e mellora dos existentes en explotación, así como atención ós problemas técnicos que

poidan xurdir en calquera dos centros obxecto de cobertura.

A finalidade desta estructura foi dota-la rede hospitalaria de sistemas de información axeitados que conformarán unha arquitectura tecnolóxica común e a estandarización de ferramentas e productos que fagan rendibles os investimentos realizados constituíndo, deste xeito, unha plataforma técnica homoxénea de forma centralizada.

Sendo necesario contar co persoal propio altamente cualificado para dirixi-la estratexia tecnolóxica e mante-lo coñecemento dentro do organismo a nivel central, e cos hospitais periféricos dependentes, faise preciso a dotación de persoal nos hospitais dependentes do dito organismo de técnicos de xestión.

Este persoal deberá ser altamente cualificado, para pemitir facer fronte ós obxectivos de homoxeneidade e eficacia, finalidade e interese primordial do servicio de saúde para constituír un núcleo sólido de información a nivel sanitario dentro da Comunidade Autónoma galega.

Todo isto leva consigo a demanda duns profesionais cos coñecementos e experiencia necesarios para realiza-las tarefas principais seguintes:

-Mantemento e dimensionamento dos sistemas de información.

-Posta en marcha de novas funcionalidades que xorden de acordo coa evolución do sistema.

-Soporte técnico e administrativo ós usuarios dos sistemas de información.

-Formación a novos usuarios e adaptación ás novas funcionalidades.

-Apoio técnico e funcional a outras unidades que entren a formar parte do sistema.

-Desenvolvemento do vínculo e coordinación entre a atención primaria e especializada a través dos hospitais das áreas, permitindo realizar unha análise completa da realidade asistencial, construíndo unha ferramenta imprescindible para a xestión sanitaria.

Preténdese contar coas persoas necesarias para aborda-la evolución do sistema informático en hospitais, que non só consiste en mante-la súa operatividade actual, senón que abre as portas a un proxecto integrado de sistemas de información, que terá como primeiro obxectivo constituír unha plataforma global que proporcione unha información consistente e axustada á realidade, ademais de facilita-la implantación de novos desenvolvementos que reforzarán a consolidación dun sistema de información de carácter corporativo.

Neste intre, xorde a necesidade de vincular persoal estatutario no Sergas, altamente cualificado, para dirixi-la estratexia tecnolóxica á que se propende. Por iso valórase de maneira primordial a experiencia no ámbito dos sistemas de información no sector sanitario.

Consonte o establecido no pacto subscrito entre a Administración Sanitaria e as centrais sindicais CIG, CC.OO, UXT, CSI-CSIF e CESM-SATSE, sobre selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario para vinculacións temporais nas institucións sanitarias do Sergas (DOG nº 39, do 25 de febreiro de 2000), o presente proceso selectivo foi debatido no seo da comisión central de seguimento do pacto,

acordando a selección de persoal de especial cualificación, trala superación dunha proba de aptitude que determine a selección temporal destes profesionais con base nos especiais coñecementos técnicos.

O sistema elixido de selección de persoal temporal ten por obxecto que os profesionais máis cualificados formen parte deste grupo de traballo, con fundamento na importancia do seu labor, tendo en conta os factores xa aludidos.

Polo tanto, de conformidade coas atribucións conferidas a este centro directivo nos artigos 19 e seguintes do Decreto 49/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais do Sergas e da Orde do 21 de abril de 1998, sobre delegación de competencias nos órganos centrais e periféricos do Sergas, e tralo acordado na comisión central de seguimento do pacto de vinculacións temporais, esta división

RESOLVE:

Primeiro.-Anuncia-la próxima cobertura, con carácter temporal en réxime xurídico de persoal estatutario na modalidade de interinidade en praza vacante, de catro técnicos de xestión, para prestar servicios nos seguintes hospitais:

-Complexo Hospitalario de Pontevedra: 1 técnico de xestión.

-Hospital do Meixoeiro: 2 técnicos de xestión.

-Hospital Comarcal do Barco de Valdeorras: 1 técnico de xestión.

As titulacións requiridas con preferencia serán as de tipo técnico e de xestión nas ramas de informática, matemáticas, física e enxeñería.

Tamén se terá en conta a experiencia no contorno de sistemas de información orientados á xestión sanitaria.

Segundo.-As retribucións que percibirán os aspirantes que resulten seleccionados serán as correspondentes á categoría de técnico de xestión. A fixación das contías reflíctese nos orzamentos anuais correspondentes ó persoal de institucións sanitarias dependentes do Sergas.

A xornada que terán que desenvolve-los aspirantes que resulten seleccionados será con carácter xeral a asignada ó persoal estatutario da mesma categoría, se ben deberá ter total dispoñibilidade horaria.

Os aspirantes que resulten seleccionados serán sometidos a un período de proba de acordo co teor do artigo 5 da orde da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais do 1 de xullo de 1997, pola que se regulamentan as modalidades de formalización do vínculo do persoal temporal de institucións sanitarias xestionadas polo Servicio Galego de Saúde. Durante a vixencia do período de proba, as partes poderán desistir libremente da vinculación, en comunicación escrita, sen alegación de causa e dereito a indemnización ningunha por tal motivo.

Terceiro.-Para tal fin, convócanse os aspirantes interesados para que, no prazo de 15 días hábiles a partir do día seguinte á publicación desta convocatoria no DOG, presenten a súa solicitude no modelo norma

lizado que se xunta como anexo I e achegen con ela o currículum suficientemente detallado tanto dos requisitos esixidos como dos méritos alegados.

Rematado o proceso de selección, o órgano convocante requirirá os profesionais seleccionados xustificante debido tanto dos requisitos como dos méritos alegados.

Cuarto.-As solicitudes serán dirixidas ó director xeral da División de Recursos Humanos do Sergas e deberán presentarse, preferentemente, no rexistro xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais sito no edificio administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela. Presenta-la solicitude resulta requisito imprescindible para adquiri-la condición de aspirante.

Quinto.-Para seren admitidos ó proceso selectivo, os aspirantes deberán acredita-la nacionalidade española ou dun país da Unión Europea ou, de se-lo caso, dispoñer de autorización para poder residir e traballar legalmente en España. Así mesmo, deberán cumpri-los requisitos que esixe o anexo II. De non acredita-los anteditos requisitos no prazo fixado polo órgano convocante, o aspirante será excluído do proceso de selección.

Sexto.-Para a selección dos aspirantes procederase á realización da proba prevista no anexo II. Superada a proba anterior procederase á baremación dos méritos alegados, de conformidade co baremo que se determina no anexo II que se xunta.

As probas realizaranse sobre as materias que se recollen no anexo III desta resolución e serán puntuadas de acordo cos criterios fixados polo tribunal cualificador.

Sétimo.-Para a selección dos profesionais constituirase un tribunal de selección composto por cinco membros, designados: un deles polas organizacións sindicais asinantes do pacto de vinculacións temporais e os outros catro polo órgano convocante. Poderán formar parte da comisión con voz pero sen voto os expertos que o órgano convocante determine.

Oitavo.-Rematado o proceso, publicarase nos taboleiros de anuncios das xerencias das institucións sanitarias do Sergas, dos servicios centrais do Sergas, e das direccións provinciais do Sergas a listaxe cos candidatos elixidos. Poderá declararse deserta a convocatoria de non existir candidato idóneo de acordo co perfil establecido.

Noveno.-Os aspirantes interesados poderán formular no prazo de 10 días, a partir do seguinte á data de publicación da listaxe anterior, reclamación perante a División de Recursos Humanos. Trala análise e resolución das reclamacións presentadas, publicarase a listaxe definitiva.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Potestativamente, no prazo dun mes, poderá interpoñerse recurso de reposición ante este centro directivo.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2001.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos

ANEXO II

REQUISITOS E BAREMO DE MÉRITOS PARA A SELECCIÓN

E FORMALIZACIÓN DE VÍNCULO ESTATUTARIO TEMPORAL

INTERINO EN PRAZA VACANTE PARA TÉCNICOS DE XESTIÓN

EN DISTINTOS HOSPITAIS DEPENDENTES DO SERGAS

* Requisitos mínimos:

Diplomado universitario ou equivalente, técnico de xestión preferentemente en informática, matemáticas, físicas e enxeñería.

* Baremo méritos:

I. Formación e titulacións especificas:

A puntuación máxima posible para cada aspirante polo conxunto de méritos neste punto será de 10 puntos:

Pola posesión das titulacións específicas seguintes:

A. Licenciado ou diplomado en informática: 10 puntos.

B. Licenciado ou diplomado en física: 10 puntos.

C. Licenciado ou diplomado en matemáticas: 10 puntos.

D. Enxeñeiro superior ou enxeñeiro técnico: 10 puntos.

II. Experiencia profesional.

A puntuación máxima posible para cada aspirante polo conxunto de méritos neste punto será de 25 puntos.

1. Experiencia profesional no ámbito de mantemento e desenvolvemento de sistemas de información relacionados coas institucións sanitarias públicas:

Por cada ano completo traballado: 5 puntos.

2. Experiencia profesional no ámbito de mantemento e desenvolvemento de sistemas de información relacionados coas institucións públicas non sanitarias:

Por cada ano completo traballado: 3 puntos.

3. Experiencia profesional no ámbito de mantemento e desenvolvemento de aplicacións informáticas:

Por cada ano completo traballado: 2,5 puntos.

A experiencia acreditada nunha sección non se poderá computar noutra diferente.

III. Formación continuada.

A puntuación máxima posible para cada aspirante polo conxunto de méritos neste punto será de 10 puntos.

Pola asistencia debidamente xustificada a cursos de formación dos cales a materia impartida teña relación directa coas funcións que se van desenvolver.

-Ferramentas informáticas:

-Xestor de base de datos: por cada hora acreditada 0,05 ata un máximo de 1,5 puntos.

-Redes de datos: por cada hora acreditada 0,05 ata un máximo de 1,5 puntos.

-Sistemas operativos: por cada hora acreditada 0,05 ata un máximo de 1,5 puntos.

-Linguaxes de programación: por cada hora acreditada 0,05 ata un máximo de 1,5 puntos.

-Outros cursos de interese no ámbito do mantemento e desenvolvemento de aplicacións informáticas: por cada hora acreditada 0,05 ata un máximo de 2 puntos.

-Cursos metodoloxías de xestión:

-Metodoloxía e xestión de proxectos: por cada hora acreditada 0,05 ata un máximo de 2 puntos.

IV. Realización das probas selectivas.

A puntuación máxima posible para cada aspirante polo conxunto de méritos neste punto será de 50 puntos.

As probas selectivas consistirán en:

1. Un cuestionario tipo test de respostas alternativas sobre materia informática. A devandita proba será valorada cun máximo de 25 puntos.

2. Proba práctica sobre o mantemento e desenvolvemento de aplicacións informáticas. A devandita proba será valorada cun máximo de 25 puntos.

V. Idiomas.

A puntuación máxima posible para cada aspirante polo conxunto de méritos neste punto será de 5 puntos.

Galego:

1. Pola realización do curso de iniciación á lingua galega ou validación correspondente: 2 puntos.

2. Pola realización do curso de perfeccionamento da lingua galega ou validación correspondente: 5 puntos.

ANEXO III

MATERIAS PROBAS SELECTIVAS

I. Enxeñería dos sistemas de información.

1. Planificación dos sistemas de información.

2. Ferramentas de xestión de proxectos: ferramentas CASE.

3. Xestión da calidade do software.

4. Análises de riscos e plans de continxencia.

5. Auditoría informática.

6. Metodoloxías de desenvolvemento de sistemas.

7. A metodoloxía métrica do Consello Superior de Informática.

8. Modelo entidade-relación. Modelo relacional. Normalización.

9. Análise orientada a obxectos.

10. Linguaxe unificada de modelado (UML).

II. Desenvolvemento de aplicacións.

1. Técnicas de programación. Programación estructurada. Programación orientada. Enxeñería inversa e reenxeñería.

2. Deseño e desenvolvemento de aplicacións no contorno 4GL (Informix e Multibase).

3. Deseño e desenvolvemento de aplicacións cliente/servidor con ferramentas RAD.

4. Deseño e desenvolvemento de aplicacións en tres capas. Clientes pesados e lixeiros.

5. Deseño e desenvolvemento de aplicacións en entorno Web.

6. Compoñentes ActiveX.

7. HTML. DHTML. VBScript. JavaScript. ASP. Java.

8. Modelo de compoñentes distribuídos. DCOM. CORBA. RMI

9. XML.

10. Desenvolvemento de sitios Web.

III. Comunicacións e redes.

1. Redes LAN e WAN.

2. Redes públicas de trasmisión de datos.

3. Sistemas de cableado.

4. Interconexión de redes

5. Protocolos de rede

6. Redes de banda larga. RDSI. Ethernet Banda Larga. Frame Relay. ATM.

7. Intercambio electrónico de datos (EDI)

8. Planificación, xestión e configuración de redes.

9. Redes Intranet e Internet.

10. Seguridade de accesos. Dominios de seguridade. Servidores de seguridade. Atallalume.

IV. Sistemas operativos e software de base.

1. Conceptos xerais dos sistemas operativos.

2. Sistema operativo Unix. Administración e xestión.

3. Sistema operativo Windows NT/2000. Administración, xestión e soporte.

4. Sistemas de almacenamento de datos.

5. Monitores transacionais. MTS. Servidores de mensaxería. MSMQ.

6. Sistemas de correo. Exchange Server.

V. Sistemas de xestión de bases de datos.

1. Sistemas de xestión de bases de datos.

2. Administración e configuración de Informix.

3. SQL. Linguaxe de definición de datos (DDL). Linguaxe de manipulación de datos (DML).

4. Protocolos standard de acceso ós datos.

5. Xestión de datos corporativos (Data Warehouse). Arquitectura OLAP. Minería de datos. Modelado dimensional.

6. Bases de datos distribuídas.

7. Bases de datos documentais.

VI. Seguridade nos sistemas de información.

1. Seguridade informática: autentificación, integridade, confidencialidade, dispoñibilidade, copias de seguridade.

2. A seguridade en redes públicas de datos. Seguridade en contornos de rede privados. Mecanismos de protección da confidencialidade. Técnicas de cifrado. Sinatura dixital.

3. Lei orgánica de regulación do tratamento automático dos datos de carácter persoal: LORTAD. Regulamento de medidas de seguridade dos ficheiros automatizados que conteñan datos de carácter persoal (Real decreto 994/1999).