Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 09 de marzo de 2001 Páx. 2.979

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 1 de marzo de 2001 pola que se dictan normas para a cesión en propiedade ós concellos galegos de vehículos especialmente preparados para misións de protección civil.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (artigo 25.2º, parágrafo c), así como a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia (artigos 80, 81 e 82), determinan que o concello, como entidade básica da organización territorial do Estado, é a vía da participación dos seus cidadáns en diferentes materias e, entre elas, a protección civil xa que, ante unha situación de emerxencia que poida poñer en perigo a vida dos cidadáns ou as súas pertenzas, o concello será o primeiro en actuar tanto en tempo de resposta como en mobilización de recursos.

Así mesmo, a Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, sobre protección civil, establece a vinculación voluntaria e desinteresada dos cidadáns á protección civil a través de organizacións que se orientarán, principalmente, á colaboración e apoio en situacións de emerxencia; actitude fundamentalmente desenvolvida polas agrupacións de voluntarios de protección civil, na maior parte dos concellos, para poder cumpri-la normativa vixente en materia de protección da súa comunidade veciñal.

Conforme o Decreto 161/2000, do 29 de xuño, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, correspóndelle a esta consellería entre outras competencias, as de protección civil.

De acordo co Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, a Administración autonómica colaborará na dotación de medios e recursos necesarios á Administración local para a súa actuación en materia de protección civil.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, consciente da magnitude e trascendencia dos valores que están en xogo nas situacións de emerxencia, así como as necesidades que se xeran e os recursos humanos e materiais que é preciso mobilizar, quere dotar de medios axeitados os concellos para o cumprimento dos seus labores en materia de protección civil.

De acordo co exposto, preténdese por medio da presente orde regula-lo procedemento e requisitos para a cesión en propiedade de vehículos adecua

damente preparados para misións de protección civil ós concellos da Comunidade Autónoma galega.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, para colaborar e aumenta-la eficacia dos concellos na súa misión de protección á súa comunidade veciñal e para equipar cun medio necesario a protección civil, cederalles en propiedade vehículos todoterreo ós concellos galegos que conten con Servicio Municipal de Protección Civil ou Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, sexa municipal ou teña subscrito un convenio co concello, e ademais estean inscritas no Rexistro da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, todo isto de conformidade co que establece a disposición adicional décimo primeira da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1997, mediante a que se engadiu o artigo 35 bis á Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Para poder acceder ós beneficios outorgados mediante esta orde, os concellos deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Dispoñer de Servicio Municipal de Protección Civil ou, no seu defecto, de Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

b) Que nos seus orzamentos anuais dispoñan dunha cantidade destinada a temas de seguridade e protección civil.

c) Que non dispoñan de vehículos especialmente preparados para misións de protección civil.

d) De forma excepcional poderán solicitalo aqueles que xa dispoñan de vehículo cedido cando se dean os seguintes supostos:

* Sexa imprescindible a súa renovación.

* Sexa preciso un segundo vehículo dada as características singulares e índice de risco do concello.

Para este suposto excepcional (indicado no epígrafe d) dedicarase ata un máximo do 30% dos vehículos dispoñibles.

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo ó que se refire a presente orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais destinará ata un límite de corenta e seis millóns de pesetas (46.000.000 de pesetas), con cargo a aplicación orzamentaria 13.04.231A.624.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o 2001, que se dedi

carán á adquisición de vehículos todoterreo para cedérllelos en propiedade ós concellos.

Artigo 4º.-Solicitude.

1. Os concellos que desexen acollerse ós beneficios concedidos nesta orde presentarán a súa solicitude, no prazo de quince días hábiles contados a partir do seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, empregando o modelo que se indica no anexo I desta orde, no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no das delegacións provinciais desta consellería, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude presentaranse os seguintes documentos:

2.1. Certificados expedidos polo secretario do concello:

a) Certificación, se é o caso, da existencia de Servicio Municipal de Protección Civil.

b) Dos gastos correntes e de investimento considerados nos orzamentos municipais do 2001 destinados ás funcións de seguridade e protección civil.

c) Relativo ó acordo adoptado polo órgano competente polo que:

-Acorda solicita-la cesión en propiedade, regulada na presente orde, aceptando integramente os seus termos e prescricións.

-Se faculta o alcalde do concello para acepta-la cesión en propiedade nas condicións establecidas pola consellería e para asina-lo correspondente convenio, no caso de resolución favorable da consellería.

2.2. Memoria asinada polo alcalde como xefe local de Protección Civil, na que se indiquen:

-Os riscos potenciais existentes no ámbito territorial do concello, conforme o establecido no Plan Territorial de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia (Platerga) ou, se é o caso, o Plan de Emerxencia Municipal (Pemu).

-Ter creada ou en trámite de creación a Xunta Local de Protección Civil.

-Ter ou estar elaborando o Plan de Emerxencia Municipal (Pemu).

-Medios materiais de transporte de que dispón actualmente o concello e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil destinados a tarefas de protección civil.

-Cumpri-los requisitos indicados no artigo 2º, especificando cada un dos puntos.

3. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados ós interesados pola Dirección Xeral de Interior e Protección Civil da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, concedéndoselles un prazo de dez días para emendar erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións arquivaranse, de acordo co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Instrucción e resolución.

As solicitudes recibidas e a súa documentación serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, que emitirán o correspondente informe.

O director xeral de Interior e Protección Civil, á vista do informe, elevaralle a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá, procedéndose á súa publicación posterior no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 96 bis do Regulamento de patrimonio da Comunidade Autónoma (introducido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo).

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva e na avaliación das solicitudes terase en conta o seguinte:

* Número de colaboracións realizadas, en temas de protección civil, coa Xunta de Galicia, especialmente coa Central de Emerxencias 112 e Plans de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia no sistema de protección civil de Galicia.

* Dispoñer de servicio de 24 horas na Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

* Riscos potenciais existentes no concello, e participación activa nos últimos anos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil en situacións de urxencia e emerxencia.

* Recursos humanos e medios materiais, de titularidade propia, que o concello e, se é o caso, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil poida mobilizar ante unha emerxencia.

* Situación xeográfica estratéxica do concello.

* Ter creada ou en trámite de creación a Xunta Local de Protección Civil.

* Ter ou estar elaborando o seu Plan de Emerxencia Municipal (Pemu).

* Cantidade destinada polo concello, nos seus orzamentos anuais, para cumprir coa normativa vixente en materia de seguridade e protección da súa comunidade de veciños.

Artigo 7º.-Notificación.

1. A resolución da consellería seralles notificada ós solicitantes, ós que se lles concedese a cesión en propiedade dun vehículo todoterreo, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de 6 meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. Así mesmo, a aqueles concellos ós que non se lles conceda vehículo notificaráselles indicando que foi desestimada a súa petición.

2. Na notificación das resolucións faranse consta-las seguintes condicións particulares que deberá cumpri-lo concello solicitante:

a) Aboar en concepto de achega compensatoria polos gastos derivados do procedemento de cesión e inherentes á utilización do ben cedido a cantidade resultante de aplica-la porcentaxe do 15% ó importe unitario de licitación dos vehículos no correspondente procedemento de contratación.

b) Serán por conta dos concellos os gastos de matriculación, incluído, se é caso, o imposto especial sobre determinados medios de transporte, seguros, mantemento, conservación e as indemnizacións derivadas de posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal polo uso dos vehículos, calquera que sexa a súa contía.

c) Os concellos peticionarios comprométense a que os vehículos sexan destinados a misións de protección civil.

Artigo 8º.-Aceptación.

1. O alcalde do concello ó que se lle concedese un vehículo disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da resolución favorable, para comunica-la aceptación das condi

cións contidas no parágrafo anterior e facer efectivo o pagamento da cantidade correspondente na entidade financeira que lle indique a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación e non se presente o xustificante de depósito, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá anula-la dita resolución.

Artigo 9º.-Formalización de cesión.

Asinarase un convenio no que constará o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Artigo 10º.-Control.

Se os vehículos cedidos non se aplicasen ó fin sinalado ou deixasen de estalo con posterioridade, se se descoidasen ou utilizansen con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións que se detallan nesta orde, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais estará dotada de facultades de vixilancia e control, para comproba-lo cumprimento das obrigas que leva aparelladas a cesión e, de se-lo caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Disposición adicional

A achega compensatoria realizada polo beneficiario segundo o disposto no artigo 7.2º a) poderá xerar créditos no estado de gastos do orzamento desta consellería que poderán ser utilizados na adquisición e na adxudicación de máis vehículos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Interior e Protección Civil para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Será de aplicación supletoria o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2001.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais