Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 08 de marzo de 2001 Páx. 2.914

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 49/2001, do 25 de xaneiro, polo que se cede e adscribe á sociedade pública Xenética Fontao, S.A. a segunda planta do edificio de oficinas do Centro de Escolma e Reproducción Animal de Fontao (Lugo).

A Comunidade Autónoma de Galicia ten a titularidade do inmoble onde se localiza o Centro de Escolma e Reproducción Animal de Fontao, situado na parroquia de Esperante, termo municipal de Lugo, en virtude do Real decreto 1099/1985, do 5 de xuño, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de centros nacionais de escolma e reproducción animal.

O Centro de Escolma e Reproducción de Fontao ten a cualificación xurídica de ben demanial, cedido e adscrito integramente, cos seus bens e dereitos, en virtude do Decreto 237/1998, á sociedade pública Xenética Fontao, S.A., agás a segunda planta do edificio dedicado a oficinas, que se cedeu e adscribiu ó Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia.

Con data do 23 de outubro de 2000, a sociedade pública Xenética Fontao, S.A., empresa participada maioritariamente polo Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga), organismo autónomo de carácter comercial e financeiro, adscrito á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, solicitou a adscrición do resto dos bens do Centro de Escolma e Reproducción de Fontao, Esperante (Lugo), que correspondían en adscrición ó Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, é dicir, a segunda planta do edificio de oficinas.

Con datas do 14 e 30 de novembro de 2000, os órganos interesados, Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia maila Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, respectivamente, emitiron informe favorable da nova adscrición das dependencias solicitadas pola entidade pública Xenética Fontao, S.A., mentres non son utilizadas na actualidade nin se prevé a súa utilización futura.

Vistos os informes da Asesoría Xurídica Delegada da Consellería de Economía e Facenda con data do 29 de xullo de 1998, e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con data do 27 de decembro de 2000.

Á vista do disposto nos artigos 13 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 20 e 21, en relación co 31 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da dita lei, de conformidade coa proposta da Consellería de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da

Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de xaneiro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Cédese e adscríbeselle á sociedade pública Xenética Fontao, S.A., a segunda planta do edificio dedicado a oficinas no Centro de Escolma e Reproducción Animal de Fontao, situado na parroquia de Esperante, termo municipal de Lugo.

2. De acordo co anterior e o disposto no Decreto 237/1998, do 30 de xullo (DOG nº 155, do 12 de agosto), a totalidade dos bens e dereitos que integran o Centro de Escolma e Reproducción Animal de Fontao quedan adscritos á sociedade pública Xenética Fontao, S.A.

3. A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do disposto neste decreto.

Santiago de Compostela, vintecinco de xaneiro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda