Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 01 de marzo de 2001 Páx. 2.607

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 13 de febreiro de 2001 pola que se convocan bolsas e axudas ó estudio de carácter especial para estudiantes galegos, descendentes de galegos ou residentes en Galicia que cursen estudios universitarios de primeiro ou segundo ciclo no curso 2001-2002, cunha necesidade urxente de recursos económicos motivada por causas sobrevidas e non previstas.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 de xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro de 1988) transferiulle á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril).

A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do Sistema Universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, está a levar a cabo diversas accións de apoio económico ós estudiantes de ensino universitario, coas que se pretende favorece-la calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

Tradicionalmente, estas axudas e accións de apoio económico ós estudiantes universitarios viñan sendo destinadas a aqueles alumnos que acreditaban os mellores expedientes académicos como recoñecemento ó seu esforzo, e non se valoraba na mesma medida a necesidade urxente de recursos económicos, moitas veces motivada por causas sobrevidas e imprevistas.

Neste sentido, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pretende continua-la política de axudas e bolsas de carácter especial para estudiantes galegos, descendentes de galegos ou residentes en Galicia, que cursen estudios universitarios de primeiro ou segundo ciclo, que teñen unha finalidade simplemente paliativa e van destinadas a facer fronte a causas sobrevidas que polas súas circunstancias requiren dunha atención perentoria na obtención de recursos económicos que permitan a continuidade dos estudios universitarios dos alum

nos afectados, sen pretender solucións plenas á problemática que poidan presentar.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse bolsas e axudas ó estudio de carácter especial para estudiantes galegos, descendentes de galegos ou residentes en Galicia que cursen estudios universitarios de primeiro ou segundo ciclo no curso 2001-2002 cunha necesidade urxente de recursos económicos, motivada por causas sobrevidas e non previstas, que lle impidan ou dificulten a continuidade dos seus estudios.

Artigo 2º.-Orzamento.

Para a concesión das axudas convocadas na presente orde destinarase a cantidade total de 30.000.000 de ptas, con cargo á aplicación orzamentaria 07.05.322C.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá amplia-lo prazo ou facer pública unha nova convocatoria no suposto de que as adxudicacións acordadas non cubrisen a totalidade do crédito orzamentado.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

a) Poderán optar a estas axudas tódolos estudiantes galegos, descendentes de galegos ou residentes en Galicia que cursen estudios universitarios de primeiro ou segundo ciclo no curso 2001-2002, e que xustifiquen documentalmente que as súas condicións económicas actuais débense a causas sobrevidas e non previstas, que lle impidan ou dificulten continua-los seus estudios.

Para este efecto, enténdese que son residentes en Galicia aquelas persoas que levan empadroadas na Comunidade Autónoma un mínimo de cinco anos, sendo dous deles consecutivos e anteriores á data da convocatoria.

b) O importe anual de cada bolsa será como máximo de 500.000 pesetas.

c) Estas axudas son compatibles co desfrute de calquera outro tipo de bolsas ou axudas, tanto de institucións públicas como privadas, sempre que a contía global non supere o importe anual máximo de 500.000 pesetas.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

a) As solicitudes, segundo o modelo que se publica como anexo á presente orde, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais, nos

vicerrectorados de estudiantes das tres universidades de Galicia ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito, a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de que proceda á súa certificación.

b) As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

Copia do DNI/NIF do solicitante:

-Certificación académica ou copia compulsada do curso 2000/2001.

Matrícula do curso 2001/2002.

-Certificado de empadroamento na Comunidade Autónoma de Galicia, para aqueles alumnos que non sexan galegos ou descendentes de galegos.

-Copia compulsada da declaración da renda correspondente ó exercicio de 2000 ou documento acreditativo da Axencia Tributaria de non estar suxeito á declaración ante a Facenda.

-Xustificante de tódolos ingresos da unidade familiar.

-Un informe do asistente social do concello no que estea empadroado que recolla a situación socioeconómica da unidade familiar e as causas sobrevidas e non previstas que motivan a necesidade urxente de recursos económicos.

-Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, no que conste o código de conta cliente comprensivo dos códigos que identifican o banco, a oficina, o díxito de control e o número de conta.

-Declaración xurada do solicitante con expresión das axudas solicitadas ou concedidas por parte doutros organismos públicos ou privados.

-Xustificante dos motivos que fundamentan a petición da bolsa.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde o día seguinte ó da publicación da presente orde e ata o 31 de maio de 2001.

Artigo 5º.-Comisión de avaliación.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión de avaliación integrada por:

-Presidente: o director xeral de Universidades ou, por delegación, o subdirector xeral de Universidades.

-Vocais: pola Universidade de Santiago de Compostela, o vicerrector de Estudiantes. Pola Universidade da Coruña, o vicerrector de Estudiantes. Pola Universidade de Vigo, o vicerrector de Docencia e Alumnado. Un representante do Servico de Coordinación do Sistema Universitario de Galicia.

-Secretario: un representante da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

En caso de empate, decidirá o voto de calidade do presidente.

Artigo 6º.-Tramitación e resolución.

1. Os servicios da Dirección Xeral de Universidades comprobarán que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporase a lista de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando, se é caso, as causas de exclusión, nos taboleiros da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos das súas delegacións provinciais, no centro de información administrativa da Consellería da Presidencia e Administración Pública e nos das súas delegacións provinciais, nos dos vicerrectorados de Estudiantes das universidades de Galicia, nos dos vicerrectorados dos campus de Ferrol, Ourense, Lugo e Pontevedra e en Internet no enderezo http://www.xunta.es/conselle/ceoug/dxu/pub/bol.htm.

Esta lista estará exposta do 20 ó 30 de xuño de 2001, podendo os interesados, durante ese mesmo prazo, formular reclamación para emendar erros e falta de documentos, ante a Dirección Xeral de Universidades, achegando se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que o interesado desiste da súa petición logo de resolución, nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992.

2. Posteriormente, a comisión de avaliación elaborará unha relación de beneficiarios, podendo ter en conta, primordialmente, a súa situación socioeconómica actual e causas que a motivaron, a traxectoria do seu rendemento académico nos cursos precedentes, así como aquelas outras causas de índole similar que a comisión considere.

3. Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe-proposta motivado ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá resolución na que constará unha lista de reserva e das solicitudes denegadas coas causas de exclusión.

4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun

mes a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE nº 12, do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 8º.-Xustificación.

Os beneficiarios deberán presentar documento acreditativo de estar matriculado no curso 2001/2002, no prazo máximo de 10 días despois de ter efectuado a matrícula, e, en todo caso, antes do 15 de novembro.

Artigo 9º.-Pagamento.

Trala xustificación da matrícula para o curso 2001/2002, as axudas aboaranse na conta bancaria indicada polos interesados, logo de publicada a resolución de beneficiarios no Diario Oficial de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto na Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, que modifica o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos

ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Terceira.-As renuncias que se produzan poderán ser substituídas pola Dirección Xeral de Universidades de acordo coa lista de reserva que se estableza.

Cuarta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examina-las solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral ou da universidade correspondente en virtude da súa representación.

Quinta.-Para os efectos establecidos no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 (BOE nº 12, do 14 de xaneiro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir do día seguinte da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, producindo efectos desestimatorios a falta de resolución.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Universidades para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria