Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 27 de febreiro de 2001 Páx. 2.500

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 20 de febreiro de 2001 pola que se establecen as bases que rexen os distintos programas de axudas para o exercicio do ano 2001 da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude que, baixo a rúbrica xeral de Programas de Cooperación, están destinadas ó financiamento de accións de fomento de emprego por parte das entidades locais e se procede á súa convocatoria.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta Comunidade Autónoma asume as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, polo Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, atribúeselle a esta o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Así, corresponde, agora, a esta consellería a convocatoria, xestión e control das subvencións e axudas públicas da política de emprego xestionadas anteriormente polo Inem, entre as que están o programa de fomento do emprego no ámbito da colaboración coas entidades locais, cos órganos da Administración xeral do Estado e os seus organismos autónomos, Comunidades Autónomas, universidades e institucións sen ánimo de lucro, para a contratación de traballadores desempregados para a realización de obras ou servicios de interese xeral e social e o de contratación de técnicos locais de emprego.

Estas medidas de fomento do emprego público agrúpanse, xa no ámbito competencial da Administración autonómica, baixo a rúbrica de Programas de Cooperación, respectando, en todo caso, as liñas mestras dos programas estatais ou comunitarios dos que traen causa e, conceptual e orzamentariamente os acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia 1998-2001, rubricados pola Xunta de Galicia, polo Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia, polo Sindicato Unión Xeral de Traballadores de Galicia e pola Confederación de Empresarios de Galicia, o 13 de xullo de 1998.

A filosofía dos denominados programas de cooperación corresponde á necesidade de dar un tratamento global e coordinado ás liñas de fomento

do emprego público ou institucional, desde unha perspectiva de dinamización e de xeración de novas actividades no medio rural, con repercusión no emprego e na creación de alternativas de ocupación laboral que, inicialmente impulsadas e subvencionadas pola Administración, sexan capaces de perdurar e de ser mantidas ben por outras instancias da Administración autonómica, ben por polas propias entidades locais afectadas ou ben, na medida do posible, pola propia iniciativa privada, a través do mantemento do emprego xerado pola vía do mantemento do servicio.

Os programas de cooperación concíbense ademais como medida de fomento do emprego a través da adquisición de experiencia profesional dos traballadores desempregados participantes na realización das obras ou servicios, de xeito que, coa mellora da súa empregabilidade, poidan situarse en mellores condicións para acceder a un posto de traballo, unha vez rematada a súa participación neles.

Na presente convocatoria recóllense aquelas liñas de axuda que, integradas nos anteditos programas, se dirixen ás entidades locais. Así a orde estructúrase en tres capítulos: un dedicado ás disposicións comúns, tales como solicitude, tramitación, resolución e pagamento; e outros dous dedicados a regula-las condicións particulares de cada un dos programas: obxecto, requisitos, seguimento, etc.

As directrices europeas sobre o emprego recollen a importancia da creación de postos de traballo a nivel local e esbozan unha estratexia de implicación de toda a sociedade nese empeño. Así, o Comité das Rexións da Unión Europea, na súa resolución sobre o Pacto Europeo para o Emprego, considera determinante que municipios e rexións, na medida do posible, poidan planificar e aplica-las medidas activas de emprego do modo máis oportuno, en colaboración cos interlocutores sociais e de conformidade cos piares das devanditas directrices. Consecuentemente procede implementar un dispositivo que axude a promover iniciativas e articular mecanismos para que as Administracións locais actúen como impulsoras do desenvolvemento local desde a perspectiva de que existen novos filóns de emprego non explotados susceptibles de xerar novos postos de traballo e é no ámbito local onde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego.

Desde esta perspectiva faise necesario potencia-lo papel das entidades locais como motoras da creación de emprego e apoiar decididamente a constitución de pequenas e medianas empresas, dado que a súa existencia favorece un tecido empresarial máis estable, unha diversificación de actividades e, sobre todo, un crecemento económico sostido.

Por outra banda, deben terse presentes as directrices emanadas do Consello Europeo Extraordinario de Luxemburgo sobre o emprego, relativas á mellora da capacidade de inserción profesional, ó desenvolvemento do espírito de empresa, ó fomento da capacidade de adaptación dos traballadores e das empresas e ó reforzamento da política de igualdade de oportunidades que deben materializarse cando

se realice a selección das entidades beneficiarias e dos desempregados participantes en cada unha das accións concretas ás que a mesma dea lugar.

Noutra orde de cousas, esta convocatoria axústase ó disposto no Decreto 377/1998, do 23 de decembro, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en materia de medidas activas de emprego (agás nas disposicións que se opoñan ó establecido no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia), no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e ó disposto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001.

De conformidade co previsto no citado texto refundido, o financiamento, entre outras, das axudas previstas na presente orde, realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.241A.460.0 por un importe total de 2.765.203.000 pesetas.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe favorable da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada e en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora de Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións comúns

Artigo 1º.-Finalidade.

Esta orde ten por finalidade establece-las bases que rexen os distintos programas de axudas da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude que, baixo a rúbrica xeral de Programas de Cooperación, están destinadas ó financiamento de accións de fomento de emprego por parte das entidades locais ou entidades dependentes ou vinculadas a unha Administración local e proceder á súa convocatoria.

Artigo 2º.-Liñas de axuda.

1. Dentro dos programas de cooperación, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude subvencionará as entidades locais que contraten:

a) Traballadores desempregados para a realización de obras e servicios de interese xeral e social.

b) A prestación de servicios públicos con empresas creadas nos últimos tres anos que cumpran algún dos seguintes requisitos:

-Que teñan a cualificación de iniciativas de emprego e que xeraran emprego estable para tres desempregados.

-Que se trate de centros especiais de emprego.

-Que se trate de empresas de economía social dirixidas e constituídas, preferentemente, por algún dos seguintes colectivos:

-Menores de 30 anos.

-Mulleres.

-Traballadores que, ata a súa incorporación á empresa, tivesen a condición de parados de longa duración.

-Traballadores que participasen nalgún obradoiro de emprego ou curso de formación ocupacional sobre a actividade que presta a empresa constituída.

-Mozos titulados universitarios ou de formación profesional.

Dentro dos colectivos enumerados terán prioridade os parados de longa duración.

2. As axudas previstas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.241A.460.0.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. As entidades locais que pretendan beneficiarse destas subvencións deberán formaliza-las correspondentes solicitudes, nos modelos que se publican como anexos a esta orde, de acordo co disposto no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que estarán ó seu dispor nas oficinas de emprego e nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, subscritas polo titular ou representante legal da entidade local, debidamente acreditado, e deberá ir acompañada da documentación que para cada programa se especifica en cada un dos capítulos desta orde.

2. As solicitudes dirixiranse ás delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. O prazo para a presentación de solicitudes será de vinte días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Procedemento.

1. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos en cada caso esixidos ou a documentación achegada contivese erros ou sexa insuficiente, a delegación provincial requirirá o solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, considerarase desistido da súa petición, logo da correspondente resolución ó abeiro do disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. Os expedientes, unha vez completos, remitiránselle á comisión de valoración para o seu estudio e proposta de resolución.

3. Para os efectos previstos nesta orde a comisión de valoración estará composta polo secretario provincial, que a presidirá, e serán vocais o xefe do servicio de Fomento do Emprego e un xefe de sección del, actuando este último como secretario.

Artigo 5º.-Resolución.

1. Dentro dos seis meses seguintes á entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver, logo do informe da comisión de valoración e fiscalizada a proposta pola respectiva Intervención Territorial, o delegado provincial, por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, dictará a resolución que pro

ceda, debendo ser notificada ós interesados. Transcorrido o devandito prazo sen que se dictara resolución expresa, as solicitudes entenderanse desestimadas.

2. Contra as resolucións dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nesta orde, que esgotan a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da notificación da resolución, de acordo co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 6º.-Pagamento.

1. O aboamento da subvención farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Orixinais ou copias compulsadas dos contratos de traballo formalizados e debidamente comunicados e dos partes de alta na Seguridade Social, no caso das axudas previstas no capítulo II.

b) Contrato administrativo de prestación de servicios públicos, copia compulsada do documento nacional de identidade dos socios traballadores, dos autónomos e, se é o caso, dos contratos debidamente comunicados dos traballadores contratados por conta allea, xustificación dos colectivos ó que pertencen, alta no IAE ou no réxime de autónomos, no caso das axudas previstas no capítulo III.

c) A certificación prevista no artigo 13º.3 desta orde, relativa á selección e contratación de traballadores, no caso das axudas reguladas no capítulo II.

d) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

2. A documentación xustificativa deberá remitirse á respectiva delegación provincial no prazo dun mes desde o inicio da obra ou servicio, agás autorización expresa de ampliación do mesmo por aquela, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.

Artigo 7º.-Obrigas dos beneficiarios das axudas e subvencións.

1. As entidades beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta orde virán obrigadas a:

a) Realiza-la actividade ou adopta-lo comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Acreditar ante a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a realización da actividade ou a adopción do comportamento, así como o cumprimento dos requisitos ou condicións que determinan a concesión ou desfrute da axuda, en particular e no caso das axudas do capítulo III, que os requisitos que serviron de base

á concesión da subvención se manteñen ó longo da duración do período subvencionado.

c) O sometemento ás actuacións de comprobación e control que poida efectua-la Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas e ás que poidan corresponder, se é o caso, á Comisión e ó Tribunal de Contas da Unión Europea.

d) Comunicar á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público nacional ou internacional.

e) Identificar convenientemente, para os efectos de difusión pública, as obras e servicios que se realicen.

f) Cumpri-las demais obrigas que se poidan derivar da normativa de desenvolvemento desta orde.

2. O incumprimento total ou parcial de calquera das obrigas, condicións ou finalidades establecidas nesta orde ou na normativa que a desenvolva orixinará, á vista da natureza e causas do incumprimento, o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas xunto cos xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, sen prexuízo do establecido na Lei 8/1988, do 7 de abril, sobre infraccións e sancións na orde social.

Capítulo II

Das subvencións para a contratación de traballadores desempregados para a realización de obras ou servicios de interese xeral e social

Artigo 8º.-Obxecto.

1. Este programa ten por obxecto o fomento do emprego, no ámbito da colaboración coas entidades locais, a través da subvención da contratación de traballadores desempregados para a realización de obras ou servicios de interese xeral e social.

2. A subvención consistirá no financiamento dos custos salariais, nos termos establecidos no artigo 10º, dos traballadores contratados ó abeiro desta orde.

Artigo 9º.-Beneficiarios das subvencións.

Poderán ser beneficiarios da subvención as entidades locais ou entidades dependentes ou vinculadas a unha Administración local que se obriguen á contratación de traballadores desempregados para a execución de obras ou a prestación de servicios de interese xeral e social e que dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución do correspondente proxecto.

Artigo 10º.-Contía.

A contía da subvención que van percibir as entidades locais será a necesaria para sufraga-los custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por tódolos conceptos, na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente, por cada traballador desempregado contratado.

A citada contía máxima reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.

Artigo 11º.-Requisitos e criterios para a selección das obras ou servicios.

1. As obras ou servicios que se van realizar deberán ser de interese xeral e social e competencia das entidades locais, incluídas aquelas que se realicen sobre bens inmobles que poñan á disposición da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e se refiran a:

a) Obras destinadas á construcción ou reparación de instalacións para poñelas á disposición dos titulares de iniciativas de emprego, durante 5 anos e mediante o pagamento reducido de alugueres.

b) Obras destinadas á construcción ou reparación de instalacións para poñelas á disposición dos promotores de iniciativas de emprego, para a posta en marcha das anteditas iniciativas.

c) Obras ou servicios de utilidade colectiva, tales como mellora da vivenda, vixilancia e seguridade, revalorización de espacios públicos urbanos, transportes colectivos, comercios de proximidade, así como actividades que afecten a xestión de residuos, xestión de augas, protección e mantemento de zonas naturais así como aquelas que incidan, directa ou indirectamente, no control da enerxía.

d) Obras ou servicios que sirvan para complementar ou remata-los traballos dunha escola obradoiro.

e) Servicios de interese colectivo que teñan por finalidade dota-las entidades locais de grupos municipais de intervención rápida, consistentes nunha infraestructura básica e altamente operativa para dar resposta inmediata a situacións de emerxencia como incendios forestais ou urbanos, inundacións, nevadas ou calquera outra situación que implique un risco para as persoas ou bens.

f) Servicios de ocio ou culturais, tales como promoción do turismo, desenvolvemento cultural local, promoción do deporte e sector audiovisual.

g) Servicios personalizados de carácter cotián, tales como coidado de nenos, prestación de axuda a domicilio a persoas incapacitadas ou maiores, axuda a familias e mozos en dificultade e/ou con desarraigo social.

h) Servicios dirixidos ós mozos e tendentes a favorece-la súa participación social e laboral.

i) Obras ou servicios dirixidos a paliar ou repara-los danos ou efectos producidos con ocasión de temporais, inclemencias meteorolóxicas ou calquera outro fenómeno da natureza.

j) Aqueloutras obras ou servicios de recoñecido interese xeral ou social que poidan demanda-las entidades locais e que redunden en beneficio dos cidadáns.

2. Ademais, as obras ou servicios deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Que sexan executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polas empresas ás que se adxudique a súa execución.

b) Que na súa execución ou prestación se favoreza a formación e práctica profesionais dos desempregados.

c) Que a porcentaxe mínima de traballadores desempregados que se vaian ocupar na realización da obra ou servicio sexa do 75 por 100.

d) Que as obras e servicios se poidan executar na súa totalidade dentro do ano natural do exercicio orzamentario no que se produce a colaboración, agás que por causas debidamente xustificadas, o órgano competente para resolver autorice que poidan quedar rematadas dentro dos tres primeiros meses do exercicio orzamentario seguinte.

e) Que a entidade local dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo das partidas orzamentarias non subvencionadas para a realización das obras ou servicios, mediante certificación do órgano competente da entidade local.

3. De entre as obras e servicios que cumpran os anteditos requisitos farase unha selección co obxecto de outorgárlle-las correspondentes subvencións, dando preferencia a:

a) Os que teñan un ámbito de actuación superior ó municipal e impliquen, no seu deseño e execución, a outras entidades locais do contorno.

b) Os proxectos que fomenten a xeración de novas actividades ligadas ó territorio e a creación de novas alternativas de emprego e ocupación laboral.

c) Os proxectos que na súa realización permitan e apoien a creación permanente de maior número de postos de traballo estables.

d) Os proxectos que acrediten un maior nivel de inserción laboral, ben mediante a incorporación directa dos traballadores á entidade local á finalización do proxecto ou no prazo que se acorde entre a entidade beneficiaria e o órgano competente para resolver, ou calquera outra fórmula de previsión para a inserción laboral que, sendo obxectivable, este considere suficiente.

e) Os proxectos que conten, se é o caso, co financiamento das entidades solicitantes para realizar accións complementarias que melloren a eficacia deste programa. Para estes efectos terase en conta o esforzo investidor para cada suposto.

f) Os proxectos que se realicen, preferentemente, en períodos de baixo nivel de contratación, cando as obras ou servicios sexan executados nunha zona ou localidade con ciclos de emprego estacional.

g) Cando se trate de grupos municipais de intervención rápida, darase preferencia a aquelas solicitudes nas que as entidades locais se comprometan a financia-lo mantemento do servicio unha vez rematado o período de contratación financiado anualmente pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

4. Non obstante o establecido no punto anterior, serán en todo caso prioritarios os proxectos dos que o seu contido e desenvolvemento foran obxecto do acordo entre a entidade local e os axentes económicos e sociais con presencia no territorio.

Artigo 12º.-Requisitos e criterios para a selección dos traballadores.

1. Os traballadores que sexan contratados para a realización das obras e servicios e polos que se

outorgue a subvención deberán ser desempregados inscritos no Servicio Público de Emprego de Galicia.

2. As entidades beneficiarias da subvención solicitarán os traballadores desempregados necesarios mediante a presentación de oferta de emprego na oficina de emprego correspondente, nos modelos normalizados para o efecto, facendo referencia ós requisitos e características que deben reuni-los traballadores que se contratarán para o adecuado desempeño das funcións inherentes ós postos de traballo ofertados, debendo presentarse unha por cada categoría profesional dentro de cada ocupación.

A oferta, na súa formulación non poderá conter elementos que poidan servir de base para calquera tipo de discriminación que non responda ós criterios preferenciais establecidos no parágrafo seguinte.

3. Recibida a oferta realizarase unha sondaxe de demandantes en función das características dela, proporcionando, de ser posible, o número de candidatos por posto de traballo que solicite a entidade beneficiaria, que en ningún caso poderá ser inferior a dous, de acordo cos seguintes criterios:

a) Maior adecuación ó posto de traballo ofertado.

b) Condición de discapacitado do demandante de emprego.

c) Nivel de protección por desemprego dos posibles beneficiarios.

d) Existencia de responsabilidades familiares, entendéndose por estas ter a cargo do traballador desempregado que se contrata o cónxuxe, fillos menores de vinteseis anos, maiores incapacitados ou menores acollidos.

e) Idade e condición de muller.

4. O 60 % do total dos traballadores desempregados seleccionados e contratados polas entidades beneficiarias para cada obra ou servicio, agás aqueles que respondan a unha planificación estratéxica e teñan amparo nun convenio ou protocolo de colaboración que regule a súa composición, deberán pertencer a estes colectivos que se establecen como prioritarios:

a) Parados que leven inscritos como demandantes de emprego máis de 12 meses e, moi especialmente, os que leven máis de 24.

b) Mulleres.

c) Mozos titulados universitarios ou de formación profesional, cos que sexa posible a concertación de contratos en prácticas.

Só excepcionalmente e logo de xustificación da oficina de emprego da imposibilidade de chegar a esa porcentaxe, por non existir no ámbito territorial correspondente desempregados que pertenzan a estes colectivos, por renuncia dos desempregados ou pola súa indispoñibilidade para o emprego, poderá esta diminuírse.

5. Cando as obras ou servicios que se vaian realizar sirvan para complementar ou remata-los traballos dunha escola obradoiro de duración inferior a 24 meses, darase preferencia ós traballadores desempregados que participaran naquela.

6. Os candidatos serán remitidos á entidade beneficiaria co fin de que esta realice a selección definitiva, que deberá ser notificada á correspondente oficina de emprego, con carácter previo á contratación, para a comprobación do cumprimento do sinalado no parágrafo 4º deste artigo e para a expedición da certificación que o acredite.

Artigo 13º.-Contratación dos traballadores.

1. Seleccionados os traballadores na forma prevista no artigo anterior e recibida a certificación prevista no parágrafo 6º do artigo anterior, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación nos termos expresados na solicitude en relación coa resolución de concesión das axudas, tendo en conta que para os desempregados previstos no artigo 12.4º c) necesariamente deberán concertarse contratos de traballo en prácticas.

2. Os contratos de traballo celebrados cos traballadores seleccionados comunicaránselle á oficina de emprego correspondente coa indicación de Programas de Cooperación Xunta de Galicia-Entidades locais, debendo incluírse, en cada contrato, o código reflectido na resolución de concesión das axudas.

3. A entidade beneficiaria remitirá á delegación provincial, no prazo e xunto coa documentación prevista no artigo 6º desta orde, unha certificación na que consten os seguintes extremos:

a) A formulación de oferta na correspondente oficina de emprego do Servicio Público de Emprego de Galicia.

b) A relación nominal de traballadores desempregados facilitada pola oficina de emprego.

c) A relación nominal dos traballadores seleccionados e contratados indicando, se é o caso, a súa condición de desempregado de longa ou moi longa duración, a súa condición de mozo titulado universitario ou de formación profesional, a súa participación en escolas obradoiro, casas de oficios, obradoiros de emprego ou en calquera outro programa de fomento do emprego.

d) A acreditación de que o 60% dos traballadores contratados pertencen ós colectivos prioritarios establecidos no artigo 12º.4 desta orde ou, se é o caso, a xustificación de non poder cumprilo.

Artigo 14º.-Documentación.

O modelo de solicitude das axudas e subvencións previstas neste capítulo, que se publica como anexo I a esta orde, deberá ir acompañado da seguinte documentación que se presentará por exemplar triplicado:

a) Certificación do secretario da entidade local na que consten os seguintes extremos:

1. A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.

2. A aprobación do proxecto da obra ou servicio para a que se solicita a subvención.

3. A disposición de financiamento para as partidas orzamentarias que sexan financiadas por aquela.

4. De conformidade co previsto no convenio colectivo que sexa de aplicación, as retribucións dos traballadores, en cómputo mensual, desagregadas por

conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mailas cotizacións á Seguridade Social, no modelo que se publica como anexo IV.

b) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade local.

c) Ficha de transferencia bancaria, no modelo que se publica como anexo VI.

d) Memoria explicativa, redactada polo técnico local de emprego da entidade local, se o hai, na que necesariamente debe figurar:

-Un estudio actualizado da estructura do paro por colectivos do seu ámbito territorial.

-A vinculación dos programas de cooperación solicitados coa estructura do paro do ámbito territorial, cos colectivos ós que van dirixidos e cos recursos e potencialidades da zona, apuntando os aspectos positivos que, previsiblemente, terá a posta en práctica dos programas no desenvolvemento económico e social do territorio.

e) Se é o caso, proxecto global do conxunto dos plans de obras e servicios que se van realizar, no modelo que se publica como anexo II.

f) Unha memoria de cada obra ou servicio no modelo que se publica como anexo III, acompañada do proxecto e planos cando o tipo de obra así o esixa.

g) Así mesmo, a entidade solicitante deberá presentar unha declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

Artigo 15º.-Inicio das obras ou servicios.

A obra ou servicio iniciarase no prazo de trinta días naturais, contados a partir da data de inicio prevista na resolución. Non obstante, cando concorran causas debidamente xustificadas, o delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá autoriza-lo inicio da obra ou servicio con posterioridade ó devandito prazo, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.

Artigo 16º.-Contido das resolucións.

A resolución que poña fin ó expediente de solicitude conterá, como mínimo, os seguintes elementos:

a) Denominación da obra ou servicio aprobado.

b) Denominación do proxecto global.

c) Duración e data de inicio.

d) Contía da subvención que se vai outorgar.

e) Categoría profesional dos traballadores que se van contratar, así como a modalidade contractual que se pretenda utilizar.

f) Localización xeográfica da realización da obra ou servicio.

g) Código para incluír nos contratos para a súa posterior mecanización e rexistro para efectos estatísticos.

Artigo 17º.-Seguimento e publicidade.

1. No prazo dun mes desde o remate da obra ou servicio, a entidade local remitirá á respectiva delegación provincial un informe certificado de fin de

obra ou servicio, no modelo normalizado que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego.

2. Para efectos de difusión pública, no lugar onde se realicen as obras e servicios deberá figurar, de forma visible, cartel publicitario, en modelo normalizado, no que constará o cofinanciamento pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da Xunta de Galicia e, se é o caso, polo Fondo Social Europeo.

Capítulo III

Das subvencións para a contratación de servicios públicos con empresas cualificadas como iniciativas de emprego, con centros especiais de emprego ou con empresas de economía social constituídas por mozos ou por desempregados que participasen nalgún obradoiro de emprego ou curso de formación ocupacional ou por parados de longa duración ou por mulleres

Artigo 18º.-Obxecto.

1. Este programa ten por obxecto o fomento do emprego, no ámbito da colaboración coas entidades locais, a través da subvención da contratación por parte destas, da prestación de servicios públicos de interese xeral e social con empresas creadas nos últimos tres anos, computados ata o remate do prazo de presentación de solicitudes establecido no artigo 3º.3 desta orde, que cumpran algún dos seguintes requisitos:

a) Que teñan a cualificación de iniciativas de emprego e que xeraran emprego estable para tres desempregados no momento da contratación do servicio pola entidade local.

b) Que se trate de centros especiais de emprego.

c) Que se trate de empresas de economía social dirixidas e constituídas, preferentemente, por algún dos seguintes colectivos:

-Menores de 30 anos.

-Mulleres.

-Traballadores que, ata a súa incorporación á empresa, tivesen a condición de parados de longa duración.

-Traballadores que participasen nalgún obradoiro de emprego ou curso de formación ocupacional sobre a actividade que presta a empresa constituída.

-Mozos titulados universitarios ou de formación profesional.

Dentro dos colectivos enumerados terán prioridade os parados de longa duración.

2. Para os efectos previstos nesta orde, entenderase por entidades de economía social susceptibles de ser subvencionada a súa contratación, as seguintes:

a) As cooperativas de traballo asociado e as sociedades laborais nas que alomenos a metade dos seus socios traballadores pertenzan a algún dos colectivos enumerados no artigo 18º.1 c).

b) Os autónomos que, pertencendo a algún dos citados colectivos, teñan contratados, como mínimo, dous traballadores por conta allea, dos que alomenos un estea incluído nun destes colectivos.

3. Os requisitos esixidos nos epígrafes anteriores deberán manterse ó longo da duración do período subvencionado.

Artigo 19º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios da subvención as entidades locais ou entidades dependentes ou vinculadas a unha Administración local, que se obriguen á contratación ou á prórroga da contratación da prestación de servicios públicos de interese xeral e social coas entidades previstas no artigo anterior, sempre que:

a) A entidade local non rescindise ou non renovase nos tres anos inmediatamente anteriores un contrato co mesmo obxecto.

b) A duración mínima do contrato sexa igual ou superior a 6 meses.

c) Se respecte a lexislación vixente en materia de contratación administrativa das administracións públicas.

Artigo 20º.-Contía.

1. Con carácter xeral, a subvención consistirá no financiamento de ata o 80 por 100 do custo total da contratación do servicio co límite máximo de 1.500.000 pesetas por emprego estable creado, socio traballador ou traballador contratado.

2. Cando a contratación se realice con empresas dirixidas e constituídas, preferentemente, por mozos que participaran como alumnos nunha escola obradoiro ou casa de oficios subvencionada nos últimos tres anos pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ou ben en obras ou servicios de interese xeral e social realizados en virtude de calquera outro programa de fomento do emprego subvencionado nos últimos dous anos pola citada consellería, a subvención poderá financia-lo 100 por 100 do custo total da contratación do servicio, respectando o límite máximo anteriormente establecido.

3. Se a entidade local percibise algunha outra subvención para o mesmo concepto proveniente doutras administracións ou entes públicos ou privados, a cantidade resultante non poderá supera-lo 80 ou 100 por 100, segundo proceda, do custo total da contratación.

Artigo 21º.-Criterios para a selección dos contratos que se van subvencionar.

De entre as entidades solicitantes que reúnan os requisitos sinalados, farase unha selección co obxecto de outorgárlle-las correspondentes subvencións, dando preferencia a:

a) Os proxectos que, fomentando a xeración de novas actividades ligadas ó territorio e á creación de novas alternativas de emprego e ocupación laboral se realicen, preferentemente, nalgún dos seguintes subsectores:

1. Servicios de utilidade colectiva, tales como mellora da vivenda, vixilancia e seguridade, revalorización de espacios públicos urbanos, transportes colectivos, comercios de proximidade, así como actividades que afecten á xestión de residuos, xestión de augas, protección e mantemento de zonas naturais así como aquelas que incidan, directa ou indirectamente, no control da enerxía.

2. Servicios de ocio ou culturais, tales como promoción do turismo, desenvolvemento cultural local, promoción do deporte e sector audiovisual.

3. Servicios personalizados de carácter cotián, tales como coidado de nenos, prestación de axuda a domicilio a persoas incapacitadas ou maiores, axuda a familias e mozos en dificultade e/ou con desarraigo social.

4. Servicios dirixidos ós mozos e tendentes a favorece-la súa participación social e laboral.

b) Os proxectos que na súa realización permitan e apoien a creación permanente de maior número de postos de traballo estables.

Artigo 22º.-Documentación.

O modelo de solicitude das axudas e subvencións previstas neste capítulo, que se publica como anexo I a esta orde, deberá ir acompañado da seguinte documentación que se presentará por triplicado exemplar:

a) Certificación do secretario da entidade local na que consten os seguintes extremos:

1. A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.

2. O acordo de adxudicación provisional do contrato, cando este sexa preciso, a súa duración e o seu custo.

b) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade local.

c) Memoria explicativa da conveniencia da prestación dos servicios, no modelo que se publica como anexo V, que inclúa, ademais, os datos identificativos da empresa concesionaria ou centro especial de emprego.

d) Ficha de transferencia bancaria, no modelo que se publica como anexo VI.

e) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

Artigo 23º.-Prórroga da contratación.

1. As entidades locais ou entidades dependentes ou vinculadas a unha Administración local que percibisen en exercicios anteriores a subvención prevista neste capítulo, poderán solicita-la correspondente prórroga.

2. Na resolución que, se é o caso, aprobe a concesión da prórroga terase en conta o cumprimento dos requisitos previstos no momento da concesión inicial e que non se poderá subvencionar unha mesma contratación durante máis de tres exercicios orzamentarios.

Artigo 24º.-Seguimento e publicidade.

1. No prazo dun mes desde o remate do contrato, a entidade local remitirá á respectiva delegación provincial un informe pormenorizado dos servicios realizados pola empresa contratada, dos postos de traballo xerados, así como das perspectivas de continuidade dela.

2. Para efectos de difusión pública, nas accións que se realicen deberá figurar, de forma visible, cartel publicitario, en modelo normalizado, no que constará o cofinanciamento pola Consellería de

Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario tendo como límite global o crédito asignado na aplicación 14.04.241 A.460.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, por un importe global máximo de 2.765.203.000 pesetas.

Segunda.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolve-la concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e ordena-los correspondentes pagamentos.

Terceira.-Se, por calquera causa, no momento no que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se designe polo respectivo delegado/a provincial.

Cuarta.-As entidades que percibisen ó abeiro da Orde do 28 de decembro de 1999 subvención para a contratación de traballadores desempregados para a prestación de servicios relacionados coa dinamización e xeración de novas actividades con repercusión na creación de postos de traballo como consecuencia da súa actuación, poderán solicita-la correspondente prórroga para o ano 2001, no prazo establecido no artigo 3º.3 desta orde. A resolución que, se é o caso, aprobe a concesión da subvención para o ano 2001 poderá ter efecto retroactivo, sempre que non se interrompese a contratación e a prestación de servicios polos traballadores obxecto da subvención.

Quinta.-Con carácter xeral, o importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-la entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Fomento do Emprego para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2001.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude