Dentro do plan de actividades da EGAP para o 2001, e conforme coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987,
do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse cinco cursos sobre o euro: formación básica para a tramitación administrativa e a atención ó cidadán para persoal da Administración local que deberán desenvolverse de acordo coas seguintes bases:
Primeira.-Obxectivos.
Prepara-lo persoal que vai asisti-los cidadáns con motivo das súas demandas de información por causa
da desaparición da peseta. Resolución das dúbidas máis comúns en expedientes de contía en diñeiro e en especial das que afecten colectivos cualificados (anciáns, minusválidos sensoriais, menores, consumidores, persoas con carencias educativas).
Adquiri-los coñecementos necesarios para as adaptacións materiais que se acometerán no traballo durante o ano corrente, fundamentalmente no seu segundo semestre.
Trátase así de que a Administración local estea preparada para tranquilizar e asesora-los cidadáns, considerando a diminución do tempo de convivencia entre o euro e a peseta.
Segunda.-Destinatarios.
Persoal de corporacións locais dos grupos C e D ou asimilados que no desempeño do seu posto de traballo realicen funcións relacionadas cos obxectivos do curso.
Terceira.-Solicitudes.
1. As persoas que desexen participar no curso programado deberán solicitalo no modelo oficial de solicitudes que figura ó final da convocatoria, e cubrilo en tódolos epígrafes. Cando solicite o curso máis dun interesado da mesma corporación, o responsable do persoal poderá especifica-la orde de preferencia. No caso de que non se especifique, a EGAP aplicarálle-los criterios de selección ós que se fai referencia na base sétima.
2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección será motivo de exclusión automática.
Cuarta.-Tramitación de solicitudes.
As solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública e presentaranse no Rexistro da EGAP, r/ Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, ou tramitaranse por calquera das outras formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.
Seguidamente, efectuarase a selección dos participantes e esta notificaráselles directamente ós admitidos.
Quinta.-Prazo.
O prazo de presentación de instancias rematará dez días naturais antes do comezo de cada curso.
Sexta.-Selección.
Os criterios de selección, dirixidos a concilia-las necesidades da organización na que prestan servicios os aspirantes e os intereses individuais destes, terán en conta a maior relación do posto de traballo desempeñado co contido do curso. Terán preferencia aqueles que non realizasen algún curso de similares
características ó convocado. En calquera caso, os criterios de selección suxeitaranse ás directrices sinaladas na Resolución do 27 de xuño de 1994 (DOG nº 149, do 3 de agosto), pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades docentes da EGAP, e Resolución do 5 de xaneiro de 2001 (DOG nº 14, do 19 de xaneiro) que modifica a anterior.
Sétima.-Modificacións.
A EGAP poderá modifica-lo desenvolvemento e mailo contido do curso anunciado para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A EGAP reserva para si a facultade de anula-lo curso se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización. Fíxase en 15 o número mínimo de asistentes.
Oitava.-Desenvolvemento.
1. Duración: 21 horas.
2. Lugares e datas:
1ª edición. Pontevedra: 26, 27, 28 e 29 de marzo e 2, 3 e 4 de abril de 2001.
2ª edición. A Coruña: 2, 3, 4, 5, 9, 10 e 11 de abril de 2001.
3ª edición. Santiago de Compostela: 16, 17, 18, 19, 23, 24 e 25 de abril de 2001.
4ª edición. Ourense: 23, 24, 25, 26 e 30 de abril e 2 e 3 de maio de 2001.
5ª edición. Lugo: 24, 25, 26 e 27 de setembro e 1, 2 e 3 de outubro de 2001.
3. Horarios: de 17 a 20 horas.
4. Prazas: 20 en cada localidade.
Novena.-Certificado de asistencia.
Outorgaráselles certificado de asistencia ós alumnos que participen con reguralidade no curso, e é obrigatoria a asistencia a tódalas sesións. Toda inasistencia deberá ser xustificada convenientemente, sen que poida exceder en ningún caso do 15% das horas lectivas programadas.
Unha inasistencia superior ó 15% das horas lectivas programadas, aínda que sexa xustificada, impedirá a expedición do correspondente certificado.
Décima.-Contido.
O euro: introducción. O euro no dereito comunitario. Fundamentos económicos da UEM. Normativa española de adaptación do euro. Aspectos institucionais da UEM. Operacións de cambio monetario. Xestión administrativa do euro e recapitulación xeral.
Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2001.
Domingo Bello Janeiro
Director da Escola Galega de Administración Pública