Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 20 de febreiro de 2001 Páx. 2.209

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas.

Correspóndelle á Xunta de Galicia, de acordo co artigo 27.18º do Estatuto de autonomía de Galicia, a competencia exclusiva en materia de bibliotecas de interese para a Comunidade Autónoma que non sexan de titularidade estatal.

Trala promulgación da Lei 14/1989, do 11 de outubro, de bibliotecas, tivo lugar un amplo desenvolvemento regulamentario desta dando así cumprimento ó disposto na súa exposición de motivos, de facilita-lo acceso á cultura en condicións de igualdade para tódolos cidadáns a través da lectura. Esta é unha función que se considera esencial entre as encomendadas ás bibliotecas, que segundo o artigo 3 da lei son: ofrecer ó público un conxunto organizado de fondos bibliográficos e audiovisuais, conservar e acrecenta-lo patrimonio bibliográfico, fomenta-lo seu uso e fomenta-la cooperación interbibliotecaria.

Con este decreto faise posible que toda a dispersión normativa de desenvolvemento da Lei 14/1989 se reúna nunha soa disposición. Deste xeito véñense integra-las seguintes normas:

* Decreto 38/1991, do 1 de febreiro, polo que se regula o funcionamento das bibliotecas itinerantes de préstamo, que desenvolve o artigo 9.1º da Lei 14/1989, que fai referencia a núcleos de poboación con menos de 2.000 habitantes atendidos por un subsistema de bibliotecas móbiles ou axencias de lectura.

* Orde do 14 de febreiro de 1992 pola que se desenvolve o Decreto 38/1991, do 1 de febreiro, que regula o funcionamento das bibliotecas itinerantes de préstamo, en desenvolvemento do artigo 9.1º da Lei 14/1989.

* Decreto 57/1992, do 19 de febreiro, polo que se desenvolven as funcións dos órganos do sistema bibliotecario de Galicia, en desenvolvemento dos artigos 6.2º, 6.3º, 6.4º e 7 da Lei 14/1989.

* Decreto 24/1995, do 20 de xaneiro, polo que se regulan os centros bibliotecarios fixos, que desen

volve o artigo 1.3º da Lei 14/1989, que plasma o deber dos poderes públicos galegos de arbitra-las fórmulas necesarias para crear e manter un adecuado sistema bibliotecario.

* Orde do 4 de abril de 1995 pola que se regula o funcionamento do Rexistro de Bibliotecas de Galicia, que desenvolve o Decreto 24/1995, no que se refire á creación do Rexistro de Bibliotecas de Galicia.

* Orde do 21 de novembro de 1995 pola que se desenvolve o Decreto 24/1995, do 20 de xaneiro, polo que se regulan os centros bibliotecarios fixos, no referente á creación de bibliotecas municipais en colaboración coa Consellería de Cultura e pola que se regula a integración na Rede de Bibliotecas de Galicia.

* Orde do 27 de agosto de 1996 pola que se declara como biblioteca nodal a Biblioteca Central de Vigo, que desenvolve o artigo 4 do Decreto 24/1995.

En definitiva, con esta refundición o presente decreto queda estructurado nos seguintes cinco capítulos: dos órganos do sistema bibliotecario; dos centros bibliotecarios fixos; das bibliotecas itinerantes de préstamo; do Rexistro de Bibliotecas de Galicia; e da creación das bibliotecas municipais e da integración na Rede de Bibliotecas de Galicia.

Por todo o exposto é polo que, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de febreiro de dous mil un,

DISPOÑO:

Capítulo I

Dos órganos do sistema bibliotecario

Artigo 1º.-Órganos.

Os órganos do sistema bibliotecario de Galicia son o servicio competente en materia do libro e bibliotecas, o Consello de Bibliotecas e os centros territoriais de bibliotecas.

Artigo 2º.-Funcións do servicio competente en materia do libro e bibliotecas.

Son funcións do servicio competente en materia do libro e bibliotecas, dependente do correspondente centro directivo da consellería competente en materia de cultura:

1. A coordinación e inspección última das bibliotecas de Galicia.

2. O estudio da planificación dos servicios bibliotecarios e a programación das necesidades.

3. A planificación das bibliotecas itinerantes de préstamo.

4. A proposta de normas técnicas xerais de organización das bibliotecas de Galicia.

5. A elaboración de normas para os distintos servicios da Rede de Bibliotecas de Galicia e para

a súa estructura informática e de comunicación.

6. O informe das propostas de incorporación de servicios á rede.

7. O asesoramento técnico a tódalas bibliotecas da rede.

8. Os estudios, informes e asesoramento para a creación de novas bibliotecas ou novos servicios bibliotecarios.

9. A proposta de adquisición dos lotes bibliográficos fundacionais dos novos servicios bibliotecarios que se incorporen á rede.

10. A proposta de aprobación da distribución dos locais e do amoblamento das novas bibliotecas.

11. A proposta de organización de cursos de formación bibliotecaria.

12. A proposta de apoio á investigación nos eidos bibliográfico e biblioteconómico.

13. A distribución do material técnico entre as bibliotecas.

14. A tramitación e informe dos expedientes de solicitude de bibliotecas de nova creación e dos de traslados de locais.

15. A coordinación da Rede de Bibliotecas de Galicia.

Artigo 3º.-O Consello de Bibliotecas.

O Consello de Bibliotecas, órgano consultivo e asesor da Xunta de Galicia en materia bibliotecaria, ten como funcións, ademais das que lle sinala o artigo 6.3º da Lei 14/1989, as seguintes:

1. Coñece-las liñas xerais das actividades complementarias programadas polas bibliotecas da rede.

2. Asesora-la consellería competente en materia de cultura, cando así se lle solicite, sobre as bibliotecas de especial interese para Galicia e coñece-lo programa anual de distribución de fondos e axudas a estas bibliotecas.

3. Asesora-la consellería competente en materia de cultura, sobre cuestións referentes ó Sistema Bibliotecario de Galicia.

A composición e funcionamento do Consello de Bibliotecas rexeranse polo establecido no artigo 6.2º e 4º da Lei 14/1989.

Artigo 4º.-Centros territoriais de bibliotecas.

Os centros territoriais de bibliotecas son os órganos de orientación e coordinación do funcionamento da rede bibliotecaria no ámbito provincial. Os centros territoriais de bibliotecas serán un por provincia e correspóndense con cada unha das delegacións provinciais da consellería competente en materia de cultura. A composición e funcionamento dos centros territoriais de bibliotecas rexeranse polo establecido nos artigos 7 e 6.4º da Lei 14/1989.

Artigo 5º.-Delegacións provinciais.

As delegacións provinciais da consellería competente en materia de cultura, en relación coas biblio

tecas incluídas no seu ámbito territorial, realizarán as seguintes funcións:

1. A inspección das bibliotecas, dentro das directrices impartidas polo centro directivo competente.

2. A tramitación e informe dos expedientes de solicitude de bibliotecas de nova creación e dos de traslado de locais.

3. A xestión das bibliotecas itinerantes de préstamo.

4. A colaboración, apoio e información ó persoal bibliotecario.

Capítulo II

Dos centros bibliotecarios fixos

Artigo 6º.-Obxecto.

Son centros bibliotecarios fixos os seguintes:

-O Centro Superior Bibliográfico de Galicia.

-As bibliotecas públicas dependentes da consellería competente en materia de cultura.

-As bibliotecas públicas dependentes dos concellos, entre as que se contan as bibliotecas comarcais, as bibliotecas cabeceiras de redes urbanas ou municipais, as bibliotecas públicas municipais e as axencias de lectura desta procedencia.

-As bibliotecas públicas ou as axencias de lectura, de titularidade privada concertadas, así como as bibliotecas públicas non dependentes da consellería competente en materia de cultura, nin dependentes dos concellos, aínda que de titularidade pública.

-As bibliotecas especiais, xa sexa polos seus fondos, xa por estaren dirixidas a sectores de usuarios con especiais necesidades ou dificultades, tanto sexan de titularidade e uso público, como de titularidade privada concertadas.

-As bibliotecas concertadas de especial interese para Galicia.

Artigo 7º.-Rede de Bibliotecas de Galicia.

1. Denomínase Rede de Bibliotecas de Galicia a estructuración nun sistema coordinado, dos centros bibliotecarios incluídos no Sistema Bibliotecario de Galicia. Formarán parte dela tanto os centros bibliotecarios dependentes directamente da consellería competente en materia de cultura, coma tódolos de titularidade pública ou privada que, mediante a sinatura dun convenio, se comprometan a colaborar nos obxectivos de mellora do sistema bibliotecario que se perseguen coa dita rede.

2. A súa xestión, é dicir, a organización, dirección e inspección dos diversos programas de coordinación e cooperación dentro da rede, correrá a cargo da consellería competente en materia de cultura, a través dos servicios competentes do correspondente centro directivo.

3. A cabeceira da Rede de Bibliotecas de Galicia será o Centro Superior Bibliográfico de Galicia.

Artigo 8º.-Centro Superior Bibliográfico de Galicia.

1. O Centro Superior Bibliográfico de Galicia será o núcleo central de información bibliográfica, de automatización, de normalización dos procesos técnicos, dos plans para a catalogación centralizada ou compartida, e de información, asesoría e formación profesional. Será tamén o centro principal de calquera actividade colectiva ou de carácter xeral para o ámbito galego, que poida xurdir na Rede de Bibliotecas de Galicia.

2. O Centro Superior Bibliográfico recibirá un exemplar do depósito legal segundo o disposto no artigo 4.1º do Decreto do 1 de febreiro de 2001, de refundición da normativa en materia do depósito legal, e os dez exemplares que establece o Decreto 316/1990, do 8 de xuño, polo que se regulan as publicacións da Xunta de Galicia.

3. Realizará as funcións que se determinan no artigo 8 da Lei 14/1989, do 11 de outubro, de bibliotecas, ademais das que se relacionan a seguir:

-A dirección técnica dos procesos de catalogación compartida ou centralizada, ademais doutros programas que poidan xurdir na rede.

-A xestión das responsabilidades asumidas pola Xunta de Galicia en todo o referente ó tesouro bibliográfico e dirección e asesoría técnica nos programas de conservación e restauración.

-O estudio, elaboración e difusión dos requisitos de normalización precisos para o correcto funcionamento en rede e para permiti-las necesarias conexións dentro do sistema e deste coas redes nacionais e internacionais.

-A información, asesoría e formación técnica ás bibliotecas da rede.

-A coordinación dos servicios de préstamo interbibliotecario e de préstamo directo.

-A difusión da información recompilada ou xerada pola propia institución.

Artigo 9º.-Bibliotecas nodais.

1. Considéranse bibliotecas nodais as cinco bibliotecas públicas da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, así como as que no seu momento poida decidi-la consellería competente en materia de cultura. Serán funcións destas bibliotecas, á parte das que lles correspondan como bibliotecas públicas, actuar como cabeceiras da rede territorial, para efectos de información bibliográfica, rede automatizada e préstamo interbibliotecario. As bibliotecas da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo serán depositarias, en concepto de depósito legal, dun exemplar daqueles materiais producidos na súa provincia ou na súa cidade no caso de Vigo. Funcionarán durante un mínimo de 55 horas semanais, de luns a sábado.

2. As bibliotecas nodais prestarán, polo menos, os seguintes servicios:

-Información bibliográfica.

-Consulta en sala.

-Préstamo a domicilio.

-Hemeroteca.

-Servicio de materiais sonoros e audiovisuais.

-Sección infantil e xuvenil.

-Sección local.

3. As bibliotecas públicas nodais deberán contar con persoal suficiente para cubrir debidamente estes servicios e levar a cabo as tarefas técnicas que lles correspondan, en horario de mañá e de tarde, cun mínimo de 55 horas semanais de apertura ó público, durante seis días á semana, podendo durante o verán adoptar horario continuado de mañá. A dirección técnica destes centros deberá estar desempeñada por funcionarios dos corpos especiais para bibliotecas, arquivos e museos da Xunta de Galicia naqueles casos en que o centro estea xestionado pola consellería competente en materia de cultura.

Artigo 10º.-Bibliotecas comarcais e bibliotecas cabeceiras de redes urbanas e municipais.

1. As bibliotecas comarcais e as bibliotecas cabeceiras de redes urbanas ou municipais serán bibliotecas públicas establecidas nunha comarca ou nunha cidade ou municipio e que serán designadas como tales. Poderán actuaren como cabeceiras doutras bibliotecas situadas no seu ámbito de influencia aínda cando non exista interdependencia orgánica entre elas.

2. Son funcións destas bibliotecas, á parte das que lles corresponden como bibliotecas públicas, actuar como cabeceiras da rede dun municipio ou comarca para efectos de información bibliográfica, rede automatizada e préstamo interbibliotecario. Deberán recoller, procesar e conservar tamén, dentro da súa sección local, todo canto material hemerográfico se produza no seu ámbito territorial.

3. Estas bibliotecas prestarán, polo menos, os seguintes servicios:

-Información bibliográfica.

-Consulta en sala.

-Préstamo a domicilio.

-Hemeroteca.

-Servicio de materiais sonoros e audiovisuais.

-Sección infantil e xuvenil.

-Sección local.

4. As bibliotecas comarcais serán creadas por orde da consellería competente en materia de cultura, seleccionándoas entre as bibliotecas públicas que reúnan as características máis idóneas. Neste sentido terase en conta non só a situación do centro, senón sobre todo as características e a importancia das súas instalacións e dos seus fondos, a súa dotación de persoal, e a súa dotación orzamentaria con cargo ó concello ou institución da que dependa, así como a calidade, amplitude e estabilidade dos seus servicios. As bibliotecas comarcais deberán contar con persoal suficiente para esta responsabilidade e deberán contar cun titulado polo menos de grao medio,

con formación técnica en bibliotecas. A designación dunha biblioteca como comarcal farase de común acordo cos titulares da dita biblioteca. Terán carácter prioritario para a concesión de subvencións da consellería competente en materia de cultura.

5. A designación dunha biblioteca como cabeceira de rede urbana ou municipal, será competencia dos responsables da dita rede.

Artigo 11º.-Bibliotecas públicas municipais.

1. Considéranse bibliotecas públicas municipais aquelas bibliotecas públicas xestionadas polos concellos e que presten, polo menos, os seguintes servicios:

-Información bibliográfica.

-Consulta en sala.

-Préstamo a domicilio.

-Hemeroteca.

-Sección infantil e xuvenil.

-Sección local.

No caso de redes municipais, recollerase a posibilidade de bibliotecas especializadas nalgún destes servicios polo que non será necesario que os presten todos.

2. Os locais onde se instalarán as bibliotecas públicas municipais terán como mínimo unha superficie de 100 metros cadrados.

O seu horario de atención ó público será de 25 horas semanais como mínimo, ó longo de, polo menos, cinco días, e preferentemente de seis.

As bibliotecas destas características deberán contar, polo menos, cun titulado de grao medio con formación técnica en bibliotecas.

Artigo 12º.-Bibliotecas públicas de titularidade privada concertadas.

1. Considéranse bibliotecas públicas de titularidade privada concertadas aqueles centros non dependentes de organismos públicos e asimilables nos seus servicios ás bibliotecas públicas, que establezan un convenio de colaboración coa consellería competente en materia de cultura para a súa utilización polo público lector en xeral. Incluiranse neste grupo as bibliotecas públicas dependentes de organismos e entidades diferentes da consellería competente en materia de cultura, ou dos concellos, que asinen o correspondente convenio coa dita consellería.

2. Todas elas deberán contar con información bibliográfica, polo menos dos seus fondos, e deberán contar con dous, como mínimo, dos seguintes servicios:

-Préstamo a domicilio.

-Sección infantil e xuvenil.

-Consulta en sala.

3. Os locais onde se instalen terán como mínimo unha superficie de 100 m.

O seu horario de atención ó público será, polo menos, de 20 horas semanais, ó longo de tres días como mínimo, e estarán atendidas por persoal adecuado.

Artigo 13º.-Axencias de lectura municipais.

1. Considéranse axencias de lectura municipais aquelas bibliotecas públicas de titularidade municipal que teñen menores dimensións ou atenden ó público en horario máis reducido.

2. As axencias de lectura municipais prestarán, polo menos, os seguintes servicios:

-Información.

-Préstamo a domicilio.

-Sección infantil e xuvenil.

-Consulta en sala.

No caso de redes municipais de bibliotecas recóllese a posibilidade de axencias de lectura especializadas nalgún destes ou outros servicios.

3. Os locais nos que se instalen as axencias de lectura municipais terán como mínimo unha superficie de 40 m.

O seu horario de atención ó público será, polo menos, de 15 horas semanais ó longo de 3 días como mínimo.

Estarán atendidas por persoal competente e adecuado ó seu labor.

Poderán depender tecnicamente dunha biblioteca pública, cabeceira de rede urbana ou municipal, ou biblioteca comarcal. Neste sentido establécese a posibilidade de mancomunar servicios entre varios concellos, de forma que as axencias de lectura poidan contar cunha dirección técnica común a varios centros.

Artigo 14º.-Axencias de lectura de titularidade privada concertadas.

1. Considéranse axencias de lectura de titularidade privada concertadas aqueles centros bibliotecarios que, non dependendo de organismos públicos e non tendo os fondos, os servicios, a superficie e o horario de atención ó público das bibliotecas públicas, presten, sen embargo, algún tipo de servicios bibliotecarios á comunidade.

2. Deberán prestar información bibliográfica dos seus fondos, e un, polo menos, dos seguintes servicios:

-Préstamo a domicilio.

-Sección infantil e xuvenil.

-Consulta en sala.

3. Os locais nos que se instalen terán como mínimo unha superficie de 40 m.

O seu horario de atención ó público será de 10 horas semanais como mínimo, distribuídas, polo menos, ó longo de tres días.

Estarán atendidas por persoal competente.

Poderán depender tecnicamente dunha biblioteca pública, ou cabeceira de rede urbana ou municipal, ou biblioteca comarcal.

Artigo 15º.-Bibliotecas especiais.

1. Considéranse bibliotecas especiais os centros bibliotecarios especializados xa polo carácter dos seus fondos, xa por estaren dirixidas a un sector determinado da sociedade tales como bibliotecas de cárceres, hospitais e outros.

2. Estes centros poderán depender xa de organismos públicos, xa de organismos privados, debendo en calquera caso asina-lo correspondente convenio coa consellería competente en materia de cultura, para formaren parte da rede.

3. Dadas as especiais características destes centros, a consellería competente en materia de cultura, determinará para cada caso concreto a idoneidade dos servicios.

Artigo 16º.-Bibliotecas de titularidade privada de especial interese para Galicia.

1. Considéranse bibliotecas de titularidade privada de especial interese para Galicia aquelas bibliotecas que, polos fondos que custodian, teñan especial importancia para a cultura galega. A consellería competente en materia de cultura, mediante orde, determinará as bibliotecas de titularidade privada de entre as concertadas que merecen a denominación de especial interese para Galicia.

2. Prestarán, polo menos, os seguintes servicios:

-Información bibliográfica.

-Consulta en sala.

-Sección especializada con fondo bibliográfico de importancia para a cultura galega.

Artigo 17º.-Unidade de xestión.

1. Os fondos de tódalas bibliotecas obxecto do presente decreto forman unha unidade de xestión ó servicio da comunidade galega.

2. Todas estas bibliotecas poderán formar parte da Rede de Bibliotecas de Galicia. Para iso, agás as bibliotecas nodais, deberán asinar un convenio coa consellería competente en materia de cultura. Para tales efectos, esta consellería verificará as condicións que deben cumprir para se integrar na Rede de Bibliotecas de Galicia.

3. Os centros bibliotecarios pertencentes á Rede de Bibliotecas de Galicia deberán axusta-los seus sistemas informáticos ós requisitos de normalización que a consellería competente en materia de cultura determine, co fin de permitir e facilita-lo intercambio de rexistros e o correcto funcionamento dos servicios que poidan compartirse dentro da rede.

Capítulo III

Das bibliotecas itinerantes de préstamo

Artigo 18º.-Ámbito.

As bibliotecas itinerantes de préstamo atenderán as necesidades dos núcleos de poboación menores

de dous mil habitantes, sen prexuízo do disposto no artigo 9.1º da Lei 14/1989, do 11 de outubro, de bibliotecas, no referente ás axencias de lectura. Atenderán, ademais, a aqueles colectivos humanos, que, polas súas especiais características, non teñan doado acceso a unha biblioteca convencional e demanden os seus servicios: asociacións culturais, hospitais, cárceres, barcos e outros. Poden atender, así mesmo, as peticións de persoas individuais que por razóns de índole especial non poidan acceder a unha biblioteca pública.

Artigo 19º.-Organización, xestión e coordinación.

A organización, xestión e coordinación das bibliotecas itinerantes de préstamo correspóndelle ó centro directivo competente en materia de bibliotecas e, en cada provincia, ás delegacións provinciais da consellería competente en materia de cultura.

Artigo 20º.-Competencia.

Correspóndelle ó centro directivo competente á que estean adscritas as funcións relacionadas coas bibliotecas na estructura orgánica da consellería competente en materia de cultura, a selección e preparación do material técnico necesario para o funcionamento das bibliotecas itinerantes de préstamo, a adquisición e substitución dos materiais bibliográficos e audiovisuais que formen os fondos de préstamo das bibliotecas e a realización dos informes técnicos sobre o seu funcionamento.

Artigo 21º.-Servicios das bibliotecas itinerantes de préstamo.

As bibliotecas itinerantes de préstamo poderán contar con tres tipos de servicios: maletas viaxeiras, bibliobuses e préstamo directo.

Estes servicios non suporán custo ningún para os solicitantes.

Os usuarios comprométense a devolve-lo material bibliográfico ou audiovisual en perfectas condicións ós puntos de recepción que se lles indiquen. O atraso inxustificado suporá a perda da condición de prestameiro.

Artigo 22º.-Maletas viaxeiras.

1. As maletas viaxeiras defínense como as maletas que conteñen lotes bibliográficos ou audiovisuais que poderán ser prestados por un período determinado.

2. Conterán distintos tipos de lotes bibliográficos e audiovisuais, identificados por letras e números, que abranguerán literatura infantil, xuvenil e de adultos: materias xerais e audiovisuais.

a) Literatura infantil.

a.1) Literatura infantil en castelán.

a.2) Literatura infantil en galego.

b) Literatura xuvenil.

b.1) Literatura xuvenil en castelán.

b.2) Literatura xuvenil en galego.

c) Literatura adultos.

c.1) Literatura adultos en castelán.

c.2) Literatura adultos en galego.

d) Materias especiais.

d.1) Ciencias sociais.

d.2) Filoloxía.

d.3) Agricultura.

d.4) Mar e pesca. Saúde. Deporte e tempo libre.

d.5) Arte. Ciencias da natureza.

d.6) Varios.

e) Audiovisual.

e.1) Vídeos recreativos.

e.2) Vídeos culturais.

e.3) Casetes musicais.

e.4) Discos e compactos musicais.

3. A solicitude enviarase ás delegacións provinciais da consellería competente en materia de cultura. Os solicitantes quedarán obrigados a cumprir todas aquelas normas que dicte ó respecto esta consellería.

4. O envío dos lotes bibliográficos e audiovisuais realizarase desde os puntos de repartición das bibliotecas itinerantes de préstamo que sinalen as delegacións provinciais da consellería competente en materia de cultura, a aquelas entidades que a soliciten, de maneira totalmente gratuíta. Terán preferencia as entidades de carácter eminentemente cultural ou educativo. A súa devolución será acordada pola delegación provincial da dita consellería coa entidade, sen que a esta lle supoña ningún custo.

5. A petición dos lotes será realizada por persoa debidamente autorizada pola entidade solicitante, cubrindo os impresos que a delegación provincial da consellería lle facilite. Un exemplar será arquivado na delegación provincial e outro quedará en poder do solicitante.

6. Establécese un prazo de 48 horas para facer reclamacións sobre o contido dos lotes, tanto por parte da entidade no momento da recepción do lote, como da delegación provincial da consellería, no momento da súa devolución, entendéndose noutro caso que o lote está completo.

7. O préstamo farase desde as delegacións provinciais da consellería ou nos lugares que estas determinen.

8. Os lotes préstanse por un período de dous meses, e a delegación provincial da consellería poderá acceder ou denega-la prórroga doutro único período.

9. As delegacións provinciais da consellería, de acordo coa demanda do servicio de préstamo, determinarán o número máximo de lotes que unha entidade pode retirar ó mesmo tempo.

10. As entidades beneficiarias dos préstamos obríganse a cumpri-las seguintes normas:

a) Responder do material recibido, repoñéndoo en caso de perda, subtracción ou deterioración inxustificada.

b) Facer consta-los datos solicitados nos impresos que acompañan os lotes e que se utilizarán para efectos organizativos e estatísticos.

c) Difundir gratuitamente os libros e o material audiovisual entre as persoas pertencentes á entidade.

d) Devolve-los lotes nos prazos sinalados.

e) Cumprir calquera outra norma que dicte a consellería para un mellor funcionamento deste servicio.

11. O incumprimento das normas contidas no número anterior implicará a perda da condición de entidade beneficiaria.

Artigo 23º.-Bibliobuses.

1. Os bibliobuses son pequenas bibliotecas establecidas en autobuses, consideradas como bibliotecas ambulantes de préstamo, que contan con servicios de información e préstamo.

2. Os bibliobuses das bibliotecas itinerantes de préstamo serán os vehículos con lotes bibliográficos e audiovisuais de propiedade da Xunta de Galicia e aqueles que entren a formar parte deste servicio mediante convenios.

3. O calendario de itinerarios cos horarios de paradas e atención ó público será fixado pola correspondente delegación provincial da consellería competente en materia de cultura con periodicidade trimestral, dando publicidade deles polo menos quince días antes do seu comezo, nos concellos e ó público en xeral.

4. Os servicios dos bibliobuses serán gratuítos para tódolos usuarios, que deberán estar en posesión dun carné que os acredite como tales e que se expedirá nos mesmos vehículos ou nas delegacións provinciais da dita consellería.

Artigo 24º.-Préstamo directo.

1. Para atender a todas aquelas persoas que non poidan acceder a bibliotecas, axencias de lectura e bibliobuses, establécese o servicio de préstamo directo, atendido polas delegacións provinciais da consellería competente en materia de cultura.

2. O préstamo directo é o que se realiza a través de envíos ó usuario mediante a utilización de servicios de transporte.

3. Poderase realiza-lo préstamo directo a persoas físicas que soliciten este servicio ás delegacións provinciais da consellería.

4. Os interesados en recibiren este servicio dirixiranse á delegación provincial da consellería da súa provincia respectiva, solicitando o carné de usuario. Xunto con este remitiráselle un catálogo ou relación de material bibliográfico e audiovisual en préstamo e as normas concretas de funcionamento.

5. Os gastos de envío e devolución correrán por conta das delegacións provinciais da consellería. O beneficiario do préstamo queda obrigado a cumpri-las normas que lle indiquen as delegacións provinciais, fundamentalmente en canto a prazos de devolución e número de obras que se poden solicitar de cada vez.

Capítulo IV

Rexistro de Bibliotecas de Galicia

Artigo 25º.-Xestión.

Correspóndelle ó centro directivo competente segundo a estructura orgánica da consellería competente en materia de cultura, a xestión do Rexistro de Bibliotecas de Galicia e a tramitación dos expedientes que se deriven de tódalas actuacións.

Artigo 26º.-Bibliotecas inscribibles.

Tódalas bibliotecas que desexen formar parte da Rede de Bibliotecas de Galicia poderán inscribirse nel, sempre que cumpran os requisitos estipulados no presente decreto, así como o acordado nos convenios que se asinen coa consellería competente en materia de cultura.

A inscrición no Rexistro de Bibliotecas de Galicia non supón nin obriga á integración na Rede de Bibliotecas de Galicia, pero é requisito indispensable para pertencer a ela.

Artigo 27º.-Solicitude de inscrición.

1. O expediente de inscrición iniciarase mediante instancia dirixida ó conselleiro competente en materia de cultura (anexo I), por parte do alcalde-presidente do concello no caso de bibliotecas municipais, polo presidente da deputación provincial no caso de bibliotecas dependentes destas institucións, polos rectores das universidades no caso de bibliotecas universitarias, e polos titulares correspondentes no caso de bibliotecas privadas, que se presentará no rexistro xeral da consellería competente en materia de cultura, nas súas delegacións provinciais, ou ben se remitirá por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Á instancia xuntaranse os seguintes documentos:

a) Copia do convenio asinado coa consellería competente en materia de cultura, en caso de telo asinado.

b) Copia dos planos do local.

c) Impreso cuberto (anexo II) onde consten tódalas características do centro.

Artigo 28º.-Procedemento de inscrición.

1. Recibida a solicitude de inscrición no rexistro e unha vez comprobada polos servicios competentes, o titular do centro directivo competente elevará a proposta ó conselleiro competente en materia de cultura, quen resolverá a inscrición no libro de rexistro correspondente.

2. As bibliotecas inscritas comunicarán ó Rexistro de Bibliotecas calquera modificación que se produza nos datos consignados na solicitude de inscrición.

Artigo 29º.-Incumprimentos.

O incumprimento do establecido pola Lei 14/1989, do 11 de outubro, de bibliotecas, e por este decreto, así como o incumprimento do estipulado no convenio que a biblioteca, ou institución da que dependa, asine coa consellería competente en materia de cul

tura ou ben a falsidade nos datos consignados na solicitude de inscrición, poderán dar lugar á cancelación temporal ou definitiva da inscrición no Rexistro de Bibliotecas de Galicia.

Capítulo V

Da creación das bibliotecas municipais

e da integración na Rede de Bibliotecas de Galicia

Artigo 30º.-Solicitantes.

Poderán solicita-la creación dun servicio bibliotecario e a súa integración na Rede de Bibliotecas de Galicia tódolos concellos de Galicia.

Artigo 31º.-Expediente de creación.

1. O expediente de creación da biblioteca ou axencia de lectura iniciarase mediante instancia dirixida ó conselleiro competente en materia de cultura (anexo III), que será presentada nas delegacións provinciais da consellería competente en materia de cultura, ou ben por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e irá acompañada da seguinte documentación:

a) Certificación do acordo do pleno da corporación municipal de ter solicitado a creación dunha biblioteca ou dunha axencia de lectura municipal e de comprometerse a facerse cargo dos gastos de persoal e do seu mantemento, incluíndo para tal efecto os citados gastos nos orzamentos do concello.

b) Plano do local onde pretende instala-lo servicio bibliotecario, con tódolos datos necesarios para o correcto coñecemento do proxecto e informe das obras que se pretenden realizar, no caso de seren necesarias.

2. A consellería competente en materia de cultura, a través dos servicios técnicos do correspondente centro directivo, examinará e redactará informe sobre a idoneidade e calidade dos locais presentados nun prazo de tres meses. En función deste informe, do compromiso co concello para o mantemento do centro e da maior ou menor necesidade social -poboación pendente de atención, servicios e necesidades existentes e carencia ou non de centros de lectura na zona-estableceranse as prioridades correspondentes. O titular do centro directivo competente elevará a correspondente proposta ó conselleiro competente en materia de cultura, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias. Esta resolución, de ser positiva, estará condicionada á sinatura dun convenio co concello solicitante no prazo sinalado na mesma resolución, e será efectiva a partir da sinatura do citado convenio.

Artigo 32º.-Inscrición.

Unha vez comunicada a resolución do conselleiro competente en materia de cultura, as bibliotecas seleccionadas deberán solicita-la súa inscrición no Rexistro de Bibliotecas de Galicia.

Artigo 33º.-Obrigas do concello e da consellería competente en materia de cultura.

1. En caso de acordarse a creación dunha nova biblioteca municipal ou axencia de lectura coa cola

boración da consellería competente en materia de cultura, o concello terá as seguintes obrigas:

-Dotará a biblioteca ou axencia de lectura de locais adecuados, de acordo co disposto nos artigos 11º e 13º deste decreto.

-Consignará nos seus orzamentos as partidas adecuadas para atende-los gastos de mantemento do local, do mobiliario, de funcionamento e para a actualización de fondos bibliográficos da biblioteca.

-Dotará a biblioteca ou axencia de lectura do persoal técnico ou auxiliar necesario, tendo en conta o estipulado no capítulo II deste decreto. A contratación de persoal deberá facerse segundo a convocatoria e o temario aprobados pola consellería competente en materia de cultura, que enviará un representante con coñecementos técnicos en biblioteconomía para formar parte do tribunal de oposicións.

2. A consellería, pola súa parte, asumirá as seguintes obrigas:

-Dotará a biblioteca ou axencia de lectura do mobiliario necesario para o seu correcto funcionamento.

-Dotará a biblioteca ou axencia de lectura dun lote fundacional de libros, composto alomenos polas obras de referencia, préstamo a domicilio e infantís e xuvenís suficientes como para poñer en marcha os correspondentes servicios do centro. Este lote non deberá ser inferior ós 1.500 títulos. O número de títulos en galego non deberá ser inferior ós 500.

-Ofrecerá a asesoría técnica necesaria para a correcta posta en marcha da biblioteca ou axencia de lectura.

-Integrará a biblioteca ou axencia de lectura na Rede de Bibliotecas de Galicia.

3. Todas estas obrigas e outras que acordaren ámbalas partes, recolleranse nun convenio, que deberá ser asinado polo conselleiro competente en materia de cultura e o alcalde-presidente do concello que solicite a creación do servicio.

Artigo 34º.-Creación.

Subscrito o devandito convenio, procederase á creación formal do novo servicio bibliotecario mediante orde do conselleiro competente en materia de cultura, publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 35º.-Axudas.

En caso de solicitarse axuda para a ampliación ou a reinstalación dunha biblioteca ou axencia de lectura (anexo III), a colaboración da consellería competente en materia de cultura, establecerase en función dos materiais e servicios xa existentes e das novas necesidades xurdidas ante o cambio. Non será necesario neste caso a sinatura dun novo convenio nin a creación formal do novo servicio bibliotecario mediante orde do conselleiro competente en materia de cultura.

Artigo 36º.-Centros bibliotecarios susceptibles de integración na Rede de Bibliotecas de Galicia.

Poderán solicita-la integración dun servicio bibliotecario na Rede de Bibliotecas de Galicia os titulares

dos centros bibliotecarios xa existentes ós que se refire o capítulo II deste decreto. Tamén poderán integrarse os centros bibliotecarios ós que se refire o capítulo III. Para poder acceder á integración na Rede de Bibliotecas de Galicia, unha biblioteca deberá estar previamente inscrita no Rexistro de Bibliotecas de Galicia.

Artigo 37º.-Expediente de integración na Rede de Bibliotecas de Galicia.

O expediente de integración na Rede de Bibliotecas de Galicia dun centro bibliotecario xa existente, iniciarase mediante instancia dirixida polo titular da biblioteca ó conselleiro competente en materia de cultura (anexo IV) que irá acompañada da seguinte documentación:

-Copia da instancia de solicitude de inscrición no Rexistro de Bibliotecas de Galicia.

-En caso de ter asinado convenio previo coa consellería competente en materia de cultura, copia deste.

Artigo 38º.-Integración.

O conselleiro competente en materia de cultura, por proposta do titular do centro directivo competente, resolverá a inclusión ou non do centro bibliotecario na Rede de Bibliotecas de Galicia. Esta resolución, de ser favorable, estará condicionada ó asinamento dun convenio que deberá axustarse ó estipulado no presente decreto e que poderá responder nos restantes termos ás especiais características de cada tipo de centros. Este convenio deberá ser asinado dentro do prazo que a mesma resolución sinale, sendo efectivo a partir da dita sinatura. O non asinamento do convenio neste prazo deixará sen efectos a posible resolución favorable e suporá o arquivo definitivo da solicitude.

Artigo 39º.-Adquisición da condición de biblioteca comarcal.

As bibliotecas municipais que adquiran a condición de bibliotecas comarcais deberán asinar un novo convenio que recolla esta especial consideración.

Artigo 40º.-Cooperación e coordinación dos centros integrados na Rede de Bibliotecas de Galicia.

1. Os centros bibliotecarios que se integren na Rede de Bibliotecas de Galicia deberán presta-la súa colaboración nos plans e proxectos de cooperación, coordinación e normalización segundo os termos do convenio asinado.

2. Esta pertenza á Rede de Bibliotecas de Galicia daralle acceso a participar e ser beneficiaria dos citados plans e proxectos. Isto supón:

-A participación nos plans de informatización da Rede de Bibliotecas de Galicia.

-O acceso ás bases de datos do Centro Superior Bibliográfico de Galicia.

-A posibilidade, en función do tipo de biblioteca, de participación nos envíos de lotes de libros realizados periodicamente polo servicio competente en materia do libro e bibliotecas.

-O acceso ós servicios e participación nos programas de catalogación compartida ou centralizada.

-A participación no programa de préstamo interbibliotecario.

-A integración do centro bibliotecario nos programas de recuperación, conservación, microfilmación, dixitalización ou rexistro en calquera outro sistema de memoria, de materiais de especial interese que poidan ser levados a cabo.

-A participación prioritaria dos profesionais das bibliotecas da Rede de Bibliotecas de Galicia nos cursos de formación e perfeccionamento realizados pola consellería competente en materia de cultura.

Artigo 41º.-Causas de exclusión da Rede de Bibliotecas de Galicia.

1. Os centros bibliotecarios que non asinen o correspondente convenio coa consellería competente en materia de cultura, agás os xestionados por esta, non poderán formar parte da Rede de Bibliotecas de Galicia.

2. O incumprimento do convenio poderá ser motivo de exclusión temporal ou definitiva do centro bibliotecario de que se trate da Rede de Bibliotecas de Galicia.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas as seguintes normas: o Decreto 38/1991, do 1 de febreiro, polo que se regula o funcionamento das bibliotecas itinerantes de préstamo; a Orde do 14 de febreiro de 1992, pola que se desenvolve o anterior decreto; o Decreto 57/1992, do 19 de febreiro, polo que se desenvolven as funcións dos órganos do sistema bibliotecario de Galicia; o Decreto 24/1995, do 20 de xaneiro, polo que se regulan os centros bibliotecarios fixos, agás o seu artigo 17 polo que se crea o Rexistro de Bibliotecas de Galicia; a Orde do 4 de abril de 1995, pola que se regula o funcionamento do Rexistro de Bibliotecas de Galicia; a Orde do 21 de novembro de 1995, pola que se desenvolve o Decreto 24/1995, no referente á creación de bibliotecas municipais en colaboración coa consellería e pola que se regula a integración na Rede de Bibliotecas de Galicia; e a Orde do 27 de agosto de 1996, pola que se declara como biblioteca nodal a Biblioteca Central de Vigo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de cultura para que dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de febreiro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo