Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 20 de febreiro de 2001 Páx. 2.203

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 40/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de inspección de turismo e órganos competentes no procedemento sancionador.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuída, a teor do artigo 27.21º do Estatuto de autonomía, a competencia exclusiva en materia de promoción e ordenación do turismo dentro da comunidade, e, polo tanto, a potestade de regula-lo sector turístico no seu ámbito territorial.

A Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, supuxo dota-la Comunidade Autónoma dunha normativa turística xeral, fixándose deste xeito o marco legal adecuado para o desenvolvemento do sector, o cal vai adquirindo progresivamente un maior peso específico nos distintos parámetros da economía galega, a medida que as estructuras económicas de Galicia se van desenvolvendo e modernizando.

Seguindo a liña marcada pola Lei 9/1997 para regulariza-la materia turística, dunha maneira unitaria e sistemática cómpre ir desenvolvendo unha tarefa que unifique a normativa neste eido que ata agora se atopaba espallada en distintos decretos, co cal pola súa vez se desenvolve o programa de racionalización normativa que leva a cabo a Xunta de Galicia.

No presente decreto, refúndense o Decreto 315/1998, do 12 de novembro, polo que se aproba o Regulamento da inspección turística, e o Decreto 316/1998, do 12 de novembro, polo que se establecen os órganos competentes para a incoación e a instrucción dos procedementos sancionadores en materia de turismo.

Entre os obxectivos finalistas da lei, atópase a potenciación da Inspección de Turismo como garante dos principios e directrices establecidos na propia lei. Neste sentido a inspección configúrase como instrumento axeitado e relevante para a verificación e o control do cumprimento das obrigas impostas por aquela e pola demais normativa turística aplicable.

A virtualidade práctica das pretensións apuntadas atopa o seu acomodo normativo no título VI, capítulo II da Lei 9/1997, do 21 de agosto, que establece o marco xurídico básico da inspección turística, creando no seu artigo 80 a escala técnica de inspección turística dentro do corpo de xestión da Xunta de Galicia, coa estructura, dependencia e funcionamento orgánico que regulamentariamente se estableza.

No mesmo título a Lei 9/1997, do 21 de agosto, regula o procedemento sancionador aplicable, axustado ós principios previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre os que se atopa o principio de separación entre o órgano instructor e o resolutor como

unha garantía de imparcialidade derivada da vixencia do principio acusatorio e establece os diferentes órganos competentes para a imposición da sanción, en función da contía ou natureza dela, sinalando que regulamentariamente se determinarán os órganos competentes para a incoación e instrucción do procedemento sancionador.

Ó abeiro destas previsións, dictáronse os citados decretos 315/1998 e 316/1998, que agora son obxecto de refundición.

Por todo isto é polo que, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de febreiro de dous mil un,

DISPOÑO:

Capítulo I

Inspección turística

Sección primeira

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

A inspección turística ten por obxecto a verificación e o control do cumprimento das obrigas impostas pola normativa turística vixente, así como o asesoramento e informe sobre requisitos de infraestructura e funcionamento das empresas, establecementos e actividades, e o seguimento da execución dos investimentos subvencionados.

Artigo 2º.-Competencias.

A función inspectora en materia de turismo correspóndelle á administración turística da Comunidade Autónoma de Galicia, e será exercida de conformidade co artigo 80 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, polos funcionarios da escala da inspección turística.

Artigo 3º.-Funcións da inspección turística.

Correspóndelle á inspección turística as seguintes funcións:

1. Vixilancia e verificación do cumprimento das disposicións e normativa vixente en materia de turismo.

2. Investigación e comprobación dos feitos obxecto das reclamacións e denuncias dos particulares, asociacións e organismos de consumidores e usuarios, así como das comunicacións de presuntas infraccións ou irregularidades.

3. Constatación da existencia de infraestructuras e dotación dos servicios obrigatorios esixidos pola lexislación turística.

4. Asesoramento ás empresas turísticas sobre as esixencias, cumprimento e aplicación da normativa vixente.

5. Emisión dos informes técnicos que lle solicite a administración turística, nos seguintes casos:

a) Apertura e clasificación de novos establecementos e instalacións turísticas e demais autoriza

cións necesarias para o funcionamento das empresas turísticas, así como para as modificacións, cambios de actividade e reclasificacións.

b) Peche de establecementos e instalacións.

c) Control da execución das accións subvencionadas e vixilancia do cumprimento das condicións requiridas ou dos convenios asinados que motivaron a concesión de subvencións por parte da administración turística.

d) Estado das infraestructuras turísticas.

e) Calquera outro informe que lle sexa solicitado en materia de turismo.

6. Instrucción dos procedementos sancionadores de turismo que dentro do respectivo servicio de turismo lle sexan encomendados polo órgano que acorde a incoación e non afecten a procedementos que conteñan algunha actuación inspectora levada a cabo polo propio inspector.

7. Velar pola igualdade na prestación dos servicios turísticos en Galicia, en atención á modalidade e categoría dos establecementos, dentro do marco normativo vixente.

8. Obtención e canalización da información turística de calquera clase, relativa á situación real do turismo en Galicia.

Artigo 4º.-Prerrogativas e consideracións do persoal inspector.

1. Os funcionarios da inspección de turismo, no exercicio das súas funcións inspectoras, serán considerados axentes da autoridade, para os efectos da responsabilidade de quen ofreza resistencia ou cometa atentado ou desobediencia contra eles, en acto de servicio ou con motivo del. O titular do centro directivo competente en materia de turismo dará conta daqueles actos á Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, para que exerza as accións legais que correspondan.

2. No exercicio do seu cometido os inspectores gozarán de independencia e para o mellor cumprimento das súas funcións poderán, polas canles adecuadas, solicita-lo auxilio e apoio das forzas e corpos de seguridade do Estado, da policía adscrita á comunidade autónoma a e da policía local, así como a cooperación doutras administracións públicas.

3. Os inspectores de turismo estarán provistos dunha tarxeta de identificación expedida polo centro directivo competente en materia de turismo, que deberán exhibir con carácter previo ó exercicio das súas funcións e en tódolos casos en que lle sexa requirida polos interesados.

Artigo 5º.-Deberes dos inspectores.

1. No exercicio das súas funcións, sen mingua da súa autoridade e do cumprimento dos seus deberes, os inspectores de turismo, gardarán a maior consideración e cortesía cos interesados e co público en xeral, informándoos, con motivo das súas actua

cións inspectoras, tanto dos seus dereitos e deberes como das actuacións que deben levar a cabo en cumprimento das súas obrigas.

2. O persoal da inspección turística deberá gardar sixilo e observar estricto segredo verbo dos asuntos que coñeza por razón do seu cargo.

Sección segunda

Planificación e ordenación da inspección

Artigo 6º.-Titular do centro directivo competente en materia de turismo.

O titular do centro directivo competente en materia de turismo, que é quen asume a dirección da inspección de turismo, aprobará no mes de xaneiro de cada ano o Plan anual de inspección.

Artigo 7º.-Plan anual de inspección.

1. O Plan anual de inspección constitúe o marco básico da actuación inspectora, para o cumprimento dos obxectivos marcados polo centro directivo competente en materia de turismo, sen prexuízo das actuacións específicas, consonte os criterios de eficacia e oportunidade.

2. O plan anual será confeccionado pola unidade de inspección de turismo baixo a supervisión da subdirección competente en materia de ordenación do turismo, que o proporá para a súa aprobación.

3. O plan determinará como mínimo os seguintes aspectos:

a) Tipoloxía das empresas, actividades e establecementos turísticos obxecto da inspección.

b) Modalidade e categoría dos establecementos que se van inspeccionar.

c) Obxecto material, contido e finalidade da inspección.

d) Duración temporal e ámbito xeográfico de determinadas actuacións, se fose o caso.

4. A unidade de inspección de turismo e as unidades de turismo das delegacións provinciais confeccionarán unha memoria xustificativa da execución e resultado do plan dentro do seu respectivo ámbito. As memorias serán elevadas polo responsable de cada unidade, antes do 15 de decembro, ó centro directivo competente en materia de turismo.

Artigo 8º.-Estructura da inspección turística.

A inspección turística estructúrase nas seguintes unidades administrativas:

a) Inspección central.

b) Inspeccións provinciais.

Artigo 9º.-Ámbito xeográfico.

A inspección central e as inspeccións provinciais teñen como ámbito xeográfico de actuación a comunidade autónoma galega e a provincia respectiva

mente, e estarán integradas polos inspectores de turismo que en cada momento se atopen destinados nelas.

Artigo 10º.-Funcións das distintas unidades administrativas.

1. A inspección central dependerá do centro directivo competente en materia de turismo. As inspeccións provinciais dependerán das delegacións provinciais da consellería competente en materia de turismo.

2. A unidade de inspección de turismo exercerá, en relación á inspección nos seus diferentes ámbitos, as seguintes funcións:

a) Coordinar, orientar e supervisa-la actuación inspectora.

b) Establece-los criterios e directrices de actuación en materia de inspección, baixo a superior supervisión do centro directivo competente en materia de turismo.

c) Supervisa-lo cumprimento do plan anual de inspección e das directrices e criterios emanados do centro directivo competente en materia de turismo, e propoñer, de se-lo caso, as medidas correctoras oportunas.

d) Emiti-los informes e propostas que lle sexan solicitados a través dos órganos do centro directivo competente en materia de turismo.

e) Propoñer actividades de formación e perfeccionamento para os membros da inspección e, en xeral, cantas medidas poidan redundar nunha maior cualificación destes.

3. Dentro do seu propio ámbito, corresponderanlle á unidade de inspección de turismo e ás unidades de turismo das delegacións provinciais, baixo a supervisión do subdirector competente en materia de ordenación do turismo e dos delegados provinciais, respectivamente, as seguintes funcións:

a) Organiza-la actuación inspectora.

b) Adopta-las medidas e promove-las actuacións necesarias para a consecución dos obxectivos fixados polo plan anual.

c) Visa-los informes, propostas e dictames dos inspectores.

d) Propoñer, por causas debidamente acreditadas, visitas extraordinarias ou urxentes da inspección turística.

e) Cantas outras que, relacionadas coas anteriores, lle sexan encomendadas polo titular do centro directivo competente en materia de turismo, polo subdirector competente en materia de ordenación de turismo ou polos delegados provinciais da consellería competente en materia de turismo, nos seus respectivos ámbitos.

Sección terceira

A actuación inspectora

Artigo 11º.-Iniciación.

A actuación inspectora levarase a cabo:

a) En desenvolvemento do plan anual de inspección, por orde do xefe da unidade responsable.

b) Sen suxeición ó plan de actuación, por iniciativa da citada unidade.

c) Por orde do conselleiro competente en materia de turismo, do titular do centro directivo competente en materia de turismo, do subdirector competente en materia de ordenación de turismo, ou dos delegados provinciais da citada consellería, nos seus respectivos ámbitos.

d) Con motivo de denuncia, reclamación ou queixa.

e) Por propia iniciativa do persoal inspector.

Artigo 12º.-Medios para o exercicio das funcións inspectoras.

1. Para o exercicio das funcións que teñen encomendadas, os inspectores de turismo disporán dos seguintes medios:

a) Visitas de comprobación.

b) Citacións e requirimentos.

c) Exame da documentación do administrado relacionada coa súa actividade turística.

2. Poderán valerse, así mesmo, doutros medios que consideren convenientes, como:

a) Declaración dos interesados.

b) Datos ou antecedentes que afecten ó asunto, obtidos doutras persoas ou entidades.

c) Datos ou informes conseguidos como consecuencia do deber de colaboración e do dereito de denuncia.

d) Información obtida doutros órganos ou organismos administrativos.

e) Cantos datos, informes ou antecedentes poidan procurarse legalmente.

Artigo 13º.-Visitas da inspección.

1. Os inspectores de turismo poderán en calquera momento realizar visitas ás empresas, actividades e establecementos turísticos, para a práctica de calquera das actuacións referentes ós seus cometidos. Para estes efectos, os inspectores terán a facultade de acceder libremente, e sen notificación previa, en calquera momento, ás instalacións ou locais, logo da acreditación da súa condición.

O xefe da unidade do que dependa o inspector poderá acompañar a este durante a visita, naqueles casos en que aquel o coide conveniente.

2. Durante a visita os inspectores poderán:

a) Inspecciona-lo local e as súas dependencias, realizando as verificacións e comprobacións que procedan.

b) Esixi-la presentación da documentación, libros e rexistros que teñan relación co obxecto da investigación, co fin de examinalos e obte-las copias ou reproduccións necesarias.

c) Solicitar declaración, datos ou antecedentes do titular, responsable ou representante da empresa ou actividade, e solicitar información dos empregados ou clientes sobre cuestións relacionadas co obxecto da inspección.

d) Realizar medicións e tomar mostras ou fotografías.

e) Levar a cabo cantas actuacións sexan precisas por mor do cumprimento das funcións de inspección que desenvolvan.

3. Entenderase como obstrucción ó labor inspector para os efectos previstos pola Lei 9/1997, do 21 de agosto, toda conducta que impida ou dificulte a entrada ó local ou establecemento do inspector, dilate ou entorpeza o seu labor, así como as coaccións ou a falta da debida consideración a inspección, sen prexuízo das demais responsabilidades que poidan esixirse ó abeiro do artigo 4º.1.

4. Finalizada a visita, o inspector deixará constancia do resultado dela no libro de inspección.

Artigo 14º.-Medidas cautelares.

O persoal inspector poderá propoñerlle ó órgano competente a adopción de medidas cautelares, como o peche do establecemento, a suspensión das actividades, a intervención de medios materiais ou cantas outras autorice a normativa vixente, se apreciase a existencia dunha situación de risco inminente ou prexuízo grave para os usuarios.

Artigo 15º.-Citacións.

1. Os inspectores poderán efectuar citacións co fin de que as persoas titulares de empresas, actividades ou establecementos, ou os seus representantes, comparezan no lugar que se sinale, para os efectos de facilita-lo desenvolvemento do labor inspector, achega-la documentación precisa e canta información sexa necesaria ou subscribi-las correspondentes dilixencias e actas.

2. Na citación, que poderá realizarse mediante acta de inspección, farase constar expresamente o lugar, data, hora e obxecto da comparecencia, significándolle ó interesado que a incomparecencia sen causa xustificada entenderase ó abeiro do artigo 87.7º da Lei 9/1997, do 21 de agosto, como infracción grave en materia de turismo pola negativa a facilita-la información requirida pola inspección.

3. O lugar, a data e a hora de comparecencia, na medida do posible, deberá ser fixada polo inspector actuante na forma que resulte máis cómoda para o citado, procurando a compatibilidade coas súas obrigas laborais ou profesionais, sen menoscabo do labor inspector.

4. Cando o comparecente o solicite, faráselle entrega dun certificado acreditativo dela, expedido polo inspector perante quen se realizou a comparecencia.

5. Os interesados poderán acudir ás comparecencias acompañados de asesores.

Artigo 16º.-Requirimentos.

Os inspectores de turismo no exercicio das funcións que teñen recoñecidas, están facultados para requirir dos interesados a presentación ou remisión de documentos ou a execución das actuacións necesarias para o esclarecemento dos feitos obxecto da actividade inspectora. O seu incumprimento entenderase como obstrucción á inspección ou negativa a facilita-la información requirida polos inspectores, para os efectos previstos pola Lei 9/1997, do 21 de agosto.

Así mesmo, cando da inspección realizada resultasen simples inobservancias de esixencias ou requisitos facilmente emendables, das que non deriven danos ou prexuízos inmediatos para os usuarios, a inspección poderá formularlle ó titular ou ó representante do establecemento ou servicio os requirimentos que considere oportunos, co fin de acada-la súa efectiva adecuación á normativa vixente.

Neste caso, o requirimento recollerá as anomalías, irregularidades ou deficiencias apreciadas con indicación do prazo para súa emenda, e con apercibimento de que, para o caso de non atendelo, se procederá a levanta-la correspondente acta de infracción.

Os requirimentos efectuaranse por calquera medio que permita ter constancia deles, incluídas as actas de inspección.

Sección cuarta

Documentación da actuación inspectora

Artigo 17º.-Documentación da inspección.

As actuacións da inspección de turismo documentaranse en comunicacións, dilixencias, informes e actas.

Tales documentos só son de obrigada formalización pola inspección, nos termos establecidos no presente decreto.

Os inspectores poderán toma-las notas ou apuntamentos que consideren convenientes.

Artigo 18º.-Comunicacións.

1. Son comunicacións os medios documentais mediante os que a inspección do turismo se relaciona unilateralmente con calquera persoa, no exercicio das súas funcións.

2. Nas comunicacións, a inspección poderá poñe-los feitos ou circunstancias en coñecemento dos interesados nas actuacións, así como realizar a estes as citacións ou efectua-los requirimentos que procedan.

3. As comunicacións, unha vez asinadas polo inspector actuante, seranlle notificadas ós interesados, na forma prevista pola Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 19º.-Dilixencias.

1. Son dilixencias os documentos que redacta a inspección no curso do procedemento inspector para facer constar calquera feito, circunstancia, ou manifestación con relevancia para a inspección.

As dilixencias teñen natureza de documento público e constituirán a proba dos feitos que motiven a súa formalización, agás que se acredite o contrario.

2. As dilixencias serán asinadas polo inspector actuante e pola persoa coa que se entendan as actuacións. Se este se negase a asina-la dilixencia, non poida ou non saiba facelo, farase constar tal circunstancia nela. Cando da natureza das actuacións recollidas na dilixencia non se requira a presencia de ningunha persoa, a dilixencia será asinada unicamente polo inspector actuante.

3. Das dilixencias que se redacten entregarase sempre un exemplar á persoa coa que se entendan as actuacións. Se se negase a recibilo, remitiráselle por calquera dos medios admitidos en dereito.

Artigo 20º.-Informes.

A inspección de turismo emitirá informes, de oficio, á petición dos instructores dos procedementos sancionadores ou por orde superior, para valora-la adecuación á normativa de aplicación das circunstancias de feito dunha determinada empresa, actividade ou establecemento turístico e, nos casos establecidos nos artigos 81.5º da Lei 9/1997, do 21 de agosto, e 3º.5 do presente decreto.

Artigo 21º.-Actas.

1. Son actas da inspección os documentos que redactan os inspectores de turismo, nos que se recolle o resultado da función inspectora de vixilancia e comprobación da normativa turística vixente. As actas da inspección teñen carácter de documentos públicos.

2. As actas da inspección de turismo teñen valor probatorio, e acreditarán, agás que da valoración conxunta das probas presentadas resulte o contrario, a veracidade dos feitos susceptibles de percepción directa polo inspector, dos inmediatamente deducibles daqueles e dos acreditados por medios de proba consignados na propia acta, como os documentos ou declaracións incorporados a ela.

Artigo 22º.-Acta de infracción.

Se como resultado da actuación inspectora, o inspector considera que os feitos ou comportamentos que deron lugar a ela, puideran ser constitutivos de infracción administrativa, farao constar nunha acta de infracción, na que se describirán os feitos e os preceptos normativos que considere vulnerados.

Artigo 23º.-Contido das actas.

1. A inspección de turismo redactará as actas segundo un modelo normalizado.

Se pola súa extensión non puideran recollerse nun só modelo tódalas circunstancias ou feitos que deban

constar na acta, recolleranse en acta anexa que formará parte para tódolos efectos da principal.

2. Nas actas de inspección consignarase necesariamente:

a) Lugar, data e hora da súa formalización.

b) Nome, apelidos e número de identificación do inspector actuante.

c) Nome e localización da empresa, actividade ou establecemento sobre o que recae a inspección.

d) Nome, apelidos e número do documento nacional de identidade da persoa coa que se entenden as actuacións e o carácter ou representación coa que intervén.

e) Nome e apelidos ou, se é o caso, denominación social completa do titular, número de identificación fiscal e domicilio.

f) Sucinta referencia dos feitos, destacando os relevantes para os efectos da tipificación da infracción, describindo coa necesaria precisión os medios utilizados para o esclarecemento dos feitos ou omisións en que se fundamente o levantamento da acta e as disposicións infrinxidas con expresión do precepto vulnerado.

3. Tamén se reflectirán na acta ou en documento anexo desta cantas alegacións ou aclaracións fagan os interesados ou os seus representantes na defensa dos seus intereses.

Artigo 24º.-Formalización das actas.

1. As actas levantaranse en presencia do titular da empresa, actividade ou establecemento ou do seu representante ou, en ausencia de ámbolos dous, perante calquera persoa dependente daquela que se atope á fronte da empresa ou actividade, ó que se lle entregará no acto copia dela. Para o caso de que rexeitase a copia, o inspector farao constar cos motivos da negativa, se os houbese, mediante dilixencia inserida na acta.

2. As actas serán asinadas polo inspector actuante e pola persoa perante a que se levantou a acta. Para o caso de que esta se negase a asina-la acta, non poida ou non saiba facelo, o inspector fará consta-la dita negativa ou circunstancia, mediante dilixencia inserida nela, especificando os motivos manifestados, se os houbese. A falta desta sinatura non exonerará da posible responsabilidade nin destruirá a presunción de veracidade do seu contido.

3. O asinamento da acta acreditará o coñecemento do seu contido, e en ningún caso implicará a súa aceptación, agás cando así se recoñeza expresamente polo propio interesado.

4. A acta de infracción redactarase para os efectos de iniciación do expediente sancionador oportuno, e a entrega da súa copia, considerarase como notificación do resultado da visita ó interesado. A acta

porase de manifesto ó titular da empresa, actividade ou establecemento ou ó seu representante, nas dependencias do servicio provincial de turismo, por un prazo de dez días, durante o que poderá presenta-las alegacións que teña por convenientes, ou se fose o caso, amplia-las expostas no corpo da acta.

Artigo 25º.-Tramitación das actas.

As actas formalizadas con tódolos seus antecedentes deberán ser entregadas polo inspector, no prazo máximo de cinco días, ó xefe da unidade do que dependa, para o seu exame e para os efectos que en cada caso correspondan.

Artigo 26º.-Rexistro das actuacións.

Os inspectores rexistrarán as súas actuacións co detalle preciso para o seu debido control. Especialmente faranse consta-las datas das actuacións, os intervenientes nelas, e as demais circunstancias de interese.

Sección quinta

A escala técnica de inspección turística

Artigo 27º.-Acceso á escala técnica de inspección turística.

1. O acceso á escala técnica de inspección turística, integrada no corpo de xestión da Xunta de Galicia, grupo B, efectuarase, de acordo co disposto na Lei da función pública galega, mediante o sistema de concurso-oposición, que incluirá un curso selectivo de formación.

2. As convocatorias realizaranse de acordo coas previsións da oferta pública correspondente, e deberán axustarse ó disposto no presente decreto e ós criterios de selección que se fixan na normativa autonómica en materia de función pública.

3. As bases da convocatoria publicaranse, en todo caso, no Diario Oficial de Galicia e vincularán ó órgano convocante e ó tribunal.

Artigo 28º.-Permiso de conducir B1.

Para tomar parte no proceso selectivo de ingreso na escala técnica de inspección turística, ademais de reuni-las condicións xerais de acceso á función pública da Xunta de Galicia, deberá estarse en posesión do permiso de conducir da clase B1.

Artigo 29º.-Procedemento de selección.

O procedemento de selección levarase a cabo de conformidade co Regulamento de selección do persoal da Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 30º.-Formación e perfeccionamento.

O titular do centro directivo competente en materia de turismo poderá organizar actividades obrigatorias de formación e perfeccionamento, dirixidas ós inspectores de turismo e relacionadas co exercicio das funcións establecidas no artigo 3º deste decreto.

Capítulo II

Procedemento sancionador

Artigo 31º.-Competencia para a incoación.

A competencia para a incoación dos procedementos sancionadores por infraccións en materia de turismo correspóndelle ós delegados provinciais da consellería competente en materia de turismo.

Artigo 32º.-Instrucción.

A instrucción dos procedementos sancionadores incoados en materia de turismo será levada a cabo polas unidades de turismo das delegacións provinciais da consellería competente en materia de turismo. Axustarase ó previsto nos artigos 134 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; na Lei autonómica 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, e no Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto.

Artigo 33º.-Prazo de notificación.

1. A resolución dos procedementos notificarase no prazo de seis meses dende a data de acordo do inicio do procedemento.

Para os efectos de cumprimento deste prazo, e de conformidade co disposto no artigo 58.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, abondará a notificación que conteña cando menos o texto íntegro da resolución, así como o intento de notificación debidamente acreditado.

2. O incumprimento do citado prazo producirá a caducidade dos procedementos e producirá o arquivo das actuacións, por solicitude dos interesados ou de oficio polo propio órgano competente para dicta-la resolución, excepto nos casos en que os procedementos se paralizasen por causa imputable ós interesados ou nos supostos de suspensión ou ampliación do prazo, polas causas previstas nos números 5 e 6 do artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Disposición transitoria

Única.-O persoal da Xunta de Galicia que en data 24 de novembro de 1998 desempeñara funcións de inspector de turismo ou que podendo terse integrado na escala técnica de inspección turística non o fixeran, poderanas seguir desempeñando na forma e condicións previstas neste decreto, mentres ocupen os actuais postos de traballo.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas as seguintes normas: o Decreto 315/1998, do 12 de novembro, polo que se aproba o Regulamento da inspección turística e o Decreto 316/1998, do 12 de novembro, polo que se establecen os órganos competentes para a incoación e a instrucción dos procedementos sancionadores en materia de turismo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de turismo para dicta-las disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de febreiro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo