Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 19 de febreiro de 2001 Páx. 2.160

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 31 de xaneiro de 2001 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Gonzalo Torrente Ballester.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Gonzalo Torrente Ballester, con domicilio en Santiago de Compostela (A Coruña).

Supostos de feito.

1. María Fernanda Sánchez-Guisande Caamaño, na súa calidde de presidenta do padroado da fundación, en escrito de 15 de xaneiro de 2001, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día vinteún de xullo de mil novecentos noventa e nove, ante o notario José Antonio Montero Pardo, co número mil oitocentos trinta do seu protocolo por Manuel Fraga Iribarne, José Antonio Sánchez Bugallo, Augusto César Lendoiro, Darío Villanueva Prieto, María Fernanda Sánchez-Guisande Caamaño, María Isabel Milagros Torrente Fernández, Maravillas Sánchez-Guisande Caamaño, Alfonso Zulueta de Haz, Francisca Ángela Torrente Sánchez-Guisande e José Carlos Casares Mouriño; interveñen Manuel Fraga Iribarne en nome e representación da Xunta de Galicia, José Antonio Sánchez Bugallo en nome e representación do Concello de Santiago de Compostela, Augusto César Lendoiro en nome e representación da Deputación Provincial da Coruña, Darío Villanueva prieto en nome e representación da Universidade da Santiago de Compostela; os restantes comparecentes interveñen no seu propio nome.

3. Segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos o obxecto da fundación é promove-lo estudio da obra de Gonzalo Torrente Ballester e a conservación do seu legado cultural e en concreto:

a) Promociona-la investigación e o estudio da figura e da obra de Gonzalo Torrente Ballester.

b) Contribuír á localización e á recuperación de toda a producción do autor, tanto a de carácter profesional ou público, como a de carácter privado ou personal.

c) Reuni-lo seu patrimonio bibliográfico e documental (manuscritos, fotografías, etc.). En definitiva, os bens que constitúen o seu arquivo personal co fin de garanti-la súa permanencia no tempo e no espacio.

d) Contribuír e participar do desenvolvemento humano, cultural e científico de Galicia, en particular, e de España, en xeral.

e) Contribuír ó estudio do desenvolvemento cultural, político e social do tempo histórico que viviu.

4. O padroado da fundación estará integrado polos membros sinalados no artigo 15 dos estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Gonzalo Torrente Ballester, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 30 de xaneiro de 2001.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Gonzalo Torrente Ballester e adscribila á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública