Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 19 de febreiro de 2001 Páx. 2.157

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 37/2001, do 1 de febreiro, de configuración de áreas de servicio compartido en estructuras hospitalarias do Servicio Galego de Saúde.

A modernización do sistema sanitario tradicional require da introducción de modelos de xestión que dinamicen o servicio público e garantan un marco de innovación tecnolóxica adecuada, co fin de obte-la maior rendibilidade social.

As reformas iniciadas polo Servicio Galego de Saúde co obxectivo de incrementa-la efectividade e calidade das prestacións sanitarias, tales como son o avance na función de contratación ou a concesión de maior autonomía ás unidades provisoras de servicios, teñen demostrado a súa conveniencia como instrumento de xestión, por permitiren a aplicación de técnicas que optimizan a asignación de recursos, axilizan o acceso ós servicios, e melloran a satisfacción dos cidadáns.

Da utilidade manifesta das unidades de alta especialización con personalidade xurídica propia de calquera titularidade presentes en hospitais públicos, e do seu compromiso co servicio sanitario público, conclúese a necesidade de consolida-lo seu desenvolvemento, de forma que a través da súa capacidade se logren os maiores beneficios posibles para os pacientes que reciban atención a través delas.

Cómpre aproveita-lo potencial que estas unidades ofrecen con relación a programas que inflúen decisivamente na calidade da atención médica, tales como son a investigación e a docencia. A este respecto, o Servicio Galego de Saúde debe beneficiarse da vantaxe competitiva derivada do traballo simultáneo de varias organizacións, dado que permite reforza-la formación especializada posgraduada, programa mellorable no conxunto do sistema sanitario público, e facilita o avance no cumprimento do Plan de Saúde, instrumento que outorga unha importancia fundamental á formación continuada dos profesionais sanitarios, como estratexia de avance na abordaxe dos principais problemas priorizados, entre os que se atopan as enfermidades cardiovasculares ou o cancro.

Introducir esta innovación supón modifica-la concepción acerca da organización actual e realizar unha nova formulación, procurando a implantación dun modelo estructurado, flexible e adaptado ó marco particular de cada centro, que permita tomar decisións executivas para responder ás necesidades do paciente, e perfecciona-la función de avalación que á xerencia do hospital público lle corresponde.

Por último, é un criterio básico de xestión no ámbito da sanidade pública procura-la integración de

recursos asistenciais, a fin de lograr unha atención integral, continuada e eficiente.

Por todo o anteriormente exposto, a provisión de servicios a través de unidades de alta especialización con personalidade xurídica propia, presentes en hospitais públicos, debe adopta-lo modelo de configuración de áreas de servicio compartido, que actuarán integradas funcionalmente no centro hospitalario público e estarán suxeitas ós criterios de planificación que a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o Servicio Galego de Saúde determinen.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de febreiro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente decreto será de aplicación a tódolos hospitais e complexos hospitalarios públicos dependentes do Servicio Galego de Saúde.

Artigo 2º.-Concepto.

As unidades de alta especialización e complexidade pertencentes a persoas xurídicas de calquera titularidade presentes en hospitais públicos, poderanse constituír en áreas de servicio compartido, as cales, gozando de autonomía en materia de xestión dentro do orzamento asignado para logra-los obxectivos establecidos polo Servicio Galego de Saúde no contrato correspondente, actuarán integradas funcionalmente nos hospitais e complexos hospitalarios públicos dependentes do Servicio Galego de Saúde.

Artigo 3º.-Competencias.

A magnitude do modelo de organización das áreas de servicio compartido, así como as liñas asistenciais, de investigación e docencia que se vaian desenvolver, determinaranse sobre a base do convenio ou concerto establecido entre a unidade de alta especialización e complexidade e o Servicio Galego de Saúde, e as particularidades do centro hospitalario onde se achen.

Estos aspectos concretaranse nun plan asistencial relativo á área de servicio compartido que establecerá, alomenos, obxectivos específicos, características organizativas, procesos asistenciais, recursos humanos e físicos dispoñibles, carteira de servicios, financiamento e metodoloxía de seguimento e avaliación.

Artigo 4º.-Creación.

A Secretaría Xeral do Servicio Galego de Saúde, por proposta do xerente do centro hospitalario público onde se ache a unidade de alta especialización con personalidade xurídica propia, e logo de informe da División de Asistencia Sanitaria, dictará resolución expresa acerca da creación de áreas de servicio compartido.

Artigo 5º.-Dependencia.

As áreas de servicio compartido dependerán funcionalmente do xerente do hospital ou complexo hospitalario público dependente do Servicio Galego de Saúde.

O xerente, é o responsable da asistencia especializada prestada pola área de servicio compartido. Sen menoscabo do cumprimento dos obxectivos establecidos polo Servicio Galego de Saúde para o do hospital ou complexo hospitalario público que xerencia, correspóndenlle como máximo responsable as seguintes funcións:

-Elabora-lo plan asistencial de cada área de servicio compartido, de acordo coas directrices emanadas polo Servicio Galego de Saúde no convenio ou contrato correspondente.

-Adopta-las medidas necesarias para facer efectivo o plan asistencial, no seu ámbito de actuación.

-Facilitar á área de servicio compartido os recursos dispoñibles e necesarios para o cumprimento dos obxectivos no marco normativo do centro hospitalario.

-Impulsa-lo desenvolvemento do plan asistencial.

-Elabora-la proposta de programas especiais.

-Calquera outra función que lle sexa delegada polos órganos competentes.

Artigo 6º.-Composición.

A estructura da área de servicio compartido deberá adaptarse ó marco hospitalario onde desenvolve a súa actividade, e contará, alomenos, cun coordinador asistencial, proposto polo xerente do centro hospitalario público, e que adaptará as súas funcións para o cumprimento dos obxectivos da citada área.

Artigo 7º.-Coordinador asistencial.

O coordinador asistencial será designado pola secretaría xeral. As súas funcións serán as seguintes:

-Promove-lo desenvolvemento e implantación das áreas de servicio compartido no hospital ou complexo hospitalario público dependente do Servicio Galego de Saúde.

-Supervisar, coordinar e avalia-lo funcionamento das áreas de servicio compartido.

-Impulsa-lo desenvolvemento de programas de garantía de calidade nas áreas de servicio compartido e no conxunto do centro hospitalario.

-Impulsa-la coordinación das distintas áreas de servicio compartido co resto do centro hospitalario.

-Todas aquelas que lle sexan encomendadas polo xerente.

Artigo 8º.-Participación no centro hospitalario.

O coordinador asistencial poderá incorporarse e participar en cantos órganos colexiados e organismos de asesoramento relativos á actividade asistencial do centro hospitalario público estableza a lexislación vixente.

Artigo 9º.-Programas especiais.

A fin de dar cumprimento ós obxectivos establecidos para a área de servicio compartido, poderán establecerse programas especiais, dirixidos á participación dos profesionais estatutarios das institucións do Servicio Galego de Saúde, e que faciliten a prestación de servicios de calidade nun marco de eficiencia.

Artigo 10º.-Identificación corporativa.

A identificación corporativa que procede en cualquera ámbito da área de servicio compartido é a correspondente ó Servicio Galego de Saúde, establecida pola Orde do 20 de xaneiro de 1997 pola que se establecen o símbolo e o logotipo do Servicio Galego de Saúde, que poderá complementarse co correspondente ó hospital, e o da entidade de titularidade propia, se é o caso.

Artigo 11º.-Sistema de información.

Configurarase un sistema de información de acceso común ó centro hospitalario público, cun deseño que permita unha axeitada coordinación das áreas de servicio compartido co centro hospitalario público, así como o seguimento e avaliación das actividades asistenciais. En caso das unidades mixtas, constituídas por provisores de titularidade propia, o sistema permitirá compartir datos clínicos e administrativos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución do disposto neste decreto.

Segundo.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, un de febreiro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais