Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 16 de febreiro de 2001 Páx. 2.120

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 12 de xaneiro de 2001, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector de panaderías da provincia de Lugo.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector de panaderías da provincia de Lugo (código 2700425), asinado o día 12 de decembro de 2000, pola representación da Asociación de Empresarios de Panaderías da Provincia de Lugo e das centrais sindicais UGT (35,7%), USO (35,7%), CC.OO. (28,6%) e CIG (0%), e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mentado convenio colectivo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 12 de xaneiro de 2001.

Manuel Teijeiro Álvarez

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo de traballo para a actividade de industrias do pan (panaderías) da provincia

de Lugo

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio é de aplicación obrigatoria en toda a provincia de Lugo, de conformidade co preceptuado no título III, capítulo I, sección 1, artigo 82 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 2º.-Ámbito funcional.

Este convenio obriga a tódalas empresas que se rexían pola Regulamentación nacional de traballo da industria panadeira (Orde do 12 de xullo de 1946, Boletín Oficial del Estado do 19 de xullo) e é de obrigado cumprimento.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

Inclúe a totalidade do persoal ocupado polas empresas indicadas nos ámbitos territorial e funcional.

Artigo 4º.-Vixencia.

A vixencia do presente convenio iníciase o 1 de xaneiro de 2000 e finaliza o 31 de decembro de

2001, con independencia da súa data de publicación no BOP ou Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Denuncia.

O presente convenio enténdese automaticamente denunciado o día da súa sinatura. Ámbalas partes quedan comprometidas, logo de convocatoria de calquera delas, a inicia-la negociación do ano 2002. En todo caso, este convenio prorrogarase por períodos anuais sen necesidade de denuncia expresa.

Artigo 6º

As condicións pactadas forman un todo orgánico e indivisible e para efectos da súa aplicación práctica serán consideradas globalmente.

Artigo 7º.-Compensación.

As condicións pactadas son compensables na súa totalidade coas que rexesen anteriormente por imperativo legal ou por calquera causa.

Artigo 8º

Na orde económica, para a aplicación do convenio, aplicarase o pactado segundo as táboas anexas e, en xeral, en todo o non previsto no presente convenio observarase o disposto na Ordenanza laboral da industria de panadería citada, mentres non sexa substituída por un acordo marco estatal ou autonómico.

Artigo 9º.-Absorción.

As condicións que se establecen neste convenio son compensables e absorbibles en cómputo anual, conforme a lexislación vixente.

Artigo 10º.-Situación máis beneficiosa.

As situacións persoais que, con carácter global, excedan do pacto respectaranse, manténdose as que resulten máis beneficiosas ou favorables ó traballador.

A interpretación do disposto na presente articulación é da competencia da comisión paritaria do convenio.

Artigo 11º.-Vinculación á totalidade.

Establecido o principio de unidade e indivisibilidade das condicións pactadas, no suposto de que non fose aprobado algún dos pactos esenciais do convenio, que o desvirtuase fundamentalmente, este quedará sen eficacia e deberase reconsidera-lo seu contido.

Artigo 12º.-Comisión paritaria do convenio.

Créase unha comisión paritaria do convenio de acordo do disposto no artigo 85 do Estatuto dos traballadores, como órgano de arbitraxe, conciliación e vixilancia do seu cumprimento.

As funcións específicas desta comisión, que en ningún caso obstruirán o libre exercicio da xurisdicción laboral competente, á que lle corresponderá

a última decisión para a aplicación ou interpretación do contido do convenio, serán as seguintes:

1. Arbitraxe nos problemas e conflictos que lle sometan as partes ou nos supostos previstos concretamente neste texto.

2. Conciliación facultativa nos problemas e conflictos colectivos, con independencia das respectivas conciliacións interesadas.

3. Vixilancia do cumprimento do pactado.

4. Entender de todo o resto de xestións que tendan á maior eficacia do convenio.

Tendo en conta tales funcións, ámbalas partes conveñen en pór en coñecemetno da comisión paritaria do convenio cantas dúbidas, discrepancias e conflictos se puidesen producir como consecuencia da interpretación e aplicación do convenio, para que a comisión emita dictame ou actúe na forma prevista regulamentariamente, previa ou simultaneamente á presentación de tales casos ante a xurisdicción.

A comisión paritaria do convenio, que se reunirá por petición de calquera das partes, comporase dun presidente y un secretario, elixidos polas partes, e oito vocais, catro pola Asociación Provincial da Panadería e catro pola parte social. En todo caso, a comisión paritaria do convenio poderá utiliza-los servicios permanentes ou ocasionais de asesores en cantas materias sexan da súa competencia.

Artigo 13º

Tódalas empresas quedan obrigadas a respecta-las normas que sobre seguridade e hixiene están recollidas na lexislación vixente e regulamentación de panadería, establecéndose unha revisión médica obrigatoria unha vez ó ano. É obrigatorio facilitarlle ó traballador roupa de traballo, que consistirá en:

-Tres uniformes brancos ó ano para traballos de obradoiro.

-Tres mandilóns ó ano para o persoal de despacho e repartidores.

Artigo 14º

Os salarios mínimos e de cotización serán os que resulten da aplicación do presente convenio, salvo que nalgún momento sexan inferiores ó salario mínimo interprofesional.

Artigo 15º

Como consecuencia da aplicación da cláusula de revisión prevista no artigo 15, último parágrafo, do convenio anterior, xúntaselle a este convenio como anexo I a táboa salarial revisada con vixencia desde o 1 de xaneiro de 1999 ó 31 de decembro de 1999, táboa que sufriu un incremento do 0,6% con respecto á táboa salarial orixinaria do ano 1999.

Os salarios establecidos para as distintas categorías para o período que vai desde o 1 de xaneiro de 2000 ó 31 de decembro de 2000 serán os recollidos na táboa salarial adxunta como anexo II, que supoñen un incremento salarial con respecto ás táboas revisadas do ano 1999 nun 4%.

Para o período que vai desde o 1 de xaneiro de 2001 ó 31 de decembro de 2001, a táboa salarial do ano 2000 sufrirá un incremento equivalente ó IPC previsto polo Goberno para o ano 2001 máis un punto.

Establécese para o ano 2000 unha cláusula de revisión no suposto de que o IPC real estatal o 31 de decembro de 2000 supere o 4%, no exceso da indicada cifra e sen efectos retroactivos, servindo, de se-lo caso, tal revisión de base para aplica-lo incremento pactado para o ano 2001.

Así mesmo, establécese para o ano 2001 unha cláusula de revisión no suposto de que o IPC real estatal o 31 de decembro de 2001 supere o IPC previsto polo Goberno para o ano 2001 máis un punto, no exceso da indicada cifra, con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2001, que servirá de base para aplica-lo incremento que se pacte no ano 2002.

Artigo 16º.-Gratificacións extraordinarias.

Todo o persoal afectado polo presente convenio percibirá:

-Gratificación extradordinaria do 31 de xullo, trinta días (30) que se pagarán coa nómina de xullo.

-Gratificación extraordinaria de Nadal, trinta días (30) que se pagarán antes do día 24 de decembro.

-Gratificación extraordinaria de San Honorato, trinta días (30) que se pagarán coa nómina de maio.

As gratificacións fixadas anteriormente estarán constituídas polos conceptos retributivos seguintes:

-Soldo base.

-Antigüidade.

-Xornada especial.

Artigo 17º

A xornada de traballo será a regulada no Estatuto dos traballadores e lexislación de xeral aplicación.

Así pois, para o presente convenio fíxase a seguinte xornada de traballo:

Corenta (40) horas semanais de traballo efectivo, equivalentes a 1.826 horas, segundo dispón a Lei 4/1983, do 29 de xuño, alínea b), artigo 6, máis a xornada especial de dúas horas, as cales serán aplicadas nas xornadas denominadas dobres, dos sábados ou vésperas de festivos en que haxa necesidade de realizar tal xornada coñecida por dobre. Cada ano natural os traballadores disporán de dous días aboables e non recuperables, logo de comunicarllo á empresa.

Horarios.

Persoal de obradoiro (excepto amasadores):

De luns a venres: de dúas horas e trinta minutos a nove horas.

Sábado: dunha hora e trinta minutos a nove horas.

Persoal de obradoiro: amasadores:

De luns a venres: dunha hora e trinta minutos a oito horas.

Sábado: de cero trinta horas a oito horas.

Persoal de reparto: transportadores:

De luns a venres: de sete horas a trece horas e trinta minutos.

Sábado: de sete horas a catorce horas e trinta minutos.

Persoal de vendas-despachos:

De luns a venres: mañá, de nove horas a catorce horas; tarde, de dezasete horas a dezanove horas.

Sábado: de nove horas a catorce horas.

Artigo 18º

Cando coincidan dous días festivos consecutivos, como é o caso da festividade de Santo Honorato, procederase á fabricación e venda no primeiro deles, respectando en todo caso a festividade do domingo, polo cal se invertirá o día de fabricación para o caso de que o primeiro festivo coincida en domingo, todo isto sen prexuízo do que dispoñan as autoridades competentes e dun modo especial a Lei de comercio interior da nosa Comunidade Autónoma.

Os traballos que se realicen en días festivos serán aboados como segue: salario base e antigüidade multiplicado por dous, incrementarase o 35% do día festivo. É dicir, aplicarase a fórmula:

2 (salario base+antigüidade)+35x(salario base+antigüidade)

100

Artigo 18º bis

Queda establecida neste convenio e salvo os supostos que se exceptúan no parágrafo seguinte, a prohibición de venda, fabricación e distribución de pan, pans especiais e bolos, quedando os establecementos obrigados a pecha-los domingos e días sinalados.

Exceptúanse do disposto no parágrafo anterior, para os dous anos de vixencia deste convenio, os domingos e festivos autorizados pola Xunta de Galicia para a apertura de establecementos comerciais, días estes nos que se poderá vender, fabricar e distribuír pan, pans especiais e bolos.

Aqueles traballadores que presten os seus servicios nas datas sinaladas no parágrafo anterior verán compensado o traballo en tales días mediante un día e medio de descanso por cada domingo ou festivo traballado que se desfrute dentro dos catro meses seguintes segundo acordo entre empresario e traballador ou ben mediante a retribución consistente no salario ordinario incrementado cunha recarga de 3.380 pesetas por domingo ou festivo traballado para o ano 2000.

En todo caso recoñécese o dereito do empresario a decidir cada domingo e día festivo traballado o número e categoría dos traballadores que precisa para unha correcta organización do traballo.

Artigo 19º

Por circunstancias de carácter estrictamente estructurais, derivadas da natureza da actividade de que se trate e co fin de atender suficientemente

a subministración de pan á poboación nas vésperas de domingos e festivos, nos cales non se procederá á fabricación e venda de pan, establécese unha xornada especial nas ditas vésperas de domingo e festivos, consistente na prolongación da xornada normal, en dúas horas máis, para o cal se fixa nas táboas salariales anexas a correspondente cantidade diaria que percibirán os traballadores en cada categoría profesional.

Artigo 20º

A remuneración do persoal afectado por este convenio estará formada exclusivamente por: salario base, antigüidade, xornada especial e pan, todo isto tendo en conta a circunstancia que concorre nos traballadores de obradoiro, de realizar traballos nocturnos.

Artigo 21º

De conformidade co establecido no artigo 25 do Estatuto dos traballadores, establécense os seguintes incrementos por antigüidade:

Ós cinco anos: dez por cento (10%).

Ós quince anos: vintecinco por cento (25%).

Ós vinte anos: corenta por cento (40%).

Ós vintecinco anos: sesenta por cento (60%).

Os incrementos calcularanse sobre o salario base.

Artigo 22º

Páctase que as empresas vinculadas polo presente convenio lles aboarán ós traballadores o 100% do salario real, para o cal servirá de módulo o do mes anterior á baixa en casos de accidente laboral mentres dure a baixa polo dito accidente. Así mesmo, as empresas aboaranlles ós traballadores o 100% do salario real nos casos de enfermidade profesional ou con hospitalización durante os primeiros corenta días.

En todo caso e por aplicación do disposto no artigo 133 quater do texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social, nos supostos de baixa por maternidade os traballadores terán dereito a un subsidio, a cargo da Seguridade Social, na seguinte contía: 100% da base reguladora a partir do mesmo día en que se inicia o descanso por maternidade.

Artigo 23º

O período de vacacións será de trinta días naturais (30), que serán desfrutados, tendo en conta as necesidades do servicio e logo de acordo coa empresa, preferentemente entre os meses de xuño e setembro. Na falta de acordo aplicarase o disposto no artigo 38 do Estatuto dos traballadores. O traballador en período de vacacións recibirá o mesmo salario que no seu traballo habitual, con dereito, ademais, ó quilogramo de pan que ten recoñecido.

Artigo 24º

Avisando coa máxima anticipación posible, o persoal afectado por este convenio poderá faltar ó traballo con dereito ó percibo do salario por algún dos motivos e durante os períodos de tempo seguintes,

iso sen prexuízo das licencias retribuidas polos motivos e tempos previstos no Estatuto dos traballadores:

a) Durante quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Tres xornadas de traballo nos casos de enterramento de pais, fillos, cónxuxes ou irmáns, tanto en liña de consanguinidade como de afinidade, así como no caso de nacemento de fillos, ampliándose a cinco días cando o feito se produza fóra da localidade onde estea o centro de traballo.

c) Durante dous días por traslado do seu domicilio habitual.

Artigo 25º

De conformidade co establecido no artigo 46 do Estatuto dos traballadores e mentres subsista tal regulación, o traballador con polo menos unha antigüidade na empresa dun ano ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non menor de dous anos e non maior de cinco. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se transcorreron catro anos desde o final da anterior excedencia.

Do mesmo xeito, os traballadores terán dereito a un período de excedencia non superior a tres anos para atende-lo coidado de cada fillo, tanto cando o sexa por natureza como por adopción, contado desde a data de nacemento deste.

Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia que, se é o caso, porá fin ó que se estivese a desfrutar. Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

Así mesmo, poderán solicita-lo seu paso á situación de excedencia na empresa os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

Artigo 26º

As festas serán as aprobadas polo calendario oficial laboral e o día dezaseis de maio, festividade de Santo Honorato.

Artigo 27º

Establécese o criterio de reducir ó mínimo indispensable as horas extraordinarias, chegando á súa supresión.

Poderanse realizar, non obstante, dentro dos límites e condicións do artigo 35 do Estatuto dos traballadores, as horas extraordinarias necesarias por períodos punta de producción, ausencias imprevistas ou outras circunstancias de carácter estructural derivado da natureza da actividade.

Non se computará como horas extraordinarias nin se terán en conta para efectos da duración máxima da xornada ordinaria laboral, sen prexuízo do seu aboamento como se se tratase de horas extraordi

narias, o exceso das traballadas para previr ou reparar sinistros e outros danos extraordinarios. As horas extraordinarias terán unha recarga do setenta e cinco por cento (75%) e xiraranse baixo a seguinte fórmula:

Salario base conveniox30x1,75 valor hora extra

172

Artigo 28º

O traballador que se incorpore ó servicio militar ou prestación social substitutoria, con descendencia e que leve como mínimo un ano ó servicio da empresa terá dereito a percibi-las gratificacións de xullo, Nadal e Santo Honorato durante a prestación do servicio militar ou prestación.

Artigo 29º

Os traballadores terán dereito a percibir un quilogramo de pan diario, incluídos os períodos de vacacións, baixa por enfermidade e accidente. Figurará en nómina segundo o prezo establecido nas táboas anexas.

Non obstante o sinalado e logo da existencia de común acordo entre empresa e traballadores, poderase acorda-la substitución da retribución en especie referida no parágrafo anterior pola retribución en cartos, consistente no prezo do pan establecido nas táboas anexas.

Artigo 30º

En tódalas empresas do ámbito do convenio, e en tódolos centros de traballo do seu ámbito, será debidamente exposto un exemplar deste convenio para ser consultado libremente polo persoal.

Artigo 31º

Se durante a vixencia deste convenio mediase negociación e acordo doutro ámbito superior a este, as partes adheriranse a el, sempre e cando non exista violación expresa da lexislación vixente e sexa en cómputo anual superior para os traballadores.

Artigo 32º

Os atrasos, por diferencia de salarios, producidos como consecuencia da publicación do presente convenio faranse efectivos dentro dos dous primeiros meses seguintes á publicación do convenio no BOP ou no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 33º

As empresas veranse obrigadas a concertar, con primas íntegras ó seu cargo, unha póliza de accidentes que cubra os riscos de falecemento ou invalidez permanente nos graos de total, absoluta e gran invalidez, a consecuencia de accidente de traballo.

Falecemento: 2.750.000.

Invalidez permanente: 3.250.000.

O incremento de 250.000 pesetas que se establece na contía da póliza con respecto ó convenio anterior soamente afectará os procesos iniciados a partir de

transcorrido un mes desde a publicación deste convenio no BOP de Lugo.

Artigo 34º.-Liquidación por cesamento.

1. Cando o traballador cause baixa na empresa, seralle aboado o importe da liquidación de salarios que legalmente corresponda, incluído o importe das gratificacións extraordinarias e o de vacacións en proporción ó tempo traballado desde que se devengou a correspondente gratificación ou se desfrutaron as oportunas vacacións.

2. As empresas aboaranlles ós traballadores que, tendo a idade que a seguir se expresa e máis de 10 anos de antigüidade na empresa, causen baixa nela por extinción do contrato de traballo de mutuo acordo ente empresa e traballador as seguintes cantidades en concepto de premio de constancia:

64 anos: unha mensualidade e media.

63 anos: 221.300 pesetas.

62 anos: 331.600 pesetas.

61 anos: 386.800 pesetas.

60 anos: 441.000 pesetas.

Artigo 35º.-Formación profesional.

As partes signatarias acordan constituír unha comisión paritaria provincial sectorial de formación profesional, integrada por un representante de cada unha das centrais sindicais que asinan o convenio e un número de representantes da Asociación Provincial de Empresarios de Panaderías de Lugo igual ó total das centrais sindicais.

Serán funcións desta comisión:

-Requirir das administracións autonómicas competentes o recoñecemento desta comisión como interlocutor social sectorial que reciba a información existente sobre programas e cursos de formación profesional con financiamento oficial que afecten o sector de panaderías, co fin de colaborar tanto nos que estean en marcha como nos que se poidan programar en diante.

-Elaborar estudios sobre necesidades e requirimentos de formación profesional no sector para chegar a defini-la organización e programación dela, tanto ocupacional como regulada (observatorio ocupacional).

-Elaborar plans formativos necesarios para consegui-la homologación das cualificacións profesionais de traballadores técnicos, administrativos e manuais, cos seus equivalentes na Comunidade Económica Europea, con vistas á entrada en vigor do Mercado Único.

-Tódalas outras funcións que a comisión se atribúa, orientadas ó desenvolvemento e mellora da formación profesional no sector da provincia de Lugo.

Artigo 36º.-Comisión de seguridade e hixiene no traballo.

As partes signatarias acordan constituír unha comisión paritaria provincial sectorial de seguridade e hixiene no traballo, integrada por un representante de cada unha das centrais sindicais que asinan o convenio e un número de representantes da Asociación de Empresarios de Panaderías de Lugo, igual ó total das centrais sindicais.

Ámbalas representacións comprométense a manter reunións periódicas, logo de convocatoria de calquera das partes, con 15 días de anticipación.

As funcións básicas da comisión de seguridade e hixiene terán como obxectivos prioritarios:

1º Promove-la observancia das disposicións legais vixentes para a prevención dos riscos profesionais no ámbito do sector.

2º Prestarlles asesoramento ós empresarios e traballadores para evitar e/ou reduci-los riscos que atenten contra a integridade física e saúde dos traballadores.

3º Dar a coñece-las normas e procedementos que en materia de seguridade e hixiene dicten os organismos especializados nesta materia.

4º Solicitar informes sobre os resultados estatísticos dos coñecementos médicos que se lles realicen ós traballadores deste sector.

Tódalas outras funcións que a comisión se atribúa, orientadas ó desenvolvemento e mellora da seguridade e hixiene no traballo do sector na provincia de Lugo.

Artigo 37º.-Modalidades de contratación.

a) O contrato de duración determinada regulado no artigo 15.1º b) do Real decreto lexislativo 1/1995, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, poderá ter unha duración máxima de doce meses dentro dun período de dezaoito meses.

b) Os traballadores contratados baixo a modalidade de contrato de traballo para a formación percibirán unha retribución, a partir da data de publicación deste convenio no BOP de Lugo ou Diario Oficial de Galicia, consistente no 85% e 90% dos salarios de convenio correspondentes á categoría profesional para a que se forma o traballador durante, respectivamente, o primeiro e o segundo ano de vixencia do contrato.

c) Contrato indefinido de fomento de emprego. No ámbito de aplicación deste convenio poderá concertarse esta modalidade contractual con traballadores empregados na empresa mediante un contrato de duración determinada ou temporal, incluídos os contratos formativos, subscrito unha vez transcorrido un ano desde a entrada en vigor do Real decreto lei 8/1997.

Artigo 38º.-Xubilación especial ós 64 anos.

Os traballadores que cumpran a idade de 64 anos e demais requisitos esixidos poderán acollerse á

modalidade de xubilación especial establecida no Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo, estando as empresas obrigadas a substituír tales traballadores, simultaneamente ó seu cesamento por xubilación, por outro traballador nas condicións previstas no citado real decreto.

Artigo 39

As partes asinantes deste convenio consideran o Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA) como a canle idónea para a solución dos conflictos colectivos laborais.

ANEXO I

Táboa salarial revisada

Convenio provincial de panaderías de Lugo

Vixencia: 1-1-1999 ó 31-12-1999.

Categoría profesional

Salario base

día

Xornada

especial

Pan

Total

Total

anual

Mestre encargado2.4963782063.0801.382.860
Oficial de pa2.4963782063.0801.382.860
Oficial de masa2.4963782063.0801.382.860
Oficial de mesa2.4963782063.0801.382.860
Oficial administrativo2.4963782063.0801.382.860
Axudante2.4853392063.0301.360.110
Auxiliar administrativo2.4853392063.0301.360.110
Peón2.4853392063.0301.360.110
Transporte pan despacho2.4853642063.0551.371.485
Repartidor2.4853642063.0551.371.485
Vendedor despacho2.4852612062.9521.324.620
Muller da limpeza2.4852612062.9521.324.620

Antigüidade A que corresponda en cada caso para as categorías

ANEXO II

Táboa salarial

Convenio provincial de panaderías de Lugo

Vixencia: 1-1-2000 ó 31-12-2000.

Categoría profesional

Salario base

día

Xornada

especial

Pan

Total

Total

anual

Mestre encargado2.5963932143.2031.438.105
Oficial de pa2.5963932143.2031.438.105
Oficial de masa2.5963932143.2031.438.105
Oficial de mesa2.5963932143.2031.438.105
Oficial administrativo2.5963932143.2031.438.105
Axudante2.5843532143.1511.414.445
Auxiliar administrativo2.5843532143.1511.414.445
Peón2.5843532143.1511.414.445
Transporte pan despacho2.5843792143.1771.426.275
Repartidor2.5843792143.1771.426.275
Vendedor despacho2.5842712143.0691.377.135
Muller da limpeza2.5842712143.0691.377.135

Antigüidade A que corresponda en cada caso para as categorías