Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 15 de febreiro de 2001 Páx. 2.043

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 10 de xaneiro de 2001, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector do comercio de mobles.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector do comercio de mobles, con nº de código 3600355, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 5-1-2001, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social polas centrais sindicais UGT e CC.OO., con data do 5-12-2000. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 10 de xaneiro de 2001.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de traballo para o sector

de comercio de mobles. Pontevedra

Artigo 1º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes deste convenio as centrais sindicais Comisións Obreiras (CC.OO.), e a Unión Xeral de Traballadores (UXT) en representación dos traballadores, e a Asociación Provincial de Empre

sarios del Comercio de Mobles, en representación dos empresarios do sector.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

Este convenio afectará a tódalas empresas relacionadas coa actividade de comercio de mobles da provincia de Pontevedra.

Artigo 3º.-Ámbito funcional.

Este convenio regulará as relacións económicas e laborais entre as empresas e os traballadores encadrados no sector de «Venda de Mobles» da provincia de Pontevedra.

Artigo 4º.-Ámbito persoal.

O convenio afectará a totalidade do persoal técnico, administrativo, subalterno e obreiro do comercio de mobles.

Artigo 5º.-Efectos económicos.

Este convenio entrará en vigor ós 20 días da súa sinatura, sen prexuízo da súa publicación no BOP, aínda que os efectos económicos se retrotraerán ó 1º de xaneiro de 2000.

Artigo 6º.-Duración.

A duración deste convenio será de dous anos, contados a partir do 1 de xaneiro de 2000, finalizando os seus efectos o 31 de decembro de 2001.

Artigo 7º.-Rescisión e revisión.

O convenio poderase rescindir mediante o aviso previo formulado en tempo e forma, de acordo coa lexislación vixente, cunha antelación dun mes á data de remate da súa vixencia.

Artigo 8º.-Absorción.

Os aumentos concedidos por este convenio absorberán os que, por imperativo legal, se impuxesen posteriormente, durante a vixencia del.

Artigo 9º.-Salarios.

Para o primeiro ano de vixencia de convenio (do 1-1-2000 ó 31-12-2000) o persoal afectado polo convenio percibirá, con efectos do 1-1-2000, as retribucións consignadas na táboa salarial anexa I, que supoñen un incremento, respecto ás vixentes o 31-12-1999, do 5,5%.

Para o segundo ano de vixencia do convenio (do 1-1-2001 ó 31-12-2001), incrementarase a táboa vixente 31-12-2000, no 5,5%, aplicándose, en principio, os soldos que figuran na táboa salarial anexa II, táboa que terá que ser revisada se, como se indica no artigo 10º deste convenio, relativo á revisión salarial, o IPC rexistra o 31 de decembro de 2000, un incremento, respecto ó 31-12-1999, superior ó 4%.

Artigo 10º.-Revisión salarial.

En caso de que o IPC rexistrase o 31 de decembro de 2000 un incremento, respecto ó 31 de decembro de 1999, superior ó 4%, o dito exceso servirá de base para a elaboración da táboa salarial do ano 2001.

Para iso, no momento de elabora-la táboa salarial para o ano 2001, procederase a cuantifica-lo dito exceso, calculado sobre os salarios utilizados para realiza-los aumentos pactados para 2000. A cuantificación do dito exceso adicionarase ós salarios vixentes o 31 de decembro de 2000 e, sobre a cantidade resultante, calcularanse os incrementos salariais para 2001.

Así mesmo, no caso de que o IPC rexistrase o 31 de decembro de 2001 un incremento, respecto ó 31 de decembro de 2000, superior ó 4% por cento, o dito exceso servirá de base para a negociación do ano 2002.

Para iso, no momento da negociación do convenio colectivo do ano 2002 procederase a cuantifica-lo dito exceso, calculado sobre os salarios utilizados para realiza-los aumentos pactados para 2001. A cuantificación do dito exceso adicionarase ós salarios vixentes o 31 de decembro de 2001 e, sobre a cantidade resultante, calcularanse os incrementos salariais para o ano 2002.

Artigo 11º.-Antigüidade.

Os aumentos periódicos por anos de servicio ata o 31 de decembro de 2000 consistirán en cuadrienios na contía do cinco por cento do salario base correspondente á categoría na que está clasificado.

A partir da dita data do 31-12-2000 desaparece o concepto e tratamento do complemento persoal de antigüidade, tanto nos seus aspectos normativos como retributivos.

Como consecuencia da dita eliminación, teranse en conta os seguintes compromisos:

A) Os traballadores manterán e consolidarán tan só os importes daqueles cuadrienios que tivesen devengados polo complemento persoal de antigüidade, o 31 de decembro de 2000, polo que non se terán en conta os tramos intermedios.

B) Os importes obtidos ó abeiro do previsto na letra anterior manteranse invariables e por tempo indefinido como un complemento retributivo ad personam, é dicir, non sufrirán modificacións en ningún sentido e por ningunha causa, extinguíndose xuntamente coa extinción do contrato do traballador.

C) O dito complemento retributivo ad personam reflectirase nos recibos oficiais de salario coa denominación de antigüidade consolidada.

Artigo 12º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal afectado por este convenio percibirá anualmente tres gratificacións extraordinarias, polo importe dunha mensualidade cada unha, nos meses de marzo (paga de beneficios), xullo e decembro, que se aboarán conforme o salario base do convenio máis antigüidade, se é o caso.

Artigo 13º.-Xornada laboral.

A xornada laboral semanal será de 40 horas de traballo efectivo en xornada diaria continuada ou partida. Cando, por razóns obxectivas, sexa nece

sario, as partes negociarán outros sistemas de cómputo e control, respectándose, en todo caso, o tempo máximo semanal mencionado.

O horario de traballo fixarase en cada empresa tendo en conta que a prestación de servicios se realizará de luns a sábado pola mañá.

Artigo 14º.-Vacacións.

O persoal afectado por este convenio terá dereito a 30 días naturais de vacacións anuais que desfrutará, preferentemente, entre os meses de xuño a setembro, ambos inclusive.

Para a elección de quenda por parte dos traballadores, seguirase en cada centro de traballo unha orde rotativa de preferencia, de tal forma que, quen tivo preferencia na elección de quenda o pasado ano, pasa a se-lo último á hora de elixir quenda neste. Acórdase un aviso previo mínimo de 60 días para o establecemento da correspondente quenda de vacacións.

Artigo 15º.-Complemento de transporte.

Todo o persoal das empresas afectadas por este convenio percibirá un complemento de transporte, por día efectivo de traballo (incluído o sábado), de 428 ptas. no primeiro ano de vixencia do convenio (ano 2000); e de 447 ptas. no segundo ano (ano 2001); é considerado como un concepto extrasalarial para tódolos efectos.

Artigo 16º.-Gratificación especial ós escaparatistas.

O persoal non contratado como escaparatista que, non obstante, realice con carácter normal a función de ornamentación de escaparates nos establecementos, terá dereito, en concepto de gratificación especial, a un complemento do 10% do seu salario base.

Artigo 17º.-Condicións máis beneficiosas.

Tendo a consideración de bases mínimas as establecidas neste convenio, serán respectadas as condicións máis beneficiosas que as empresas afectadas por el tivesen xa concedidas ó seu respectivo persoal.

Artigo 18º.-Roupas de traballo.

As empresas facilitaranlle ó seu persoal dúas vestimentas ó ano en concepto de uniformes ou útiles de traballo, ou o seu equivalente en metálico, se é o caso.

Artigo 19º.-Incapacidade temporal.

En caso de incapacidade temporal derivada de enfermidade ou accidente, debidamente acreditado pola Seguridade Social, do persoal comprendido no réxime de asistencia a ela, a empresa completará as retribucións ata o 100% do salario das táboas anexas máis a antigüidade de a houber.

Artigo 20º.-Licencias.

Os traballadores terán dereito a unha licencia retribuída de ata un máximo de catro días naturais ó ano, por necesidade de atender persoalmente asuntos propios que non admitan demora, téndose en conta para iso os desprazamentos que o traballador teña que facer e as demais circunstancias que no caso concorran.

Esta licencia, demostrada a súa indubidable necesidade, concederase no acto, sen prexuízo das sancións que se lle poidan impoñer ó traballador que alegue causas que resulten falsas, de acordo co establecido ó respecto na actual Ordenanza Laboral de Comercio.

Igualmente, nos casos de morte de cónxuxe, ascendentes, descendentes ou irmáns, así como enfermidade grave de cónxuxe, pais e fillos e parto da muller, os traballadores terán dereito a unha licencia retribuída de ata cinco días naturais, téndose en conta para iso os desprazamentos que o traballador teña que realizar e as demais circunstancias que no caso concorran.

Así mesmo, o traballador terá dereito a unha licencia retribuída dun día, sen necesidade de ser xustificada. A dita licencia non poderá ser acumulable a períodos de vacacións e deberá ser solicitada cunha antelación de 10 días, polo menos.

Esta última licencia desaparecerá automaticamente do convenio no suposto de que se produza con carácter xeral e no ámbito nacional unha reducción da xornada.

Artigo 21º.-Días 24 e 31 de decembro.

Os traballadores afectados por este convenio desfrutarán de descanso as tardes dos días 24 e 31 de decembro. As ditas tardes consideraranse aboables e non recuperables.

Estas licencias desaparecen automaticamente do convenio, no suposto de que se produza, con carácter xeral e no ámbito nacional, unha reducción da xornada.

Artigo 22º.-Saídas de viaxe e axudas de custo.

O persoal ó que se lle confira algunha comisión de servicio fóra da súa residencia habitual de traballo terá dereito a que se lle aboen os gastos que efectuase, logo de presentación dos xustificantes correspondentes.

En compensación daqueles gastos dos que a xustificación non resulte posible, o persoal terá dereito, ademais, a unha axuda de custo diaria nas seguintes contías:

-En desprazamentos por media xornada: 314 pesetas.

-En desprazamentos por xornada completa: 494 pesetas.

Artigo 23º.-Desconto en compras.

O desconto mínimo nas compras que realice o persoal nas súas respectivas empresas será do quince por cento sobre o prezo venda ó público, agás nos artigos de oferta ou rebaixa; respectándose as situacións máis favorables que se veñan dando.

Artigo 24º.-Comisión paritaria.

De acordo co establecido no artigo 85 do Estatuto dos traballadores, créase unha comisión paritaria integrada por un presidente, un secretario e dous vocais pola representación dos empresarios e outros dous pola representación dos traballadores, coa asesoría correspondente.

Esta comisión constituirase no prazo de 15 días seguintes ó da aprobación do convenio.

Disposición adicional

As partes asinantes deste convenio comprométense a que as diferencias económicas resultantes da aplicación do incremento salarial pactado se fagan efectivas antes do 31 de decembro do ano 2000.

Táboa salarial anexa do convenio colectivo

de traballo provincial para o sector

de comercio de mobles de Pontevedra

Vixencia do 1º de xaneiro de 2000 ó 31 de decembro de 2000.

CategoríasSalario mensual

Grupo I
Encargado93.607
Viaxante92.685
Dependente93.144
Axudante de dependente92.223
Traballadores en formación (por 30 horas semanais de traballo efectivo)56.834

Grupo II
Oficial administrativo93.144
Auxiliar administrativo92.122
Aspirante92.223
Auxiliar de caixa92.685

Grupo III
Delineante93.144
Profesional de oficio de 1ª93.144
Profesional de oficio de 2ª92.685
Mozo especializado92.313
Mozo92.223

Os choferes percibirán o salario correspondente ás categorías de profesional de oficio de 1ª ou 2ª, de acordo co seu carné de conducir.

Vigo, 4 de decembro de 2000.

Táboa salarial anexa do convenio colectivo

de traballo provincial para o sector

de comercio de mobles de Pontevedra

Vixencia do 1º de xaneiro de 2001 ó 31 de decembro de 2001.

CategoríasSalario mensual

Grupo I
Encargado98.756
Viaxante97.783
Dependente98.267
Axudante de dependente97.295
Traballadores en formación (por 30 horas semanais de traballo efectivo)59.960

Grupo II
Oficial administrativo98.267
Auxiliar administrativo97.188
Aspirante97.295
Auxiliar de caixa97.783

Grupo III
Delineante98.267
Profesional de oficio de 1ª98.267
Profesional de oficio de 2ª97.783
Mozo especializado97.390
Mozo97.295

Os choferes percibirán o salario correspondente ás categorías de profesional de oficio de 1ª ou 2ª, de acordo co seu carné de conducir.

Vigo, 4 de decembro de 2000.