Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 14 de febreiro de 2001 Páx. 1.972

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 5 de febreiro de 2001 pola que se regula o réxime de concesión de subvencións ás agrupacións de voluntarios de protección civil.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, a través da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, co obxecto de que as agrupacións de voluntarios de protección civil poidan levar adiante o seu labor, regula o réxime de concesión de subvencións a estas para o ano 2001, e para tal efecto, na Lei dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2001 con cargo á aplicación orzamentaria 13.04.231A.480.0 existe partida orzamentaria para as axudas que se establecen na orde, reservándose para tal efecto un crédito de noventa millóns (90.000.000) de pesetas.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Serán beneficiarias destas subvencións as agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia legalmente constituídas, sen fins de lucro, que no día da publicación desta orde cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil segundo se establece na normativa vixente da Xunta de Galicia en materia de protección civil.

b) Teña dependencia co seu concello respectivo ou mancomunidade de concellos.

Artigo 2º

Aquelas que recibisen subvencións en anos anteriores, para accederen a estas axudas deberán xustifica-lo seu investimento e liquidación, segundo o que dispón o artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999,

do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e artigo 15 e concordantes do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, de tal forma que a non xustificación do dito investimento e liquidación leva consigo non poder optar ás subvencións nos seguintes exercicios.

Artigo 3º

As axudas que se van outorgar de acordo co indicado nesta orde poderán ser investidas na adquisición de:

1. Vestimenta de protección civil, de acordo co regulamentado nesta materia pola Xunta de Galicia.

2. Material de intervención inmediata e outro que estea relacionado con protección civil (telecomunicación, mergullo, incendios, excarceración, busca e rescate de persoas, primeiros auxilios).

3. Equipos persoais de prevención e protección.

4. Equipo, material e caixas de urxencias de primeiros auxilios.

5. Gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo pola agrupación en materia de protección civil, así como os ocasionados pola conservación e mantemento da súa base.

6. Pagamento de seguros do voluntariado de protección civil ou outro tipo de seguros relacionados co desenvolvemento do traballo e das tarefas da agrupación de voluntarios de protección civil.

7. Gastos ocasionados pola formación dos seus compoñentes.

Os gastos para xustificar nos puntos 5, 6 e 7 non poderán supera-lo 75% do total da subvención concedida.

Artigo 4º

Os beneficiarios que se indican no artigo 1º que queiran acollerse a esta orde deberán presenta-la solicitude de subvención, segundo o modelo que se indica no seu anexo I, no rexistro das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, directamente, ou ben por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A correspondente solicitude, dirixida ó director xeral de Interior e Protección Civil, presentarase dentro do prazo de trinta días a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, á que se lle xuntará, necesariamente, a seguinte documentación:

a) Memoria das actuacións levadas a cabo pola agrupación no ano 2000, integradas no sistema de protección civil de Galicia, segundo o anexo III.

b) Previsión de gastos e dos medios que se van adquirir cos seus custos.

c) Fotocopia do NIF ou CIF para as agrupacións de nova creación.

d) Xustificante da entidade bancaria do número de conta que teña aberta esa agrupación.

e) Unha declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

Artigo 5º

Unha vez recibida a documentación nas delegacións provinciais, procederán ó seu exame os servicios de protección civil da provincia correspondente e, no caso de que non se axuste ó que se establece no artigo 4º desta orde, comunicaráselle ó peticionario para que no prazo de dez días, segundo o disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, repare os erros ou omisións. De non facelo así, terase por desistido da súa petición, o que se lle comunicará segundo se establece o artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 6º

1. Cumpridos os requisitos solicitados, os respectivos servicios das provincias remitirán a documentación á que se refire o artigo anterior, xunto co correspondente informe, á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

2. A avaliación da documentación presentada será realizada pola comisión avaliadora, que estará presidida polo director xeral de Interior e Protección Civil e formada polos catro delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e o subdirector xeral de Protección Civil, actuando como secretario un funcionario proposto polo director xeral de Interior e Protección Civil.

Artigo 7º

Estudiada pola devandita comisión a documentación presentada, procederase a redacta-la proposta de concesión de axudas, para o que se valorarán de acordo co establecido nesta orde:

a) Accións de colaboración e información prestadas en emerxencias ou urxencias de protección civil requeridas a través da Central de Emerxencias 112 ou directamente polos Servicios de Protección Civil da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

b) Actividades realizadas pola agrupación, durante o ano 2000, no sistema de protección civil de Galicia, indicadas na memoria que presenten conforme se establece no artigo 4º.

c) Índices de risco nas zonas de actuación da agrupación, conforme o establecido no Plan Territorial de Protección Civil de Galicia (Platerga), nos Plans Especiais e Específicos ou, se é o caso, no Plan de Emerxencia Municipal (Pemu).

d) Ter creada ou en trámite de creación a Xunta Local de Protección Civil, ter elaborado o Plan de Emerxencia Municipal (Pemu) ou telo en elaboración.

e) Participar e colaborar en plans de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Ser de nova creación.

Artigo 8º

A resolución será adoptada polo conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, tendo en conta a proposta que faga a comisión avaliadora. Contra a resolución do conselleiro poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ou recurso potestativo de reposición ante o propio conselleiro.

Artigo 9º

Os resultados das concesións seranlles comunicados a cada unha das agrupacións de voluntarios de protección civil, a través das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e ademais publicarase no Diario Oficial de Galicia un extracto das resolucións de concesión de acordo co establecido no artigo 11º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 10º

Recibida polos beneficiarios a comunicación de concesión de axudas, deberán:

a) Comunicar por escrito a súa aceptación ou renuncia no prazo de 15 días, de non facelo así entenderase que renuncia á subvención.

b) Xustifica-lo emprego da subvención no prazo de 30 días desde a resolución de concesión, mediante o envío das facturas (orixinal e copia compulsada) das casas subministradoras de material, conformadas polo presidente da agrupación, así como os gastos dos epígrafes 5, 6 e 7 do artigo 3º desta orde, debidamente conformados polo presidente da agrupación.

c) Presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, aprobadas ou concedidas pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 11º

Posteriormente, unha vez percibido o importe da subvención pola devandita agrupación, esta deberá enviar ó Servicio de Protección Civil da provincia que corresponda, no prazo de trinta días, os xustificantes de pagamento das mencionadas casas subministradoras de acordo coas anteriores facturas, segundo o modelo do anexo II desta orde. Se os pagamentos non se aboan directamente, deberán enviar xustificantes da entidade financeira a través da que se fixo a correspondente transferencia bancaria.

A continuación, o Servicio de Protección Civil da provincia correspondente, unha vez examinada e comprobada toda a documentación requirida e que cumpre co indicado nesta orde, emitirá un informe de conformidade da documentación que será remitido, xunto con toda a documentación, á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

Artigo 12º

No caso de incumprimento da obriga de xustificación á que se refire o artigo anterior, ou da finalidade para a que foi concedida, así como no suposto de que resultase que a agrupación non reúne os requisitos esixidos nesta orde e demais disposicións aplicables, procederá ó reintegro a esta Comunidade Autónoma das axudas percibidas e dos xuros.

Artigo 13º

A resolución das solicitudes de subvención notificaráselles a tódolos peticionarios na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do prodecemento administrativo común. No caso de que, transcorridos seis meses contados desde a

publicación desta orde non se dictase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Interior e Protección Civil para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2001.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais