Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 13 de febreiro de 2001 Páx. 1.901

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN conxunta do 30 de xaneiro de 2001, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional e do Instituto Galego de Consumo, para premia-los traballos presentados na fase autonómica do Certame Europeo do Consumidor Novo.

O Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria teñen establecidas liñas de actuación conxunta cara a impulsa-las actividades para o desenvolvemento da educación do consumidor nos centros escolares, achega-los alumnos e alumnas ó coñecemento do contorno en que nos movemos, descubriren os seus códigos, e seren capaces de interpretalos, adquirindo os mecanismos que permitan a resolución dos problemas.

Aprender a mercar é importante, pero ademais temos que aprender a le-las mensaxes que a sociedade de consumo nos lanza, ter en conta as concepcións que sobre o consumo teñen os alumnos/as e as súas familias, reflexionar sobre estas e promove-los cambios conceptuais que fagan evoluciona-las ideas típicas da sociedade consumista, cara ás fórmulas máis actuais que lles concedan maior marxe de responsabilidade ás persoas como consumidores/as.

Trátase de presenta-la aprendizaxe como investigación, afrontando os problemas de consumo presentes no mundo actual, e os retos que presenta o desenvolvemento das novas tecnoloxías, e facendo especial incidencia na repercusión social do aprendido; ademais de facilita-las interaccións dos alumnos cos seus iguais, cos maiores, coas familias, coas asociacións e institucións locais, etc.

Nesta filosofía está baseado o Certame do Consumidor Novo Europeo 2000/2001, patrocinado pola Comisión Europea.

En consecuencia co anteriormente exposto,

DISPOÑEMOS:

1. Obxecto.

A convocatoria ten por obxecto convoca-los premios da fase autonómica do Certame Europeo do Consumidor Novo, dirixido a rapaces e rapazas de idades comprendidas entre os 10 e os 16 anos, e leva por título: Alimentación Equilibrada.

2. Dotación económica.

A contía dos premios será de 915.123 pesetas (5.500 euros): para o primeiro premio 133.108 pesetas (800 euros); para o segundo premio 99.831 pesetas (600 euros) e para o terceiro premio 83.193 pesetas (500 euros), así como 12 accesit de 300 euros.

O pagamento dos premios farase con cargo á aplicación orzamentaria 08.50.343.A.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego de Consumo para o ano 2001.

3. Bases.

3.1. Poderán participar nesta convocatoria todos aqueles grupos formados por un mínimo de 4 e un máximo de 30 mozos, de idades comprendidas entre 10 e 16 anos, coordinados por un responsable que representa ó grupo (no medio educativo debe ser un profesor de centro).

3.2. Para concursar é necesario presenta-la solicitude que figura como anexo, xunto cos traballos de acordo co especificado nas bases 3.4 e 3.5 da presente convocatoria, antes do día 1 de marzo de 2001.

3.3. O título do certame para o ano 2001 é: Alimentación Equilibrada.

Os temas sobre os que versarán os traballos serán os relacionados coa alimentación desde o punto de vista do equilibrio alimenticio da poboación dos países occidentais e, en particular dos rapaces e rapazas novos, os cambios nos costumes alimenticios da poboación máis nova, e os desequilibrios de saúde que se poden derivar dunha alimentación desequilibrada, etc.

3.4. Os traballos que concursen deberán presentar un dossier descritivo consistente nun mínimo de 3 páxinas DIN A4 (máis bibliografía e fotografías), en soporte papel e en soporte informático, por duplicado, no rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou do Instituto Galego de Consumo, a través das distintas delegacións provinciais ou polas canles establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. No caso de proceder ó envío certificado por correo, a instancia que se debe xuntar ó traballo estará datada e cuñada pola oficina de correos antes da súa certificación.

3.5. Os traballos que se presenten deberán ir xunto coa seguinte documentación:

a) Unha lista que enumere os documentos utilizados e as persoas consultadas (achegando os seus nomes e funcións).

b) Unha descrición detallada de como se organizou e levou a cabo o traballo.

c) Débense achega-las probas, en fotos, da presentación do proxecto rematado a outros grupos de persoas novas e/ou adultos.

d) Unha análise do proxecto da actividade sobre os mozos e adultos a quen lles foi presentado (incluíndo a valoración dos materiais utilizados).

e) Unha valoración-resumo sobre o que representou o proxecto e a experiencia adquirida para e polos participantes.

f) Ademais, débese envia-lo orixinal (ou unha copia exacta do orixinal) do material didáctico utilizado que sexa elaborado expresamente para o certame. Se se producisen vídeos, transparencias, diapositivas, CD-ROM, páxinas WEB, etc, débense incluír probas que faciliten a axeitada valoración deses materiais.

3.6. O feito de non envia-lo dossier descritivo, ó que fai referencia o punto 4º das bases, e en particular as fotos que amosen que o material foi presentado a outros mozos e/ou adultos, producirá a descualificación automática.

3.7. Os traballos que concursen e se axusten a esta convocatoria serán examinados e avaliados por un xurado nomeado polo presidente do Instituto Galego de Consumo e a directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

O xurado, se é o caso, poderá contar co asesoramento de especialistas.

3.8. A decisión do xurado, que será publicada no DOG, será inapelable e poderán ser declarados desertos calquera dos premios anunciados ou, se é o caso, e se o xurado o determina, ser acumulados entre si ou compartidos.

3.9. O traballo clasificado en primeiro lugar concursará na fase española do certame que se celebrará en Madrid, representando a Comunidade Autónoma de Galicia.

3.10. A participación na convocatoria supón a aceptación de tódalas súas bases, así como a cesión do dereito da propiedade dos traballos, nos que se introducirán as variacións que se consideren máis axeitadas á súa finalidade.

O Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, poderán proceder conxuntamente á reproducción, publicación e divulgación dos traballos premiados, que quedarán na súa propiedade.

3.11. A administración educativa poderalles recoñecer ós participantes avaliados positivamente, mediante expedición de certificado, as actividades de innovación realizadas dentro desta convocatoria.

Disposición derradeira

Nos aspectos non previstos na presente resolución haberá que aterse ó disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificada pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2001.

Mª del Pilar del Mar Pérez MarsóVíctor Tello Calvo

Directora xeral de Ordenación EducativaPresidente do Instituto

e Formación ProfesionalGalego de Consumo