Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 07 de febreiro de 2001 Páx. 1.631

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 25 de xaneiro de 2001 sobre selección, proposta e nomeamento de funcionarios interinos para cubrir prazas vacantes nos corpos de médicos forenses, oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza na Comunidade Autónoma galega.

Polo Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro, traspasáronse á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servicios que, dentro de seu territorio, viña desempeñando a Administración central do Estado en materia de medios persoais ó servicio da Administración de xustiza.

Mediante o Decreto 438/1996, do 20 de decembro, de asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma, asígnanselle á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais as funcións, servicios e medios asumidos con relación ó persoal transferido ó servicio da Administración de xustiza.

Baseándose na asunción de tales competencias, díctase a presente orde que regula a constitución e funcionamento das bolsas de traballo para os diver

sos corpos de funcionarios ó servicio da Administración de xustiza dentro do ámbito da Comunidade Autónoma, tendo como obxectivo principal a selección de persoas mediante un mecanismo que respecte os principios constitucionais na materia, de xeito que poidan incorporarse inmediatamente ó órgano que o necesite, coa menor interrupción posible do seu traballo normal.

Polo anteriormente exposto, de conformidade co disposto no artigo 59 do Real decreto 249/1996, do 16 de febreiro, que aproba o Regulamento de oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza e no artigo 29 de Real decreto 296/1996, do 23 de febreiro, que aproba o Regulamento de médicos forenses, e logo de negociación coas organizacións sindicais, Confederación de Sindicatos Independentes e Sindical de Funcionarios (CSI-CSIF), Comisións Obreiras (CC.OO.), Unión Xeral de Traballadores (UGT), Confederación Intersindical Galega (CIG) e Sindicato Profesional de Xusticia-Unión Sindical Obreira (SPJ-USO)

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Disposición xeral.

A Dirección Xeral de Xustiza da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, poderá nomear por necesidades do servicio, a funcionarios interinos da Administración de xustiza para ocuparen provisionalmente as vacantes que existan nos cadros de persoal dos órganos xudiciais, fiscalías e servicios da Administración de xustiza en Galicia, cando non poidan ser cubertas por funcionarios titulares mediante os mecanismos habituais de provisión de postos de traballo, como tamén para reforza-los devanditos cadros de persoal en supostos de carácter urxente.

Artigo 2º.-Bolsa de traballo.

1. O obxecto da presente orde é a constitución de relacións de persoas que desexen traballar na cobertura temporal de prazas nos órganos xudiciais e servicios da Administración de xustiza.

2. Constituiranse bolsas de traballo de ámbito provincial cunha porcentaxe por cada un dos seguintes corpos: 10 por 100 para oficiais, 25 por 100 para auxiliares, 20 por 100 para axentes e o 100 por 100 para médicos forenses. Reservarase o 3 por 100 en cada caso para persoas minusválidas cun grao superior ó 33 por 100, conforme a última orde de convocatoria de procesos selectivos para o acceso ós corpos da Administración de xustiza.

Así mesmo, en cada unha das bolsas constituirase unha cota de reserva que represente como máximo un 30 por 100 da porcentaxe que integra cada bolsa.

3. A bolsa constituída terá unha duración de dous anos, agás que sexa esgotada algunha das súas listas, ou ben cando circunstancias especiais o aconsellen e fagan necesaria unha nova convocatoria, tras consulta á comisión paritaria.

Artigo 3º.-Solicitude de inclusión na bolsa de traballo.

1. Requisitos:

Calquera interesado que cumpra os requisitos para o ingreso nos corpos respectivos, segundo o regulamento correspondente, poderá solicita-la súa inclusión na bolsa de traballo, presentando o modelo que se xunta como anexo I a esta orde, aínda que se atopen desenvolvendo funcións como interinos na Administración de xustiza na Comunidade Autónoma galega, no momento de finaliza-lo prazo de presentación de instancias.

Ademais deberán tamén concorre-los seguintes requisitos:

a) Ser español, maior de idade e non acada-la idade de xubilación no transcurso do primeiro ano de vixencia da bolsa.

b) Figurar inscrito no Instituto Nacional de Emprego como demandante de emprego ou mellora de emprego, agás os que se atopen traballando.

c) Non ter causa de incompatibilidade, expediente disciplinario aberto nin ter sido inhabilitado ou cesado en firme por expediente disciplinario, sentencia firme ou falta de capacidade nos últimos tres anos e atoparse no pleno exercicio dos seus dereitos civís.

d) Non padecer defecto físico ou enfermidade psíquica ou física, ou calquera outra circunstancia que o incapacite para o posto de traballo.

e) Estar en posesión da titulación ou en condicións de obtela antes de finaliza-lo prazo de presentación de instancias, necesaria para o ingreso en cada corpo, e así:

1. Para os postos de médico forense: licenciatura en medicina.

2. Para postos de oficiais: título de bacharelato unificado polivalente ou equivalente.

3. Para postos de auxiliares: título de graduado en educación secundaria ou equivalente. De acordo co disposto na orde do Ministerio de Educación e Cultura do 4 de novembro de 1996, considéranse equivalentes os títulos académicos oficiais de graduado escolar e certificado de estudios primarios expedido con anterioridade ó remate do ano 1975/1976.

Diploma ou certificación obtidas nos últimos tres anos para acreditar experiencia práctica en mecanografía. Quedará exento da presentación deste diploma ou certificado, quen acredite que desempeñou posto de oficial interino ou auxiliar da Administración de xustiza, ou tamén de auxiliar nas distintas administracións públicas nos últimos tres anos.

4. Para postos de axentes xudiciais: certificado de escolaridade ou a acreditación á que se refire o artigo 15.2º do Real decreto 1007/1991, do 14 de xuño.

f) Residencia na Comunidade Autónoma galega.

Á solicitude deberanse xunta-los seguintes documentos na forma determinada polo anexo I.

A) Documentos con carácter xeral:

1. Fotocopia do documento nacional de identidade vixente.

2. Certificado de empadroamento ou residencia cando non sexa coincidente co que figura no DNI.

3. Documento acreditativo de estar inscrito no Instituto Nacional de Emprego como demandante de emprego ou mellora de emprego.

4. Fotocopia da titulación necesaria para o ingreso en cada corpo.

Estarán exentos de presenta-la documentación dos números 3 e 4 os que se atopen traballando na Administración de xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tódalas fotocopias deberán estar cotexadas.

B) Servicios prestados:

No caso de ter prestados servicios na Administración de xustiza como funcionario interino, farase constar na solicitude especificando corpo, órgano xudicial e períodos de tempo. Para acreditar estes servicios, deberase achegar certificado do fiscal-xefe, director do instituto ou secretario xudicial dos órganos ou servicios onde se prestasen, ou ben copias das actas de toma de posesión e cesamento en cada un deles. Cando a dirección xeral teña a documentación precisa, non será necesaria a súa achega. Só se terán en conta os períodos alegados na solicitude.

C) Para acredita-la participación nas últimas probas conclusas de ingreso nos corpos de funcionarios da Administración de xustiza non será necesario achegar certificación en tanto a Administración dispoña das listas correspondentes, sen prexuízo de que a circunstancia debe ser alegada polo solicitante no modelo de instancia.

Artigo 4º.-Ordenación dos interesados na bolsa de traballo.

1. Méritos xerais:

a) 0,25 puntos por cada mes completo de servicio como funcionario interino da Administración de xustiza naquel corpo funcionarial onde solicite ser incluído na bolsa de traballo, computándose a antigüidade desde o ano 1992, cun máximo de 18 puntos, e valorándose, se é o caso, na bolsa de auxiliares, os servicios prestados como oficial interino.

b) 4 puntos cando se superara o primeiro exercicio da última oposición conclusa, convocada para o acceso ó mesmo corpo no que se solicita a inclusión, e 2 puntos se tamén se superou o segundo exercicio. Total 6 puntos.

c) 0,75 puntos en grao de iniciación e 1 punto en grao de perfeccionamento do idioma galego. Non se valorarán as titulacións imprescindibles para a obtención doutras de nivel superior. Só se concederá validez ós cursos ou titulacións homologados pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

d) 0,3 puntos por un curso oficial de informática de ata cen horas e 0,5 puntos por un curso superior

a cen horas, sendo incompatibles entre si. De teren máis dun, só se puntuará un deles. No caso de que non figure o número de horas no certificado achegado, aplicarase a menor valoración.

2. Méritos específicos:

Médicos forenses:

-1 punto para e especialidade de medicina legal e 0,5 puntos por outras especialidades médicas.

- 0,10 puntos por cursos e diplomas en materias propias de medicina legal de duración mínima de 20 horas. Máximo 0,30 puntos.

Oficiais:

-1 punto por seren licenciados en dereito, e 0,5 puntos por seren graduados sociais, criminólogos ou diplomados en dereito ou equivalente.

No suposto de empate, desfarase pola maior puntuación obtida segundo a orde establecida nos méritos xerais. De continua-lo empate, terase en conta, se é o caso, a puntuación obtida no primeiro exercicio de acordo coa alínea b), ou, no seu defecto, observarase a prioridade alfabética comezando pola letra correspondente á última oferta de emprego para os corpos de Administración de xustiza.

Artigo 5º.-Constitución das bolsas de traballo.

1. Órganos competentes para a súa constitución.

Será competente para a formación das bolsas de traballo a Dirección Xeral de Xustiza da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

2. Formación e publicación.

Unha vez baremadas as instancias, os órganos competentes procederán á publicación das bolsas provisionais dos seleccionados debidamente ordenadas, nos taboleiros oficiais do Tribunal Superior de Xustiza, audiencias provinciais, decanato así como na Dirección Xeral de Xustiza e no Servicio de Xerencia de Xustiza, debendo figurar nestas listas o nome, apelidos, número de documento nacional de identidade e número de orde e puntuación desagregada obtida na bolsa respectiva.

Os interesados terán dez días para reclamar sobre calquera dos datos contidos na lista perante o órgano convocante, que publicará a bolsa definitiva nos mesmos taboleiros cá convocatoria nun prazo máximo dun mes.

Non se poderá pertencer a máis dunha bolsa de traballo. Os incluídos en máis dunha, optarán no mesmo prazo de dez días desde a publicación das listas provisionais á bolsa á que queiran pertencer. De non facelo, incluiranse de oficio naquela que ocupe mellor posición.

Artigo 6º.-Formulación de proposta de interino.

Cando se produza a necesidade de cubrir unha praza vacante, os secretarios xudiciais, logo de llo comunicar á Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza, solicitarán á Dirección Xeral de Xustiza,

-a través do Servicio de Xerencia-, o nomeamento dun funcionario interino xustificando a necesidade de cubri-la praza segundo o modelo que figura no anexo II.

A Dirección Xeral de Xustiza poderá autoriza-lo nomeamento á vista das necesidades do servicio e as dispoñibilidades orzamentarias, ben de plano, ben unha vez oída a Comisión Mixta formada pola Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza e a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Artigo 7º.-Selección e nomeamento para un posto concreto.

A Dirección Xeral de Xustiza a través do Servicio de Xerencia de Xustiza, seleccionará o candidato que corresponda respectando a orde de prioridade establecido na respectiva bolsa.

Se a persoa proposta non aceptase o nomeamento por unha soa vez, será incluído se o solicita ó final da bolsa, agás imposibilidade física acreditada ou maternidade, que se manterá no mesmo posto.

No suposto de maternidade darase opción á interesada a mante-la súa orde na bolsa ata ter cumprido o prazo de dezaseis semanas despois do parto ou maior prazo legal previsto de ser parto múltiple.

Se a persoa se atopase desenvolvendo funcións como interina na Administración de xustiza no momento de ser chamada, será incluída ó final da bolsa.

Para o caso de non se presentar a tomar posesión por causa non xustificada no prazo máximo de oito días naturais, entenderase que renuncia ó nomeamento e quedará excluída da bolsa de traballo.

Cobertura de vacantes de oficiais: cando sexa necesario cubrir por período superior a un mes unha praza de oficial da Administración de xustiza, o fiscal-xefe ou o secretario do órgano xudicial deberá propoñe-la súa cobertura por un auxiliar titular do propio órgano mediante o modelo normalizado anexo II a esta orde, logo de oferta a todos eles.

De haber dous ou máis candidatos a esta substitución, poderán solicitala ambos, procedendo o secretario xudicial a propo-lo máis antigo do corpo. No caso de empate terá preferencia o que estea en posesión do bacharelato superior ou equivalente. De persisti-lo empate, acudirase ó escalafón do corpo de auxiliares.

Procederá a rotación dos auxiliares, por orde de antigüidade, para as seguintes substitucións no mesmo órgano.

De non haber ningún auxiliar interesado na substitución, poderase solicita-lo nomeamento dun oficial interino.

A substitución dará lugar á percepción do complemento fixado na normativa vixente, computándose, ademais, este tempo para efectos de promoción.

Así mesmo, o posto provisionalmente desocupado polo auxiliar titular en funcións de oficial poderá ser cuberto mediante nomeamento dun auxiliar interino.

Artigo 8º.-Nomeamento de interino de reforzo.

As solicitudes de nomeamento de interinos de reforzo dirixiranse á Dirección Xeral de Xustiza a través da Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Estas peticións serán estudiadas na comisión mixta formada pola Sala de Goberno e a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, para valora-lo obxectivo perseguido, o traballo que ten que realiza-lo persoal interino e o tempo necesario de duración da medida, podendo solicitarse os informes que se estimen necesarios para acredita-la necesidade de reforzo.

Trala valoración de todo o anterior, sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan, a Dirección Xeral de Xustiza poderá proceder ó nomeamento.

Artigo 9º.-Entrega de documentación.

Chamados os integrantes da bolsa a ocupar un posto concreto, o seleccionado deberá presentar no órgano convocante no prazo de catro días os documentos que a continuación se detallan:

a) Declaración xurada de non estar condenado, procesado nin inculpado por delicto doloso, incurso en causa de incompatibilidade, nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

b) Certificado médico que acredite non padecer defecto físico ou enfermidade psíquica ou física, que o incapacite para o desempeño do cargo.

c) Os aspirantes que teñan a condición legal de discapacitados con grao igual ou superior ó 33 por 100 deberán presentar certificación dos órganos competentes do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, se é o caso, da Comunidade Autónoma, que acredite a súa capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto que vai ocupar.

A non presentación da documentación indicada suporá a baixa automática na bolsa de traballo.

Artigo 10º.-Cesamentos e renuncias.

Os nomeamentos dos funcionarios interinos quedarán sen efecto cando se produza algunha das seguintes circunstancias:

1. Cando sexa cuberta por funcionario titular unha praza desempeñada por interino. No caso de que por circunstancias determinadas o funcionario titular non ocupase efectivamente o posto de traballo, o cesamento terá efectos no momento da incorporación efectiva do funcionario titular. Se no órgano de que se trata houbese máis dun funcionario interino, deberá cesar aquel que se nomeara en data máis recente no órgano. No caso de empate adicarase o establecido no artigo 4.1, desta orde.

2. Por falta ou falsidade inicial ou sobrevida dalgúns dos requisitos esixidos ou circunstancias alegadas para á súa inclusión na bolsa.

3. Por sanción de falta moi grave cometida polo funcionario interino, conforme o previsto no seu regulamento orgánico en materia de expediente disciplinario.

4. Por manifesta falta de capacidade ou de rendemento. O secretario xudicial, oído o xuíz ou presidente, así como os directores dos anatómicos forenses ou os fiscais- xefes, poderán propoñer á Dirección Xeral de Xustiza o cesamento do funcionario interino, motivando a súa proposta e xuntando as alegacións do interesado. O órgano competente, dará traslado da proposta de cesamento e das alegacións recibidas ós sindicatos asinantes do acordo, que no prazo de dez días naturais poderán efectua-las consideracións e propoñe-las probas que consideren procedentes. O Servicio de Xerencia, unha vez efectuadas as probas consideradas pertinentes, formulará proposta á directora xeral de Xustiza que resolverá nun prazo de dez días naturais.

5. Por expiración do prazo ou finalización das necesidades do servicio ou urxencia que motivaron a cobertura mediante persoal interino.

6. Por supresión da praza desempeñada.

7. Por cumpri-la idade establecida no artigo 467 da Lei orgánica do poder xudicial.

8. Por renuncia do interino, que deberá ser comunicada previamente á Dirección Xeral de Xustiza a través do Servicio de Xerencia.

O persoal interino que cese voluntariamente quedará excluído da bolsa durante a súa vixencia.

Os funcionarios interinos integrantes da bolsa vixente que cesen no seu posto durante a mesma, poderán solicitar no prazo de cinco días hábiles ante o Servicio de Xerencia, a súa reincorporación.

No suposto de ser destinado a cubrir unha praza por tempo inferior a 180 días, será incorporado no posto que lle correspondería por orde de puntuación tantas veces como sexa necesario para acadar tal período.

De non solicita-la reincorporación no prazo fixado de cinco días ou, supera-lo tempo do parágrafo anterior, será incorporado ó final da bolsa por orde cronolóxica.

Artigo 11º.-Participación e información.

1. Os sindicatos asinantes, CSI-CSIF, CC.OO., UGT, CIG e SPJ-USO, do acordo resultante da negociación da presente orde, participarán en todo o proceso de elaboración e selección dos integrantes da bolsa de interinos, creándose para tal efecto, unha comisión paritaria integrada por un representante de cada sindicato e da Dirección Xeral de Xustiza, que velará pola súa aplicación e desenvolvemento.

2. As xuntas de persoal como órganos colexiados poderán acada-la información que consideren precisa sobre os criterios seguidos nos expedientes de proposta e nomeamento de funcionarios interinos, así como obter copias das bolsas de traballo.

Artigo 12º.-Eficacia temporal dos nomeamentos.

1. A vinculación xurídica e económica coa Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais dos funcionarios interinos comeza desde o momento do nomeamento e toma de posesión subseguinte. As persoas que xa fosen propostas non poderán tomar posesión nin desempeña-las funcións propias do cargo ata que se lles notifique o nomeamento polos órganos competentes da Dirección Xeral de Xustiza.

2. A devandita vinculación extínguese na mesma data da posesión do titular que cubra a vacante, cando se incorpore o funcionario substituído, cando non se eleve a definitivo o nomeamento provisional ou cando por calquera outra causa regulamentaria se dispoña o cesamento.

Artigo 13º.-Cursos de formación.

Sempre que as posibilidades orzamentarias o permitan, impartirase ó persoal seleccionado nas bolsas de traballo, cursos de formación dentro dos plans de formación permanente de funcionarios ó servicio da Administración de xustiza.

Disposicións adicionais

Primeira.-Cando un interino pertencente á bolsa de traballo constituída noutra comunidade autónoma ou xerencia concreta, se traslade a un domicilio ubicado na Comunidade Autónoma galega, poderá solicita-la inclusión nunha provincia desta comunidade, sendo baremado segundo a regulación do artigo 4º desta orde, achegando certificación de méritos do órgano xestor de onde proceda, e incluirase sempre que acade a puntuación do último integrante do corpo no que solicite.

Segunda.-Prohíbese a intervención nas oficinas xudiciais, nas fiscalías e en toda clase de órganos, como meritorio, de quen non dispoña de nomeamento como funcionario interino.

Disposicións transitorias

Primeira.-Ata a publicación das listas definitivas das bolsas de interinos que se constitúan conforme as normas da presente orde, seguirán nomeándose interinos das bolsas constituídas conforme a normativa que se derroga.

Segunda.-O prazo de presentación de instancias para formar parte da bolsa de traballo correspondente a convocatoria do 2001 será de 15 días hábiles a partir do día seguinte ó de publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Quedan derrogadas as normas contidas na Orde de 31 de agosto de 1998 da Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2001.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais