Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 07 de febreiro de 2001 Páx. 1.628

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 23 de xaneiro de 2001 pola que se convoca un curso de iniciación a Internet.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2001, e conforme ás funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso de iniciación a Internet, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivo a introducción dos alumnos no manexo e na adquisición das habilidades necesarias

para desenvolverse de forma adecuada nas utilidades e vantaxes que a Internet e o correo electrónico presentan para o seu traballo.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos das policías locais de Galicia e membros da Unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia que posúan e poidan acreditar coñecementos medios de informática. Para estes efectos serán tidos en conta todos aqueles que teñan realizados os cursos básico e de perfeccionamento na Academia Galega de Seguridade. No caso de quedaren prazas vacantes, ós membros do Corpo Nacional de Policía e Garda Civil.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertan en cada curso é de 15.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 23 de febreiro de 2001, ás 14 horas.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal, ou polo concelleiro de tráfico e seladas; será isto requisito indispensable para ser admitido no curso; o incumprimento deste requisito levará consigo a non admisión no devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

O curso realizarase en sesións de tarde, de luns a venres, e nel trataranse, entre outros, os seguintes temas:

a) Conceptos básicos e configuración do acceso.

b) A www. Uso dos navegadores. Portais e buscadores.

c) O correo electrónico.

d) Outros servicios: noticias, FTP, chat (IRG).

Datas.

O curso realizarase en datas do 5 ó 16 de marzo de 2001, e en horario de 17 a 20 horas.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 27 de febreiro de 2001 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade; poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono: 986 59 00 21.

Lugar.

O curso desenvolverase na aula de informática da Academia Galega de Seguridade, sita na avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada.

Certificado de asistencia e aproveitamento.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el e superen unha proba de coñecementos.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 23 de xaneiro de 2001.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade