Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 07 de febreiro de 2001 Páx. 1.627

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 12 de xaneiro de 2001 pola que se convocan 11 cursos de segundo nivel sobre loita contra incendios urbanos e forestais.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2001, e conforme as funcións que ten encomendadas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización de 11 cursos de 2º nivel sobre a loita contra incendios urbanos e forestais, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Dota-lo persoal voluntario de protección civil que asiste ós cursos dunha formación teórico-práctica que lle facilite a realización das tarefas que teña encomendadas.

Destinatarios.

Os cursos van dirixidos ós membros das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia que previamente superasen o curso básico.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Solicitudes.

1. As persoas que desexen participar nestes cursos presentarán cuberta á máquina ou con letra moi clara a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 9 de marzo de 2001, ás 14 horas.

3. As instancias serán enviadas polo presidente da agrupación correspondente á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido.

O contido dos cursos de 2º nivel sobre a loita contra incendios urbanos e forestais divídese en catro partes:

a) Introducción. Conceptos xerais.

b) Incendios urbanos.

c) Incendios forestais.

d) Primeiros auxilios.

Duración e datas.

Os cursos terán lugar durante o ano 2001, e terán unha duración de 40 horas lectivas. As datas de realización quedan por determinar en función do número e localización de solicitudes.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 23 de marzo de 2001 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono: 986 59 00 21.

Lugar.

Determinarase en función das solicitudes recibidas.

Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en tódalas actividades do curso. A falta de asistencia, aínda cando

sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas, determinará a cualificación de non apto no curso.

Certificado de aproveitamento.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada a eles e superen as correspodentes probas.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 12 de xaneiro de 2001.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade