Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 05 de febreiro de 2001 Páx. 1.383

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 23 de xaneiro de 2001 pola que se establecen axudas individuais para o tratamento de drogodependencias en comunidades terapéuticas.

A Comunidade Autónoma de Galicia asume a competencia exclusiva en materia de asistencia social no artigo 27.23º do Estatuto de autonomía.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais para Galicia, establece os servicios sociais de atención especializada na área de drogodependencias, incluídas as alcohólicas, orientándoos especificamente ó desenvolvemento de programas de prevención e inserción social das persoas afectadas por calquera forma de toxicomanía; os seus artigos 50 e 51, recollen a posibilidade de lles conceder prestacións e axudas económicas periódicas ás persoas que se atopen en situacións de necesidade material e marxinación social.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, nos termos do Decreto 48/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos seus servicios centrais, é o órgano responsable da superior dirección e do control do desenvolvemento das funcións e competencias que, en materia de servicios sociais, sen prexuízo das atribucións doutras consellerías, lle corresponden á Xunta de Galicia.

A orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998 (Diario Oficial de Galicia nº 33, do 19 de febreiro), posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ó capítulo IV dos orzamentos xerais da Comunidade

Autónoma, no exercicio inmediatamente anterior ó dos orzamentos con cargo ós que se vaian imputa-los correspondentes gastos. Doutra banda no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no proxecto de Lei de orzamentos da comunidade galega para o ano 2001, establécense os requisitos aplicables ás subvencións concedidas pola Administración autonómica, normativa, en consecuencia, á que se adaptará a presente orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

O Plan de Galicia sobre Drogas establece, como directrices xerais, a descentralización das accións e a centralización da planificación operativa, así como a distribución equitativa de recursos en cinco áreas diferentes: prevención, asistencia, reinserción, formación e investigación.

Tendo en conta a demanda de axudas en materia de tratamento de drogodependencias, a conveniencia en determinados casos de levala a cabo en comunidades terapéuticas e o alto custo da estadía neste tipo de centros non dependentes do Plan de Galicia sobre Drogas, faise necesaria a existencia de axudas orientadas a sufraga-lo seu importe durante o período de vixencia da presente orde.

Por todo o anteriormente exposto, en virtude das competencias que teño atribuídas para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto da convocatoria.

1.1. A presente orde ten por obxecto o establecemento de axudas individuais para o tratamento de drogodependencias, incluídas as alcohólicas, en comunidades terapéuticas situadas tanto na Comunidade Autónoma de Galicia como no resto do territorio nacional.

As ditas comunidades terapéuticas, en todo caso, deberán contar coa autorización de funcionamiento outorgada pola Administración autonómica respectiva.

1.2. A solicitude, tramitación e concesión das axudas obxecto da presente orde axustarase ó disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, á orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998 e ó que estableza o proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autonóma galega para o ano 2001.

1.3. A concesión das axudas imputarase á partida orzamentaria 11.03.212A.486.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, destinándose para este fin unha contía global máxima de 14.321.000 pesetas.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas afectadas por algún tipo de toxicomanía que residan

na Comunidade Autónoma de Galicia e reúnan os seguintes requisitos:

2.1. Existencia dunha necesidade real e obxectiva do tratamento neste tipo de recurso.

2.2. Non percibir prestación económica de análoga natureza e finalidade a cargo de institucións ou organismos públicos e/ou privados.

Artigo 3º.-Contía.

A contía das axudas poderá chegar á totalidade dos gastos derivados da estadía e do tratamento na comunidade terapéutica.

Artigo 4º.-Solicitude e documentación.

4.1. As solicitudes formalizaranse mediante instancia segundo o modelo oficial que se xunta como anexo á presente orde, debidamente cubertas polo beneficiario ou polo seu representante legal, se é o caso.

4.2. Documentación que se presentará coa solicitude:

4.2.1. Fotocopia do DNI do beneficiario ou do seu representante legal, dado o caso.

4.2.2. Informe da Unidade Asistencial de Drogodependencias da rede do Plan de Galicia sobre Drogas correspondente ó seu ámbito territorial, sobre a pertinencia do ingreso do solicitante da axuda na comunidade terapéutica.

4.2.3. Informe social relativo á situación persoal, familiar, económica e social do solicitante expedido pola referida Unidade Asistencial de Drogodependencias se aquel recibiu tratamento nela, ou polos servicios sociais de atención primaria do concello de residencia nos demais casos.

4.2.4. Xustificante dos ingresos económicos da unidade familiar, última declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas ou certificación negativa da correspondente Delegación de Facenda en caso de non a presentar.

4.2.5. No caso de que estea ou estivese a tratamento por causa da mesma natureza, informes de que dispoña.

4.2.6. Certificación expedida polo representante da comunidade terapéutica na que se acredite que o solicitante está ingresado ou ten demandado o seu ingreso así como o custo real do tratamento.

4.2.7. Declaración de non percibir outras axudas públicas para igual concepto ou, en caso contrario, acreditación do importe total das subvencións percibidas.

Artigo 5º.-Prazo de presentación.

As solicitudes deberán ser presentadas nun prazo de dous meses, contados desde a entrada en vigor da presente orde.

Artigo 6º.-Tramitación.

6.1. Presentación das solicitudes.

As solicitudes formalizaranse perante as delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, centros de servicios sociais, servicios sociais municipais e/ou de conformidade co previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro,

de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999.

6.2. Se a solicitude tivese algún defecto ou non se presentase algún dos documentos, requirirase o interesado para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu da súa petición, logo de resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999.

Artigo 7º.-Comisión de valoración.

7.1. Unha vez completados os expedientes, pasarán á comisión de valoración, a cal, unha vez estudiada cada solicitude, efectuará proposta de resolución que lle remitirá ó delegado provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

7.2. Para tal efecto, en cada delegación provincial constituirase unha comisión de valoración composta polos seguintes membros:

-Presidente: xefe da Área de Servicios Sociais.

-Vocais: 2 funcionarios da Área de Servicios Sociais, designados polo delegado provincial, un dos cales deberá se-lo xefe de servicio, actuando calquera deles como secretario.

7.3. Ás reunións da comisión poderán asistir un representante da oficina do Comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas, con voz e voto, así como un representante da intervención territorial, que actuará con voz pero sen voto.

7.4. Se, por calquera causa, algún dos seus compoñentes non puidese asistir ás reunións, será substituído polo que designe o órgano competente para o outorgamento das axudas, debendo recaer, sempre que sexa posible, noutro funcionario do mesmo servicio có substituído.

Artigo 8º.-Orde de prelación na concesión de axudas.

Dado o carácter limitativo dos créditos destinados a estas axudas, a comisión de valoración establecerá unha orde de prelación para as propostas de resolución, de acordo coas circunstancias persoais, sociais, económicas e cargas familiares dos solicitantes, valoradas conxuntamente.

Art. 9º.-Resolución.

9.1. A resolución das axudas solicitadas ó abeiro da presente orde corresponderalles ós delegados provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais por delegación do conselleiro.

9.2. Finalizada a fase de instrucción coa formulación das propostas de resolución polas comisións de valoración e unha vez fiscalizadas polas respectivas intervencións territoriais, os delegados provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais dictarán resolución motivada na que se especifique en cada caso a comunidade terapéutica na que o beneficiario recibirá o tratamento así como o importe da axuda que se lle concede.

9.3. O importe das axudas que se vaian outorgar determinarase en réxime de concorrencia competitiva atendendo as circunstancias persoais, sociais, económicas e cargas familiares dos solicitantes, valoradas conxuntamente.

9.4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

9.5. O prazo máximo para a resolución do procedemento e a súa notificación será de seis meses contados a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria. As resolucións notificaranse ó interesado, ou ó seu representante legal, e á comunidade terapéutica correspondente.

Transcorrido o prazo máximo para resolve-lo procedemento sen que recaese resolución expresa, poderase entender desestimada a concesión da subvención.

Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior e con carácter excepcional poderanse efectuar resolucións complementarias fóra do prazo establecido, cando no fose posible efectualas dentro del, por existiren fondos provenientes de recursos de subvencións inicialmente concedidas.

9.6. As resolucións recaídas porán fin á vía administrativa e contra delas poderase recorrer potestativamente en reposición ou ser impugnadas directamente ante a orde xurisdiccional contencioso-administrativa, de acordo co previsto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999.

Artigo 10º.-Seguimento.

Trimestralmente presentarase un informe, expedido pola comunidade terapéutica na que estea o beneficiario, no que se faga consta-la súa evolución.

Artigo 11º.-Pagamento.

O pagamento efectuarase, en prazos trimestrais, directamente á comunidade terapéutica á que acuda o beneficiario, segundo o acordo con aquela en cada caso, unha vez recibida a certificación do responsable do centro sobre a permanencia neste do beneficiario, de acordo co establecido no artigo anterior. En todo caso respectaranse os límites establecidos no proxecto de Lei de orzamentos para o ano 2001 en canto á realización de pagamentos parciais.

Así mesmo, no momento da xustificación final do gasto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, tanto as aprobadas

e concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo obxecto, que corresponde ás axudas reguladas pola presente orde.

Artigo 12º.-Comprobación.

Os perceptores das axudas ou subvencións quedan sometidos ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Disposicións adicionais

Primeira.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde, especialmente o abandono do tratamento por parte do beneficiario, así como a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do reintegro desta, xunto cos xuros de demora, por parte do beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Segunda.-A concesión destas axudas terá como límite global o do crédito consignado nos orzamentos para estes fins.

Terceira.-As delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderán requirir, en todo momento, a documentación orixinal que consideren necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas. Ademais, os beneficiarios quedan obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino da axudas.

Cuarta.-En materia de infraccións e sancións aplicarase ó disposto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias, e de función pública e actuación administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Servicios Sociais para, no exercicio das súas competencias, dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2001.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais