Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 05 de febreiro de 2001 Páx. 1.381

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 2/2001, do 24 de xaneiro, pola que se crea a escala de persoal investigador para os centros de investigación e desenvolvemento tecnolóxico da Xunta de Galicia e se establecen normas para a provisión dos seus postos de traballo.

De acordo co que establece o capítulo VII da Lei 12/1993, do 29 de xullo, de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, a Xunta ten centros de investigación de tipo tecnolóxico adscritos a distintas consellerías, o mantemento dos cales en instalacións, infraestructuras e persoal é inevitablemente custoso.

O bo funcionamento destes centros e polo tanto a súa rendibilidade respecto dos obxectivos que, no eido da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico, as mencionadas consellerías lles van marcando dependen criticamente da cualificación e dedicación do seu persoal investigador, ata o extremo de que, se este aspecto non se coida, os seus servicios puideran chegar a ser pouco significativos para o desenvolvemento dos sectores afectados.

Polo tanto, é de extraordinaria importancia definir unha escala de persoal investigador e establecer mecanismos de selección que incorporen o perfil científico-técnico que requiren os seus postos de traballo e que nos ditos mecanismos se apliquen rigorosamente os principios de igualdade, capacidade, mérito e publicidade. Estes principios téñenselles que aplicar tamén ós mecanismos de promoción, que actuarán como estímulo.

Por todas estas razóns, ó abeiro da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, que promulga o Estatuto de autonomía de Galicia, esta lei crea a escala de persoal investigador para os centros de investigación e desenvolvemento dependentes da Xunta de Galicia e establece normas xerais para a provisión dos seus postos de traballo, todo iso no marco da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, e da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, e tendo en conta as singulares características que afectan o persoal investigador. Esta lei, á que terá que seguir outra relativa ó persoal técnico auxiliar, considérase imprescindible para lle dar maior racionalidade e eficacia ó sistema ciencia-tecnoloxía-empresa de Galicia.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei pola que se crea a escala de persoal investigador para os centros de investigación e desenvolvemento tecnolóxico da Xunta de Galicia e se establecen normas para a provisión dos seus postos de traballo.

Artigo 1º.-Creación da escala.

Créase, dentro do corpo facultativo superior da Xunta, grupo A, a escala de investigadores e expertos en desenvolvemento tecnolóxico (escala de expertos en I+DT).

Artigo 2º.-Funcións da escala.

1. Os compoñentes da escala, de acordo coa clase á que pertenzan e dentro do ámbito definido polas características do posto que ocupan, desenvolverán as seguintes funcións:

a) Dirixir e realizar proxectos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

b) Colaborar en tarefas de formación de investigadores.

c) Colaborar no desenvolvemento de proxectos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

d) Elaborar e interpretar memorias e informes técnicos relacionados co seu posto de traballo.

2. Os compoñentes da escala estarán obrigados a resolve-las consultas que se lles formulen en relación coa articulación da política científica e tecnolóxica da Comunidade Autónoma, así como a participar na execución desta.

Artigo 3º.-Clasificación dos postos de traballo reservados á escala.

Os postos de traballo reservados á escala de expertos en I+DT agrúpanse en catro clases: Al, A2, A3 e A4, sendo necesario, en todo caso, posuí-lo nivel académico de licenciado, arquitecto superior, enxeñeiro superior ou equivalente para os niveis A3 e A4 e de doutor para os Al e A2.

Artigo 4º.-Acceso á escala.

O acceso á escala farase por concurso oposición libre a un posto determinado daquela, de acordo coas relacións de postos de traballo.

A fase de concurso consistirá na presentación e defensa do currículo do aspirante perante o tribunal e será valorado libre e xustificadamente por este, en función das características do posto de traballo ó que se opte.

A fase de oposición consistirá na elaboración, presentación e defensa dun proxecto relacionado coas funcións propias do posto convocado. Ademais, os aspirantes acreditarán o coñecemento do idioma galego na forma que regulamentariamente se determine.

Tanto a fase de concurso coma as probas da fase de oposición serán eliminatorias, podendo o tribunal formularlle ó aspirante as preguntas que considere oportunas en ámbalas dúas fases.

Antes da realización de calquera concurso oposición libre, as prazas vacantes deberanlles ser ofertadas ós compoñentes da escala para a súa provisión por traslado e posteriormente por promoción interna, de acordo co que se establece no artigo 5º. As prazas

que queden vacantes serán incluídas no concurso oposición libre.

Artigo 5º.-Mobilidade e ascenso.

1. Os funcionarios pertencentes á escala poderán trasladarse a postos vacantes da mesma clase cós da praza que ocupan. Para iso terán que superar un concurso do tipo que se regula no artigo 4º.

2. Os funcionarios pertencentes á escala poderán acceder ós postos vacantes da clase inmediatamente superior ó da praza que ocupan. Para iso deberán posuír unha antigüidade de polo menos tres anos na clase inmediatamente inferior, ou de seis nas outras, reuni-las condicións esixidas para ocupa-lo posto ó que optan e superar un concurso oposición restrinxido. O concurso oposición restrinxido axustarase ó establecido para o efecto no artigo 4º.

Artigo 6º.-Tribunais.

Os tribunais encargados da selección dos aspirantes estarán integrados por funcionarios especialistas na materia de que se trate, en número non inferior a cinco, designados polo procedemento que regulamentariamente se estableza.

Artigo 7º.-Relacións de postos de traballo.

Os postos reservados á escala figurarán nas relacións de postos de traballo, nas que se especificarán as súas características, así como os requisitos que deberán reuni-los aspirantes a desempeñalos.

Artigo 8º.-Informe previo.

A reserva inicial, creación e modificación de postos á escala I+DT, así como as bases das convocatorias dos concursos para a provisión de vacantes e as dos concursos oposición, requirirán o informe favorable da Secretaría Xeral de I+D.

Disposicións transitorias

Primeira.-Modificación das relacións de postos de traballo.

Co obxecto de levar a cabo a aplicación desta lei, procederase a elabora-las táboas de equivalencias entre os postos actuais e aqueloutros que terán que crearse formando parte da escala de I+DT e faranse as modificacións que procedan, como consecuencia do establecido na disposición transitoria segunda, nas relacións de postos de traballo correspondentes. A elaboración das táboas de equivalencias non supoñerá, en ningún caso, unha clasificación dos postos novos en niveis inferiores ós que tiñan os postos ocupados inicialmente. Os postos equivalentes integraranse inicialmente, se é o caso, nas clases A4 e A2 da nova escala.

Segunda.-Integración dos funcionarios na escala.

Se os postos que se supriman a consecuencia da creación da escala son equivalentes a outros que se creen de acordo coa táboa á que se refire a disposición transitoria anterior e están ocupados por funcionarios de carreira, estes poderán optar por integrarse na escala dentro das clases A4 e A2, se

cumpren os requisitos para iso e se o posto suprimido fose obtido por concurso.

Neste caso, a diferencia entre as retribucións correspondentes ó nivel que tivese asignado o posto de traballo antes da súa integración na escala de I+DT e as correspondentes ós niveis A4 ou A2 da escala aboarase como complemento persoal transitorio de carácter absorbible ata que se resolva o concurso regulado na disposición transitoria terceira.

No suposto de que non cumpran os requisitos ou non opten pola integración, os funcionarios poderán manterse nas súas prazas actuais, exercendo as mesmas funcións, coa consideración de "a extinguir". Estas prazas, unha vez vacantes, integraranse na escala de I+DT. Non obstante, aqueles funcionarios que decidan non integrarse na escala por non cumpriren as condicións que lles permitan facelo dun modo favorable, dispoñerán dun tempo máximo de oito anos para acceder á escala polo procedemento establecido na disposición transitoria terceira.

Terceira.-Primeiro concurso.

No prazo de tres meses a partir da entrada en vigor do regulamento que desenvolva esta lei, convocarase un primeiro concurso que se rexerá polo disposto nese regulamento. Os funcionarios integrados na escala poderán participar neste concurso e optar ós postos de calquera nivel que se ofrezan, sempre que os candidatos:

a) Reúnan os requisitos establecidos nas relacións de postos de traballo para ocupa-los postos ós que opten.

b) Desempeñasen durante tres ou máis anos os postos de traballo incluídos nas táboas de equivalencias que acompañarán ás relacións de postos de traballo.

Se, resolto o concurso, o funcionario integrado obtivese ou permanecese nun posto de traballo cun nivel de complemento de destino inferior ó que ocupaba antes da súa integración na escala, terá dereito á percepción dun complemento persoal transitorio de carácter absorbible.

Cuarta.-Postos que se van ocupar.

Os funcionarios que, como consecuencia da integración prevista na disposición transitoria segunda, pasasen a ocupar postos equivalentes pero de nivel inferior a aqueles que estaban desempeñando seguirán consolidando o nivel correspondente a estes últimos durante o tempo comprendido desde a integración ata a resolución do concurso ó que se refire a disposición transitoria terceira.

Quinta.-Postos ocupados por laborais fixos.

Se algunha das prazas actuais que consten nas táboas de equivalencias ás que se refire a disposición transitoria primeira está ocupada por persoal laboral fixo, este quedará ocupando a praza equivalente á actual co carácter de "a extinguir", mantendo o seu vínculo xurídico e as súas retribucións.

Para o citado persoal fixo, e nas condicións que se fixen no regulamento de desenvolvemento desta lei, convocarase un concurso oposición co fin de que poidan ocupar, como funcionarios, as prazas equivalentes ás que desempeñan, segundo a repetida táboa de equivalencias.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas tódalas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó disposto nesta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Xunta de Galicia para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta lei.

Segunda.-Esta lei entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecatro de xaneiro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente