Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 31 de xaneiro de 2001 Páx. 1.166

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 25 de xaneiro de 2001 pola que se crea a Comisión Galega para avaliación do manexo da tuberculose resistente a fármacos.

A aparición de casos de tuberculose de moi difícil curación ou incurables debe considerarse como un fracaso no manexo terapéutico da presentación inicial da enfermidade tuberculosa, debido a que a aparición dunha tuberculose multirresistente se debe sempre, ou ben á prescrición dun réxime inadecuado, ou ben á falta de cumprimento terapéutico do enfermo segundo se lle prescribiu e durante todo o tempo requirido.

A prioridade esencial é a prevención da tuberculose multirresistente ademais do seu adecuado tratamento. Neste sentido, a vixilancia da resistencia ós tuberculostáticos é un medio suplementario de avalia-la eficacia dos esforzos de control da enfermidade tuberculosa. A prevalencia da resistencia ós medicamentos reflicte a calidade do control da tuberculose nunha comunidade. A resistencia e a multirresistencia asócianse directamente á proporción de casos xa tratados. Isto indica que fallos terapéuticos, interrupcións do tratamento e a taxa de recaídas (é dicir, pacientes que necesitan un novo tratamento) van parellos a unha taxa elevada de resistencias. Como é previsible, a resistencia ós tuberculostáticos está inversamente asociada a correctas prácticas terapéuticas, como o uso de pautas curtas, fármacos combinados, a observación directa do tratamento e a taxa de éxitos do tratamento.

Feitas as consideracións citadas, é necesario que os casos de tuberculose resistentes a fármacos sexan controlados de maneira altamente eficaz para evitar que sexan transmitidas a outras persoas e garanti-lo adecuado tratamento dos enfermos.

En consecuencia, e no uso das facultades que me confiren os artigos 36.4º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase a Comisión Galega para avaliación do manexo da tuberculose resistente a fármacos.

Artigo 2º

A Comisión Galega para avaliación do manexo da tuberculose resistente a fármacos terá as seguintes funcións:

1. Desenvolve-lo plan operativo que recolla as actividades prioritarias que se van levar a cabo para o control e seguimento das resistencias ós tuberculostáticos na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Facer recomendacións de actuacións xenéricas derivadas do coñecemento da situación epidemiolóxica de resistencia a fármacos.

3. Avalia-lo manexo dos enfermos con tuberculose multirresistente en colaboración cos profesionais médicos responsables destes, e emiti-las recomendacións terapéuticas pertinentes.

4. Analiza-los recursos necesarios para o correcto desenvolvemento das actividades de prevención e control dos casos de enfermidade tuberculosa resistente ós tuberculostáticos.

5. Propoñer e facilita-la incorporación de especialistas que ante casos concretos sexa necesaria a súa participación na comisión, coordinando e avaliando as actividades levadas a cabo.

Artigo 3º

A Comisión Galega para avaliación do manexo da tuberculose resistente a fármacos estará composta por un máximo de seis profesionais da Comunidade Autónoma, con demostrada experiencia en aspectos relacionados co diagnóstico, tratamento e seguimento dos enfermos de tuberculose resistente a fármacos.

De acordo coas propostas feitas e aprobadas pola Comisión de Seguimento do Programa Galego de Prevención e Control da Tuberculose, desígnase como membros á doutora Victoria Túñez Bastida, que actuará como presidenta, e os doutores Rafael Vázquez Gallardo, Daniel Díaz Cabanela, Alberto Fernández Villar, Luís Anibarro García e Mª Luísa Pérez del Molino Bernal.

Artigo 4º

Será responsabilidade da Presidencia da Comisión informar puntualmente das actividades e acordos da Comisión á DXSP a través da Sección de Prevención de Enfermidades Crónicas do Servicio de Prevención da Infección VIH/SIDA e outras Enfermidades Transmisibles.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Saúde Pública para toma-las medidas adecuadas en relación coa execución e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor ós veinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2001.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais