Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 18 de xaneiro de 2001 Páx. 752

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 12 de xaneiro de 2001 pola que se convocan unhas Xornadas sobre o xenoma humano e o Dereito.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2001 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse unhas Xornadas sobre o xenoma humano e o Dereito, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Non deixa de ser un símbolo, e un símbolo de esperanza, que os recentemente transcorridos século e milenio -os máis fecundos na historia da humanidade- se despediran co levantamento do mapa do xenoma humano moito antes do que se previra. A identificación

dos cen mil xenes que nos conforman é un paso adiante xigantesco en beneficio do home, avance non exento de riscos, coma todos. A cartografía xenética permite agora a análise e o coñecemento individualizado de todos e cada un deses compoñentes minúsculos que levan dentro as nosas cualidades e disposicións, as nosas carencias e defectos, a nosa saúde e a nosa enfermidade, o noso tempo dispoñible -o reloxo da vida- e a vida mesma. O alento profético deste coñecemento científico vai facer posible que o home viva máis e mellor, loitar contra a enfermidade antes e despois de nacer mediante a enxeñería xenética e a farmacoloxía, para previr e para curar. Non debe ocultarse que o mercado de traballo ou o mundo do seguro, as nocións de culpa ou de pena, a autonomía da vontade ou o libre albedrío teñen que verse a unha nova luz e ofrecen riscos de limitacións para o individuo. O dereito á intimidade, tan golpeado e agredido, cambia de perspectiva desde o momento en que cun simple anaco de

uña, de pelo ou de pel pode saberse todo ou case todo de calquera de nós, dereito que merece ser protexido non só fronte ó exterior, ós demais, senón fronte a un mesmo. O home ten dereito a non saber, como recoñece o proxecto de directiva da Unión Europea ó respecto. Agora ben, o único que nos está prohibido é o medo, mal conselleiro, porque a xenética nos permite coñecer mellor o home. A nosa actitude ten que consistir en manexar este instrumento con prudencia e regulalo para que produza tódolos seus beneficiosos efectos sen sombra de perigo. Mellora-lo coñecemento dos asistentes (funcionarios, persoal especializado e público en xeral) sobre as liñas esenciais do anteriormente exposto, constitúe o obxectivo fundamental destas xornadas.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-A xenética na súa dimensión científica. Estado da cuestión.

-O xenoma humano desde unha perspectiva xurídica.

-A dimensión ética da investigación xenética.

-O novo Prometeo: a lei e a xurisprudencia na era da enxeñería xenética.

-A identificación mediante o ADN no proceso penal.

-O Convenio de dereitos humanos e biomedicina do Consello de Europa.

-O home microscópico (a nova humanidade ante o dereito). Estatuto ético e xurídico do embrión preimplantado.

-A clonación na súa dimensión xurídica. Clonación non reproductiva: utilización de embrións para a obtención de tecidos para transplantes.

-Entre o mito e a ciencia. A xenética e os dereitos humanos.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da EGAP (polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, Santiago de Compostela) os días 7 e 8 de febreiro de 2001.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o luns, día 5 de febreiro de 2001.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela, segundo o mode

lo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscricións fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 6 de febreiro, das 10 ás 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

8. Retransmisión pola Internet.

As persoas interesadas en segui-lo desenvolvemento destas xornadas pola Internet, poden facelo a través do seguinte enderezo: www.egap.xunta.es.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2001.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública