Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 12 de xaneiro de 2001 Páx. 491

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 29 de decembro de 2000 pola que se modifica a do 17 de xullo de 2000 de regulación da prestación ortoprotésica na Comunidade Autónoma de Galicia.

O 1 de novembro de 2000 entrou en vigor a orde da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, do 17 de xullo de 2000, de regulación da prestación ortoprotésica na Comunidade Autónoma de Galicia, que ten por obxecto a aprobación do catálogo xeral de material ortoprotésico. O referido catálogo contén os productos sanitarios suxeitos a financiamento polo Servicio Galego de Saúde ás persoas con dereito a cobertura sanitaria dentro do Sistema Sanitario de Saúde.

Por outra banda, mediante a aprobación do dito catálogo procédese á fixación para cada producto das contías máximas financiadas polo Servicio Galego de Saúde.

Esta orde consideraba no artigo 2, punto 3º os centros de atención especializada confirmarán, ademais, que a prestación ortoprotésica é con cargo ó Servicio Galego de Saúde, utilizando para iso o modelo que se inclúe no anexo III a esta orde.

Advertidas as dificultades que para os usuarios da prestación ortoprotésica supón cubri-lo referido

anexo III e dada a reiteración nalgunha medida do contido descrito co do artigo 4, punto 6º, da mesma orde en tódolos casos os beneficiarios da prestación ortoprotésica do Servicio Galego de Saúde, para acceder e ter dereito a ela, deberán acredita-la dita condición.

En uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Suprímese o punto 3º do artigo 2 e mailo anexo III da Orde do 17 de xullo de 2000, de regulación da prestación ortoprotésica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición adicional

O Servicio Galego de Saúde non requerirá as esixencias relacionadas co anexo III nos convenios subscritos ó amparo do artigo 4.1º da referida Orde do 17 de xullo de 2000.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2001.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2000.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais