Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 09 de xaneiro de 2001 Páx. 323

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 26 de decembro de 2000 pola que se establecen axudas para a xestión e conservación da biodiversidade para o ano 2001.

O artigo 149.1º.23 da Constitución, así como o artigo 27.30º do Estatuto de autonomía de Galicia facultan a nosa Comunidade Autónoma para establecer normas adicionais sobre protección do medio e da paisaxe.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten a obriga de fomenta-la conciencia de que o medio natural galego é un patrimonio e un ben no que tódolos estamentos sociais deben estar implicados.

O Decreto 482/1997, do 26 de decembro, establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente correspondéndolle o exercicio das competencias e funcións en materia de ambiente e conservación da natureza.

O territorio da CCAA de Galicia contén un amplo número de hábitats poboado por numerosas e variadas comunidades vexetais e animais, que se estenden polos ámbitos terrestre, costeiro e marítimo e que constitúen a súa biodiversidade. A conservación da diversidade e patrimonio xenético das especies é unha preocupación amplamente recollida na lexislación Comunitaria, así as directivas 92/43/CEE relativa á conservación dos hábitats naturais e da flora e fauna silvestres e 79/409/CEE relativa á conservación das aves silvestres; na normativa estatal, Ley 4/1989, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, e autonómica, Decreto 82/1989 polo que se regula a figura de espacio natural en réxime de protección especial e outras medidas lexislativas sobre conservación que están en proceso de elaboración.

A actual conciencia ambiental creada na sociedade conclúe que o medio natural constitúe un aspecto positivo do contorno no home, exposto a alteracións polo uso abusivo e indiscriminado. En Galicia a protección e conservación do solo, da flora e fauna, dos seus hábitats e dos espacios naturais require unha acción ampla e aberta de tódolos sectores sociais e económicos tanto públicos coma privados.

O acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 17 de novembro de 1999, establece un mecanismo de seguimento e control da concorrencia e acumulación das axudas públicas nun mesmo proxecto e peticionario, e autoriza a Consellería de Economía e Facenda para o seu desenvolvemento.

A Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, regula no seu artigo 6 o réxime das axudas e subvencións públicas e modifica o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo

1/1999, do 7 de outubro. No seu artigo 7, esta lei regula o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións, modificando o establecido no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999.

Por todo iso, a Consellería de Medio Ambiente promove un réxime de axudas destinadas á xestión e conservación da biodiversidade naqueles lugares onde a súa dispoñibilidade non fai viable o investimento directo e sen embargo, o interese xeral e a utilidade pública das actuacións emprendidas fai preciso estimula-las iniciativas a favor da conservación do noso patrimonio natural, así coma facilita-lo acceso ó seu coñecemento.

En virtude do anterior e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, de 22 de febreiro reguladora da Xunta e o seu presidente.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

Coa finalidade de favorece-las accións de xestión e conservación da flora ou fauna silvestre, así como o coñecemento dos espacios naturais protexidos da Comunidade Autónoma de Galicia, establécese un sistema de axudas en réxime de concorrencia competitiva para as persoas físicas e asociacións ou entidades non lucrativas como subvención sobre investimentos feitos en proxectos, estudios, obras, traballos e actividades que teñan estas finalidades.

Artigo 2º.-Requisitos que deben reuni-los beneficiarios:

Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde:

a) As persoas físicas con titulación académica universitaria ou equipos de investigación dirixidos por persoas coa dita titulación que pretendan realizar proxectos, estudios ou traballos sobre xestión ou coñecementos dos espacios naturais protexidos, así como conservación da flora ou fauna silvestre, sempre que estas persoas estean avaladas por un centro de carácter público que desenvolva actividades de investigación relacionadas co medio natural.

b) As asociacións e entidades non lucrativas que emprendan accións de recuperación de especies de flora ou fauna silvestre, que dispoñan da capacidade necesaria e suficiente para levalas a cabo e que se atopen inscritas no Rexistro de Asociacións Protectoras do Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

c) Os titulares e propietarios de terreos onde existan especies de flora e fauna silvestre de alto valor ambiental.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

Serán subvencionables:

-Aqueles estudios, proxectos ou actuacións que teñan aplicación inmediata no ámbito da xestión e conservación da biodiversidade.

-Accións de recuperación de especies de flora ou fauna silvestre.

Artigo 4º.-Contía.

A Consellería de Medio Ambiente subvencionará os investimentos que leven a cabo accións relacionadas no artigo anterior segundo as seguintes contías máximas para cada actuación:

1. Estudios aplicados ou actuacións para a xestión do medio natural e os seus elementos, ata o 50% do orzamento aprobado.

2. Accións de recuperación de especies de flora ou fauna silvestres, ata o 90% do orzamento aprobado.

En todo caso, o importe máximo da subvención para cada actuación non superará a cantidade de 1.000.000 de pesetas. O importe do IVE non será subvencionable na medida en que sexa recuperable da Facenda Pública.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes para acollerse ás axudas citadas deberán dirixirse ó conselleiro de Medio Ambiente e conterán a documentación que se requira debidamente cuberta e asinada e deberán ser presentadas no modelo recollido para o efecto no anexo desta orde.

2. Coas solicitudes xuntaranse, ademais dos documentos específicos para cada tipo de solicitante, os seguintes documentos:

a) Copia compulsada do DNI ou NIF do solicitante e, se procede, acreditación da representación do solicitante por calquera medio válido en dereito, de acordo co disposto no artigo 32 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

b) Certificación bancaria na que se sinale o número de conta da empresa beneficiaria na que deba realizarse o pagamento.

c) Declaración xurada do conxunto de tódalas solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes. En caso de ter subvención, reflectirase claramente o importe do investimento e da subvención.

d) Memoria explicativa ou proxecto técnico de actuacións. No caso de presentar unha solicitude de subvención para accións, estas deberán estar claramente definidas (actuacións, superficies e especies afectadas...) na memoria e no proxecto e apoiadas en cartografía, escala mínima 1:10.000 e preferentemente 1:5000.

En caso de que se trate de estudios, deberá describirse de forma detallada, a metodoloxía e proceso de análise que se utilizará.

e) Orzamento detallado, composto por medicións, cadro de prezos unitarios, orzamento parcial e orzamento total, que se precisa.

f) Medios humanos e materiais que se empregarán.

g) Calendario de actuacións e data de remate prevista.

h) Se é o caso, solicitude das autorizacións administrativas que se requiran para a realización das obras ou actuacións.

i) No caso de estaren previstas actuacións en terreos dos que non sexa titular ou propietario, será necesario presenta-la autorización destes para as actuacións e solicitantes da subvención.

3. Segundo as características dos beneficiarios e accións que se pretenden desenvolver deberán acompañar ademais a seguinte documentación complementaria:

a) No caso de proxectos, estudios ou traballos realizados por persoas físicas con titulación académica universitaria ou equipos dirixidos por persoal con igual titulación, deberán acredita-las citadas titulacións, currículo dos participantes e presenta-lo documento de conformidade do centro público correspondente.

b) No caso de titulares e propietarios de terreos terán que acredita-la titularidade sobre terreos onde se vaia desenvolve-la subvención, debendo presentar un proxecto de regulación de acceso de terceiras persoas que será aprobado ou corrixido pola Administración na resolución da subvención. No caso de non ser propietarios, deberán acreditar título de validación para realiza-la actividade obxecto da subvención e para poder garanti-lo acceso a terceiros.

A documentación xustificativa da propiedade dos terreos deberá ser, segundo os casos:

b.1) No caso de ser titular dos terreos: fotocopia do título de propiedade ou declaración xurada de ser titular da propiedade. Na dita declaración farase constar: nome, apelido e DNI do propietario, nome dos predios, superficies, propietarios lindantes, referencia catastral (agás no caso de montes veciñais en man común) e localización (incluíndo provincia, concello, parroquia e lugar).

b.2) No caso de que a titularidade da superficie sexa de varios copropietarios: fotocopia dos títulos de propiedade ou declaración xurada dos titulares do terreo, asinada por todos e cada un dos propietarios. Na dita declaración farase constar: nome, apelidos e DNI dos copropietarios, nome dos predios, superficie, propietarios lindantes, referencia catastral e localización, incluíndo a provincia, concello, parroquia e lugar xunto cun documento no que conste o consentimento destes, dando a representación a

un deles ou a un terceiro para solicita-la acción obxecto da subvención.

b.3) No caso de ser arrendatario:

Fotocopia cotexada do documento acreditativo do arrendamento. Este deberá permitir expresamente a actividade obxecto da subvención e será por un período igual ou superior ó de duración da actuación.

b.4) Comunidades de montes veciñais en man común:

Certificado do acordo tomado en asemblea xeral no que autoricen o presidente da comunidade de montes solicita-las axudas da Consellería de Medio Ambiente para a execución das accións obxecto da solicitude. No caso de figurar como solicitante unha persoa distinta da propia CMVMC presentarase, ademais certificado do acordo tomado en asemblea xeral no que autoricen o solicitante realiza-los traballos obxecto da subvención. Ademais deberán presenta-lo certificado do secretario da CMVMC de te-los estatutos da comunidade en regra, figurando a composición da xunta rectora actualizada.

c) No caso de asociacións ou entidades sen ánimo de lucro, certificación actualizada e debidamente compulsada, de estar inscritas no Rexistro de Asociacións protectoras do Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

Sen prexuízo do establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, as solicitudes de axuda poderán ser presentadas nas delegacións provinciais, servicios centrais ou na Dirección Xeral de Montes e MAN da Consellería de Medio Ambiente, no prazo de 30 días naturais que comezarán a contar desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7º.-Tramitación e concesión.

De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, no caso de que a solicitude de subvención non reunise os requisitos establecidos na orde requirirase o interesado para que emende as faltas ou presente a documentación preceptiva, no prazo de 10 días hábiles, con indicación de que, se así non o fixese, terase por desistido da súa petición, logo da resolución dictada de acordo co establecido no artigo 42 da mencionada lei, modificada pola Lei 4/1999.

Artigo 8º.-Comisión de avaliación.

Presentada a solicitude xunto coa documentación correspondente procederase á súa valoración por unha comisión de avaliación de proxectos constituída polo director xeral de Montes e MAN, o subdirector de MAN Caza e Pesca Fluvial e a xefa do Servicio de Conservación da Biodiversidade.

Artigo 9º.-Criterios de valoración e prioridade.

a) As solicitudes avaliaranse en réxime de concorrencia competitiva e para avalia-la prioridade entre elas teranse en conta os seguintes criterios enumerados por orde decrecente de importancia:

-Estudios ou accións sobre as especies ou hábitats de especies de flora y fauna citadas no anexo III desta orde, incluídas nas directivas 409/79 e 43/92.

-Estudios ou accións sobre outras especies ou hábitats de especies non enumeradas no anexo III desta orde pero que estean incluídas como especies de interese comunitario no anexo I da Directiva 409/1979 e nos anexos II e IV da Directiva 43/1992.

-Estudios ou accións en zonas da proposta galega de espacios para formar parte da Rede Natura 2000, valorándose ademais a existencia doutras figuras de protección, segundo a súa importancia.

-Outros estudios e accións destinados á conservación da biodiversidade, que non estea recollido nos puntos anteriores.

b) Considerando os anteriores criterios de prioridade a comisión de avaliación valorará as solicitudes tendo en conta os puntos 2.d), 2.e), 2.f), 2.g) da documentación á que se refire o artigo 5º, puntuando da seguinte forma:

-Investimentos totais das actuacións ou proxectos de acordo co orzamento aprobado. 0-5 puntos.

-Alcance das accións que se van desenvolver tendo en conta a memoria presentada. 0-20 puntos.

-Medios humanos e materiais que se van utilizar no desenvolvemento das actuacións. Valorarase especialmente a solvencia científica das persoas implicadas nos traballos. 0-10 puntos.

-Adecuación do calendario de actuacións, de acordo cos traballos que se realizarán. 0-5 puntos.

En todo caso, as solicitudes que non obtivesen unha puntuación mínima de 20 puntos entenderanse desestimadas.

c) A porcentaxe subvencionable de cada proxecto (tendo en conta que o importe máximo non poderá supera-lo fixado no artigo 4º) determinarase do seguinte modo:

c.1) Adscribirase cada unha das solicitudes admitidas a un dos grupos definidos no parágrafo a) deste artigo.

c.2) Dentro de cada un destes subgrupos determinarase a porcentaxe (%) de subvención, de forma que os que tivesen unha puntuación inferior na letra b) deste artigo non poidan obter unha porcentaxe superior de axuda que as de maior puntuación.

d) As dispoñibilidades orzamentarias serán limitativas do importe da subvención que se conceda ós beneficiarios.

Artigo 10º.-Resolución.

1. A resolución da concesión será dictada polo conselleiro de Medio Ambiente nun prazo de noventa días a partir da publicación da presente convocatoria. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa entenderanse desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo, de acordo co previsto no artigo 44.1º, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999.

2. O outorgamento da axuda debe ser aceptado polo beneficiario nun prazo de 10 días hábiles, coas condicións específicas recollidas nesta orde e na resolución. No caso de que o beneficiario non comunique no prazo indicado a aceptación da axuda, determinará a súa desestimación, procedendo a Dirección Xeral de Montes e MAN a dicta-la resolución que corresponda.

Se é o caso, deberán presentarse as autorizacións administrativas que se requiran para a realización das obras ou actuacións, condicionándose a eficacia da resolución de aprobación á súa presentación.

Se o solicitante fose unha asociación ou entidade non lucrativa, presentará o acordo da conformidade na realización dos traballos do órgano competente desa.

3. Calquera alteración nas condicións que se consideraron para a concesión da axuda, ou en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co previsto no artigo 78.7º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

4. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderán ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vaia desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima de investimento subvencionable, conforme o disposto na propia orde.

Artigo 11º.-Recursos.

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderá interporse recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente, no prazo dun mes que comezará a contar a partir do día seguinte á recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben, ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio admi

nistrativo, de acordo co disposto nos artigos 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 e artigo 46 da Lei 26/1998, de 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 12º.-Control e seguimento.

1. Constitúese unha comisión integrada polos mesmos membros da Comisión de Avaliación, que se encargará do control da actividade obxecto da axuda.

2. Esa comisión poderá solicitar, en calquera momento, cantas aclaracións e informes considere convenientes e, se non fosen satisfeitas no prazo que para iso se sinale, considerarase como imcumprimento das condicións de concesión da subvención.

Artigo 13º.-Acreditación dos traballos realizados.

1. Para o pagamento das axudas será indispensable xustifica-la execución das accións aprobadas mediante proba documental correspondente, facturas, contratos, convenios, ou se fose necesario, certificación pola parte da Administración, da realización das accións subvencionadas unha vez efectuada a inspección final na que se reflicta fidedignamente a adaptación das accións realizadas ó proxecto presentado. Os documentos que se presenten como xustificantes deberán ser orixinais ou copias compulsadas.

2. Para actividades subvencionadas, faranse constar, no lugar correspondente, que estas se realizan en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, empregando os logotipos de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

3. No caso de estudios, os beneficiarios terán que presentar cinco exemplares do traballo subvencionado na Consellería de Medio Ambiente para a súa xustificación.

4. Así mesmo, e de conformidade con disposto no artigo 78.4º e) do Decreto lexislativo 1/1999, no momento da xustificación da execución das accións e, en calquera caso, antes do último pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para un mesmo proxecto, tanto as aprobadas e concedidas coma as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 14º.-Pagamento.

1. De acordo co previsto no artigo 78.4º c) do Decreto lexislativo 1/1999 o beneficiario deberá acreditar previamente ó cobro:

a) Que se encontra ó día das obrigas tributarias e da Seguridade Social.

b) Certificación de non ter pendente ningunha débeda por ningún concepto coa Administración da Comunidade Autónoma.

2. Poderán efectuarse pagamentos parciais a medida que o beneficiario xustifique os investimentos efectuados. Estes pagamentos non superarán o 80% da subvención concedida, e o importe restante librarase no momento de completa-la xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e das demais condicións para as que foi concedida.

Artigo 15º.-Reducción do pagamento.

No suposto de que o investimento ou actividade realizada tivese un custo inferior ó previsto inicialmente, a axuda concedida verase diminuída nunha porcentaxe proporcional.

Artigo 16º.-Prazo de finalización das actuacións.

Os investimentos obxecto da subvención deberán estar rematadas e xustificadas antes do 31 de outubro de 2001. O conselleiro de Medio Ambiente, trala proposta expresa con memoria xustificativa do director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, poderá conceder prórrogas para a execución dos traballos obxecto da subvención, de seis meses como máximo. A concesión de prórroga limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias da consellería. A petición de prórroga por parte do solicitante deberá realizarse como mínimo cun mes de antelación ó remate do prazo de finalización fixado na notificación de aprobación.

Artigo 17º.-Aplicación orzamentaria.

O financiamento destas axudas realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.342A.780.3 axudas para a conservación da biodiversidade dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do ano 2001 cunha dotación inicial de 19.600.000 pesetas, que poderá incrementarse en función das dispoñibilidades orzamentarias, con cargo á mesma aplicación.

As axudas poderán concederse cun prazo de execución superior a un ano, sempre de acordo co artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

No caso de que as axudas se concedan para máis dun exercicio orzamentario, o prazo para o remate e xustificación das actuacións será o indicado na resolución de concesión, quedando condicionada a súa eficacia á existencia de crédito axeitado e suficiente.

Artigo 18º.-Reintegro.

Procederase ó reintegro total ou parcial das axudas reguladas nesta orde, e dos xuros de demora dos xuros devengados desde o seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas na súa concesión e, se é o caso, nos supostos previstos no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 8/1999, do

30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, en concreto:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da subvención ou axuda pública.

Artigo 19º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lles poidan esixir ós órganos correspondentes da Dirección Xeral de Montes e MAN, os beneficiarios das axudas previstas nesta orde, teñen a obriga conforme o previsto no artigo 78.6º i) do Decreto lexislativo 1/1999, de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Disposición adicional

Primeira.-Ós beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Segunda.-A presente orde de axudas tramítase de acordo co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto; estando condicionada a súa concesión á aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Montes e MAN para dictar cantas disposicións complementarias sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2000.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente