Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Venres, 05 de xaneiro de 2001 Páx. 225

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 303/2000, do 21 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Meaño (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de pavimentación e acceso do parque Os Pasales á rúa Ponte Dena.

O Concello de Meaño, en sesión do día 27 de xaneiro de 2000, aprobou o proxecto de pavimen

tación e acceso do Parque Os Pasales á rúa Ponte Dena e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do Concello de Meaño foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 3 de novembro de 2000.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable con data do 22 de xuño de 2000.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural da Consellería de Medio Ambiente emitiu informe con data do 1 de decembro de 2000, no sentido de que se lle comunicará ó Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural o comezo das obras para o seu seguimento, debendo realizarse estas con materiais adaptados ó contorno do conxunto, respectando os valores do medio e restaurando, ó remate dos traballos, aqueloutros para volvelos ó seu estado inicial. Tamén fai referencia ós bordos da beirarrúa, dos que di que non se pode asfalta-los dous metros que compoñen as beirarrúas ou carrís de bicis, manténdose o sistema de drenaxe actual para a disposición dos pasos inferiores, con fin de evitar asolagamentos e modificacións das condicións hidrolóxicas.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado porque, segundo sinala o concello, se precisa constituí-la a infraestructura básica necesaria de acceso do núcleo urbano de Dena ó Parque Os Pasales, por supoñe-lo acceso máis directo a este e o único os predios estremeiros co camiño. Actualmente e dada a situación na que se atopa o acceso, non existe paso ó tráfico rodado, nin para a maquinaria agrícola nin para os vehículos.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteún de decembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Meaño para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos

concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de pavimentación e acceso Parque Os Pasales á rúa Ponte Dena.

Santiago de Compostela, vinteún de decembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais