Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Venres, 05 de xaneiro de 2001 Páx. 181

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 297/2000, do 21 de decembro, polo que se modifica a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, aprobada polo Decreto 213/1998, do 10 de xuño.

Ante os cambios que se están a producir no modo de realizar multitude de tarefas derivadas das facilidades de transmisión de coñecementos mediante redes de comunicacións, xorde para a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a necesidade de adapta-la educación galega a este novo xeito de ensino. Para iso esta consellería puxo en marcha o proxecto denominado Sistema de Información para a Educación Galega (Siega).

O volume, complexidade e especialización técnica dos traballo que se vai realizar neste ámbito a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria aconsellan efectuar algunhas modificacións na súa actual estructura orgánica, coa finalidade de que a reasignación de funcións e competencias posibiliten a consecución deste ambicioso proxecto educativo.

Por outra parte, a aprobación do Decreto 110/1999, do 8 de abril, polo que se crea e regula o Consello Galego de Formación Profesional, e no que se adscribe este órgano á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e se derroga o Decreto 223/1994, do 7 de xullo, polo que se regula o Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais, e mailo Decreto 245/1999, do 29 de xullo, polo que se regula a formación permanente do profesorado que imparte ensinanzas de niveis non univesitarios, no que se dispón a creación da Comisión Asesora de Formación do Profesorado, que formará parte dos órganos colexiados da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, fai necesario levar a cabo as modificacións correspondentes no artigo destinado ós órganos colexiados desta consellería.

Así mesmo, a recente creación do Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), aprobado polo Decreto 268/2000, do 2 de novembro, obriga a incluír na estructura organizativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria as competencias e funcións que nel se lle atribúen.

Por todo iso, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, co informe previo das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteún de decembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Engádense ó artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo, polo que se establece a estructura orgá

nica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, as competencias e funcións que lle atribúe o Decreto 268/2000, do 2 de novembro, polo que se crea o Museo Pedagóxico de Galicia, que queda redactado como segue:

Artigo 1º.-Competencias.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a quen lle corresponden as competencias e funcións en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades; a promoción e o ensino da lingua galega; a coordinación do sistema universitario; o recoñecemento, tutela e rexistro das fundacións docentes de interese galego; e as competencias e funcións que lle atribúe o Decreto 268/2000, do 2 de novembro, polo que se crea o Museo Pedagóxico de Galicia. Todo iso de conformidade co establecido na Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de Galicia, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego (modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro), a Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, a Lei 11/1989, do 20 de

xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia, e a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

Artigo 2º

Modifícase o punto 1º do artigo 4 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que queda redactado como segue:

1. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Xestión Orzamentaria.

Correspóndelle a esta subdirección xeral exerce-las competencias relativas á elaboración do anteproxecto de orzamento da consellería, o seu seguimento e coordinación; a coordinación administrativa dos servicios de carácter xeral, do réxime interior e dos rexistros e arquivos; a racionalización dos circuítos administrativos, en coordinación cos órganos competentes da Consellería da Presidencia e Administración Pública; a implantación e xestión na consellería das novas tecnoloxías e sistemas de información, de comunicacións e de servicios informáticos para o sistema educativo galego, sen prexuízo das competencias da Consellería da Presidencia e Administración Pública; a supervisión e coordinación das actuacións que en materia informática e estatística se realicen ás delegacións provinciais desta consellería; a elaboración da normativa sobre transporte e comedor escolares; a xestión, o control e a coordinación dos servicios de transporte e de comedores escolares; a recolla de datos e a

elaboración de estatísticas, sen prexuízo das compe

tencias propias do Instituto Galego de Estatística; e, en xeral, cantas outras lle sexan encomendadas pola secretaría xeral.

Para o desenvolvemento destas competencias contará coas seguintes unidades, con nivel orgánico de servicio:

a) Servicio de Xestión Económica e Réxime Interior.

Correspóndenlle, baixo a dirección da subdirección xeral, as seguintes funcións:

-Confecciona-lo borrador do anteproxecto de orzamentos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Controla-la xestión económica das diversas unidades que compoñen a consellería e o pagamento das obrigas contraídas.

-Xestionar e supervisa-las actividades relacionadas cos asuntos xerais de réxime interior da consellería, en especial as do rexistro xeral, información, portería e arquivo, así como a contratación administrativa que teña aquel carácter.

-Xestiona-los contratos de asistencia técnica dependentes da Secretaría Xeral.

-Exerce-las funcións que competen ó administrador do Mupega, nos termos establecidos no decreto de creación do museo.

-Aqueloutras análogas que lle sexan encomendadas.

b) Servicio de Xestión dos Servicios Educativos Complementarios.

Correspóndenlle, baixo a dirección da subdirección xeral, as seguintes funcións:

-Programar e xestiona-lo servicio de transporte escolar en función das necesidades dos centros docentes non universitarios; e dos demais servicios educativos complementarios, coordinando a súa actividade coa das delegacións provinciais.

-Xestionar e coordina-los servicios de comedor dos centros docentes dependentes desta consellería.

-Coordina-las accións que prestan as delegacións provinciais en materia de bolsas e axudas.

-Asistir á Secretaría Xeral, xunto cos servicios da Inspección Educativa, na supervisión e control do transporte e comedor escolares.

-Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

c) Área de Informática Educativa, de Atención a Centros e de Estatística.

Correspóndenlle, baixo a dirección da subdirección xeral, as seguintes funcións:

1. Definir e desenvolve-las accións relativas á informática educativa.

2. Identificar e autoriza-los contidos que se ofertarán na rede telemática desta consellería, xestio

nando a súa adquisición coa colaboración das demais unidades administrativas.

3. Planificar e organiza-la formación dos usuarios nas distintas aplicacións corporativas; así como coordina-las actuacións en materia de informática educativa.

4. Xestionar e coordina-lo soporte técnico informático que se vai prestar os usuarios.

5. Elaborar e explota-las estatísticas propias desta consellería de conformidade coa normativa vixente na materia.

6. Propor, conxuntamente coa Área de Sistemas de Información e de Comunicacións, os métodos e normas relativos á seguridade e privacidade da información procesada nos sistemas informáticos da consellería, de conformidade co disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

7. Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

d) Área de Sistemas de Información e de Comunicacións.

Correspóndenlle, baixo a dirección da subdirección xeral, as seguintes funcións:

1. Programar e xestiona-los proxectos que desenvolvan a implantación de novas tecnoloxías e sistemas de información nesta consellería, especialmente os destinados ós centros docentes e á función educativa.

2. Xestiona-la adquisición de equipos informáticos ou de comunicacións que precise esta consellería para o mellor cumprimento dos fins que lle son propios.

3. Propor métodos e instruccións técnicas para garanti-la salvagarda e control dos recursos informáticos de que dispón a consellería.

4. Elaborar estudios, proxectos e métodos de racionalización de procesos, ou de calquera outro relacionado coas tecnoloxías de información e de comunicacións.

5. Xestiona-la operatividade dos sistemas informáticos, bases de datos, servicios de rede e de comunicacións da consellería, sen prexuízo das competencias atribuídas á Consellería da Presidencia e Administración Pública.

6. Propor, conxuntamente coa Área de Informática Educativa, de Atención a Centros e de Estatística, os métodos e normas relativos á seguridade e privacidade da información procesada nos sistemas informáticos da consellería, de conformidade co disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

7. Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

Artigo 3º

Elimínase a función de elabora-las estatísticas das materias que sexan competencia da secretaría das

delegacións provinciais, no artigo 10 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 4º

Modifícase o artigo 11 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e de Ordenación Universitaria, que queda redactado como segue:

Son órganos colexiados da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria os seguintes:

1. O Consello Escolar de Galicia, creado pola Lei 3/1986, do 18 de decembro.

2. O Consello Universitario de Galicia, creado pola Lei 5/1987, do 27 de maio, e modificado pola Lei 11/1989, do 20 de xullo.

3. O Consello Galego de Educación e Promoción de Adultos, creado pola Lei 9/1992, do 24 de xullo.

4. O Consello Galego de Formación Profesional, creado polo Decreto 110/1999, do 8 de abril.

5. A Comisión Asesora de Formación do Profesorado, creada polo Decreto 245/1999, do 29 de xullo.

Artigo 5º

Modifícase a disposición adicional única do Decreto 213/1998, do 10 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que queda redactado como segue:

Disposición adicional

Primeira.-As competencias que este decreto lles atribúe ós órganos desta consellería, en materia informática, entenderanse sen prexuízo das atribuídas ó Instituto Galego de Estatística, e exerceranse consonte as directrices previstas nas leis reguladoras da estatística e no Plan Galego de Estatística.

Segunda.-Os órganos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que se citan no Decreto 268/2000, do 2 de novembro, polo que se crea o Museo Pedagóxico de Galicia, desempeñarán as correspondentes competencias e funcións nos termos que nel se establecen.

Disposición derradeira

Única.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteún de decembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria