Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Xoves, 04 de xaneiro de 2001 Páx. 117

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 296/2000, do 7 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da Inspección de Consumo.

A Constitución española, norma e fundamento de todo o ordenamento xurídico, ordea no seu artigo 51 que os poderes públicos, garantirán a defensa dos consumidores e usuarios, mediante procedementos eficaces, a seguridade, a saúde e os seus lexítimos intereses económicos.

Nos termos do disposto no artigo 30.I.4º, do Estatuto de autonomía de Galicia, esta Comunidade Autónoma ten competencia exclusiva en materia de defensa do consumidor e usuario.

O Estatuto galego do consumidor e usuario, aprobado pola Lei 12/1984, do 28 de decembro, establece, entre os dereitos básicos dos consumidores e usuarios da Comunidade Autónoma de Galicia, a protección da súa saúde e seguridade e o dereito á protección xurídica, administrativa e técnica.

Dentro desta finalidade da protección dos dereitos do consumidor unha peza fundamental son os traballos relativos que corresponda levar a cabo a quen ocupe os postos de inspectores de consumo como coadxuvante das accións en defensa dos consumidores e usuarios a través do control do mercado.

Non obstante o anterior, debe tenderse a unha ampliación dos cometidos que se vaian realizar nos ditos postos relativos á verificación e control dos requisitos legais esixidos na venda de productos e na prestación de servicios ós consumidores, no sentido de considerar como outro dos seus cometidos o asesoramento e información ós inspeccionados para favorece-lo correcto cumprimento dos seus deberes e mellorar calquera aspecto da súa actividade en beneficio dos dereitos dos consumidores. De especial importancia é a participación dos funcionarios que ocupan postos de inspectores de consumo na proposta e execución das medidas cautelares, que se deban adoptar no suposto de risco para o consumidor ou se sospeite razoablemente da súa existencia, polo seu contacto directo co mercado.

Co presente decreto preténdese por unha parte, consegui-las ditas finalidades e por outra establecer un marco no que, en virtude dos principios de legalidade e seguridade xurídica, proclamados polo artigo 9 da Constitución, deba adecuarse a función inspectora.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo de audiencia ó Consello Galego de Consumidores e Usuarios, ós sectores afectados, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de decembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbase o Regulamento da Inspección de Consumo que se xunta como anexo do presente decreto.

Disposición adicional

Será de aplicación supletoria o disposto nas normas estatais no non regulado no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de consumo para dictar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación e desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de decembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio

ANEXO

Regulamento da Inspección de Consumo

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

O presente regulamento ten por obxecto a regulación das funcións e procedemento ó que deben axusta-la súa actuación os funcionarios que ocupan postos de inspectores de consumo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º

1. A función inspectora en materia de consumo correspóndelle á Administracción da Comunidade Autónoma de Galicia de conformidade coa Lei 12/1984, do 28 de decembro, polo que se aproba o Estatuto galego do consumidor e usuario, e demais normativa en materia de defensa do consumidor, e será exercida polos funcionarios que ocupen postos de inspectores de consumo.

2. A función inspectora ten por obxecto comprobar, investigar e verifica-lo cumprimento da normativa vixente en materia de defensa dos consumidores e usuarios.

Artigo 3º

Correspóndenlles ós funcionarios que ocupan postos de inspectores de consumo as seguintes funcións:

1. Vixilancia e verificación do cumprimento das disposicións e normativa en materia de protección e defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios.

2. Investigación e comprobación dos feitos dos que teña coñecemento a Administración en materia de consumo, por presuntas infraccións ou irregulari

dades en materia de defensa do consumidor e usuario.

3. Constatación do cumprimento da normativa en materia de protección e defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios na comercialización de productos e prestación de servicios, dos que os seus destinatarios finais sexan os consumidores e usuarios.

4. No cumprimento das súas funcións, informa-las empresas sobre as esixencias, cumprimento e aplicación da normativa vixente en materia de protección e defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios, así como facilitalles ós consumidores e usuarios a información que precisen para o adecuado exercicio dos seus dereitos, propoñendo, cando proceda, a arbitraxe como solución dos posibles conflictos que puideran xurdir.

5. Elabora-los informes que requira a súa actividade, así como os que correspondan para ilustra-la vontade decisoria dos órganos ós que corresponda o exercicio da arbitraxe de consumo ou potestade sancionadora, e os que, se é o caso, lle sexan requiridos por outros órganos da Administración da Comunidade Autónoma en relación con materias de consumo.

6. Estudio, preparación e execución das campañas de inspección, así como de calquera outra actuación preparatoria para a correcta execución das súas funcións.

7. Execución das ordes dictadas polas autoridades competentes en materia de consumo.

8. Calquera outra determinada regulamentariamente.

Artigo 4º

1. Os funcionarios que ocupan postos de inspectores de consumo, no exercicio das súas funcións, terán o carácter de autoridade para tódolos efectos e poderán solicita-lo apoio e auxilio necesario de calquera outra, así como das forzas e corpos de seguridade do Estado.

2. Os funcionarios que ocupan postos de inspectores de consumo estarán provistos dunha tarxeta de identificación expedida pola Administración competente en materia de consumo, segundo o modelo inserido como anexo do presente regulamento.

3. No exercicio das súas funcións, estarán obrigados a identificarse previamente e, cando lles sexa solicitado, exhibi-las credenciais da súa condición.

4. O disposto no punto anterior, no relativo ó carácter previo de identificación, non será de aplicación naqueles casos nos que a finalidade da inspección poida frustrarse por tal motivo. Nestes casos, deberán determinarse por escrito as causas que xustifiquen tal actuación.

Artigo 5º

Os funcionarios que ocupan postos de inspectores de consumo están obrigados de modo estricto a cumpri-lo deber de sixilo profesional e observar estricto segredo verbo dos asuntos que coñezan por razón do seu cargo.

Capítulo II

A actuación inspectora

Artigo 6º

A actuación inspectora levarase a cabo:

a) En desenvolvemento do plan anual de inspección, por orde do xefe de servicio responsable.

b) Sen suxeición a plan de actuación, por iniciativa do citado servicio.

c) Por orde do presidente, do xerente, dos delegados provincias do IGC ou dos xefes de servicio nos seus respectivos ámbitos.

d) Con motivo de denuncia, reclamación ou queixa.

e) Por propia iniciativa do persoal inspector.

Artigo 7º

1. Para o exercicio das funcións que teñen encomendadas, os inspectores de consumo dispoñerán dos seguintes medios:

a) Visitas de comprobación.

b) Citacións e requirimentos.

c) Declaracións dos interesados.

d) Cantos datos, informes ou antecedentes poidan procurarse legalmente.

Artigo 8º

1. Os inspectores de consumo poderán en calquera momento realizar visitas ás empresas, actividades e establecementos dedicados á comercialización de productos ou á prestación de servicios para a práctica de calquera das actuacións referentes ós seus cometidos. Para estes efectos, os inspectores terán a facultade de acceder libremente, e sen notificación previa, en calquera momento, ás instalacións ou locais, logo de acreditación da súa condición, sen prexuízo do disposto no artigo 4º.4 do presente decreto.

Os funcionarios que ocupan postos de inspectores de consumo durante a visita poderán ir acompañados do xefe de servicio ou dos técnicos especialistas na materia correspondente naqueles casos que se considere conveniente.

2. Durante a visita os inspectores poderán:

a) Inspecciona-los productos obxecto de venda, o local e as súas dependencias, realizando as verificacións e comprobacións que procedan.

b) Esixi-la presentación de documentación, libros e rexistros que teñan relación co obxecto da investigación, co fin de examinalos e obte-las copias ou reproduccións necesarias.

c) Solicitar declaración, datos ou antecedentes do titular, responsable ou representante da empresa ou actividade e recadar información dos empregados ou clientes sobre cuestións relacionadas co obxecto da inspección.

d) Realizar medicións, tomar mostras ou fotografías, así como practicar calquera outra proba polos medios legais permitidos.

e) Levar a cabo cantas actuacións sexan precisas por mor do cumprimento das funcións de inspección que desenvolvan.

3. Para os efectos do disposto no epígrafe a) do punto anterior, relativo á inspección dos productos obxecto de venda, o comparecente deberá xustificar, no momento da inspección, o cumprimento dos requisitos esixidos pola lexislación vixente para a súa venda.

No suposto de que para a dita xustificación o comparecente teña que proceder á apertura da embalaxe do producto, poderase solicitar ó inspector actuante a súa precintaxe oficial, co fin de poñelo á súa posterior venda.

4. Entenderase como obstrucción ó labor inspector para os efectos previstos na Lei 26/1984, do 19 de xullo, xeral para a defensa dos consumidores e usuarios, toda conducta que impida ou dificulte a entrada ó local ou establecemento do inspector, dilate ou entorpeza o seu labor, así como as coaccións, represalias ou calquera outra forma de presión ós inspectores, sen prexuízo das demais responsabilidades que poidan esixirse.

Artigo 9º

O persoal inspector poderá propoñer ó órgano competente a adopción de medidas cautelares, como o peche do establecemento, a suspensión das actividades, a intervención de medios materiais ou cantas outras autorice a normativa vixente, se apreciase a existencia dunha situación de risco inminente ou prexuízo grave para os consumidores ou usuarios.

Artigo 10º

1. Os inspectores poderán efectuar citacións co fin de que as persoas titulares de empresas, actividades ou establecementos, ou os seus representantes legais, comparezan no lugar onde se atope o domicilio da empresa, onde se realice a venda dos productos ou a prestación dos servicios, para os efectos de facilita-lo desenvolvemento do labor inspector, achega-la documentación precisa e canta información sexa necesaria ou subscri-las dilixencias e actas.

2. Na citación, que poderá realizarse mediante acta de inspección, farase constar expresamente o lugar, data, hora e obxecto da comparecencia, significándolle ó interesado que a incomparecencia sen causa xustificada se entenderá, ó abeiro do artigo 8º.4 do presente decreto, como infracción en materia de protección ó consumidor.

3. O lugar, a data e hora da comparecencia deberá ser fixada polo inspector, procurando a compatibilidade coas obrigas laborais ou profesionais do citado, sen menoscabo do labor inspector.

4. Os interesados poderán acudir ás comparecencias acompañados de asesores, que deberán identificarse para a súa constancia en acta.

Artigo 11º

1. Os inspectores de consumo no exercicio das funcións que teñen recoñecidas, están facultados para requirir dos interesados a presentación ou remisión de documentos ou a execución das actuacións necesarias para o esclarecemento dos feitos obxecto da actividade inspectora. O seu incumprimento entenderase como obstrucción á inspección ou negativa a facilita-la información requirida por estes, para os efectos previstos no artigo 8 do presente decreto.

2. Así mesmo, cando da inspección realizada resultaran simples inobservancias de esixencias ou requisitos facilmente emendables, das que non deriven danos ou prexuízos inmediatos para os consumidores ou usuarios, o inspector poderá formularlle ó titular ou representante do establecemento ou servicio os requirimentos que considere oportunos, co fin de acada-la súa efectiva adecuación á normativa vixente.

Neste caso, o requirimento recollerá as anomalías, irregularidades ou deficiencias apreciadas con indicación do prazo para a súa emenda e con advertencia de que, para o caso de non atendelo, se procederá a levanta-la correspondente acta de infracción.

3. Os requirimentos efectuaranse por calquera medio que permita ter constancia deles, incluídas as actas de inspección.

Capítulo III

Documentación da actuación inspectora

Artigo 12º

As actuacións dos funcionarios que ocupan postos de inspectores de consumo documentaranse en comunicacións, dilixencias, informes e actas.

Artigo 13º

1. Son comunicacións os medios documentais mediante os que os inspectores de consumo se relacionan unilateralmente con calquera persoa, empresa, establecemento ou sector no exercicio das súas funcións.

2. Nas comunicacións o inspector poderá poñer feitos ou circunstancias en coñecemento dos interesados nas actuacións, así como realizar a estes as citacións ou efectualos requirimentos que procedan.

3. As comunicacións, unha vez asinadas polo inspector actuante, seranlle notificadas ós interesados na forma prevista pola Lei de de rexime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 14º

1. Son dilixencias os documentos que redactan os inspectores de consumo no curso do procedemento inspector para facer constar calquera feito, circunstancia ou manifestación con relevancia para a inspección.

As dilixencias teñen natureza de documento público e constituirán a proba dos feitos que motiven a súa formalización, agás que se acredite o contrario.

2. As dilixencias serán asinadas polo inspector actuante e pola persoa coa que se entendan as actuacións. Se este se negase a asina-la dilixencia, porque non poida ou non saiba facelo, farase constar tal circunstancia nela.

Das dilixencias que se redacten, entregarase un exemplar á persoa coa que se entendan as actuacións. Se se negase a recibilas, remitiráselle por calquera medio admitido en dereito.

3. Naqueles casos en que non se requira a presencia dun comparecente, non sexa posible, ou ben cando a súa presencia poida frustra-la acción inspectora, a dilixencia será válida coa sinatura unicamente do inspector actuante, e sen que sexa precisa a súa entrega.

Artigo 15º

Os funcionarios que ocupan postos de inspectores de consumo emitirán informes, de oficio, por petición dos instructores dos procedementos ou por orde superior, nos casos establecidos no artigo 3º.5 do presente regulamento.

Artigo 16º

1. Son actas de inspección os documentos que redactan os inspectores de consumo, nos que se recolle o resultado da función inspectora de vixilancia e verificación do cumprimento das disposicións e normativa en materia de protección e defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios. As actas de inspección teñen carácter de documentos públicos.

2. As actas de inspección de consumo teñen valor probatorio, e acreditarán, agás que da valoración conxunta das probas presentadas resulte o contrario, a veracidade dos feitos susceptibles de percepción directa polo inspector actuante, dos inmediatamente deducibles daqueles, dos acreditados por medios de proba consignados na propia acta, así como doutros debidamente dilixenciados ou declaracións incorporadas a ela.

Artigo 17º

Todo medio de proba incorporado á acta de inspección no momento do seu levantamento deberá ir dilixenciado, sempre que a súa natureza o faga posible, polo inspector actuante e coa sinatura da persoa coa que se entendan as actuacións. Se este se negase a asinar, porque non poida ou non saiba facelo, farase constar tal circunstancia na acta de inspección.

Artigo 18º

1. Nas actas de inspección, que deberán conter un código de identificación, consignarase:

a) Lugar, data e hora da súa formalización.

b) Identificación do/s inspector/es actuante/s.

c) Nome e localización da empresa, actividade ou establecemento sobre o que recae a inspección.

d) Nome, apelidos e número do documento nacional de identidade ou pasaporte da persoa coa que se entenden as actuacións e o carácter ou representación coa que intervén.

e) Nome e apelidos ou, se é o caso, denominación social completa do titular e o seu número de identificación fiscal.

f) Referencia dos feitos constatados, destacando os relevantes para os efectos da tipificación da infracción, describindo, se é o caso, os medios utilizados para o esclarecemento dos feitos ou omisións en que se fundamente o levantamento da acta, así como calquera outra circunstancia ou aclaración que o inspector considere oportuna.

2. Non obstante, o feito de que o comparecente non facilite os datos recollidos nas letras c), d) ou e) do punto anterior, non invalidará a acta.

3. Se pola súa extensión non puideran recollerse nun só documento tódalas circunstancias ou feitos que deban constar na acta de inspección, estas recolleranse en folla adicional que formará parte para tódolos efectos da principal.

4. Tamén se reflectirán na acta ou na folla adicional desta cantas alegacións ou aclaracións fagan os interesados ou os seus representantes en defensa dos seus intereses.

Artigo 19º

1. As actas levantaranse en presencia do titular da empresa, actividade ou establecemento ou do seu representante ou, en ausencia de ámbolos dous, perante calquera persoa que no momento da inspección se atope á fronte da empresa ou actividade, ó que se lle entregará no acto copia dela. Para o caso de que rexeitase a copia, o inspector fará constar tal circunstancia na propia acta, especificando os motivos da negativa, se os houbese.

2. As actas serán asinadas polo inspector/es actuante/s e pola persoa perante quen se levantou a acta. Para o caso que este se negase a asinala, non poida ou non saiba facelo, o inspector fará consta-la dita negativa ou circunstancia na propia acta, especificando os motivos manifestados se os houbese. A falta desta sinatura non exonerará da posible responsabilidade nin destruirá a presunción de veracidade do seu contido.

3. O asinamento da acta acreditará o coñecemento do seu contido e en ningún caso implicará a súa aceptación, agás cando así o recoñeza expresamente o propio interesado.

Artigo 20º

Os funcionarios que ocupan postos de inspectores de consumo rexistrarán as súas actuacións da forma e polo procedemento que sexa determinado pola Xerencia do Instituto Galego de Consumo, co detalle preciso para o seu debido control. Especialmente faranse constar as datas das actuacións, a empresa, establecemeto ou actividade inspeccionada e as demais circunstancias de interese.

Artigo 21º

O superior xerárquico ou os instructores do procedemento poderán solicitar ó inspector actuante a ratificación das actas ou dilixencias formalizadas por este.

ANEXO

A tarxeta de acreditación dos funcionarios que ocupan postos de inspectores de consumo ten unhas medidas de 87 x 54 milímetros con fondo de cor blanca.

Anverso:

-Anagrama do Instituto Galego de Consumo e da Xunta de Galicia.

-Fotografía en cor de 30 x 38 milímetros.

Texto:

Instituto Galego de Consumo; Xunta de Galicia; Consellería de Industria e Comercio.

Inspector de Consumo.

Nº de tarxeta.

Código do inspector; lugar e data de expedición.

Caduca ós 5 anos.

Reverso:

-Nome, apelidos e número do documento nacional de identidade da persoa titular.

Texto:

De conformidade coa lexislación vixente, os funcionarios que ocupan postos de inspectores de consumo, no exercicio das súas funcións inspectoras, terán o carácter de autoridade para tódolos efectos e poderán solicita-lo apoio e auxilio necesario de calquera outra, así como das forzas e corpos de seguridade do Estado.

Os inspectores de consumo poderán en calquera momento realizar visitas ás empresas, actividades e establecementos dedicados á comercialización de productos ou á prestación de servicios para práctica de calquera das actuacións referentes ós seus cometidos. Para estes efectos, os inspectores terán a facultade de acceder libremente, e sen notificación previa, en calquera momento, ás instalacións ou locais.

-Sinatura do presidente do Instituto Galego de Consumo e sinatura do inspector titular da tarxeta.