Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Mércores, 03 de xaneiro de 2001 Páx. 91

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 18 de decembro de 2000 pola que se convoca un curso de iniciación a Internet.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2001, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso de iniciación a Internet, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivo a introducción dos alumnos no manexo e na adquisición das habilidades necesarias para desenvolverse de forma adecuada nas utilidades e vantaxes que Internet e o correo electrónico presentan para o seu traballo.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos das policías locais de Galicia e membros da Unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia que posúan e poidan acreditar coñecementos medios de informática; e no caso de quedaren prazas vacantes, ós membros do Corpo Nacional de Policía e Garda Civil.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertan en cada curso é de 15.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 15 de xaneiro de 2001, ás 14 horas.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal, ou polo concelleiro de tráfico e seladas; será isto requisito indispensable para ser admitido no curso; o incumprimento deste requisito implicará a non admisión no devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

O curso realizarase en sesións de tarde, de luns a venres, e nel trataranse, entre outros, os seguintes temas:

a) Conceptos básicos e configuración do acceso.

b) A www. Uso dos navegadores. Portais e buscadores.

c) O correo electrónico.

d) Outros servicios: noticias, FTP, chat (IRG).

Datas.

O curso tera lugar do 5 ó 23 de febreiro de 2001, e en horario de 18 a 20 horas.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 29 de xaneiro de 2001 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

O curso desenvolverase na aula de informática da Academia Galega de Seguridade, sita na avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada.

Certificado de asistencia e aproveitamento.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el e superen unha proba de coñecementos.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 18 de decembro de 2000

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade