Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Mércores, 03 de xaneiro de 2001 Páx. 57

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 5 de decembro de 2000 pola que se regulan as axudas económicas para a atención de persoas maiores dependentes a través do cheque asistencial e a inclusión no programa das entidades prestadoras de servicios sociais.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma com

petencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais de Galicia, nos seus artigos 50 a 52 recolle a posibilidade de conceder de maneira singular prestacións económicas non periódicas e periódicas a persoas en estado de necesidade.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Xunta de Galicia, de conformidade co Decreto 351/1997, do 10 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e o Decreto 48/1998, do 5 de febreiro, polo que se fixa a estructura orgánica da consellería, ten atribuídas competencias en materia de servicios sociais.

O Consello da Xunta por iniciativa da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais aprobou o Decreto 176/2000, do 22 de xuño, polo que se regula o programa de atención ás persoas maiores dependentes a través do cheque asistencial, que ten por finalidade acadar unha mellor calidade de vida para as persoas maiores dependentes a través do seu apoio directo e ás súas familias, contribuíndo, ademais, á creación de emprego estable no ámbito dos servicios sociais. Esta orde regula o réxime xeral das axudas económicas previstas no citado decreto, que dispón que a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais será o órgano competente para efectua-la convocatoria e regula-las axudas económicas deste programa.

No texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, establécense os requisitos xerais para as subvencións e axudas que conceda a Administración autonómica.

A Lei de orzamentos de cada ano indicará a aplicación para financia-las axudas que se establecen no articulado desta orde, e que se concederán, en todo caso, tendo en conta o límite das dispoñibilidades orzamentarias. En concreto, segundo a Lei 7/1999, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2000, existe crédito adecuado na aplicación 11.03.212D.4828 por un importe global máximo de 58.200.000 pesetas.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto da orde.

Esta orde ten por obxecto a regulación dos procesos de concesión das axudas económicas individuais para persoas maiores de 65 anos dependentes, que desexen acollerse ós beneficios do Programa Cheque Asistencial, así como os requisitos e o procedemento

de inclusión das entidades que soliciten ser prestadoras de servicios no marco deste programa.

Artigo 2º.-Modalidades do programa de atención ás persoas maiores dependentes.

1. Cheque residencia: comprende as axudas individuais destinadas a cubri-lo custo de estancias permanentes en centros asistenciais incluídos no programa. Esta axuda dará dereito ós beneficiarios a que se lles presten os seguintes servicios: aloxamento, manutención, coidado persoal, control e protección, atención xerontolóxica integral e atención social.

2. Cheque centro de atención diúrna: inclúe as axudas destinadas a cubri-los custos ocasionados por coidados de recuperación e mantemento da capacidade funcional en centros de atención diúrna incluídos no programa. Neste centros prestaranse os servicios de atención persoal e xerontolóxica.

3. Cheque atención de axuda no fogar: comprende as axudas destinadas a cubri-los custos ocasionados por servicios profesionais de atención integral establecidos na Orde do 22 de xullo de 1996, pola que se regula o servicio de axuda no fogar e prestados no propio fogar familiar polas entidades incluídas no programa. Comprenderá atencións de carácter persoal, psicosocial, educativo e doméstico.

4. Cheque estadía temporal ou programas de respiro: comprende as axudas destinadas a financia-los gastos derivados de estadías temporais, polo tempo máximo de dous meses, en residencias incluídas no programa. Esta modalidade poderá conter programas de formación e apoio psicolóxico para os coidadores habituais.

Esta axuda dará dereito ós beneficiarios a que se lles presten os seguintes servicios: aloxamento, manutención, coidado persoal, control e protección, atención xerontolóxica integral e atención social durante un período máximo de dous meses.

Artigo 3º.-Beneficiarios, solicitudes e tramitación.

1. En relación cos beneficiarios, solicitudes, tramitación e resolución das axudas aplicarase o disposto no capítulo II do Decreto 176/2000, do 22 de xuño.

No caso dos emigrantes retornados quedarán exceptuados da obriga de teren residencia efectiva e de estaren empadroados en calquera dos concellos da Comunidade Autónioma galega alomenos durante o ano completo e inmediatamente anterior ó da formulación da solicitude, segundo o previsto no artigo 4.1º do Decreto 176/2000, do 22 de xuño.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior as solicitudes poderán, así mesmo, presentarse en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurí

dico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes.

Para os efectos do previsto no artigo anterior, a presentación de solicitudes poderase facer efectiva a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Documentación e tramitación.

1. Será necesario presentar toda a documentación citada no artigo 5 do Decreto 176/2000, utilizando, se é o caso, os modelos elaborados para o efecto e que figuran como anexos a esta orde.

2. Os servicios sociais dependentes do concello, á vista da documentación requirida de acordo co punto anterior, remitirán cada expediente completo e debidamente cuberto á respectiva delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

3. No caso de que a documentación resulte incompleta ou defectuosa o concello requirirá o solicitante para que, nun prazo de 10 días, achegue os documentos preceptivos ou emende os defectos observados, con indicación de que, se non o fixese será tido por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

4. Tanto o concello como a delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderán solicitar calquera outra documentación complementaria que sexa necesaria para os efectos de resolve-lo expediente. A negativa inxustificada por parte dos interesados a enviala entenderase como renuncia á petición da axuda, logo de resolución do órgano solicitante.

Artigo 6º.-Avaliación das solicitudes.

1. A avaliación das solicitudes e a correspondente proposta de resolución será efectuada pola comisión de avaliación de solicitudes, que se constituirá en cada delegación provincial.

2. A comisión de avaliación estará constituída polos seguintes membros:

-Presidente: o xefe da Área de Servicios Sociais.

-Vocais: dous empregados públicos da Área de Servicios Sociais, sendo un deles o xefe de servicio responsable e outro o encargado da súa xestión, designado polo delegado provincial e que actuará como secretario.

3. Ás reunións da comisión poderán asistir, por petición dela, un traballador social dos servicios

sociais de atención primaria e calquera outro profesional.

4. Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que designen os respectivos delegados provinciais.

Artigo 7º.-Criterios de valoración das solicitudes.

A comisión de avaliación, tendo en conta o orzamento asignado para este programa, proporá a prelación pertinente dentro daquelas peticións que reúnan tódolos requisitos sinalados no artigo 5 do Decreto 176/2000, do 22 de xuño, de acordo coas prioridades e os baremos que figuran como anexos a esta orde.

Artigo 8º.-Resolución.

1. Os delegados provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, á vista da proposta da comisión de avaliación, dictarán a resolución pertinente no prazo máximo de catro meses contados a partir da data de entrada da solicitude. O seu contido notificaráselles ós interesados e daráselles traslado ós servicios sociais de atención primaria dos correspondentes concellos.

2. No caso de que a demanda de axudas supere a oferta dispoñible, notificaráselles ós interesados, se é o caso, a puntuación obtida en aplicación do baremo e a súa inclusión nunha lista de espera.

Artigo 9º.-Comisión de Seguimento e Avaliación do Programa.

1. A nivel autonómico constituirase unha Comisión de Seguimento e Avaliación do Programa, segundo o previsto no artigo 16 do decreto, que terá como función o control, seguimento e avaliación global dos resultados do programa, así como a formulación de propostas para melloralo.

2. A comisión terá a seguinte composición:

Presidente: o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

Vicepresidente: a directora xeral de Servicios Sociais.

Vocais:

-O subdirector xeral de Acción Social.

-O subdirector xeral de Administración e Inspección.

-A xefa do Servicio de Atención ás Persoas Maiores.

-A xefa do Servicio de Atención Primaria e Cooperación coas Corporación Locais.

-A xefa do Servicio de Inspección.

-O xefe da Área de Servicios Sociais da Delegación Provincial da Coruña.

-A xefa da Área de Servicios Sociais da Delegación Provincial de Lugo.

-O xefe da Área de Servicios Sociais da Delegación Provincial de Ourense.

-O xefe da Área de Servicios Sociais da Delegación Provincial de Pontevedra.

Delégase a competencia para presidi-la comisión na directora xeral de Servicios Sociais.

Artigo 10º.-Contía das axudas.

1. O importe máximo subvencionable será o que a seguir se detalla en función dos custos das distintas modalidades do programa:

a) Atención nas residencias adheridas ó programa:

* Custo máximo da praza asistida: ata 180.000 pesetas/mes.

* Cheque para residencia asistida: ata 90.000 pesetas/mes.

b) Atención en centros de atención diúrna adheridos ó programa:

* Custo máximo da praza: ata 70.000 pesetas/mes.

* Cheque para centro de atención diúrna: ata 35.000 pesetas/mes.

c) Atención de axuda no fogar prestada por entidades adheridas ó programa:

* Custo máximo do servicio: ata 1.100 pesetas/hora e ata 90.000 pesetas/mes.

* Número máximo de horas de servicio con cargo a este programa: ata 120 horas/mes.

* Cheque para axuda no fogar: ata 45.000 pesetas/mes.

d) Atención en estadía temporal ou asistencia a programas de respiro:

* Custo máximo (ata 60 días/ano): ata 180.000 pesetas/mes.

* Cheque para estadía temporal/programas de respiro: ata 90.000 pesetas/mes.

2. Para os efectos do cálculo da subvención considerarase que o beneficiario, axudado, se é o caso, pola súa unidade de convivencia ou por quen lle preste a axuda, participará cos seus ingresos no pagamento da contía mínima do 50% sobre o custo total do servicio, polo que a contía máxima mensual subvencionable será a diferencia resultante entre os importes máximos establecidos e a achega do beneficiario.

Na modalidade cheque-residencia a contribución do beneficiario nunca poderá ser inferior á marcada

para beneficiarios de centros residenciais públicos dependentes da Comunidade Autónoma e que, nestes momentos, está fixado nun 75% dos seus ingresos líquidos, exceptuando pagas extraordinarias e tendo como límite máximo o custo real da praza.

Artigo 11º.-Procedemento de libramento de cheques.

1. A cantidade concedida traducirase en cheques mensuais, excepto para a modalidade de estadía temporal/programa de respiro que será de dous cheques, cos cales o beneficiario lle pagará á entidade que lle preste o servicio.

2. Os cheques serán efectivos a partir do día primeiro do mes seguinte á data da resolución de concesión da axuda, sempre que se acredite o inicio da prestación do servicio.

O prazo máximo que se lle concede ó beneficiario para comezar a desfrutar dos servicios é de tres meses contados desde a data na que o cheque comeza a ser operativo, agás no caso da modalidade de estadías temporais, que se deberá desfrutar dentro do ano natural no que foi concedido. Este prazo poderá ser prorrogado excepcionalmente pola Comisión de Avaliación de Solicitudes sempre que se acredite a existencia de causa xustificada para a demora.

Artigo 12º.-Pago e xustificación dos servicios recibidos.

1. O pagamento ó beneficiario da axuda realizarase mediante a entrega dos correspondentes cheques pola respectiva delegación provincial, que este lle cederá mensualmente á entidade incluída no programa que lle preste o servicio. En ningún caso, con carácter previo á prestación do servicio, a entidade poderá se-la depositaria da totalidade dos cheques asinados polo usuario e cedidos ó seu nome.

Con estes cheques, máis a diferencia que proceda aboar polo usuario, a entidade liquidará o importe total dos servicios prestados dentro dos dez primeiros días do mes seguinte ó da prestación deles. A entidade prestadora entregaralle ó usuario o correspondente xustificante de pagamento e factura polo total do servicio, con especificación da achega do usuario.

2. As entidades prestadoras incluídas neste programa presentarán liquidación mensual do total de cheques de que dispoñan nas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, segundo o número de usuarios atendidos.

3. Xunto cos cheques cada entidade prestadora remitiralle á delegación provincial que corresponda, unha relación nominal de tódolos beneficiarios do programa atendidos durante ese mes, no que fará consta-lo número de días de atención e na que indicará as continxencias acaecidas durante o período.

4. A delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais procederá a comproba-la

documentación presentada, verificará o cumprimento do servicio e realizará a tramitación económica dos expedientes polo importe resultante da suma de cheques da mensualidade correspondente, a favor de cada unha das entidades prestadoras de servicios.

5. No suposto de que un beneficiario deste sistema ingresase en centro hospitalario por un prazo igual ou superior a dez días consecutivos, a entidade recibirá o 40% das cantidades íntegras diarias que correspondan en calidade de reserva de servicios ou praza, se é o caso, importe que aboarán a partes iguais o beneficiario e a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais. O cálculo efectuarase por días durante o tempo que estivese hospitalizado.

Se durante o período que dure a hospitalización o beneficiario ou a súa familia manifestan de forma expresa a súa vontade de non seguir recibindo os servicios acordados, entenderase que causa baixa desde o momento en que a entidade reciba por escrito esta comunicación, percibindo o importe en concepto de reserva ata a data sinalada.

6. En caso de baixa durante o mes, por calquera outro motivo (voluntarias, vacacións, etc.), dun beneficiario do programa cheque residencia, consideraranse como baixa as superiores a dez días consecutivos, non podendo superar un número total de trinta días ó ano por este concepto. Durante estas ausencias a entidade prestadora percibirá en concepto de reserva de praza un 40% do custo fixado, importe que aboarán a partes iguais o beneficiario e a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Nas modalidades de cheque de atención diúrna e de axuda no fogar, estas ausencias poderán incrementarse ata noventa días ó ano, dos que soamente se considerarán como tales as superiores a dez días consecutivos. O importe que percibirá a entidade prestadora en concepto de reserva de praza será o 40% do custo total sinalado, que será asumido a partes iguais polo beneficiario e a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

7. Se un beneficiario decide voluntariamente o cambio de entidade prestadora por outra tamén incluída no programa, deberá facelo con data de primeiro de mes e comunicárllelo ós servicios sociais de atención primaria do concello onde presentou a solicitude, quen, pola súa banda, dará parte á delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais correspondente, no prazo de dez días desde que reciba a comunicación.

Artigo 13º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Facilitarlles ós órganos competentes toda a información económica, fiscal, laboral ou técnica que resulte necesaria para asegura-lo cumprimento da finalidade da axuda concedida, particularmente a que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Con

tas segundo o previsto no artigo 78.6 b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

2. Notificarlle ó órgano competente a solicitude e concesión de toda axuda por parte doutras administracións ou entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade, no prazo de quince días desde que sexa concedida.

3. Asumi-las actuacións de control técnico ou financeiro que correspondan coa subvención.

4. Destina-los cheques obxecto destas axudas á finalidade para a que foron concedidos dentro dos tres meses seguintes á concesión da axuda. Así mesmo, deberán comunicar calquera alteración das condicións que motivaron o seu outorgamento, desde que se producise a antedita alteración.

Artigo 14º.-Prórroga e extinción das axudas concedidas.

No relativo ás prórrogas e extinción das axudas concedidas haberá que se ater ó previsto nos artigos 8 e 9 do Decreto 176/2000, do 22 de xuño, polo que se regula o programa de atención ás persoas maiores dependentes a través do cheque asistencial.

Por proposta da Comisión de Avaliación de Solicitudes, sexa por denuncia ou como consecuencia da proposta razoada dos órganos que teñan atribuídas facultades de inspección na materia, poderanse deixar sen efecto as axudas concedidas e, en todo caso, esixi-lo reintegro, total ou parcial, dos cheques recibidos polos beneficiarios ou das cantidades recibidas polas entidades prestadoras a cambio dos cheques, así como os xuros de demora desde o momento do pagamento da axuda.

Na tramitación do procedemento garantirase, en todo caso, o dereito da persoa interesada á audiencia.

O prazo máximo para resolvelo será de seis meses desde o momento en que foi incoado o expediente de revogación.

As cantidades que deban reintegrarse terán a consideración de ingreso de dereito público para os efectos de cobranza.

Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión desta axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas de análoga natureza outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á extinción do dereito á axuda ou á modificación da resolución de concesión, nos termos previstos no artigo 8 do Decreto 176/2000, do 22 de xuño.

Artigo 15º.-Requisitos de inclusión no programa.

As entidades prestadoras dos servicios recollidos no programa que desexen colaborar na prestación das distintas modalidades de cheque someteranse a un procedemento de autorización administrativa

previa, segundo o previsto no artigo 10 do Decreto 176/2000, do 22 de xuño.

Os centros de atención a persoas maiores tipificados como residencias e/ou centros de día deberán estar situados no territorio da Comunidade Autónoma galega e contar co previo e preceptivo permiso de inicio de actividades outorgado con carácter definitivo pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 16º.-Obrigas das entidades.

As entidades que sexan titulares de centros ou desenvolvan programas de axuda no fogar poderán solicita-la súa inclusión no programa de cheque asistencial, de acordo con esta orde, comprometéndose a asumi-las seguintes obrigas:

-Presta-los servicios correspondentes á tipoloxía do centro ou programa de conformidade coa lexislación na materia.

-Respecta-los prezos dos servicios obrigatorios que non excederán dos publicados pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, nos que estarán incluídos os impostos correspondentes.

-Implantar na súa organización os modelos de xestión e avaliación informática necesarias para unha axeitada xestión e seguimento do programa de cheque asistencial, que facilite a Dirección Xeral de Servicios Sociais, así como achega-los datos estatísticos normalizados.

-Comunicar anualmente a incidencia deste programa na creación de emprego, así como a súa estabilidade.

-Someterse ás inspeccións e actuacións de comprobación de calidade que desenvolva a consellería competente.

-Acepta-los beneficiarios do cheque asistencial se dispoñen de prazas vacantes. Unha vez aceptado un usuario non poderá cesar na súa atención salvo circunstancias excepcionais e logo de comunicación e aceptación pola Dirección Xeral de Servicios Sociais.

-Anota-los servicios ou ingreso de cada beneficiario atendido no libro de rexistro da entidade, facendo constar nel que está acollido ó Programa de Cheque Asistencial.

-Comunicarlle nun prazo máximo de cinco días á Delegación Provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da provincia onde estea a entidade o ingreso ou inicio da atención á persoa beneficiaria, a hospitalización dela ou a súa baixa.

-Anotar no libro de rexistro da entidade a baixa do interesado e os motivos, así como calquera outra incidencia que se produza.

-Dispoñer dun expediente individualizado de cada usuario cos seus datos sociais e sanitarios, garan

tíndose a confidencialidade deles. Igualmente, nos programas de cheque de atención diúrna e de axuda no fogar, deberán consta-los datos necesarios para o seu coidado.

-Aterse ás indicacións técnicas ou procedementais que sobre esta materia realicen os órganos competentes.

Artigo 17º.-Das entidades incluídas na modalidade de cheque residencia.

1. Para os efectos desta orde as entidades que colaboren na prestación do cheque residencia deberán contar, como mínimo, cos seguintes servicios:

1.1. Aloxamento, que comprenderá: o uso dun cuarto e zonas de convivencia; a manutención; o lavado, repasado e a pasada de ferro de roupa persoal; a roupa de cama, mesa, aseo.

A estancia do usuario realizarase nun cuarto individual ou dobre. Nos cuartos garantirase a intimidade dos usuarios, na medida do posible.

Os menús deberaos supervisar un médico e terán que ser variados e garanti-la achega calórica e dietética axeitada. Xunto co menú ordinario deberán prepararse outros de réxime para os usuarios que o precisen.

1.2. O coidado persoal, control e protección do usuario, que comprenderá a prestación da asistencia necesaria para a realización das actividades da vida diaria, así como aqueloutras actuacións ou medidas precisas encamiñadas á salvagarda da integridade persoal dos usuarios.

Deberá garantirse o aseo persoal diario dos usuarios, prestándolles apoio no grao en que sexa necesario.

A provisión de medicamentos, material funxible, efectos e accesorios e demais material sanitario que se prescriba, levarase a cabo seguindo as instruccións que para tal efecto dicte a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

1.3. A atención xerontolóxica integral, que deberá comprende-las actuacións propias do seu campo, así como o desenvolvemento de programas de recuperación funcional, sen prexuízo da utilización ou coordinación, se é o caso, cos servicios sanitarios do sistema xeral.

Unha vez que se proceda ó ingreso dos beneficiarios, levarase a cabo un estudio e avaliación interdisciplinares, para elaborar un programa de atención personalizada dirixido a alcanzar e mante-la súa saúde, autonomía persoal e integración social no maior grao posible.

Prestaránselles ós beneficiarios que o precisen os tratamentos de fisioterapia e terapia ocupacional así como outros tratamentos que resulten necesarios.

1.4. Atención social, que incluirá entre as súas actividades a valoración das circunstancias sociais

dos usuarios, a promoción da súa integración e participación na vida do centro e no medio no que este se atopa, a animación sociocultural e as relacións coas familias dos usuarios.

Así mesmo, cada centro poderá ofrecer outros servicios non obrigatorios que se poderán contratar libremente polos beneficiarios aboando o custo correspondente.

2. O centro deberá contar coa figura dun responsable e co persoal axeitado en número e especialización, para a prestación dos servicios correspondentes.

Garantiranse a vixilancia e o coidado da saúde dos residentes por persoal cualificado, procurando en todo caso unha asistencia integral a través da prestación de servicios profesionais propios ou concertados.

En todo caso, ademais do persoal de mantemento, vixilancia, limpeza e demais, o centro contará, como mínimo, cos seguintes servicios e profesionais:

2.1. Asistencia médica, preferentemente con formación xeriátrica.

2.2. O persoal de enfermería contará con ATS/DUE e auxiliares de enfermería ou xerocultores.

2.3. Fisioterapeuta.

2.4. Animador sociocultural ou monitor ocupacional.

2.5. Traballador social/asistente social.

Artigo 18º.-Das entidades incluídas na modalidade do cheque centro de atención diúrna.

1. Para os efectos desta orde as entidades que colaboren na prestación do cheque centro de atención diúrna deberán contar, como mínimo, cos seguintes servicios:

1.1. Atención persoal que garantirá o aseo persoal dos beneficiarios, o seu coidado, control e protección para a prestación da asistencia necesaria mentres permaneza no centro.

Así mesmo, incluiranse servicios de comida con menús variados e supervisados por persoal médico para garantir unha achega calórica e dietética axeitada.

1.2. Atención xerontolóxica que comprenderá o desenvolvemento de programas de recuperación funcional, terapia ocupacional e animación sociocultural.

1.3. Esta modalidade de atención poderá incluír programas de investigación, así como programas de formación e apoio psicolóxico para os coidadores habituais.

2. O centro deberá contar coa figura dun responsable que se poderá compartir co da residencia na que, se é o caso, o devandito centro estea integrado.

En todo caso, garantirase o seguimento e control dos profesionais responsables dos plans de intervención dos coidados que se prestarán ós usuarios (médico, fisioterapeuta, psicólogo, animador sociocultural, ATS/DUE, asistente social, etc.).

Artigo 19º.-Das entidades incluídas na modalidade do cheque atención de axuda no fogar.

1. Para os efectos desta orde os servicios prestados polas entidades incluídas nesta modalidade deberán ser, como mínimo, os seguintes:

1.1. Atencións de carácter persoal nas que englobarán todas aquelas actividades realizadas no domicilio do beneficiario cando este non poida levalas a cabo por si mesmo e precise da axuda de persoal cualificado, entre as que se sinalan a hixiene persoal, axuda para comer, vixilancia nocturna, apoio á mobilización, recuperación funcional e outras atencións básicas para facilita-la autonomía persoal do beneficiario.

1.2. Atencións de carácter psicosocial e educativo referidas a intervencións técnico-profesionais, formativas e de apoio ó desenvolvemento das capacidades persoais, afectividade, integración social e outras semellantes.

1.3. Atencións de carácter doméstico que agrupan as actividades realizadas de forma cotiá referidas á compra e preparación de alimentos, lavado e mantemento de roupa, limpeza e mantemento da vivenda e outras análogas.

1.4. Atencións de carácter técnico complementario referidas a unha atención inmediata en situacións de crise ou emerxencia, realizadas, se é o caso, co apoio de novas tecnoloxías.

1.5. Outras atencións que axuden ó mantemento e á optimización no posible da súa autonomía persoal.

2. O persoal que intervirá deste servicio estará composto como mínimo de:

2.1. Traballador social que, en coordinación cos servicios de atención primaria do concello, deseñará o proxecto de intervención adecuado levando a cabo o seu seguimento e avaliación.

2.2. Auxiliar de axuda no fogar, como profesional con formación específica impartida por institucións públicas ou privadas homologadas para o efecto, quen realizará as tarefas de carácter asistencial en contacto co usuario e, se é o caso, coa súa familia e, cando corresponda, en coordinación co persoal de atención primaria social e sanitaria.

2.3. En caso necesario contarase con profesionais como psicólogo, ATS/DUE, auxiliar xerocultor e outros profesionais sociosanitarios, en coordinación, se é o caso, co persoal de atención primaria social e/ou sanitario.

Artigo 20º.-Das entidades incluídas na modalidade do cheque estadía temporal ou programas de respiro.

1. Esta modalidade de cheque prestará unha atención integral básica que, ademais dos servicios que presta o centro, incidirá especialmente en:

1.1. Asistencia sanitaria e actividades de recuperación funcional.

1.2. Terapia ocupacional.

1.3. Lecer e tempo libre.

2. As estancias temporais dos maiores obxecto deste programa realizaranse en centros xerontolóxicos en réxime de internado nas mesmas condicións cás previstas no artigo 17º desta orde. A duración máxima das estancias temporais será de dous meses.

3. Esta modalidade de atención poderá incluír programas de formación e apoio psicolóxico para os coidadores habituais.

Artigo 21º.-Procedemento de inclusión no programa.

1. O titular ou representante legal da entidade prestadora de servicios sociais deberá presentar na Dirección Xeral de Servicios Sociais, a partir da entrada en vigor desta orde, solicitude normalizada conforme o modelo establecido no anexo VII, para a súa inclusión no programa do cheque asistencial, xunto coa seguinte documentación:

-Identificación da carteira de servicios.

-Oferta de persoal, dimensionada segundo o número de beneficiarios, especificando formación e xornada laboral. O cadro de persoal será actualizado unha vez que se inicie a prestación do servicio, xuntando copia compulsada dos TC2 correspondentes.

-Copia compulsada do recibo actualizado de pagamento da póliza de seguros de responsabilidade civil.

2. Recibida a documentación e completada, se é o caso, o órgano instructor do expediente realizará as comprobacións oportunas respecto á situación administrativa da entidade e centro, e solicitará os informes ou a documentación que considere oportunos.

3. Unha vez formulada proposta de resolución pola unidade correspondente, a Dirección Xeral de Servicios Sociais resolverá e notificará o que proceda no prazo máximo de tres meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido o dito prazo entenderase estimada a petición.

Artigo 22º.-Causas de non-admisión.

Non serán admitidas no programa de cheque asistencial:

1. As entidades que trala instrucción do oportuno expediente fosen sancionadas por infracción da

Lei 4/1993, de servicios sociais, e non cumprisen a sanción imposta.

2. As entidades, respecto ó centro no que se dictou resolución de medidas cautelares, en función dos incumprimentos ou riscos detectados no decurso de actuacións inspectoras, durante o tempo que persista o incumprimento ou risco que as xustificou.

3. No suposto de comisión de infraccións graves ou moi graves, previstas na Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais de Galicia, as entidades afectadas non serán autorizadas para a súa inclusión no programa durante un período de 3 ou 5 anos, respectivamente, contados desde a data da imposición da sanción. Esta restricción unicamente afectará o centro respecto ó que se produciu a infracción e non ó resto de centros que puidesen ser xestionados pola entidade responsable.

Artigo 23º.-Baixas.

1. O órgano competente para resolve-los expedientes de baixa será a Dirección Xeral de Servicios Sociais. A baixa das entidades prestadoras de servicios sociais, no programa do cheque asistencial respecto dalgún ou de tódolos seus centros e/ou servicios de axuda no fogar, poderá producirse de oficio ou por petición de parte.

2. Acordarase de oficio e logo de expediente incoado para tal fin, nos seguintes supostos:

a) Polas causas de non-admisión previstas no artigo 22º desta orde.

b) Por cesamento de actividades do centro ou deixar de presta-lo servicio de axuda no fogar.

c) Por incumprimento dalgunha das obrigas previstas no artigo 16º e, segundo corresponda, 17º, 18º, 19º, ou 20º desta orde.

A Dirección Xeral de Servicios Sociais, a través do seu Servicio de Inspección, poderá en calquera momento realiza-las visitas ou solicita-la presentación de canta documentación considere necesaria, para comprobar que reúnen os requisitos esixidos na lexislación vixente.

3. Acordarase a petición de parte no seguinte suposto:

As entidades incluídas no programa poderán solicita-la súa baixa nel presentando unha solicitude de acordo co modelo establecido no anexo VIII, cunha antelación mínima de 6 meses á data na que se pretenda facer efectiva aquela, co fin de lles evitar prexuízos ós beneficiarios.

A solicitude irá xunto coa relación de beneficiarios do programa e do calendario previsto.

A solicitude e demais documentación presentada e requirida, se é o caso, será obxecto de análise e comprobación, e dictarase a oportuna resolución no prazo dun mes desde a solicitude, que se noti

ficará xunto coas medidas cautelares precisas para a correcta atención ós beneficiarios, que serán de obrigado cumprimento para a entidade. Transcorrido o dito prazo entenderase estimada a petición.

4. No suposto previsto no artigo 22.2º desta orde suspenderase a inclusión da entidade no programa de cheque asistencial, nos termos establecidos na resolución de medidas cautelares.

Artigo 24º.-Recursos.

As resolucións que se dicten en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa, podéndose interpoñer contra elas recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que resolveu nun prazo dun mes, na forma e nas condicións que determina a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Igualmente, poderanse impugnar directamente ante os órganos da xurisdicción contencioso-administrativa nun prazo de dous meses segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión destas axudas terá como límite global as dispoñibilidades orzamentarias consignadas para esta finalidade.

Segunda.-En función das referidas dispoñibilidades orzamentarias, mediante resolución da Dirección Xeral de Servicios Sociais poderá procederse á adaptación e actualización dos custos máximos das distintas modalidades do programa e dos importes máximos subvencionables, previstos nesta orde.

Terceira.-O incumprimento total ou parcial das condicións establecidas, así como a duplicidade da axuda con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local constituirán causa determinante do reintegro de axuda percibida, xunto cos xuros de demora, segundo o previsto no artigo 78.9º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Servicios Sociais para dicta-las disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2000.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais