Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Venres, 29 de decembro de 2000 Páx. 17.146

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO DA COMARCA DE ORTEGAL

BASES da convocatoria da praza de xerente da fundación.

En cumprimento do establecido na Lei de Galicia 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación, e de conformidade co acordo adoptado polo padroado da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Ortegal o día 30 de xuño de 2000, convócanse probas de selección para cubrir, baixo a modalidade de contratación indefinida, unha praza de xerente para facerse cargo da xestión da dita fundación.

As condicións específicas do contrato de traballo, así como as funcións que realizará o xerente da fundación, estarán ó dispor dos interesados na sede da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, en diante SDC, sita na estrada Santiago-Noia Km 3. A Barcia (Santiago de Compostela). Teléfono: 981 54 26 08.

I. Requisitos xerais.

-Ter nacionalidade dun país membro da Unión Europea.

-Ser maior de 18 anos.

-Acreditar titulación universitaria de grao superior.

-Acreditar formación e/ou experiencia profesional en tarefas relacionadas co desenvolvemento local.

II. Coñecementos que se requiren.

a) Coñecementos específicos:

-As regulacións e normativas legais que afectan o modelo de desenvolvemento comarcal.

-Metodoloxías e planificación estratéxica do desenvolvemento comarcal.

-Xestión e coñecemento de programas de desenvolvemento local e creación de emprego.

-Xestión e administración de fundacións de interese galego e de institucións sen finalidade de lucro.

-Estructura social e económica da Comarca de Ortegal.

b) Coñecementos complementarios:

-Acredita-lo coñecemento da lingua galega.

-Posuír e acredita-lo coñecemento de informática a nivel usuario.

III. Documentación que hai que presentar.

-Fotocopia DNI.

-Currículum vitae xunto coa documentación orixinal ou fotocopia compulsada que acredite a titulación requirida, os coñecementos, os méritos e experiencia profesional.

-Solicitude dirixida ó presidente da fundación, segundo o modelo do anexo I.

IV. Lugar e prazo de presentación.

-As solicitudes presentaranse nas dependencias da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, situada na estrada Santiago-Noia, Km 3. A Barcia. 15896 Santiago de Compostela.

-O prazo de presentación será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia.

V. Comisión de selección.

A comisión de selección estará formada polos seguintes membros:

Presidente.

Titular: Andrés Precedo Ledo, presidente do padroado da fundación.

Suplente: José Antonio Sangil Noya, delegado provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública na Coruña.

Secretario.

Titular: Fernando Tallón Cabana, vicepresidente do padroado da fundación.

Suplente: Alfonso Balseiro Gómez, secretario do padroado da fundación.

Vocais:

José Mª Soriano Villalba, xefe de Asuntos Económicos da SDC.

José Figueroa Dávila, xefe Acción Comarcal da SDC.

Rosario Álvarez Cao, xefa de Planificación da SDC.

VI. Proceso de selección.

1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, a comisión de selección publicará as listas previas de admitidos e excluídos, co motivo da exclusión, se é o caso; establécese un prazo de dez días hábiles para que, a petición do interesado, se poida reparar calquera erro que sexa emendable. Esgotado este prazo, publicaranse as listas definitivas de admitidos e excluídos e fixaranse o lugar e data de celebración da proba de coñecementos. Os candidatos deberán asistir provistos do DNI. Estas listas publicaranse

no taboleiro de anuncios da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia.

2. As probas de selección consistirán en:

a) Proba escrita teórico-práctica sobre os coñecementos e contidos que se recollen no punto II.a). A puntuación máxima que se poderá acadar nesta proba é de 10 puntos. Os candidatos que non acaden a puntuación de 5 puntos nesta proba quedarán automaticamente eliminados. Os cinco candidatos que obteñan maior puntuación na proba escrita serán convocados á proba oral.

b) Proba oral sobre experiencia profesional en desenvolvemento territorial/local e sobre coñecementos con base na temática que se recolle nos puntos II.a) e II.b) destas bases. Os candidatos convocados deberán responder, durante un máximo de 30 minutos, ás preguntas que, sobre os citados contidos, lle sexan formuladas polos membros da comisión de selección. A puntuación máxima que se poderá acadar nesta proba é de 5 puntos, sendo necesario acadar unha puntuación mínima de 2,5 puntos para superar esta proba.

Unha vez valoradas as probas anteriores, a comisión de selección publicará no taboleiro de anuncios da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia os resultados definitivos, con indicación expresa do candidato seleccionado.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2000.

Andrés Precedo Ledo

Presidente do Padroado da Fundación para

o Desenvolvemento da Comarca de Ortegal

ANEXO I

D./Dna. ... con DNI ... , en virtude da convocatoria da praza de xerente da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Ortegal,

SOLICITA:

participar no proceso selectivo para cubrir unha praza de xerente convocada pola Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Ortegal mediante anuncio público desta fundación no DOG nº... con data... .A tal fin, axúntase documentación conforme ó recollido nas bases da citada convocatoria.

Santiago de Compostela, ... de... de 2000.

Asdo.: ...

Presidente do Padroado da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Ortegal