Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Venres, 29 de decembro de 2000 Páx. 17.144

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO DA COMARCA DE CHANTADA

BASES da convocatoria da praza de xerente da fundación.

En cumprimento do establecido na Lei de Galicia 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación, e de conformidade co acordo adoptado polo padroado da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Chantada o día 5 de abril de 2000, convócanse probas de selección para cubrir, baixo a modalidade de contratación indefinida, unha praza de xerente para facerse cargo da xestión da dita fundación.

As condicións específicas do contrato de traballo, así como as funcións que realizará o xerente da fundación, estarán ó dispor dos interesados na sede da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, en diante SDC, sita na estrada Santiago-Noia Km 3. A Barcia (Santiago de Compostela). Teléfono: 981 54 26 08.

I. Requisitos xerais.

-Ter nacionalidade dun país membro da Unión Europea.

-Ser maior de 18 anos.

-Acreditar titulación universitaria de grao superior.

-Acreditar formación e/ou experiencia profesional en tarefas relacionadas co desenvolvemento local.

II. Coñecementos que se requiren.

a) Coñecementos específicos:

-As regulacións e normativas legais que afectan o modelo de desenvolvemento comarcal.

-Metodoloxías e planificación estratéxica do desenvolvemento comarcal.

-Xestión e coñecemento de programas de desenvolvemento local e creación de emprego.

-Xestión e administración de fundacións de interese galego e de institucións sen finalidade de lucro.

-Estructura social e económica da comarca de Chantada.

b) Coñecementos complementarios:

-Acredita-lo coñecemento da lingua galega.

-Posuír e acredita-lo coñecemento de informática a nivel usuario.

III. Documentación que hai que presentar.

-Fotocopia DNI.

-Currículum vitae xunto coa documentación orixinal ou fotocopia compulsada que acredite a titulación requirida, os coñecementos, os méritos e experiencia profesional.

-Solicitude dirixida ó presidente da fundación, segundo o modelo do anexo I.

IV. Lugar e prazo de presentación.

-As solicitudes presentaranse nas dependencias da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, situada na estrada Santiago-Noia, Km 3. A Barcia. 15896 Santiago de Compostela.

-O prazo de presentación será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia.

V. Comisión de selección.

A comisión de selección estará formada polos seguintes membros:

Presidente.

Titular: Andrés Precedo Ledo, presidente do Padroado da fundación.

Suplente: José María Moraleja Alonso, delegado provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública en Lugo.

Secretario.

Titular: Milagros Vázquez Tenorio, técnico xurídico da SDC.

Suplente: Evaristo García Canosa, coordinador técnico de Actividades Comarcais da SDC.

Vocais:

José Figueroa Dávila, xefe Acción Comarcal da SDC.

Rosario Álvarez Cao, xefa de Planificación da SDC.

Julio Manuel Yebra-Pimentel Blanco, alcalde-presidente do Concello de Carballedo.

Manuel Lorenzo Varela Rodríguez, alcalde-presidente do Concello de Chantada.

José Jesús Ramos Ledo, alcalde-presidente do Concello de Taboada.

VI. Proceso de selección.

1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, a comisión de selección publicará as listas previas de admitidos e excluídos, co motivo da exclusión, se é o caso; establécese un prazo de dez días hábiles para que, a petición do interesado, se poida reparar calquera erro que sexa emendable. Esgotado este prazo, publicaranse as listas definitivas de admitidos e excluídos e fixaranse o lugar e data de celebración da proba de coñecementos. Os candidatos deberán asistir provistos do DNI. Estas listas publicaranse no taboleiro de anuncios da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia.

2. As probas de selección consistirán en:

a) Proba escrita teórico-práctica sobre os coñecementos e contidos que se recollen no punto II.a). A puntuación máxima que se poderá acadar nesta proba é de 10 puntos. Os candidatos que non acaden a puntuación de 5 puntos nesta proba quedarán automaticamente eliminados. Os cinco candidatos que obteñan maior puntuación na proba escrita serán convocados á proba oral.

b) Proba oral sobre experiencia profesional en desenvolvemento territorial/local e sobre coñecementos con base na temática que se recolle nos puntos II.a) e II.b) destas bases. Os candidatos convocados deberán responder, durante un máximo de 30 minutos, ás preguntas que, sobre os citados contidos, lle sexan formuladas polos membros da comisión de selección. A puntuación máxima que se poderá acadar nesta proba é de 5 puntos, sendo necesario acadar unha puntuación mínima de 2,5 puntos para superar esta proba.

Unha vez valoradas as probas anteriores, a comisión de selección publicará no taboleiro de anuncios da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia os resultados definitivos, con indicación expresa do candidato seleccionado.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2000.

Andrés Precedo Ledo

Presidente do Padroado da Fundación para

o Desenvolvemento da Comarca de Chantada

ANEXO I

D./Dna. ... con DNI ... , en virtude da convocatoria da praza de xerente da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Chantada,

SOLICITA:

participar no proceso selectivo para cubrir unha praza de xerente convocada pola Fundación para o

Desenvolvemento da Comarca de Chantada mediante anuncio público desta fundación no DOG nº... con data... .A tal fin, axúntase documentación conforme ó recollido nas bases da citada convocatoria.

Santiago de Compostela, ... de... de 2000.

Asdo.: ...

Presidente do Padroado da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Chantada