Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Venres, 29 de decembro de 2000 Páx. 17.113

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 292/2000, do 21 de decembro, sobre formadores de formación ocupacional.

Mediante o Decreto 69/1993, do 10 de marzo, esta Comunidade Autónoma asume as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado en materia de formación profesional ocupacional.

Na antedita transferencia a Administración do Estado reserva para si, entre outras funcións, a da aprobación do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional (Plan FIP). En exercicio de tal competencia díctase o Real decreto 631/1993, do 3 de maio, no que se marcan as pautas e as directrices que deben seguir tanto o Instituto Nacional de Emprego (Inem) como as comunidades autónomas con competencias na materia.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, atribúelle a esta, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación, o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo á formación ocupacional.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude é consciente da importancia que para a calidade dos cursos de formación ocupacional ten a preparación dos docentes responsables da súa impartición, non só desde o punto de

vista dos coñecementos técnicos, senón tamén desde a perspectiva da metodoloxía didáctica que se vai empregar.

Consecuentemente con isto, colabora co Instituto Nacional de Emprego, como organismo competente na materia, na xestión dos plans de perfeccionamento técnico que se convocan anualmente e, ademais, a propia consellería procedeu a programar, desde a publicación do Decreto 424/1996, do 21 de novembro, polo que se regula o Plan Autonómico de Formación de Formadores de Formación Profesional Ocupacional, accións de formación da especialidade de metodoloxía didáctica de 150 horas, que tiñan como obxectivo fundamental capacitar para programar, impartir e avaliar cursos de formación ocupacional ós diferentes profesionais que imparten cursos incluídos nas programacións da consellería.

Ó amparo deste decreto efectuáronse catro convocatorias ofertando accións de metodoloxía didáctica; nel establecíase a obrigatoriedade, a partir da programación de cursos correspondente ó ano 2000, de que tódolos docentes estivesen en posesión dun diploma que acreditase a realización do curso de metodoloxía didáctica, ou ben que calquera outro validado, segundo as normas establecidas no artigo 5º do citado decreto. Esta obriga nunca chegou a entrar en vigor debido á imposibilidade de que estas accións formativas chegasen a tódolos interesados. Por isto, as ordes de convocatoria de cursos do Plan FIP para os anos 2000 e 2001, ó amparo da disposición adicional primeira do Decreto 424/1996, estableceron, a través dunha disposición transitoria, unha prórroga para a entrada en vigor deste requisito.

A experiencia adquirida durante estes catro anos de vixencia do decreto demostrou que fixeran o curso moitas persoas que nin impartiran nin, previsiblemente, ían impartir nunca cursos do Plan FIP, polo que a súa eficacia quedaba seriamente cuestionada.

Por outra banda, como consecuencia da nova ordenación da formación ocupacional, mediante Real decreto 1646/1997, do 31 de outubro, aprobouse o certificado de profesionalidade da ocupación de formador ocupacional, o que obriga a adapta-la programación de accións de formación dos docentes de formación ocupacional ó itinerario formativo do antedito certificado de profesionalidade.

Cómpre, pois, comezar unha segunda etapa na que os destinatarios exclusivos deste curso sexan aqueles docentes que imparten accións de formación ocupacional da correspondente programación anual.

Aproveitando a aprobación do presente decreto, procédese a modificar parcialmente o Decreto 208/1996, do 6 de xullo, polo que se regula o procedemento para a homologación de especialidades formativas e para a inscrición no Censo de Centros Colaboradores de Formación Ocupacional. Esta modificación consiste

en adianta-lo prazo de presentación de solicitudes de homologación de especialidades formativas, para lograr que os cursos poidan empezar a comezos do ano correspondente, co conseguinte beneficio que isto ocasiona tanto ós centros colaboradores como ós alumnos.

Consecuentemente con todo o anterior, por proposta da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, consultados o Consello Galego de Relacións Laborais e o Consello Galego de Formación Profesional, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteún de decembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O presente decreto ten por obxecto a regulación das accións de formación dirixidas ós profesionais que participen como docentes nos plans de formación ocupacional da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, para os efectos de mellora-la súa cualificación e a calidade da formación impartida.

Artigo 2º.-Tipoloxía das accións.

1. A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude programará, dentro do ámbito de aplicación deste decreto, cursos de formación metodolóxica, de acordo co previsto no certificado de profesionalidade da ocupación de formador ocupacional, regulado polo Real decreto 1646/1997, do 31 de outubro.

2. Así mesmo, en función das necesidades metodolóxicas detectadas, poderanse programa-las seguintes accións formativas:

a) Cursos de carácter monográfico, especialmente dirixidos á especialización e actualización docente.

b) Cursos de perfeccionamento técnico profesional, que teñen como obxectivo capacita-los alumnos para o desenvolvemento de tarefas profesionais relacionadas cos contidos dos diferentes cursos de formación ocupacional.

Artigo 3º.-Programación e impartición das accións.

A programación das accións ás que se fai referencia no artigo anterior será realizada pola propia Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, con carácter anual e mediante convocatoria pública, con medios persoais e materiais propios ou alleos contratados para estes efectos.

Artigo 4º.-Destinatarios das accións.

As accións formativas previstas no presente decreto terán como destinatarios os formadores que impartan accións de formación ocupacional programadas pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Disposición adicional

Modifícase o parágrafo 2 do artigo 3 do Decreto 208/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o

procedemento para a homologación de especialidades formativas e para a inscrición no Centro de Centros Colaboradores de Formación Ocupacional, xa modificado polo Decreto 218/1998, do 17 de xullo, que queda redactado do seguinte xeito:

«2. O prazo de presentación de solicitudes de homologación estará aberto todo o ano, agás no período comprendido entre o 30 de xuño de cada ano natural e o día seguinte ó do remate de prazo de presentación das solicitudes de programación de accións de formación ocupacional fixado nas correspondentes ordes de convocatoria».

Disposición transitoria

Os diplomas acreditativos de ter realizado os cursos regulados no Decreto 424/1996, do 21 de novembro, polo que se regula o Plan Autonómico de Formación de Formadores de Formación Profesional Ocupacional, e os validados ó amparo do artigo 5º do citado decreto terán, de se-lo caso, as correspondencias e equivalencias que se establezan segundo a normativa estatal, co certificado de profesionalidade da ocupación de formador ocupacional, regulado no Real decreto 1646/1997, do 31 de outubro.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 424/1996, do 21 de novembro, polo que se regula o Plan Autonómico de Formación de Formadores de Formación Profesional Ocupacional, e as súas ordes de desenvolvemento, polas que se efectuaron as correspondentes convocatorias, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as normas necesarias para o desenvolvemento e execución da presente disposición.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteún de decembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude