Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Xoves, 28 de decembro de 2000 Páx. 16.988

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 20 de decembro de 2000 pola que se anuncian subvencións para a reforma, adaptación e mellora de establecementos de turismo rural.

Tendo en conta a situación da actividade primaria existente no noso espacio rural que xeraba unhas grandes fluctuacións económicas e provocaba o éxodo da poboación, a Xunta de Galicia decidiu desde os últimos anos incentivar e fomentar alternativas de investimento co fin de corrixir esta circunstancia. A liña de actuación, desde o plano turístico, pasou por fomentar que os cidadáns do medio rural dedicaran as súas vivendas á nova modalidade de turismo rural.

Este novo concepto de turismo enmarcábase en catro liñas básicas. Por unha parte, creaba para os cidadáns unha nova alternativa de ocio. Outra liña era a potenciación e comercialización, mediante restauración e rehabilitación do noso patrimonio arquitectónico rural. En terceiro lugar, isto levaba consigo unha dinamización económica da zona na que se situaban. Finalmente, e desde a perspectiva turística, pretendíase con esta actuación incidir nunha desestacionalización e diversificación do noso turismo, xerando con isto un turismo sostible.

Desde a Xunta de Galicia, malia a valoración positiva do conseguido ata o momento, entendemos que debemos mellorar esta oferta de turismo rural incidindo, fundamentalmente, na calidade.

A presente orde busca esta finalidade para os establecementos xa aperturados que se concreta nunha adaptación das súas instalacións ó determinado na Orde do 2 de xaneiro de 1995, pola que se establece a ordenación dos establecementos de turismo rural. Polo tanto, coa presente orde preténdense pequenos investimentos que leven a adapta-las casas á referida normativa do 95.

Por todo isto e con cargo ós créditos orzamentarios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, asignados para esta finalidade no proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 13 de outubro de 2000 e seguindo os límites de intensidade autorizados a Galicia no Mapa Rexional de Axudas a España para o período 2000-2006, e todo isto consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita lei e tendo en conta as determinacións da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada pola do 27 de novembro de 2000, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, convócanse axudas destinadas á reforma, adaptación e mellora de establecementos de turismo rural e, polo tanto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Destinatarios.

Poderán ser beneficiarios da subvención, de conformidade co sinalado na presente orde, as persoas

físicas e xurídicas propietarias de inmobles dedicados a turismo rural ou as persoas que, sen seren propietarias, xestionen o establecemento coa debida autorización da Administración turística.

Artigo 2º.-Determinacións orzamentarias.

A estas concesións, que se imputarán á aplicación orzamentaria 10.05.751A.770.0, destínase un crédito de 25.000.000 de pesetas, distribuídos en 3 anualidades, a saber, no ano 2001, 8.000.000 de pesetas; no 2002, 8.000.000 de pesetas e no 2003, 9.000.000 de pesetas. Cando as subvencións concedidas teñan carácter plurianual, aplicarase o que dispón o artigo 39.Dous) do antedito proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 13 de outubro de 2000, para os efectos do pagamento correspondente ás anualidades dos exercicios do 2001 e do 2002, sendo nestas axudas posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, superen a porcentaxe máxima do investimento

subvencionable que legalmente estea establecido.

Artigo 3º.-Finalidade.

Poderán ser obxecto de subvención, de acordo co establecido nesta orde, os investimentos relativos á:

1º Adaptación e reforma das instalacións e servicios dos establecementos de turismo rural, aperturados con anterioridade á entrada en vigor da presente orde, coa finalidade de que estes establecementos axusten as súas instalacións e servicios ás esixencias que para estes se sinalan nos artigos 10º e 11º da orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 2 de xaneiro de 1995, pola que se establece a ordenación dos establecementos de turismo rural, modificada pola Orde do 7 de maio de 1996.

2º Mellora-la oferta turística que están dando os establecementos de turismo rural aperturados con anterioridade á entrada en vigor da presente orde, no caso de que non precisasen axusta-las súas instalacións e servicios ás esixencias da antedita orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 2 de xaneiro de 1995.

En todo caso, e para os efectos de valoración das solicitudes, a prioridade para a concesión de subvencións, sempre e cando o expediente cumpra tódolos requisitos que se determinen nesta orde, será a seguinte:

1º Obras de adaptación.

2º Obras de reforma.

3º Obras de mellora.

Considerarase investimento subvencionable tanto a execución material do investimento como a redacción dos proxectos e a dirección de obra, non sendo subvencionable o equipamento, a excepción do telefónico, nin as taxas e impostos legalmente esixibles.

Artigo 4º.-Condicións particulares.

Ademais do establecido na antedita orde de ordenación, os investimentos que se subvencionen deberán de cumpri-las seguintes condicións:

a) Os proxectos, cando impliquen a realización de calquera tipo de obra, serán de rehabilitación ou restauración, non de construcción ex novo, mantendo e recuperando a memoria histórica do inmoble e o seu contorno. Deberán ser respectuosos coa estructura da edificación nas suas relacións co lugar; así mesmo, respectaranse os seus usos tradicionais e a sectorización segundo as plantas. Manteranse os volumes e formas preexistentes e proporanse materiais e acabados propios da zona e das condicións do inmoble. Recuperaranse as estructuras tradicionais cos requirimentos técnicos esixibles. Terase especial coidado na resolución da cuberta, lucernarios e elementos auxiliares, así como o tratamento de fachadas. O proxecto deberá propor solucións en canto á potabilidade da auga, a evacuación dos residuos e o seu tratamento.

b) A superficie pechada destinada a cuartos (e os seus baños), non poderá ser maior que a destinada a espacios comúns (salóns, comedor, biblioteca, cociña, etc.) sen contar espacios de circulación, salvo que un informe técnico determine que o investimento que posibilite o esixido neste punto sexa de tal magnitude que resulte antieconómico.

c) Comeza-la súa execución durante o ano 2001 e estar rematados con tempo abondo para xustifica-lo investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde, aínda que tamén poden ser subvencionados os proxectos iniciados con anterioridade, sempre e cando os solicitantes acheguen certificación valorada, asinada por técnico facultativo, das obras realizadas, as cales non computarán para os efectos de investimento subvencionable.

d) Os titulares dos establecementos de turismo rural subvencionados adquiren os seguintes compromisos e obrigas:

1. Mante-la súa actividade durante un período mínimo de quince anos, contados desde a data que lle concedeu por vez primeira a Administración turística a autorización provisional para o funcionamento do establecemento.

2. Oferta-los seus servicios mediante prezos semellantes ós que operan no mercado desta Comunidade Autónoma para os establecementos análogos, sen prexuízo do disposto na lexislación vixente sobre prezos.

3. Mante-lo establecemento aberto e en funcionamento durante 11 meses ó ano e adscribirse á central de reservas de Turgalicia.

4. Crea-los postos de traballo a que se compromete na declaración xurada reflectida no anexo III nun prazo de 3 anos contados dende a data de xustificación final do investimento.

5. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

6. Comunicarlle á delegación provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo onde se atopa o investimento obxecto de subvención a obtención de outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público nacional ou internacional.

7. Reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido da subvención concedida así como os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

Incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

Non ter acadado, en tempo e forma, a finalidade para a que foi concedida a subvención.

Incumprimento da obriga de xustificación nos prazos e termos establecidos nesta orde.

Ter obtida a subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

Supera-la porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

e) Os proxectos que se subvencionen terán que publicita-la colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo - Dirección Xeral de Turismo, tanto durante a realización das obras como posteriormente, mediante un cartel que se exhibirá en sitio ben visible. As características do dito cartel, así como a súa localización e contido, serán indicados polos correspondentes servicios provinciais de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

f) Se é o caso, os proxectos que se subvencionen terán que cumpri-lo disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Contía das subvencións.

Os proxectos que se recollen nesta orde como accións subvencionables poderán acadar unha axuda, con cargo ós créditos orzamentarios desta con

sellería destinados á finalidade desta orde, de ata o 35% do orzamento do investimento subvencionable cando este se refira á execución dun dos investimentos incluídos no artigo 6º.1.e).1º desta orde, ou de ata o 25% cando o investimento sexa un dos incluídos no artigo 6º.1.e).2º desta orde máis, en ambolos casos, 1.000.000 de pesetas por posto de traballo a crear con carácter indefinido e que supere a porcentaxe mínima de contratación estable que, para ser beneficiario de subvención, se esixe nesta orde; a porcentaxe da subvención concedida, con respecto ó investimento subvencionable, incrementarase en 5 puntos porcentuais se o proxecto implica a creación de comedor para o establecemento. En ningún caso o importe da subvención concedida, con cargo ós referidos créditos desta consellería, poderá supera-lo 40% do investimento subvencionable.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes, dirixidas ó delegado provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo correspondente á provincia de localización do investimento, e a documentación que a continuación se especifica presentarase, por duplicado exemplar, no Servicio Provincial de Turismo da respectiva delegación provincial, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no prazo de corenta e cinco días (45) naturais contado desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Declaración segundo o modelo do anexo II.

c) Fotocopia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

d) Informe urbanístico emitido polo concello, onde específicamente se determine se a execución do proxecto para o que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente.

e)

1º Proxecto básico asinado por técnico facultativo competente, no que se faga consta-lo seu número de colexiado, cando o investimento se refira á realización das obras. Así mesmo, será preceptivo remitir este proxecto, coas condicións sinaladas neste parágrafo, cando o investimento proxectado se refira a instalacións do establecemento que se atopen vencelladas coa súa seguridade ou coa dos seus usuarios.

2º Memoria explicativa asinada, así mesmo, por técnico facultativo competente, cando o investimento se refira á adquisición de equipamento telefónico, a execución dun proxecto de decoración, a intervencións de remoción e pequenas reparacións, sempre e cando estes investimentos non se atopen vencellados coa seguridade do establecemento ou coa dos seus usuarios. Á dita memoria achegaránselle os correspondentes certificados de idoneidade técnica.

En calquera de ambolos casos, é dicir, tanto co proxecto como coa memoria explicativa, farase constar no expediente, obrigatoriamente, o seguinte:

-Memoria histórica do edificio, facendo referencia á súa catalogación ou inventariado cando a edificación para a que se solicita a subvención non a percibira con anterioridade da Administración turística da Xunta de Galicia.

-Fotografías actuais do inmoble, exteriores, interiores e do contorno.

-Memoria explicativa do investimento e xustificación das solucións adoptadas.

-Orzamento do investimento no que se incluirán, segundo corresponda, e especificándose o importe detallado de cada un deles, os elementos ou os capítulos que conforman o investimento, así como, de se-lo caso, o custo da redacción do proxecto e da dirección de obra.

-Planos do estado actual e do proxectado, a escala mínima 1:50, cando o investimento afectase á distribución ou uso das instalacións existentes.

-Descrición dos materiais e acabados propostos.

-Características técnicas do investimento.

-Prazo previsto para a execución.

f) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

g) Documentos acreditativos, de se-lo caso, de asistencia a cursos de formación en materia de servicios turísticos do titular ou do persoal ó servicio do establecemento. Neste caso haberá de achegarse o TC1 correspondente.

h) Declaración xurada, se é o caso, na que se determine que, despois de remata-las obras que se subvencionen ó abeiro desta orde, o interesado solicitará o cambio da clasificación do establecemento da modalidade de residencia á de hospedería.

i) Anexo III asinado e debidamente cuberto.

k) Se é o caso, solicitude debidamente motivada para que, por circunstancias de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades do sector ou da empresa concreta, se solicite á Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos que autorice de xeito excepcional a non esixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración de beneficiario da axuda.

2. Os interesados emendarán os defectos dos expedientes de solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, procedéndose ó arquivo, sen máis trámite e previa resolución, daqueles que non se cubrisen en tempo e forma.

3. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servicios centrais ou provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 7º.-Selección das solicitudes e resolución.

As solicitudes, ás que se lles achegará un informe emitido polo respectivo xefe do Servicio Provincial de Turismo e nas que se deberá indica-las faltas de adaptación do establecemento para o que se solicita subvención á normativa de ordenación, a súa data de autorización así como un informe de valoración da prestación do servicio de turismo rural, serán estudiadas por unha comisión técnica constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación, que a presidirá, actuando como vocais un representante de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, os xefes dos servicios provinciais de Turismo, os xefes do Servicio de Fomento e Promoción, de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística e de Ordenación do Turismo da Dirección Xeral de Turismo e o xefe da área de Turismo Rural de Turgalicia. Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedito xefe de Servicio de Fomento e Promoción.

1. Para a valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

1º Reconversión do establecemento da modalidade de residencia á de hospedería

2º A zona onde está situado o establecemento, en función da súa oferta, servicios, recursos e calidade ambiental.

3º A creación de postos de traballo.

4º As características do investimento, en función das necesidades do establecemento, para o que se solicita subvención.

5º O informe do xefe do Servicio Provincial de Turismo.

6º O estado actual das instalacións e oferta de servicios.

7º As sancións firmes impostas ó establecemento por un funcionamento defectuoso na calidade dos servicios ofertados.

8º A ocupación dos 2 últimos anos ou, se é o caso, desde a súa apertura.

9º A asistencia a cursos de formación en materia de servicios turísticos do titular ou do persoal ó servicio do establecemento.

2. Esta comisión, á vista dos expedientes e dos informes emitidos polos servicios provinciais, analizará e cualificarán os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias, elevará proposta

de concesión ou denegación de subvención. Dos acordos adoptados pola sinalada comisión redactarase a correspondente acta.

3. No ámbito territorial da súa competencia e vistos os acordos adoptados pola referida comisión técnica, os delegados provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo dictarán, ó abeiro das competencias que lles atribúe o Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provincias ou territoriais da Xunta de Galicia, dictarán as resolucións de concesión ou se é o caso, de denegación de subvencions. Contra estes actos resolutivos, que non esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de alzada diante do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

A resolución de concesión determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias para os anos 2001, 2002 e 2003, segundo corresponda, en función das disposicións orzamentarias ou, se fose o caso, das dificultades de índole técnica de execución do investimento subvencionado.

4. Entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data de publicación da orde.

Artigo 8º.-Aceptación e renuncia das subvencións.

1. Unha vez recibidas as notificacións de concesión de subvención polos beneficiarios, estes, no prazo de dez días naturais, comunicaranlle á correspondente delegación provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a aceptación ou renuncia a elas segundo o modelo do anexo IV. Se transcorridos os sinalados dez días non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, a dictar resolución de anulación da subvención concedida por renuncia do beneficiario.

2. No prazo dun mes, contado desde a presentación da aceptación da subvención, os beneficiarios remitirán á correspondente delegación provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a seguinte documentación:

a) Certificación bancaria actualizada da conta onde se debe aboa-la subvención.

b) Licencia urbanística de obras, expedida polo concello e con referencia explícita ó proxecto subvencionado. Excepcionalmente poderase apraza-la presentación deste documento.

c) Cando o investimento fose un dos determinados no artigo 6º.1.e).1º desta orde, achegarase proxecto

definitivo da acción subvencionada, no que se incluirá programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento, consonte a resolución de concesión.

Este proxecto e programa, que teñen que ser conformes o determinado na resolución de concesión da subvención, e para os efectos da súa validez para incorporar ó expediente, deberán ser informados favorablemente, polo xefe do Servicio de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Dirección Xeral de Turismo.

Se transcorrido o sinalado prazo dun mes e, tralo oportuno requirimento, non se achegase algunha da documentación anteriormente referida, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, a dictar resolución de anulación da subvención concedida por renuncia do beneficiario.

Artigo 9º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude da presente orde e cando o seu importe se atribuíu en dúas ou máis anualidades terán como data límite, para a presentación de xustificación do investimento executado, que se deberá realizar de conformidade co programa de obras, as seguintes:

Fase de 2001: 1 de novembro do 2001.

Fase de 2002: 30 de xuño de 2002, se o importe da subvención se imputou a dúas anualidades. No caso de terse imputado a máis, 15 de outubro de 2002.

Fase de 2003: 30 de xuño de 2003.

Se a subvención soamente se imputou ó exercicio de 2001, a data límite de presentación será o 1 de novembro de 2001.

En todo caso, os beneficiarios de subvencións, unha vez executado o investimento, deberán xustificalo o antes posible e nunca con posterioridade ás datas indicadas, datas que son límite de presentación da xustificación.

2. A xustificación do investimento executado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado.

3. Para percibi-la subvención os beneficiarios remitirán á correspondente delegación provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobro segundo o modelo do anexo V.

3.2. Facturas e certificación por conceptos, asinada polo técnico director de obra, relativa á obra executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra, no caso de que o investimento subvencionable se referise á realización dos investimentos recollidos no artigo 6º.1.e)1º da presente orde.

Cando o investimento subvencionable se referise ás accións recollidas no artigo 6º.1.e).2º da presente orde deberase remitir, ou ben a documentación que se sinala no parágrafo anterior ou, no seu defecto, facturas orixinais, ou copia compulsada destas, relativas ó investimento executado.

En calquera dos casos, nas facturas o investimento deberase especificar a que concepto do investimento que serviu de base á concesión de subvención corresponde cada unha delas.

3.3. Certificados de estar ó día nas súas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da Comunidade Autónoma e nas obrigas coa Seguridade Social e que non se ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa administración da Comunidade Autónoma.

3.4. Licencia urbanística de obras, no caso de que non se achegara con anterioridade.

3.5. Acta de manifestacións, en escritura pública, onde se recollan os compromisos ós que se fan referencia no artigo 4º.d) e, se fose o caso, no anexo III da presente orde. Este documento será obrigatorio presentalo coa primeira solicitude de pagamento.

3.6. Antes do derradeiro aboamento, os beneficiarios deberán achegar, xunto co resto da documentación, declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Por outra banda, no caso de que a subvención concedida fose plurianual e superase a cifra de 5.000.000 de pesetas, cando se solicite o pagamento da anualidade do 2001 ou de se-lo caso de 2002 ou 2003, ademais da documentación indicada no número 3 do presente artigo, tamén se deberá remiti-la documentación á que se fai referencia no artigo 39.Dous.2 do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2001.

Disposición transitoria

Tódolos actos dictados nos expedientes de gasto regulados ó abeiro desta orde entenderanse condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circuntancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron

aqueles. A concesión das subvención reguladas na presente orde estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Disposición adicional

Primeira.-A condición de beneficiario de subvención, sen prexuízo dos demais requisitos que nela se establecen, só poderá adquirirse cando alomenos o 35% do cadro de persoal da empresa solicitante de axuda teña contratos por tempo indefinido.

No caso de empresas de nova creación, poderá adquirirse a condición de beneficiario de subvención, cando exista o compromiso de acadar como mínimo o 35% de estabilidade laboral ó remate do prazo que se conceda para tal efecto (artigo 3º.e.4 desta orde).

A porcentaxe de estabilidade mínima laboral, no caso de empresas con menos de 10 traballadores e para os efectos de adquiri-la condición de beneficiario de subvención, será dun 33%.

Non será preciso dar cumprimento ós anteditos requisitos de estabilidade laboral no caso de que a subvención solicitada ou, no seu caso, concedida sexa inferior a 10 millóns de pesetas.

En todo caso non será esixible o requisito de estabilidade mínima laboral en relación ós centros de traballo radicados fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-As modalidades de contratos aceptados na presente orde, para os efectos de creación de emprego, son:

-Autoemprego.

-Indefinidos.

-Fixos-descontinuos.

Todo isto con independencia de se a cotización á Seguridade Social se fai a través do réxime xeral ou especial de traballadores por conta allea ou polo de traballadores autónomos.

Se é o caso, e para o cálculo da equivalencia ó ano, procederase a dividi-la suma de horas traballadas pola xornada anual de actividade, determinando este resultado o número de postos creados.

O cumprimento das condicións relativas á creación de emprego acreditarase mediante o oportuno certificado do organismo laboral competente.

Terceira.-De xeito excepcional, logo de petición do solicitante, e coa debida motivación, en casos de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades dun sector ou dunha empresa concreta, a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos poderá autoriza-la non esixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración de beneficiario da axuda.

Cuarta.-Para os efectos desta orde entenderase como creación de emprego a reconversión de postos de traballo temporais en postos de traballo fixos.

Quinta.-Poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda obxecto da presente orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais

Sexta.-No caso de concesión de subvención trala resolución dun recurso administrativo, as datas para a presentación da documentación a que fai referencia o artigo 8º desta orde, así como os prazos establecidos no artigo 9º.1, teranse que determinar no acto que resolva o dito recurso. Estas datas e prazos non poderán ser, en ningún caso, posteriores ó 30 de xuño de 2003. Será tamén de aplicación o disposto neste parágrafo cando se concedese unha subvención consonte ó sinalado no artigo 7º.3 desta orde.

Sétima.-No caso de que os proxectos presentados ó concurso de subvención obxecto desta orde fosen de tal importancia para os obxectivos turísticos e tal feito determinase que se fixera preciso amplia-lo importe do crédito determinado no artigo 2º desta orde, a Dirección Xeral de Turismo fará a correspondente proposta nos termos establecidos na normativa orzamentaria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As unidades administrativas que actúen en calquera das fases do procedemento determinado na presente orde, poderán solicitar ó administrado a documentación que consideren precisa para un mellor estudio do expediente.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Turismo para dicta-las resolucións e instruccións oportunas para o desenvolvemento e interpretación desta orde, incluíndose nestas facultades as que sexan precisas para adaptar, de oficio, os importes de investimento subvencionable e subvención concedida ó euro, así como calquera outra operación que sexa precisa neste eido seguindo para isto a normativa que exista para estes fins.

Terceira.-En todo o non recollido na presente orde aplicarase o disposto, para esta materia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia así como na Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais, orzamentarias, de función pública e actuación administrativa e no proxecto de Lei de orzamentos de Galicia para 2001.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2000.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicacióin Social e Turismo