Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Xoves, 28 de decembro de 2000 Páx. 16.937

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 2/2000, do 21 de decembro, pola que se crea a escala de axentes facultativos medioambientais da Xunta de Galicia.

A organización da función pública da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, no que se refire ós corpos e escalas dos seus funcionarios, baséase nos principios de agrupación pola titulación esixida para o ingreso neles e de diferenciación entre o que se denomina administración xeral e especial en atención ás funcións desempeñadas polos seus compoñentes. Deste xeito, nos ámbitos de actuación da administración nos que se precisa a realización de determinadas actividades profesionais de carácter técnico-facultativo créanse escalas dese sector profesional que se integran nos respectivos corpos de administración especial.

A tutela e a xestión dos recursos naturais renovables e maila conservación do medio ambiente de Galicia, que ten encomendadas a Administración desta Comunidade Autónoma por expresos mandatos constitucional e estatutario, requiren a realización de determinadas actividades profesionais de execución, colaboración e apoio ós corpos facultativos de grao superior e medio xa existentes, para lles poder dar resposta ás crecentes demandas de actuacións administrativas especializadas neste campo e cumpri-lo imperativo de lles transmitir ás futuras xeracións o noso común patrimonio natural. Neste sentido, é conveniente proceder á creación dunha nova escala, para efectos de desenvolver aquelas que teñan como misión a tutela, a xestión e a conservación do medio ambiente.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.21 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei pola que se crea a escala de axentes facultativos medioambientais da Xunta de Galicia.

Artigo 1º.-Creación da escala de axentes facultativos medioambientais da Xunta de Galicia.

Ó amparo do disposto no artigo 20 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, dentro do corpo de axudantes facultativos da Xunta, grupo C, créase a escala de axentes facultativos medioambientais da Xunta de Galicia.

Artigo 2º.-Titulación requirida para o ingreso e sistema de selección.

1. Para o ingreso na devandita escala requirirase estar en posesión do título de técnico superior en xestión e organización dos recursos naturais e paisaxísticos ou da titulación de técnico especialista equivalente.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior e de conformidade co establecido na disposición adicional vixésimo segunda da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, o acceso á escala poderá levarse a cabo a través da promoción interna desde a escala de axentes forestais da Xunta de Galicia, como escala do grupo D da mesma área de actividade.

3. O sistema de selección para acceder a esta escala será a través de calquera dos sistemas de acceso previstos na normativa da función pública.

Artigo 3º.-Funcións.

Corresponderalle á escala de axentes facultativos medioambientais o desempeño das funcións de execución, colaboración e apoio ós corpos facultativos de grao superior e medio, así como a dirección e o control directos do persoal ó seu cargo.

Así, serán funcións da dita escala as seguintes:

a) A custodia e protección da riqueza forestal e dos ecosistemas naturais, controlando as actividades relacionadas coa utilización e cos aproveitamentos de recursos naturais.

b) A participación nas tarefas de defensa e prevención dos incendios forestais e calquera outra causa que ameace os ecosistemas.

c) A custodia e protección dos espacios naturais, da riqueza cinéxetica e piscícola e da flora e fauna silvestres.

d) A execución e coordinación de traballos e a adopción das medidas que se precisen para a prestación dos servicios de custodia e protección da riqueza forestal e medioambiental.

e) Calquera outra que se lle encomende regulamentariamente en relación coa xestión e tutela dos recursos naturais renovables e coa conservación do medio ambiente.

Disposicións adicionais

Primeira.-No exercicio das súas funcións, os axentes facultativos medioambientais da Xunta de Galicia terán a consideración de axentes da autoridade.

Segunda.-Os funcionarios da escala de axentes facultativos medioambientais da Xunta de Galicia quedan exceptuados da posibilidade de permanencia voluntaria na situación de servicio activo prevista no artigo 33 da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública.

Disposición transitoria

Única.-Os funcionarios de carreira que á entrada en vigor desta lei pertenzan á escala de axentes forestais do corpo de auxiliares facultativos da Xunta de Galicia poderán integrarse na escala de axentes facultativos medioambientais do corpo de axudantes facultativos da Xunta de Galicia sempre que cumpran os requisitos de acceso establecidos na disposición adicional vixésimo segunda da Lei 30/1984,

do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública.

Para tal efecto, a Xunta de Galicia convocará, como máximo, dous procesos selectivos de promoción que lle permita acceder á escala de axentes facultativos medioambientais ó persoal que os supere.

Así mesmo, a Xunta de Galicia procederá a modifica-la relación de postos de traballo, de tal modo que os funcionarios que en virtude deste proceso accedan á escala superior poidan pasar a desempeñar postos pertencentes a esta escala, conforme as dotacións de postos que demande a súa implantación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Xunta de Galicia para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta lei.

Segunda.-Esta lei entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteún de decembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente