Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Martes, 26 de decembro de 2000 Páx. 16.845

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 14 de novembro de 2000, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se fai púlica a declaración de impacto ambiental do proxecto de concesión de explotación Herbeira 6056, nos termos municipais de Cariño e Cedeira (provincia da Coruña) e promovido por Pasek España, S.A.

En cumprimento do establecido no artigo 5, punto 2º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia (DOG do 25 de setembro), faise pública a Resolución do 22 de xullo de 1999 da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental e os seus anexos do proxecto de explotación de dunita a ceo aberto para fins siderúrxicos, cunha superficie de 7,2 ha, e sita no macizo de Cabo Ortegal, nos concellos de Cariño e Cedeira (A Coruña), denominada Herbeira nº 6056 promovido por Pasek España, S.A. Jesús Espada Martínez. Delegado provincial da Coruña.

Declaración de impacto ambiental

A presente declaración refírese, en exclusiva, ás actuacións mineiras que sobre unha superficie total de 7,2 ha e unha duración estimada de 12 anos, veñen definidas no proxecto de referencia.

Tanto para outras zonas ou áreas que se van explotar como para unha duración maior da prevista precisarase unha nova declaración.

Examinada a documentación presentada, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental establece pola presente DIA as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de xeito que se asegure a minoración dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

1. Protección da atmosfera.

1.1. Sobre a emisión de po e gases.

Co fin de evita-los posibles efectos negativos que puidese ocasiona-lo po xerado pola explotación, adoptaranse as medidas descritas no estudio, de forma que se dea cumprimento ó Decreto 833/1975, do 6 de febreiro, polo que se desenvolve a Lei 38/1972, do 22 de decembro, de protección do ambiente atmosférico.

No que respecta á emisión de gases á atmosfera, e posto que é inevitable a súa xeración na combustión dos motores, será preciso a posta a punto e mantemento de tódolos motores. A maquinaria móbil que circule por estradas deberá ter ó día a inspección técnica de vehículos, e no resto da maquinaria, deberá levarse o libro de mantemento.

1.2. Sobre o ruído.

Cumprirase o disposto na Lei 7/1997, de protección contra a contaminación acústica (DOG do 20 de agosto de 1997).

2. Protección das augas.

2.1. Dado que a canteira Herbeira se atopa nunha cota superior e na mesma ladeira que o río Xeixo de Landoi, adoptaranse as medidas correctoras propostas no estudio co fin de evita-la súa afección. Por iso, tal e como consta no estudio, as augas das zonas ocupadas pola explotación, xunto coas provenientes de calquera outro labor relacionado directa ou indirectamente con ela, serán recollidas polo sistema de drenaxe existente para Mina David, e serán conducidas ata unha balsa de decantación da citada mina, onde deberán tratarse adecuadamente. As augas de escorrentía provenientes do exterior da explotación, xa están sendo recollidas por unha drenaxe perimetral existente para Mina David.

Os valores límite de vertedura que garantan a calidade físico-química das augas, para os parámetros que se indican a continuación, serán, segundo o establecido na táboa do anexo ó título IV do Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico, os seguintes:

pH: 5,5-9,5.

Sólidos en suspensión (mg/l): 80.

Materiais sedimentables (ml/l): 0,5.

Sólidos grosos: ausentes.

2.2. Os lodos da balsa de decantación limparanse cada catro (4) meses, de acordo co exposto no proxecto, e en calquera caso, sempre que acaden como máximo a metade do seu volume.

2.3. Segundo se describe no Plan de Vixilancia do estudio e para evita-las verteduras accidentais, os labores de mantemento da maquinaria realizaranse en talleres ou lugares condicionados para tal fin, e os residuos resultantes serán recollidos e entregados a un xestor autorizado.

2.4. Para calquera actuación, consecuencia da actividade, no dominio público hidráulico, zona de servidume e policía de leitos, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia, que deberá ser tramitada polo departamento de Xestión do Dominio Público Hidráulico.

3. Protección do solo.

3.1. Simultaneamente ás ocupacións do terreo, será preciso retirar e amontoa-la capa de terra vexetal, que non poderá ser mesturada con ningún tipo de entullos ou lodos. O amontoamento debe facerse de forma que impida a súa deterioración por compactación polo paso de maquinaria ou por erosión hídrica. Por iso, deberá situarse en terreos que non estean en pendente, formando cordóns que non superen os 1,5-2 m de altura, e protexidos da entrada de auga por canles perimetrais que reconducirán as augas ata a balsa de decantación existente.

3.2. Posto que esta terra vexetal non vai comezar a ser estendida ata o final da explotación, é preciso adopta-las medidas necesarias para o seu mantemento: regas periódicas, removido temporal, achega de fertilizante mineral e plantación a base de leguminosas con achega de mulch en cantidade suficiente para manter entre un 5 e un 6% de materia orgánica.

3.3. Tal e como consta no estudio, os lodos procedentes da limpeza das balsas de decantación serán trasladados ás balsas de lodos, para posteriormente seren utilizados no recheo contemplado no plan de restauración. Do mesmo xeito, os estériles xerados na extrac

ción serán trasladados á entulleira da Mina David, sendo finalmente utilizados nos labores de restauración definidas.

3.4. Non se poderán depositar nin acumular na explotación nin en terreos anexos, ningún tipo de residuos sólidos diferente dos amoreamentos temporais de solo, prohibíndose de forma específica a súa vertedura noutras zonas da parcela ou en terreos alleos a ela, así como en zonas do dominio público hidráulico sen autorización expresa de Augas de Galicia.

3.5. Queda prohibida a formación de entulleiras exteriores, debendo traslada-los entullos xerados na explotación á entulleira existente en Mina David, tal e como consta no estudio.

4. Protección da fauna e da flora.

4.1. Evitarase a libre circulación de animais entre as parcelas lindantes e a zona de explotación, mediante a instalación, nas partes superiores da explotación, dun peche de malla cinexética cunha altura non inferior a 1,50 m, quedando expresamente prohibido o uso de arame de espiño.

4.2. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente, que non estea afectada directamente pola explotación.

5. Restauración.

5.1. Tal e como vén descrito na documentación presentada, o plan de restauración terá en conta a restauración de tódalas superficies que se modifiquen ou se creen.

Os labores de restauración realizaranse de maneira progresiva, de acordo coas fases indicadas no calendario de execución dos labores de restauración presentado, e no que se describen as seguintes accións: retirada e amoreamento do solo, descabezado de noiros, achega de terra vexetal, desmantelamento das instalacións auxiliares, recheo e a revexetación das superficies restauradas.

5.2. A profundidade de terra vexetal estendida será como mínimo de 50 cm dado que a cantidade de terra vexetal existente na explotación non é suficiente para acadar este obxectivo, faríanse precisos achegas externas que contarán coa súa procedencia e aptitude debidamente xustificadas.

5.3. As árbores que se van implantar na revexetación (Pinus pinaster) serán de dous zumes de idade como mínimo, con marco 3x3 m e en triángulo co fin de evitar procesos erosivos e ó mesmo tempo integrar paisaxisticamente a explotación. Os Eucaliptus globulus propostos no estudio para a revexetación quedan prohibidos, co obxecto de mellora-la calidade ambiental da zona.

5.4. Os labores de revexetación realizaranse en outono ou primavera, fóra do período vexetativo, en función dos ecotipos seleccionados, procedéndose á rega regular e á fertilización de reforzo anual con fertilizante mineral.

5.5. Deberá garantirse a calidade e procedencia das sementes e árbores utilizadas na revexetación, asegurándose que estean libres de enfermidades ou pragas.

6. Vixilancia ambiental.

O promotor remitiralle a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, e xuntamente co plan de labores anual no mes de xaneiro de cada ano:

-Informe acompañado de reportaxe fotográfica na que se describa o estado da explotación así como dos tra

ballos de restauración levados a cabo segundo a planificación proxectada, indicando as variacións producidas con respeto a esta, xunto coa previsión dos labores de restauración no caso do derradeiro ano da explotación.

-Informe do plan de seguimento ambiental presentado no estudio.

7. Documentación adicional.

7.1. Nun prazo máximo dun (1) mes de ser notificada a presente DIA e, en calquera caso, previamente á autorización administrativa, o promotor presentará diante do órgano substantivo; que á súa vez o remitirá a esta dirección xeral para a valoración e, se procede, a imposición de medidas correctoras adicionais que se deriven da presente DIA, a seguinte documentación:

-Dado que as medicións orzadas no estudio se consideran inadecuadas, así como polos cambios introducidos no punto 5 desta DIA, debe presentar novo orzamento que deberá conte-las medicións, prezos unitarios e valoración, segundo prezos actuais de mercado, das unidades contempladas no plan de restauración: retirada e amoreamento de solos, descabezamento de bancos, espallamento de entullos e lodos, achega e espallamento da terra vexetal, semente de herbáceas e plantación de P. pinaster.

A avaliación da documentación solicitada nos puntos anteriores será obxecto dunha resolución que será comunicada por esta dirección xeral ó órgano substantivo para os efectos oportunos.

8. Condicións adicionais.

8.1. Para efectos de seguimento da presente DIA o órgano substantivo comunicará ó órgano ambiental, a data de notificación da DIA o promotor.

8.2. A proposta provisional do aval que deberá fixarse polo órgano substantivo, para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e para facer fronte ós posibles danos que produzan ó medio, segundo o disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, será de 8.000.000 de pesetas/ha, que para a superficie de actuación considerada (7,2 ha) ascende á cantidade de cincuenta e sete millóns seiscentas mil (57.600.000) pesetas.

8.3. O promotor comunicará a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de comezo da explotación.

8.4. As condicións indicadas nesta DIA son de obrigado cumprimento para o promotor; nembargantes, a empresa promotora, poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas nesta DIA co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves deficiencias para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes na actividade industrial, e sempre e cando as novas medidas propostas, permitan acada-los obxectivos e fins que se indican.

Nesta circunstancia, o promotor solicitarao, nun prazo máximo de tres meses, desde que lle sexa notificada a presente DIA polo órgano substantivo, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, comunicándolle o acordo adoptado á empresa promotora.

8.5. Se unha vez emitida esta DIA, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou a solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e se corrixan estas.

8.6. Do mesmo xeito, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor, dos labores de restauración previstos, poderán ser causa suficiente para que se proceda ó peche cautelar e a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

8.7. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor, das condicións expostas nesta DIA, poderán ser causa suficiente para proceder ó peche cautelar e a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

8.8. A presente resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime ó promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións nela. En materia urbanística, o proxecto estará ó abeiro do disposto na Lei 1/1997, do solo de Galicia.

8.9. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

ANEXO I

Resumo do proxecto

A explotación Herbeira nº 6056, atópase no macizo de Cabo Ortegal, nos concellos de Cariño e Cedeira. O mineral que se pretende extraer é dunita, mediante abrancazamento a ceo aberto, estando previsto un total de 3 bancos.

As reservas de mineral están estimadas en 51.222.584 m. O programa de explotación prevé unha duración previsible de 12 anos, ó cabo dos cales estarán extraídos 667.500 m de dunita e 46.725 m de estériles.

As principais características da explotación detállanse de seguido:

-Profundidade máxima de explotación= 60 m.

-Altura máxima de banco= 20 m.

-Largo mínimo de berma= 20 m.

-Noiro de banco= 60º.

-Superficie total afectada pola explotación= 7,2 ha.

-Arranque anual medio= 60.000 m.

Para a extracción do mineral está proxectado o uso de explosivos. O mineral extraído é tratado posteriormente nas instalacións sitas en Mina David -explotación colindante-, onde é moído, clasificado e almacenado para, finalmente, proceder á súa comercialización.

Non se prevé a necesidade de entulleiras, xa que os entullos resultantes da explotación serán trasladados á entulleira de Mina David e utilizados posteriormente no recheo de zonas previamente beneficiadas, segundo o proxecto de restauración, no que se prevé a recuperación dos usos tradicionais do terreo.

Medidas correctoras

No proxecto presentado prevese a inclusión das seguintes medidas correctoras:

-Atmosfera: para o control das emisións de po procederase a rega frecuente das pistas (especialmente no estío), así como ó uso de captadores de po e o control das cargas de voaduras.

-Augas: está previsto o aproveitamento das infraestructuras existentes en Mina David como é a rede de drenaxe e as balsas de decantación e de lodos. Así mesmo, proxectan realiza-lo control das verteduras das augas que non son reutilizadas na planta de tratamento.

-Solo: está previsto utiliza-los entullos resultantes dos labores extractivos no recheo da explotación. Así mesmo, retirarase e almacenarase o solo. Para o acceso á explotación aproveitaranse os camiños e pistas existentes. Evitaranse as verteduras accidentais de aceites, que serán entregados a operadores autorizados.

-Flora e fauna: evitarase a existencia de pechamentos que impidan o paso da fauna.

-Paisaxe: proxectan o desmantelamento das instalacións auxiliares, recheo con estériles e lodos, descabezamento dos noiros, estendido dunha capa de 30 cm de terra vexetal, así como a revexetación con sementes de leguminosas e gramíneas e con E. globulus e Pinus pinaster.

-Procesos xeofísicos: non se prevén riscos que impliquen inestabilidade.

ANEXO II

Resultado das consultas realizadas

Do contido dos informes recibidos cabe destaca-las seguintes consideracións:

A Dirección Xeral de Industria, examinada a documentación presentada, emite informe favorable do referido estudio recolléndose o seguinte condicionado:

-Ámbito territorial.

-Calidade do aire: evitarase o retacado de eventuais barrenos con detritus de perforación e regaranse regularmente as pistas e superficies nas que se desenvolve a actividade mineira. Instalaranse captadores de po nos carros perforadores, e en todo caso haberá que aterse ó disposto na ITC 07.1.04. A composición dos gases dos motores de combustión interna deberá axustarse ós valores regulamentados. A velocidade da maquinaria móbil non superará os 15 km/h.

-Viais e pistas: haberá que aterse ó disposto na ITC 07.1.03.

-Flora: respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente, compatible coa explotación, que sirva como pantalla visual ou acústica, ademais estimamos que deberase apantalla-lo perímetro de explotación e as vías ata a Mina David con especies arbóreas axeitadas á zona.

-Residuos: queda prohibido a vertedura de calquera tipo de residuo. Prestarase especial coidado nas operacións de cambio de aceite da maquinaria e outras que, pola súa natureza, poidan orixinar contaminación do solo. Os aceites usados deberán entregarse a xestor autorizado.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, á vista do informe-memoria da prospección arqueolóxica superficial intensiva para o estudio do impacto do proxecto de explotación da concesión Herbeira nº 6056 (Cariño-A Coruña), realizada pola arqueóloga Purificación Soto Arias, acorda informar favorablemente o citado informe-memoria.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural considera viable a execución da explotación sempre e cando se cumpran os condicionantes que a continuación se expoñen:

-Deberá considerarse na restauración, a entulleira, a balsa de decantación e a balsa de lodos.

-Nas zonas que se van restaurar, á capa superior que pense revexetarse deben engardirse os lodos e a terra vexetal.

-Nas proximidades da área de explotación sitúanse as zonas de Punta Candelaria, Serra da Capela e Rías de Ortigueira e Ladrido que están catalogadas nas Normas Complementarias e Subsidiarias da Provincia da Coruña como espacios naturais, por seren zonas cun elevado interese ecolóxico. Estas zonas non poderán verse afectadas polo funcionamento da actividade mineira.

-As balsas de decantación manteranse en perfecto estado, realizando a limpeza de lodos sempre que sexa necesario.

-Non se poderán depositar nin acumular, na explotación nin en terreos anexos, ningún tipo de residuos sólidos que se poidan xerar na explotación diferentes dos materiais procedentes da extracción, que se manterán no interior da zona de escavación.

-Evitarase en todo momento que as augas que vertan ó río Xeixo estean contaminadas con partículas sólidas.

-Respectarase a vexetación que ó atoparse nos límites da explotación sirva como pantalla visual e acústica e como barreira contra o po.

A Coruña, 14 de novembro de 2000.

Jesús Espada Martínez

Delegado provincial da Coruña