Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Martes, 26 de decembro de 2000 Páx. 16.833

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 2000, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a publicación da sentencia da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, recaída en autos número 8/2000 sobre impugnación de convenio colectivo.

Vista a decisión da sentencia do 13 de setembro de 2000 dictada pola Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, recaída en autos número 8/2000, seguidos por demanda formulada pola Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT), contra Sindicato Nacional de CC.OO., Asociación Galega de Empresas Auxiliares de Residencias da Terceira Idade (Asearte), Confederación de Empresarios de Galicia e a Confederación Intersindical Galega (CIG), e comparecendo o Ministerio Fiscal, sobre impugnación de convenio colectivo.

E tendo en consideración os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Que no Diario Oficial de Galicia, do 24 de novembro de 1999, se publicou a resolución da Dirección Xeral de Relacións Laborais do 10 de setembro de 1999, na que se ordenaba inscribir no Rexistro Xeral de Convenios Colectivos da Dirección Xeral de Relacións Laborais, e publicar no Diario Oficial de Galicia o convenio colectivo para persoal dependente de empresas auxiliares de asilos, residencias e centros da terceira idade de Galicia.

Segundo.-Que na tramitación do expediente se observaron tódalas previsións legais regulamentarias.

Ós anteriores feitos son de aplicación os seguintes:

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-Que de conformidade co establecido no artigo 164.3º do Real decreto lexislativo 2/1995, do 7 de abril, pola que se aproba o texto refundido da Lei de procedemento laboral, cando a sentencia sexa anulatoria, en todo ou en parte, do convenio colectivo impugnado e este fose publicado, tamén se publicará no boletín oficial no que aquel fose inserido.

Por todo canto antecede, esta dirección xeral acorda dispoñe-la publicación no Diario Oficial de Galicia da sentencia da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, recaída nos autos número 8/2000, segundo o anexo adxunto.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2000.

José Vázquez Portomeñe

Director xeral de Relacións Laborais

ANEXO

Recurso nº 8/2000.

Antonio González Nieto

Presidente

Antonio J. Outeiriño Fuente

José Elias López Paz

A Coruña, 13 de setembro de 2000.

A Sala do Social del Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, composta polos señores maxistrados citados arriba e, en nome de El-Rei, dictou a seguinte sentencia:

«Nos presentes autos seguidos co número 8/2000 por instancia da Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT), representada e asistida polo letrado Pedro Blanco Lobeiras, contra as demandadas Sindicato Nacional de CC.OO.; Asociación Galega de Empresas Auxiliares de Residencias da Terceira Idade (Asearte), Confederación de Empresarios de Galicia, que non comparecen malia estaren citadas en legal forma e contra a Confederación Intersindical Galega (CIG), comparecendo na súa representación Luis Soto Salario, segundo poder que consta en autos, asistido polo letrado Fernando Martínez Randulfe, polo Ministerio Fiscal comparece Ramiro García Agra, sendo o obxecto da reclamación impugnación de convenio colectivo.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 4 de xullo de 2000, recibiuse nesta sala demanda de impugnación de convenio colectivo formulada pola Unión Xeral de Traballadores (UGT), contra as demandadas antes xa mencionadas, na que suplicaba se dicte sentencia pola que se declare a estimación do contido deste escrito, proceda a anular na súa dimensión estatutaria o convenio colectivo e se ordena a publicación da sentencia anulatoria, condenando ás demandadas a estar e pasar por tal declaración, convocándose as partes ós actos de conciliación e xuízo que tiveron lugar o 7 de setembro corrente, coa asistencia da parte demandante, que ratificou a súa demanda, da CIG, que se adhire a esta, non comparecendo o resto das demandas malia constaren citados en legal forma, recibido o xuízo a proba, ámbalas partes propuxeron documental, non propoñendo proba ningunha o Ministerio Fiscal, que declarada pertinente se uniron os documentos ós autos achegados para tal fin; seguidamente as partes fixeron uso da palabra para

conclusións, insistindo nas súas peticións respectivas, quedando o xuízo visto para efectos de votación e sentencia.

Na tramitación deste xuízo observáronse as prescricións legais. Sendo relator José Elías López Paz.

De todo o actuado en xuízo decláranse probados:

1º Por resolución do 10 de setembro de 1999, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, acordouse a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia, do primeiro convenio colectivo para o persoal dependente de empresas auxiliares de asilos, residencias e centros da terceira idade de Galicia.

O texto do convenio colectivo foi publicado no citado diario oficial desta Comunidade Autónoma de Galicia, correspondente ó 24 de novembro de 1999.

2º Segundo o seu art. 1º, o dito convenio colectivo estende o seu ámbito territorial e funcional a todo o persoal e ás empresas que se dediquen á prestación de servicios auxiliares para as residencias da terceira idade do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

O art. 2º, respecto do ámbito persoal do convenio, dispón que están incluídos no seu ámbito de aplicación tódolos traballadores e traballadoras dependentes das empresas descritas no artigo anterior.

3º A comisión negociadora do convenio constituírase o 21 de agosto de 1999, a parte empresarial quedou integrada polos representantes da Asociación Galega de Empresas Auxiliares de Residencia da Terceira Idade (Asearte), e pola parte sindical representantes legais do Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia. Fíxose constar na acta de constitución da citada comisión negociadora que as dúas partes negociadoras indicadas se recoñecían a capacidade legal e representativa bastante para negociar.

4º Segundo certificación emitida pola Subdirección Xeral de Traballo da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, nas oficinas públicas de rexistro, depósito e publicidade de la Comunidade Autónoma de Galicia, constan 25 representantes legais elixidos nas empresas do sector de «acollida de anciáns con aloxamento» con data do 31 de decembro de 1999, tendo os distintos sindicatos os seguintes índices de representatividade:

A CoruñaLugoOurensePontevedraTotal

UGT-9--9

CC.OO.-1113

CIG---11

USO1---1

CSI-CSIF--10-10

Non sind.---11

Totais11011325

5º Nos arquivos do organismo referido no ordinal anterior (Subdirección Xeral de Traballo) non consta que a asociación empresarial negociadora do convenio estea legalmente constituída.

Tampouco consta acreditado o número total de empresas que agrupa a dita asociación, nin o número de traballadores que ocupen no sector, no territorio desta Comunidade Autónoma.

Fundamentos de dereito.

1º O sindicato demandante, Unión Xeral de Traballadores (UGT-Galicia), formula demanda en materia de impugnación de convenio colectivo, dirixida contra o Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia, a Asociación de Empresas (Asearte), contra a Confederación de Empresarios de Galicia e contra a Confederación Intersindical Galega (CIG); solicitando desta Sala que se dicte sentencia pola que se proceda a anular na súa dimensión estatutaria o convenio colectivo ó que se fai referencia no relato que antecede. A dita pretensión non consta con oposición expresa ningunha, pois dos distintos demandados, ó acto de xuízo unicamente compareceu a CIG, sindicato que se conformou coa dita pretensión, e o Ministerio Fiscal-que é parte sempre nestes procesos- art. 163.4º da LPL-, solicitou en conclusións a estimación da demanda.

Así pois, a cuestión que se suscita nesta «litis» é dilucidar se o convenio colectivo referido debe ser anulado, por non reuni-la parte empresarial e sindical que negociaron o acordo a capacidade ou representación que impoñen os artigos 87.2º b) e número 3 e o art. 88.1º ambos do ET.

A STS do 5 de outubro de 1995 (RX 1995, 8667), reiterando doutrina xurisprudencial anterior recollida na sentencia do 23 de novembro de 1993 (RX 1993, 8932), ou a máis recente do 25 de maio de 1996 (RX 1996, ar. 4674), refírese ó nivel de representatividade que deben te-las partes negociadoras dun convenio de conformidade cos arts. 87 e 88 do ET.

O art. 87 do ET establece as condicións e requisitos que se han de cumprir para os efectos da lexitimación para negocia-los convenios colectivos regulares ou estatutarios, o número 2 b) deste art. refírese ós requisitos que han de reuni-los sindicatos, establecéndose que han de «te-la consideración de máis representativos a nivel de Comunidade Autónoma, respecto dos convenios que non transcenden do dito ámbito territorial, así como, e nos seus respectivos ámbitos, os entes sindicais afiliados, federados ou confederados a estes», e no núm. 3 dese mesmo art. 87 determínanse os requisitos que han de reuni-las asociacións empresariais, cando se trata de negociar convenio de ámbito superior á empresa, sinalándose que as asociacións empresariais han de contar no ámbito xeográfico e funcional do convenio «o dez por cento dos empresarios... e sempre que estes dean ocupación a igual porcentaxe dos traballadores afectados», se ben no que se refire a CCAA a disposición adicional 6ª do ET esixe

un mínimo do 15%.

Así pois, segundo os números 2 b) e 3 do citado art. 87 do ET, en convenios de CC.AA. están lexitimados os sindicatos máis representativos desta, é dicir, os que no dito ámbito posúan polo menos o 15% dos delegados de persoal e dos representantes dos traballadores nos comités de empresa, e por parte empresarial, aquelas asociacións empresariais que no ámbito do convenio conten co 15% dos empresarios afectados, quen, á súa vez, deben empregar polo menos a igual porcentaxe de traballadores.

Ademais desta lexitimación inicial, como se denomina pola xurisprudencia, tamén é preciso contar coa tamén chamada «lexitimación plena ou negociadora», á que alude o art. 88 do ET. Este precepto estatutario establece os niveis de representatividade e demais requisitos que han de observa-los compoñentes da comisión negociadora para que esta quede validamente constituída, esixíndose polo dito precepto que os sindicatos han de representar como mínimo «a maioría absoluta dos membros dos comités de empresa e delegados de persoal, se é o caso», e as asociacións empresariais han de representa-los empresarios que ocupen «á maioría dos traballadores afectados polo convenio». Consecuentemente, pódese concluír sinalando que a válida negociación dun concreto convenio colectivo esixe que as partes negociadoras posúan capacidade para obrigarse na comisión negociadora nos termos do art. 88.1º do ET, se ben debe quedar claro que segundo sinala a STS do 25-5-1996 (RS 1996, ar. 4674). «Para poder

formar parte de tal comisión negociadora é indispensable

cumprir previamente os requisitos que prevén o citado art. 87; é dicir, a lexitimación plena do art. 88.1º requira a observancia previa, por cada entidade representativa interveniente, das prescricións que outorgan a estes a lexitimación inicial; é claro, por conseguinte, que a lexitimación plena non elimina nin fai innecesaria a lexitimación inicial, senón que, pola contra, esixe a súa concorrencia».

Segundo.-Tendo en conta canto se deixa exposto no precedente fundamento de dereito, proxectándoo sobre o relato de feitos probados, queda claro que no suposto axuízado nin a asociación patronal, nin a parte sindical que asinaron o convenio do que se solicita a impugnación, non cumprían cos requisitos precisos para te-la referida lexitimación inicial. Segundo consta no ordinal 4º de H.P. , dos 25 representantes que constan elixidos, o sindicato negociador unicamente conta con tres, e polo que respecta á asociación empresarial, ó folio 52 dos autos consta documento segundo o cal non existe constancia da súa legal constitución, e nos autos non consta ningún elemento fáctico sobre o número de traballadores que ocupa no sector, nin o número de empresas que agrupa; por todo iso, resulta evidente que ningunha das partes negociadora que subscribiron un convenio, alcanzaban o límite legal esixido polo art. 87 do ET, e por tanto, carecían da lexitimación inicial precisa para levar a cabo a súa

negociación.

Obviamente, e atendendo ós anteriores datos sobre representatividade, as ditas partes tampouco reunían a lexitimación plena que esixe o art. 88.1º do citado estatuto, ó non alcanzar, nin moito menos, os niveis de representatividade esixidos polo citado artigo.

Terceiro.-Por outra parte, os promotores do convenio actuaron ignorando completamente o contido do art. 89 do ET sobre o procedemento que se vai seguir na súa elaboración. E é que a representación -ben de traballadores ou ben de empresarios- que desexen promover un convenio colectivo, ademais de reuni-las condicións precisas para ser parte deste, deberá ademais cumprir co trámite formal de cursa-la súa iniciativa mediante comunicación escrita que cumprirá cos requisitos expresados no art. 89 do citado estatuto, e no caso recollido nada consta sobre esa comunicación inicial.

En resumo, resulta evidente que o acordo alcanzado foino con clara vulneración dos preceptos mencionados, polo que se acollerá favorablemente a pretensión deducida na demanda e se declarará a nulidade do convenio referido, e de conformidade co disposto no art. 164.3º da LPL, deberá procederse á publicación da presente sentencia no boletín oficial no que se inseriu o convenio que se anula.

Por todo iso,

DECIDIMOS:

Que debemos estimar e estimámo-la demanda interposta pola representación letrada do Sindicato Unión Xeral de Traballadores (UGT-Galicia) contra Sindicato Nacional de CC.OO., Asociación Galega de Empresas Auxiliares de Residencias da Terceira Idade (Asearte);

Confederación de Empresarios de Galicia e Confederación Intersindical Galega (CIG) sobre impugnación de convenio colectivo, debemos anular e anulamos na súa dimensión estatutaria o primeiro convenio colectivo para o persoal dependente de empresas auxiliares de asilos, residencias e centros da terceira idade de Galicia, publicado no Diario Oficial de Galicia do 24 de novembro de 1999.

Esta sentencia deberá ser comunicada á autoridade laboral, e publicarase no boletín oficial no que o convenio colectivo se inserise.

Notifíqueselles esta resolución ás partes e á Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, facéndolles saber que contra ela só cabe recurso de casación, que se preparará por escrito ante esta Sala do Social do Tribunal Supremo dentro dos dez días seguintes á notificación desta sentencia e de acordo co disposto nos artigos 203 e seguintes da Lei de procedemento laboral e, unha vez firme, expídase certificación para constancia no rolo que se arquivará neste tribunal incorporándose o orixinal ó correspondente libro de sentencias.

Así, pola nosa sentencia, pronunciámolo, mandámolo e asinámolo».

Seguen as sinaturas dos maxistrados designados no encabezamento da resolución así como a dilixencia de publicación desta, referendada polo secretario que subscribe.

O anterior concorda ben e fielmente co orixinal ó que me remito, e para que así conste para os efectos oportunos, expido e asino a presente na Coruña, o trece de setembro de dous mil.