Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Xoves, 21 de decembro de 2000 Páx. 16.755

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 24 de outubro de 2000, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de Flex Equipos de Descanso, S.A.U.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito autonómico de Flex Equipos de Descanso, S.A.U., que se subscribiu coa data do 15 de setembro de 2000, entre os representantes da empresa e o representante dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta Dirección Xeral de Relacións Laborais,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2000.

José Vázquez Portomeñe

Director xeral de Relacións Laborais

Convenio colectivo de Flex Equipos de Descanso, S.A.U., factoría da Coruña anos 2000 e 2001

Ámbito.

Artigo 1º

O presente convenio colectivo afectará o persoal da factoría da Coruña, con domicilio na estrada N-VI km 581 e os centros comerciais de Galicia, dependentes dela.

Vixencia, duración e denuncia.

Artigo 2º

Este convenio entrará en vigor a partir da data da sinatura del pola comisión negociadora e terá vixencia ata o 31 de decembro de 2001.

Non obstante, os efectos económicos que se sinalan retrotraeranse ó 1 de xaneiro de 2000.

Así mesmo, o presente convenio colectivo quedará denunciado por ámbalas dúas partes o 1 de decembro de 2001.

Retribución do convenio.

Artigo 3º

As retribucións do convenio para as distintas categorías profesionais serán para o ano 2000 as expresadas na primeira columna do anexo I que se acompaña.

Durante o ano 2000 as retribucións de convenio, bases para incentivos e bases para antigüidade, toxicidade, perigosidade e nocturnidade vixentes o 31 de decembro de 1999 incrementaranse un 2% dando iso como resultado as cantidades recollidas no anexo I do presente convenio.

As táboas salariais e incentivos pactados para 2000 serán obxecto de revisión a finais do ano, sempre e cando o IPC do ano supere o 2%; neste caso estas incrementaranse coa diferencia entre esa porcentaxe e o IPC real. Tal diferencia aplicarase sobre as táboas vixentes o 31 de decembro de 1999 e con efectos desde o 1 de xaneiro de 2000.

No ano 2001 as táboas salariais vixentes o 31 de decembro de 2000 experimentarán un incremento do % do IPC previsto polo Goberno para o ano 2001. As táboas salariais e incentivos pactados para 2001, serán obxecto de revisión a finais do ano, sempre e cando o IPC real do ano, supere o % do IPC previsto polo Goberno para o ano 2001; neste caso estas incrementaranse coa diferencia producida.

Tal diferencia aplicarase sobre as táboas vixentes o 31 de decembro de 2000 e con efectos desde o 1 de xaneiro de 2001.

Organización de traballo.

Artigo 4º

1. Principio xeral.

A organización práctica do traballo é facultade exclusiva da dirección da empresa.

Ós delegados de persoal correspóndenlles as funcións de asesoramento e proposta, mediante a emisión de informes que determina o artigo 64, puntos 1º e 3º do Estatuto dos traballadores.

2. Facultades da dirección da empresa:

2.1. A determinación do proceso productivo mediante a fixación de:

2.1.1. Os postos de traballo na fábrica e o nº de operarios necesarios.

2.1.2. As operacións ou fases que se van realizar en cada posto de traballo.

2.1.3. O método que se vai seguir e os materiais que se van utilizar, todo iso en cada momento.

2.1.4. A determinación das produccións mínimas esixibles e máximas que, de acordo co método fixado, se obteñan mediante o proceso de medición de tempos.

2.1.5. A esixencia a cada traballador da atención, coidado e limpeza das máquinas, útiles e ferramentas ó seu cargo, determinando o tempo que sexa necesario para realizar estas tarefas, así como a periodicidade delas.

2.1.6. A fixación dos índices de desperdicio de materiais en tódalas operacións que compoñen o proceso productivo. Os ditos índices serán tidos en conta no momento de cronometrar.

2.1.7. O estudio, a modificación e implantación dos novos métodos de traballo, adaptándoos en cada momento ás necesidades do producto e da producción.

2.2. A responsabilidade exclusiva na busca e toma de decisión de cantas medidas sexan necesarias para consegui-la correcta e rendible utilización das máquinas, instalacións e cadros de persoal, respectándose tódalas garantías en materia de estabilidade no emprego, que se recollen nas disposicións legais vixentes. As ditas facultades da empresa son:

2.2.1. A mobilidade funcional no seo da empresa.

2.2.2. A determinación dos períodos de adaptación que sexan necesarios para consegui-la total integración do traballador ó novo posto de traballo.

2.2.3. Garantir, durante o período de adaptación ó operario trasladado o importe en pesetas da prima de producción de media por hora, que viña percibindo no seu anterior posto de traballo. A dita garantía será respectada sempre que o traballador vaia aumentando progresiva e proporcionalmente a súa producción, ata acada-la máxima esixible ou a habitual no seu defecto.

2.3. A determinación e esixencia da calidade necesaria mediante:

2.3.1. A fixación dos niveis de calidade mínimos do producto en cada fase do proceso productivo.

2.3.2. A creación do correspondente sistema de control de calidade que, en función do nivel mínimo esixido, determine a responsabilidade por traballos

defectuosos. Tendo especial coidado en determinar se a falta de calidade é debida a deficiencias do material do proceso de fabricación e neste segundo caso precisar qué traballador é o responsable da ausencia ou falta de calidade.

2.4. O estudio, a implantación e o mantemento dos sistemas de incentivos.

Primas e incentivos á producción.

Artigo 5º

Enténdese por primas e incentivos á producción, a cantidade que en metálico ha de percibi-lo traballador que polo seu rendemento individual ou colectivo, distinguíndose tres grupos de traballadores:

a) Productores sen incentivo: o persoal a excepción dos aprendices, que non traballe a incentivo, percibirán por día realmente traballado, así como polos días correspondentes ás vacacións anuais retribuídas, ademais da retribución de convenio, un complemento equivalente ó 22% das cantidades expresadas na 3ª columna do anexo I que se acompaña.

De tratarse de persoal con retribución mensual, percibirá a parte proporcional do 22% da dita columna segundo os días realmente traballados nun mes.

No caso de empregados e subalternos para os que existisen primas de producción ou de ventas, garántese como mínimo o 22% das cantidades expresadas na terceira columna do anexo I que se acompaña, proporcional ós días traballados.

b) Productores con incentivo: a escala de primas á producción, estableceranse de tal forma que ás actividades mínima esixible, media e óptima (60, 70 e 80 puntos Bedaux) correspondan unhas primas de 0%, 25% e 50% respectivamente, das cantidades expresadas na terceira columna do anexo I que se acompaña.

c) Productores con incentivo non racionalizado: nos postos en que non estea implantada a prima racionalizada (Bedaux), garántese como mínimo unha prima equivalente ó 25% das cantidades expresadas na terceira columna do anexo I que se acompaña, sempre que se alcancen actividades medias de 70 puntos Bedaux.

Efectuada a cronometraxe por parte da empresa, se o traballador ou traballadores afectados non estivesen de acordo coas esixencias de producción que determinan estes, a dirección da empresa solicitará a arbitraxe dunha empresa privada de organización a nivel nacional, comprometéndose empresa e traballadores a aceptar sen reserva ningunha o dictame ou decisión de tal empresa de organización.

A citada terceira columna queda reflectida no anexo I.

O valor punto experimentara o mesmo incremento que esta 3º columna.

Rendementos.

Artigo 6º

Haberá que aterse ó disposto no artigo 11 da Ordenanza de traballo para a industria siderometalúrxica, correspondéndose a retribución de convenio co rendemento mínimo esixible.

Complementos de toxicidade, penosidade, perigosidade e complemento de xefe de equipo.

Artigo 7º

Ó persoal afectado polo artigo 77 da Ordenanza de traballo para a industria siderometalúrxica e que realice traballos dos considerados como excepcionalmente penosos, tóxicos ou perigosos, deberá aboárselle por estes conceptos o 20% da base establecida na columna 2º do anexo I que se acompaña, se só se dese unha das circunstancias sinaladas, o 25% se concorreran dous e o 30% se fosen tres.

Cando o traballo con carácter excepcionalmente tóxico, penoso ou perigoso, dure máis dunha hora, sen exceder de media xornada corresponderá aplica-lo 50% das cantidades sinaladas no parágrafo anterior.

Unha vez desaparecida a causa que orixinou o complemento ou postos os medios para eliminalos deixará de ser percibido o dito complemento.

Complemento de nocturnidade.

Artigo 8º

Haberá que aterse ó disposto no artigo 34 punto 6º do Estatuto dos traballadores, aboándose por este concepto o 25% do salario base establecido na columna 1 do anexo I, citado no artigo 3.

Complemento de antigüidade.

Artigo 9º

O número de quinquenios será ilimitado e a súa contía por quinquenio será o 5% da base establecida na columna 2 do anexo I que se acompaña.

Este complemento afectará a todos aqueles traballadores dados de alta á sinatura deste convenio.

Gratificacións extraordinarias.

Artigo 10º

As pagas extraordinarias que se van aboar nos meses de xuño e decembro consistirán en 30 días de retribución de convenio cada unha, así como a antigüidade e devengo extrasalarial se os houber. Faranse efectivas dentro da segunda quincena do mes de xuño e o día laborable inmediatamente anterior ó 22 de decembro, respectivamente.

Se é o caso, ratearase conforme o tempo efectivamente traballado.

Horas extraordinarias.

Artigo 11º

Haberá que aterse ó disposto no artigo 35 do Estatuto dos traballadores.

Para os efectos previstos no Real decreto 1858/1981, do 20 de agosto, terán a consideración de horas extraordinarias estructurais, as que se enumeran no artigo 2º, punto 2 da dita disposición e as seguintes:

a) As que se realicen en relación coa temporada de vendas entre o 15 de xullo e o 30 de setembro.

b) As precisas para cubri-las ausencias por vacacións de gardas e vixilantes.

c) Fabricación de pedidos especiais.

Conforme as disposicións vixentes a cotización por tales horas considerarase, pois, exenta da recarga establecida.

A realización destas horas extraordinarias estructurais realizaríanse logo de informe e acordo cos representantes dos traballadores.

Vacacións.

Artigo 12º

Tódolos productores da empresa terán dereito a desfrutar anualmente de 30 días naturais de vacacións.

O desfrute das vacacións, en situación de normalidade, será de dúas semanas nos meses de xullo ou agosto, no número de quendas que a empresa considere necesarias. O resto das vacacións serán desfrutadas fóra da época estival.

O aboamento destas vacacións efectuarase de conformidade co disposto no artigo 70, parágrafo 2º da Ordenanza de traballo siderometalúrxica. En todo o demais rexerase polo artigo 38 do Estatuto dos traballadores.

Desde a sinatura deste convenio, acreditada a existencia dunha estocaxe equivalente a 2 meses de venda media, permitirá á dirección do centro anticipa-la data prevista para as vacacións respecto do total do seu cadro de persoal ou parcialmente, deixando unha ou varias quendas e a data do seu comezo, logo de notificación ós delegados de persoal e ós afectados, cunha antelación mínima de 30 días. Neste caso as vacacións ampliaranse 1 día laborable, sempre e cando o seu desfrute se producirse fóra da época estival.

Igualmente a dirección do centro poderá anticipar a data prevista para as vacacións no caso de producirse urxentemente algún pedido especial que se concertase despois do 15 de xuño de cada ano.

Se o necesario bo servicio comercial obrigase a iso, acórdase manter un retén de producción no período vacacional. Este retén reducirase ó imprescindible e, a poder ser, efectuarase con persoal idóneo voluntario.

Viaxes e axudas de custo.

Artigo 13º

As saídas, viaxes e axudas de custo regularanse segundo o disposto no artigo 82 da Ordenanza de traballo para a industria siderometalúrxica, estable-

céndose a suma de 1.326 para a media axuda de custo para o ano 2000 e 2001.

A vixencia deste artigo será desde a sinatura deste convenio.

Ingresos.

Artigo 14º

Os ingresos, no caso de efectuarse sen pactar ningunha das modalidades especiais previstas nos artigos 14, 15 e 16 do Estatuto dos traballadores, consideraranse efectuados a título de proba, se así constase expresamente por escrito, non podendo exceder esta do tempo fixado na seguinte escala:

-Técnicos titulados: 6 meses.

-Técnicos non titulados con mando sobre o persoal: 3 meses.

-Técnicos non titulados sen mando sobre o persoal: 2 meses.

-Administrativos con mando directo sobre o persoal: 3 meses.

-Administrativos sen mando directo sobre o persoal, subalterno e profesionais de oficio: 6 semanas.

-Especialistas, peóns ordinarios, aprendices e pinches: 15 días.

Durante o período de proba, a empresa e o traballador poderán resolver libremente o contrato sen lugar a ningunha reclamación. Transcorrido o prazo referido, o traballador integraríase na empresa como fixo de cadro de persoal, computándose a tódolos efectos o tempo investido na proba.

Horas de traballo, calendario.

Artigo 15º

A xornada de traballo establécese a cómputo anual para todo o persoal afectado por este convenio en 1.764 horas de traballo efectivo para os anos 2000 e 2001.

Confeccionarase o calendario laboral resultante, tendo en conta as disposicións de carácter xeral e local, así como os seguintes criterios:

a) Para o persoal de tendas e exposicións, o reparto das horas de cómputo anual coincidirá co horario de comercio local.

b) Nos depósitos distribuiranse as horas en cómputo anual de luns a sábados.

c) Nos demais servicios relacionados coas vendas, departamento comercial, expedicións, servicios e oficinas tenderán a implanta-lo criterio que se establece no epígrafe a), garantindo a maior operatividade do servicio.

d) Para o persoal de talleres e oficina de fábrica establecerase a xornada diaria sobre a base de reparti-las horas totais en cómputo anual de luns a venres.

e) Para o resto do persoal non mencionado nos epígrafes anteriores, como gardas, vixilantes, persoal de limpeza e similares, haberá que aterse ó previsto

no seu contrato de traballo ou en fórmulas xa establecidas ou pactadas, en concordancia coas necesidades do servicio que presten respectivamente.

Sen prexuízo do establecido do epígrafe d) deste mesmo artigo e co obxecto de adapta-la xornada de traballo á demanda do mercado, a dirección poderá modifica-la dita xornada pactada establecendo un máximo de 10 horas e un mínimo de 5 horas, logo de comunicación ós delegados de persoal cunha antelación mínima de 72 horas.

Ó final de cada ano todas aquelas horas que superen as horas de traballo efectivo/ano pactadas para a vixencia do presente convenio, terán a consideración de horas extras compensándose estas por outras de descanso pactado (60 minutos fóra de horario normal por 75 minutos de descanso pactado).

Garantía en caso de enfermidade ou accidente Absentismo.

Artigo 16º

Recoñécense amplas facultades á empresa para o control do cumprimento da obriga de asistir ó traballo, extremándose tódalas formas de comprobación de xustificación de faltas.

En caso de enfermidade ou accidente, o traballador virá obrigado a asistir á consulta do persoal sanitario que a empresa designe ou de recibilo no seu domicilio, se non fose posible o seu desprazamento.

Calquera forma de traballo, por conta propia ou allea realizada en situación de baixa, aínda que revista carácter ocasional, dará lugar á imposición de sancións no seu grao maior.

Cando as ausencias que dan lugar a baixas por ILT e maternidade foran inferiores ó 2,50 % do cómputo xeral de horas de traballo anuais, aboarase ós traballadores que se atopen nesa situación o 100% da cantidade que resulte de aplica-la seguinte fórmula:

Días de baixa x (salario fixo diario + prima de producción hora media do último mes)-(cantidades percibidas por pagamento delegado + cantidade aboada pola empresa durante o período de baixa).

Non se computarán as horas de falta daqueles traballadores que sexan dados de baixa por invalidez no ano en que se produza.

Dada a necesidade de que transcorra a totalidade do ano para coñece-las porcentaxes resultantes, o aboamento das cantidades que, segundo o exposto nos parágrafos anteriores teñan dereito a percibi-los traballadores, levaranse a cabo no mes de xaneiro do ano seguinte ó que se computa.

Xubilación.

Artigo 17º

O persoal da empresa afectado polo presente convenio con 30 anos de servicio e con dereito a xubi

lación percibirá segundo o grupo de cotización por categorías as seguintes cantidades mensuais:

GrupoCantidade mensual

110.000 pesetas

2 e 38.000 pesetas

47.000 pesetas

5 e 86.000 pesetas

6, 7, 9 e 105.000 pesetas

Estas cantidades percibiranse 12 veces ó ano.

Ós que non tiveran acadado os 30 anos de servicio, rebaixarase a cantidade que lles corresponde polo seu grupo de cotización nun 2% por cada ano que faltase para os 30 anos mencionados, desprezándose para este cálculo as fraccións de ano.

Terá igualmente dereito a estas percepcións o persoal con xubilación anticipada e os xubilados con anterioridade a este convenio.

As cantidades expresadas son máximas e reduciranse como sexa preciso, para que, a cómputo anual e en cada caso os ingresos en réxime de xubilación na iniciación desta, non superen os ingresos medios en xornada normal, nos últimos tres meses en activo.

Licencias retribuídas.

Artigo 18º

As licencias retribuídas regularanse polo disposto no artigo 37 do Estatuto dos traballadores coas modificacións que, en canto ós períodos de tempo e por determinados motivos se expoñen a continuación:

a) En caso de falecemento de cónxuxe 4 días naturais.

b) En caso de falecemento de pais, irmáns, fillos, fillos políticos, netos e avós: 3 días naturais.

c) En caso de falecemento de tíos carnais (afíns e consanguíneos): 1 día natural.

d) En caso de enfermidade grave de pais, fillos e irmáns consanguíneos ou políticos e cónxuxe que requira hospitalización: 2 días naturais.

e) En caso de matrimonio de fillos ou irmáns, consanguíneos ou políticos: 1 día natural.

f) En caso de parto da esposa, 2 días laborables.

g) En caso de matrimonio do productor: 15 días naturais.

Ampliándose ata cinco días naturais nos supostos recollidos no artigo 37, epígrafe 3 B do Estatuto dos traballadores.

Roupa de traballo.

Artigo 19º

Proveranse os traballadores de roupa de traballo adecuada, segundo determina o artigo 88 da Ordenanza laboral para a industria siderometalúrxica. O persoal que exerza funcións de distribución deberá utilizar roupa de traballo facilitada pola empresa.

Gratificacións voluntarias.

Artigo 20º

Todo o persoal afectado polo convenio referenciado percibirá ademais gratificacións extraordinarias ó ano dunha mensualidade cada unha ó persoal empregado ou 30 días para o persoal obreiro.

Estas pagas aboaranse na segunda quincena dos meses de marzo e setembro, a todo o persoal en cadro de persoal na data da súa concesión, na parte proporcional ó tempo traballado, comprendido retribución de convenio, antigüidade e devengo extrasalarial con carácter periódico.

Excepcionalmente e sen carácter de dereito adquirido para o futuro, a cantidade de 23.134 pesetas que se aboa na nómina do mes de agosto.

Préstamos destinados á adquisición de vivendas.

Artigo 21º

Establécese a concesión de préstamos ó persoal afectado polo convenio referenciado, ata unha disposición mínima dun millón cincuenta e seis mil setecentas trinta e cinco pesetas.

A concesión do préstamo vivenda regularase e distribuirá de acordo co regulamento elaborado para iso.

Bolsas.

Artigo 22º

Establécese unha dotación de 158.510 pesetas destinadas a compensar parcialmente os gastos de estudios, tanto dos productores como dos seus fillos.

A concesión das bolsas regularase e distribuirase de acordo co regulamento elaborado para iso.

Premios

Artigo 23º

Establécese un premio de nupcialidade único consistente nun colchón Flex Gran Flex de 135 cm.

Así mesmo, aboaranse premios de natalidade e da primeira comuñón consistente en 2.000 e 3.000 pesetas respectivamente logo de presentación de xustificante.

Pago nómina.

Artigo 24º

O pagamento da nómina efectuarase dentro dos cinco días laborables para efectos de fábrica, do mes seguinte ó período devengado.

Excedencias.

Artigo 25º

Con independencia de que se considere subsistente a normativa vixente sobre esta materia, se un traballador solicitase unha excedencia voluntaria ó abeiro deste artigo e a súa solicitude fose aceptada pola empresa, pasará á indicada situación nas seguintes condicións:

a) Aboaránselle 750.000 pesetas se a excedencia é por dous anos, 1.500.000 pesetas se é por catro anos e 2.000.000 de pesetas se é por tempo igual ou superior a seis anos.

b) Trala súa solicitude por escrito, conservará o dereito á reincorporación automática no mesmo centro de traballo ó termo da excedencia e no posto de traballo que determine a empresa.

Acumulación de horas dos delegados de persoal.

Artigo 26º

Conforme co establecido no artigo 68 do Estatuto dos traballadores, os delegados de persoal poderán acumula-lo crédito de horas, conforme os seguintes requisitos.

-Cesión total das horas dispoñibles a favor dun ou dous delegados de persoal.

-Que o cedente estea en situación de activo tanto no momento da cesión como no período cedido.

Dereito supletorio.

Artigo 27º

O presente convenio colectivo subsistirá integramente nos seus propios termos, durante todo o período da súa vixencia, agás que por disposicións legais de rango superior se estableceran condicións máis beneficiosas en materia de xornada de traballo, vacacións ou salarios en cómputo anual; caso este no que habería que aterse ó disposto nelas.

Absorción e compensación.

Artigo 28º

As condicións económicas fixadas no presente convenio, absorben e compensan as que existiran con anterioridade, calquera que sexa a natureza ou a orixe da súa existencia.

O exceso que puidera aínda existir trala publicación deste convenio computadas sobre base anual as cantidades recibidas, legal ou convencionalmente por tódolos conceptos excepto horas extraordinarias, manterase co mesmo carácter co que foron concedidas.

De igual forma, as melloras económicas que se establecen serán absorbibles e compensables cos aumentos de retribución que puideran efectuarse en virtude de disposición legal de rango superior ó presente convenio, facéndose esta compensación tanto por concepto como no seu conxunto.

Comisión paritaria.

Artigo 29º

Cantas dúbidas e diverxencias poidan xurdir entre as partes obrigadas, así como situacións de prexuízo que se ocasionen como consecuencia da interpretación ou aplicación das estipulacións contidas neste convenio, serán sometidas, obrigatoriamente e como trámite previo, á comisión paritaria que estará constituída por un vocal da empresa e un vocal titular representante dos traballadores, designados pola propia comisión deliberadora de entre os seus membros, que emitirán informe escrito das conclusións obtidas sobre o tema.

Convenio de Flex Equipos de Descanso S.A.U. A Coruña

ANEXO I

Ano 2000

CategoríasRevisión

convenio

Salario base para

antigüidade,

toxicidade,

perigosidade e

xefe de equipo

Salario base

para incentivos

Titulados
Peritos, axudantes e T.S.224.864213.974183.175

Técnicos de taller
Contramestre151.364144.069133.506
Encargado141.633134.777125.009

Administrativos
Xefe de 1ª190.545181.321152.562
Oficial 1ª e viaxante151.249143.922133.269
Oficial 2ª141.633134.771125.009
Auxiliar120.752114.910105.514

Subalternos
Conductor de camión135.491128.934119.700
Vixilante115.891110.291100.736
Dependente principal122.568116.637106.656

Persoal obreiro
Peón ordinario3.8393.6533.011
Especialista e mozo espe.4.0603.8693.182
Oficial de 3ª4.2034.0013.231
Oficial de 2ª4.3944.1853.429
Oficial de 1ª4.5384.3143.639

ANEXO II

Do convenio de Flex Equipos de Descanso, S.A.U. A Coruña

Retribucións a carencia de

incentivo total ano 2000

Retribucións a prima de

producción-ano 2000

(rendemento 80 puntos

Bedaux)

Titulados
Peritos, axudantes e T.S.4.081.406

Técnicos de taller
Contramestre2.774.280
Encargado2.596.152

Administrativos
Xefe de 1ª3.451.484
Oficial de 1ª e viaxante2.771.814
Oficial de 2ª2.596.152
Auxiliar2.210.589

Subalternos
Conductor de camión2.483.864
Vixilante2.120.199
Dependenta principal2.242.660

Persoal obreiro
Peón ordinario2.060.6412.313.565
Especialista e mozo espec.2.179.1122.446.400
Oficial de 3ª2.251.7012.523.105
Oficial de 2ª2.357.4042.645.440
Oficial de 1ª2.441.1042.746.780

As retribucións a nivel ano recollidas no anexo II están calculados sen antigüidade, complementos, baixas, permisos nin faltas de asistencia.