Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Mércores, 20 de decembro de 2000 Páx. 16.697

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 16 de novembro de 2000 pola que se inclúen o conservatorio profesional de música de Vilalba e o instituto de educación secundaria Santiago Basanta Silva do dito concello na relación de centros que aparecen no anexo II da Orde do 1 de setembro de 1999 (Diario Oficial de Galicia do 28 de setembro).

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece no seu artigo 41.1º que as administracións educativas lle facilitarán ó alumnado a posibilidade de cursar simultaneamente as ensinanzas de música e as de réxime xeral. Para este fin, adoptaranse as oportunas medidas de coordinación respecto á organización e ordenación académica de ámbolos tipos de estudios, que incluirán, entre outras, as validacións.

A Orde do 1 de setembro de 1999, pola que se establecen accións encamiñadas a facilita-la simultaneidade dos estudios do grao medio das ensinanzas de música reguladas polo Decreto 253/1993, do 29 de xullo, cos de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e nivel III do ensino básico para as persoas adultas, regula os aspectos referentes ás validacións das probas de acceso e de determinadas materias do primeiro e segundo ciclo das ensinanzas do grao medio de música polas optativas da educación secundaria obrigatoria, ou pola oferta curricular propia de cada centro do ensino básico para as persoas adultas, coa finalidade de dar resposta á necesidade de arbitrar procedementos que faciliten o desenvolvemento educativo dos alumnos que cursan simultaneamente as ensinanzas de réxime xeral ou o nivel III do ensino básico para as persoas adultas co grao medio de música. Así mesmo, regúlanse os aspectos referentes ás adaptacións do currículo nas materias de música e educación física na

educación secundaria obrigatoria. Finalmente, disponse a adopción de medidas de coordinación para os alumnos que cursen as materias comúns do bacharelato e o terceiro ciclo do grao medio de música.

A dita orde é de aplicación nos centros públicos que estean autorizados por decreto para imparti-las ensinanzas do grao medio de música, de educación secundaria obrigatoria, de bacharelato ou o nivel III do ensino básico para as persoas adultas. Non obstante, a disposición adicional terceira da devandita orde establece que cando as circunstancias así o aconsellen, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá ampliar a outros centros educativos o establecido na dita orde.

Polo decreto da Xunta de Galicia 133/2000, do 2 de xuño, transfórmase o conservatorio de música oficial non estatal de grao elemental de Vilalba en conservatorio de música público de graos elemental e profesional dependente do dito concello.

En consecuencia co exposto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo único.-Incluí-lo conservatorio profesional de música de Vilalba e o instituto de educación secundaria Santiago Basanta Silva do dito concello na relación de centros que aparecen no anexo II da Orde do 1 de setembro de 1999 (DOG do 28 de setembro).

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria