Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Luns, 18 de decembro de 2000 Páx. 16.641

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN PÚBLICA HOSPITAL DO SALNÉS

ACORDO do 27 de novembro de 2000 polo que se anuncia a convocatoria de probas de selección de persoal.

En uso das atribucións recollidas no artigo 3 da Lei 10/1996, do 5 de novembro (Diario Oficial de Galicia nº 227, do 20 de novembro), o Padroado

da Fundación Pública Hospital do Salnés acordou a convocatoria das correspondentes probas de selección de persoal, baixo os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, segundo determina o artigo 2 da citada lei. Na súa virtude, a dirección da fundación fai pública a convocatoria de selección do seu persoal, de conformidade coas seguintes bases:

1. Obxectivo do proceso de selección.

Con motivo da posta en marcha da Fundación Pública Hospital do Salnés, xorde a necesidade de incorporar traballadores de moi diversos perfís que cubran as necesidades iniciais. As categorías e áreas de traballo, requisitos básicos e prazas ofertadas detállanse no anexo I.

2. Aspectos xerais.

2.1. Fases do proceso de selección. O proceso selectivo ten dúas fases. Para facultativos e técnicos superiores, a primeira fase consiste na valoración do seu currículo e unha memoria sobre a súa área de traballo; nunha segunda fase farase unha entrevista persoal. Nas restantes categorías, a primeira fase consistirá nun test psicotécnico e de coñecementos. A segunda consistirá na valoración do currículo e unha entrevista ou proba práctica. A puntuación de cada fase por categoría especifícase no anexo II.

2.2. Lugares de información e recollida de solicitudes. Durante todo o proceso de selección en: Oficina de Información. Fundación Pública Hospital do Salnés. Estromil, Ande-Rubiáns, 36600 Vilagarcía de Arousa. Horario: das 9 ás 15 horas e das 16 ás 18 horas (de luns a venres). Teléfono de información: 986 50 93 60. Os lugares onde poderá recollerse a solicitude, o temario e as instruccións correspondentes a cada categoría profesional serán: Oficina de Información da Fundación Pública Hospital do Salnés, Delegación Provincial de Sanidade de Pontevedra, Dirección Provincial do Sergas de Pontevedra (en Vigo), ou a través de mensaxería, chamando á Oficina de Información, enviaranlle a solicitude a portes debidos.

2.3. Mesa de selección. Con motivo da selección constituirase unha mesa de selección encargada de garantir e supervisa-lo desenvolvemento axeitado do proceso en tódalas súas fases. A dita mesa de selección estará constituída por: presidente: o xerente da fundación ou persoa delegada por este. Vocal 1º: o director de xestión da Fundación Pública Hospital do Salnés ou persoa delegada por este, que actuará como secretario. Vocal 2º: responsable asistencial da Fundación Pública Hospital do Salnés ou persoa delegada por este. Vocal 3º: responsable de enfermería da Fundación Pública Hospital do Salnés ou persoa delegada por este. Vocal 4º: presidenta do Padrodado da Fundación Pública Hospital do Salnés ou persoa delegada por esta. En función da categoría profesional, a mesa de selección poderá contar coa colaboración dos asesores que considere convenientes.

A mesa adecuará as súas actuacións ás da Lei de réxime xurídico das administracións públicas. En ningún caso a mesa poderá declarar que superaron o proceso de selección un número superior de aspirantes có dos postos convocados.

Á finalización do proceso selectivo, a mesa confeccionará unha relación ordenada na que figuren os aspirantes que non obtiveron posto, para a súa posible contratación temporal, sempre e cando as necesidades de persoal existentes na empresa o requiran.

2.4. Documentación e reclamacións. Os requisitos e méritos examinados e valorados pola mesa de selección serán os alegados polos aspirantes dentro do prazo de presentación de solicitudes, e non se terán en consideración os obtidos con posterioridade á finalización do dito prazo.

Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fixeron constar na solicitude. O domicilio que figura na solicitude considerarase o único válido para efectos de notificacións, sendo responsabilidade exclusiva do concursante, tanto os erros na consignación del como a non comunicación de cambios de domicilio.

Os erros de feito que se advertisen en calquera das fases poderán corrixirse en calquera momento de oficio ou por petición do interesado. Tódalas reclamacións que se realicen durante o proceso de selección deberán enviarse por correo certificado á mesa de selección ou rexistrarse na Oficina de Información. Os prazos de presentación de reclamacións serán de 5 días naturais a partir da publicación das listaxes. As reclamacións que se presenten deberán reflectir nome e apelidos do reclamante, enderezo, teléfono de contacto, código da categoría e área de traballo e motivo da reclamación. As alegacións serán resoltas pola mesa de selección e publicarase unha listaxe complementaria da primeira.

3. Etapas do proceso de selección.

3.1. Requisitos de admisión: para poder presentarse ó proceso de selección, será obrigatorio o cumprimento dos seguintes requisitos:

* Ter cumpridos 18 anos no momento da presentación da solicitude.

* Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea ou dalgún país que subscribise tratado internacional nos termos establecidos na disposición única da Lei 17/1993, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro).

* Ter aboados os dereitos de admisión ó proceso.

* Estar en posesión da titulación requirida para poder optar á categoría, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

* Non estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas, nin separado mediante expediente disciplinario de calquera das administracións públicas.

Ó se presentaren a este proceso, asúmese que os candidatos coñecen e aceptan as bases de convocatoria.

3.2. Presentación de solicitudes e pagamento dos dereitos de admisión. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais desde o día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia. Soamente se admitirán aquelas solicitudes entregadas no dito prazo, sendo excluídas todas aquelas que non cumpran o dito requisito. Na solicitude figurará o selo xustificativo do ingreso, pagado a nome do candidato.

Os dereitos de admisión aboaranse por instancia presentada, para ingresar a favor da Fundación Pública Hospital do Salnés, no número de conta: 2080-0067-24-0040034363. A falta de ingreso dos dereitos de admisión considerarase unha causa excluínte. A contía dos dereitos de admisión por categoría é: facultativo/as e titulados superiores: 3.000 pesetas (18,03 euros); diplomados sanitarios: 2.500 pesetas (15,03 euros); restantes categorías: 2.000 pesetas (12,02 euros). Deberase presentar unha solicitude para cada categoría e área de traballo ás que se opte e aboa-los dereitos de admisión para cada unha delas. Os dereitos de admisión non se devolverán en ningún caso.

No caso dos facultativos e técnicos superiores, achegarase unha memoria referida á especialidade/área de traballo en relación coa praza á que opte e o formulario do currículo-autobaremado xunto coas fotocopias compulsadas que xustifiquen os méritos alegados. As características da memoria poderán recollerse nos lugares de información do punto 2.2.

A documentación entregarase na Oficina de Información ou por correo certificado, nun sobre cerrado, de tamaño axeitado (A4 ou similar), sen dobrar e deberá figurar na solicitude o selo coa data de envío posto na oficina de correos.

3.3. Listaxe de candidatos admitidos e excluídos ó proceso de selección. Publicarase a listaxe provisional de solicitantes admitidos e excluídos no proceso de selección, especificando a causa de exclusión para os afectados. As listaxes publicaranse na Oficina de Información.

3.4. Realización da primeira parte do proceso selectivo. Unha vez rematado o período de reclamacións e publicadas as listas definitivas, realizarase o test ás categorías indicadas.

Tódolos candidatos que acudan á realización do test deberán leva-lo orixinal do DNI, pasaporte ou permiso de conducir. No caso de non presentar ningún destes documentos non poderán face-las probas. Tódolos candidatos convocados á realización das probas que non se presenten, quedarán inescusablemente rexeitados do proceso de selección.

Como resultado do test ou da memoria mailo currículo, se é o caso, obterase unha puntuación que permitirá elaborar unha lista ordenada correlativa por categorías e áreas de traballo. Coa publicación

das listas sinalarase a data e a hora da entrevista e/ou proba práctica para os candidatos preseleccionados. Aquelas persoas sen data asignada e hora de entrevista, significará que non pasaron á seguinte fase do proceso de selección. A mesa de selección establecerá o corte en cada lista, sempre co criterio de que non superarán a proba máis de tres persoas por cada posto de traballo que se vai seleccionar.

Os aspirantes que superaran o test e convocados á entrevista persoal, deberán enviar á Oficina de Información o currículo autobaremado e tódolos orixinais ou fotocopias compulsadas que xustifiquen os méritos achegados, no prazo de cinco días naturais desde a publicación da lista definitiva de aspirantes convocados. Non é necesario enviar eses documentos no sobre coa solicitude. Previamente á entrevista e/ou proba práctica, realizarase un proceso de validación do currículo autobaremado, no que se comprobará a documentación presentada.

3.5. Realización da segunda fase do proceso selectivo. A entrevista persoal e/ou proba práctica é a derradeira fase do proceso de selección de persoal. Nas ditas entrevistas e/ou probas prácticas valorarase aquela información que non é achegada no currículo autobaremado e que é importante para o bo desempeño da actividade profesional. Se un candidato presenta varias solicitudes de traballo para a mesma categoría e diferentes áreas de traballo, realizará unha soa entrevista. Se un candidato se

presentase a diferentes categorías, entón realizará tantas entrevistas como solicitudes presentase.

Os convocados a esta fase deberán presentarse na Oficina de Información da fundación, co orixinal do DNI, permiso de conducir ou, no seu defecto, pasaporte.

3.6. Publicación de listaxes finais. Unha vez rematada a segunda fase, publicaranse para cada categoría e área de traballo as puntuacións de cada alínea. Nesas listas, e xunto coa puntuación final obtida, constará se o candidato foi seleccionado ou non. A mesa de selección publicará a lista definitiva unha vez finalizado o período de reclamacións.

3.7. Contratación das persoas seleccionadas. A Fundación Pública Hospital do Salnés procederá á contratación laboral indefinida cun período de proba dos candidatos seleccionados a través deste proceso. A contratación farase de xeito paulatino. Os postos de traballo que permanezan vacantes pola renuncia das persoas seleccionadas cubriranse de xeito correlativo por aquelas que teñan a seguinte puntuación na lista, sempre atendendo ás necesidades do cadro de persoal da Fundación Pública Hospital do Salnés. Poderanse declarar desertos aqueles postos de traballo nos que non se atope a persoa adecuada para ocupalos.

Vilagarcía de Arousa, 27 de novembro de 2000.

Rafael Pérez-Santamarina Feijóo

Director da Fundación Pública Hospital do Salnés

ANEXO I

Categorías profesionais, áreas de traballo e prazas ofertadas

CategoríaÁrea de traballoTitulaciónPrazas

Facultativo/aMedicina internaEspecialidade en medicina interna3

Facultativo/aDermatoloxíaEspecialidade en dermatoloxía1

Facultativo/aPediatríaEspecialidade en pediatría e puericultura2

Facultativo/aLaboratorioEspecialidade en análise clínica1

Facultativo/aRadioloxíaEspecialidade en radiodiagnóstico3

Facultativo/aAnestesia e reanimaciónEspecialidade en anestesia e reanimación4

Facultativo/aCirurxía xeral e dixestivaEspecialidade en cirurxía xeral e dixestiva3

Facultativo/aObstetricia e xinecoloxíaEspecialidade en obstetricia e xinecoloxía4

Facultativo/aOtorrinolaringoloxíaEspecialidade en otorrinolaringoloxía1

Facultativo/aOftalmoloxíaEspecialidade en oftalmoloxía2

Facultativo/aTraumatoloxía e cir. ortopédicaEspecialidade en traumatoloxía e cirurxía ortopédica3

Facultativo/aUroloxíaEspecialidade en uroloxía1

Facultativo/aUrxenciasLicenciatura en medicina e cirurxía8

Facultativo/aAdmisión e calidadeLicenciatura en medicina e cirurxía1

Facultativo/aFarmacia hospitalariaEspecialidade en farmacia hospitalaria1

Titulado/a sup.InformáticaEnxeñería informática ou telecomunicacións1

Titulado/a sup.AdministraciónLicenciatura económicas, empresariais ou dereito2

Diplomado/a sanitarioATS/DUEATS/DUE35

Diplomado/a sanitarioFisioterapiaDiplomatura en fisioterapia1

Diplomado/a sanitarioMatronaDUE, especialidade matrona4

Técnico/a especialistaTERFP de 2º na rama sanitaria, espec. radiodiagnóstico4

Técnico/a especialistaTELFP de 2º na rama sanitaria, espec. laboratorio4

Persoal servicios xeraisPSXFP I ou FP II, ciclos formativos de grao medio ou superior ou BUP20

Auxiliar de enfermeríaAuxiliar de enfermeríaFP I na rama sanitaria35

ANEXO II

Fases do proceso de selección e puntuación por categoría

Puntos%

-Facultativo, técnicos superiores

1ª faseMemoria15030

Currículo20040

2ª faseEntrevista15030

Total500

Puntos%

-Restantes categorías

1ª faseTest25050

2ª faseCurrículo12525

Entrevista/proba práctica12525

Total500