Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Mércores, 29 de novembro de 2000 Páx. 15.877

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 27 de novembro de 2000 pola que se establecen as indemnizacións por sacrificio obrigatorio dos animais como consecuencia da declaración oficial da existencia da enfermidade encefalopatía esponxiforme bovina.

A Decisión 98/272/CE da Comisión, do 23 de abril, relativa á vixilancia epidemiolóxica das encefalopatías esponxiformes transmisibles, motivou a realización dun programa destinado á coordinación e seguimento da presencia de encefalopatías esponxiformes en España, reforzando os sistemas internos de control, no marco da coordinación de actuacións entre tódalas administracións implicadas, de xeito que se puideran detectar estes procesos tan pronto puideran producirse.

Así, no marco do Programa 2000 das normas de prevención e vixilancia das encefalopatías esponxiformes transmisibles dos animais investigáronse as poboacións de animais que, de conformidade co citado programa, integraban o grupo de risco, atopándose dous exemplares que presentaron síntomas que fixeron sospeitar da presencia da devandita enfermidade. Tras proceder á oportuna toma de mostras, o Laboratorio Nacional de Referencia, sito na Facultade de Veterinaria da Universidade de Zaragoza, confirmou a presencia da enfermidade, polo que, de conformidade co previsto no Real decreto 2459/1996, do 2 de decembro, se declarou oficialmente a existencia da enfermidade mediante Orde do 22 de novembro de 2000.

A declaración da enfermidade implica, de conformidade co disposto no artigo 2.2º do Real decreto 2459/1996, do 2 de decembro, a aplicación das medidas xerais e específicas recollidas na lexislación comunitaria, a Lei e o Regulamento de epizootias e demais normas concordantes.

De conformidade co artigo 146 do Regulamento de epizootias, do 4 de febreiro de 1955, a presentación desta enfermidade supón o sacrificio obrigatorio dos animais enfermos e sospeitosos das especies receptibles. Por outra banda o artigo 149 do mesmo texto establece as correspondentes indemnizacións como consecuencia da obrigatoriedade do sacrificio destes animais.

O xa referido Programa 2000 das normas de prevención e vixilancia das encefalopatías esponxiformes transmisibles dos animais establece que o sacrificio dos animais, por sospeita e/ou confirmación destas enfermidades, dará dereito a unha indemnización por sacrificio obrigatorio de acordo cos baremos oficialmente establecidos.

É preciso ter en conta que naquelas explotacións nas que se atopa algún animal con sospeita ou confirmación se fai un baleiro sanitario total con sacri

ficio preventivo e destrucción de tódolos seus animais e, ademais, teñen que sufrir un período de inactividade productiva ata que os servicios veterinarios oficiais autoricen novamente a reintroducción de animais novos nesa explotación, que, en ningún caso, se realizará antes de tres meses desde a limpeza e desinfección da explotación.

As Directrices comunitarias sobre axudas estatais ó sector agrario (2000/C-28/2), no caso das destinadas á loita contra enfermidades animais e vexetais, establecen que poderán concederse compensacións por unha contía igual ó valor normal dos animais sacrificados.

As devanditas circunstancias obrigan a Administración autónomica a establecer un marco complementario, que coadxuve o sector gandeiro a sobreleva-los efectos da declaración da enfermidade, así como facilitar a súa predisposición de cara a un total cumprimento do programa, coñecidas as consecuencias económicas que esta situación ten para o sector productor de carne en Galicia.

Ademais, esta Administración non se pode abstraer da situación de alarma social creada, polo que ten que adoptar tódalas medidas sanitarias precisas que impidan riscos para a saúde pública e dispoñer de tódolos medios necesarios que aseguren o cumprimento do programa, entre elas, o establecemento dunha dotación complementaria polo sacrificio dos animais da explotación.

Na súa virtude, de conformidade co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Os animais de calquera especie sacrificados e/ou destruídos de forma preventiva por motivos de sospeita e/ou confirmación da presencia dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles, serán indemnizados de acordo co establecido nos seguintes artigos desta orde.

Artigo 2º

As contías das indemnizacións serán as correspondentes en cada momento segundo o baremo oficialmente aprobado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

En caso de que en aplicación dos baremos anteriormente citados non se acade o valor medio normal en vida dos animais nos mercados gandeiros de referencia, incrementarase cunha achega complementaria ata que sexa un importe equivalente.

Artigo 3º

Para poder ter dereito ás indemnizacións establecidas na presente orde, é imprescindible o cumprimento estricto da normativa en vigor sobre epizootias, programas de erradicación de enfermidades animais e a relativa a vixilancia epidemiolóxica das encefalopatías esponxiformes transmisibles.

Artigo 4º

As indemnizacións establecidas nesta orde aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.03.613-A.770.0, Programas sanitarios especiais, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000, dotado con cincuenta millóns de pesetas.

Artigo 5º

1. As indemnizacións serán tramitadas de oficio por esta consellería ó dispoñer dos documentos xustificantes da destrucción hixiénica das reses de xeito que se asegure a súa destrucción total mediante incineración ou outro método autorizado pola normativa vixente e unha vez comprobados os requisitos esixidos no artigo seguinte da presente orde.

2. Emitirase resolución da aprobación ou denegación das indemnizacións na que se especificarán os recursos que procedan.

A resolución notificarase na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que transcorridos tres meses desde a destrucción dos animais implicados non se dictase resolución expresa, entenderase denegada a indemnización.

Artigo 6º

Os beneficiarios das indemnizacións presentarán, antes do pagamento, unha declaración complementaria do conxunto das axudas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Ademais, deberán presentar certificación de encontrarse ó día das obrigas tributarias e sociais e que non teñen débeda ningunha coa Administración da Comunidade Autónoma.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria