Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Mércores, 29 de novembro de 2000 Páx. 15.874

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 27 de novembro de 2000 pola que se modifica a do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto.

A Orde do 11 de febreiro de 1998 regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto imputables ós capítulos II, IV, VI e VII, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Con posterioridade á publicación da citada orde advertiuse a necesidade de amplia-los capítulos ós que se lles poden imputa-los expedientes de gasto, así como estende-los seus efectos ata o momento inmediatamente anterior á fase de disposición ou compromiso de gasto das subvencións financiadas con fondos europeos.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Modifícase o texto do primeiro parágrafo do art. 1º, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 1º.-Os expedientes de gastos ós que se refiren os artigos 2º e 3º desta orde imputables ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma poderán iniciarse, sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente, nos seguintes supostos».

2. Modifícase o texto do art. 1º punto 1.2, substituíndoo polo seguinte:

«1.2 Se na data do 20 de outubro non estivese aprobado polo Consello da Xunta o proxecto de orzamentos para a súa remisión ó Parlamento, segundo dispón o art. 52 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, poderá igualmente iniciarse a tramitación de expedientes anticipados durante o período que medie entre a citada data e a do 31 de decembro do correspondente exercicio orzamentario, sempre e cando se acredite que normalmente vai existir crédito axeitado e suficiente para o gasto que se vai efectuar».

3. Engádese o punto 3 ó do art. 3º co seguinte texto:

«Non obstante o establecido no punto 1 do art. 1º poderán tramitarse, no exercicio inmediatamente anterior ó que se vaian imputa-los correspondentes gastos, os expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas e subvencións derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente dos fondos europeos, sempre que se reúnan os seguintes requisitos:

a) Que exista regulación das axudas pola Unión Europea ou de ámbito estatal dictada en desenvolvemento ou transposición dela.

b) Que existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das medidas ás que se refire a línea anterior.

En todo caso, nas bases reguladoras ou convocatorias farase constar que a concesión das axudas ou subvencións estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2000.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda