Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Martes, 28 de novembro de 2000 Páx. 15.827

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 24 de outubro de 2000, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Ártabra, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Ártabra, S.A. (código de convenio 1503092), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 11-10-2000, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, o día 9-10-2000, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás

representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 24 de outubro de 2000.

José Antonio Álvarez Vidal

Delegado provincial da Coruña

Convenio colectivo de ámbito de empresa Ártabra, S.A., A Coruña

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo será de aplicación á totalidade dos traballadores e traballadoras que presten os seus servicios na empresa Ártabra, S.A., sita en Suevos, s/n, Arteixo (A Coruña), así como os que ingresen na empresa durante a súa vixencia.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

O presente convenio colectivo terá unha duración dun ano, entrando en vigor para tódolos efectos o día 1 de xaneiro de 2000 ata o 31 de decembro de 2000, e durante a súa vixencia non poderá ser afectado polo disposto en convenio de ámbito distinto, todo iso ó abeiro de canto prevé o artigo 84 da Lei 8/1980, do 10 de marzo, que aprobou o Estatuto dos traballadores.

Artigo 3º.-Cláusula de revisión salarial e rescisión.

1. Se a evolución do índice de prezos ó consumo (IPC) durante o ano 2000 fose superior ó 2,5%, efectuarase unha revisión salarial de tódolos conceptos retributivos establecidos neste convenio.

A revisión terá efectos desde o 1 de xaneiro de 2000 e a porcentaxe que se revisará será a diferencia entre o IPC establecido polo Instituto Nacional de Estatística e o 2,5%.

2. A cantidade resultante aboarase a cada traballador independentemente da modalidade do seu contrato, dunha soa vez, durante o primeiro trimestre de 2001.

Artigo 4º.-Prórroga.

Ó cumpri-la data do seu vencemento, este convenio colectivo prorrogarase de ano en ano, de non mediar denuncia por calquera das partes, cunha antelación mínima dun mes antes da data do seu vencemento.

Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.

Respectaranse as condicións persoais máis beneficiosas cás asinadas neste convenio, manténdose o dito respecto na forma estrictamente ad personam.

Artigo 6º.-Retribucións.

Os salarios establecidos no presente convenio, para o ano 2000, serán para os traballadores de nova incorporación, os que figuran no anexo I.

Artigo 7º.-Antigüidade.

Os aumentos por antigüidade ó servicio da empresa quedan constituídos por dous bienios aboados ó 5% e catro quinquenios ó 10%, calculados en todo caso sobre o salario base.

Artigo 8º.-Gratificacións extraordinarias.

Tódolos traballadores da empresa percibirán dúas gratificacións extraordinarias por ano, que se chamarán de verán e de Nadal. Estas gratificacións percibiranse os días 15 de xullo e decembro respectivamente, a contía será dunha mensualidade de salario base, incrementada coa antigüidade correspondente e o complemento de convenio, así como o de mecanización.

Artigo 9º.-Paga de beneficios.

Tódolos traballadores da empresa percibirán o 15 de marzo de cada ano en concepto de paga de beneficios a cantidade correspondente a 30 días de salario base incrementado coa antigüidade correspondente, así como o complemento de convenio e o de mecanización.

Artigo 10º.-Horas extraordinarias e pluriemprego.

Perante a grave situación de paro existente e co obxecto de favorece-la creación de emprego, as partes negociadoras do presente convenio acordan a conveniencia de reducir ó mínimo indispensable as horas extraordinarias, de conformidade cos seguintes criterios:

1. Horas extraordinarias habituais: reducción con tendencia á supresión.

2. Horas extraordinarias por causa de forza maior: as que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros ou outros danos extraordinarios e urxentes, así como en caso de risco de perda de materias primas.

3. Horas extraordinarias estructurais: entenderanse por tales para os efectos establecidos no Real decreto 1858/1981, do 20 de agosto, as necesarias por pedidos imprevistos ou períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda, previsión de sinistros ou outras circunstancias de carácter estructural derivadas da natureza do traballo de que se trate, ou mantemento, todo iso sempre que non poidan ser substituídas pola utilización das distintas modalidades de contratación previstas legalmente.

As horas extraordinarias motivadas por causa de forza maior e as estructurais notificaranse mensualmente á autoridade laboral conxuntamente pola empresa e polo comité ou delegados de persoal, segundo se recolle no artigo 2º do Real decreto 1858/1981.

Non se terá en conta para os efectos da duración máxima da xeira ordinaria laboral nin para o cómputo do número máximo de horas extraordinarias autorizadas o exceso das traballadas para previr ou reparar sinistros ou outros danos extraordinarios e urxen

tes, sen prexuízo do seu aboamento como se se tratase de horas extraordinarias.

O número de horas extraordinarias non poderá ser superior ó que autorice a lexislación vixente, salvo o previsto no parágrafo anterior.

A retribución monetaria das horas extraordinarias pode ser compensada por tempo de descanso en razón de dúas horas de descanso por hora traballada, sempre que haxa acordo entre as partes sobre as circunstancias do seu desfrute, e noutro caso, aboarase o seu importe.

Para evita-la situación de pluriemprego, terase en conta o seguinte:

1. Tódolos contratos vixentes ata o día da data deste convenio entenderanse realizados baixo o principio de dedicación exclusiva, salvo que se pactase o contrario.

2. O exercicio do pluriemprego polo traballador da empresa será considerado coma unha transgresión da boa fe contractual que recolle o artigo 54 do Estatuto dos traballadores.

3. En tódolos contratos de novo ingreso será incluída necesariamente unha cláusula de prohibición expresa de exercicio do pluriemprego.

4. Para os efectos do disposto nos puntos anteriores, entenderase por pluriemprego todo traballo retribuído por conta allea calquera que sexa a súa natureza.

Artigo 11º.-Xornada laboral.

A xornada ordinaria de traballo será de 1.800 horas anuais de traballo efectivo, distribuídas entre os días laborables do ano.

Dentro do concepto de traballo efectivo entenderanse comprendidos os tempos horarios empregados nas xornadas continuadas, como descanso (o bocadillo 15 minutos) ou outras interrupcións, cando mediante normativa legal ou acordo entre partes ou pola propia organización do traballo se entendan integradas na xornada diaria de traballo, xa sexan continuadas ou non.

Artigo 12º.-Complemento de nocturnidade.

Para as horas traballadas en xornada nocturna (das 22 horas ás 6 horas) establécese un complemento consistente nun 25% do salario base, incrementado segundo os casos coa antigüidade correspondente.

Artigo 13º.-Percepcións en caso de IT.

Os traballadores que sufran accidente laboral percibirán desde o primeiro día e durante un prazo máximo de 18 meses, o complemento necesario para que sumado ás prestacións da Seguridade Social, alcancen o 100% do seu salario. Este complemento procederá unicamente nos supostos de incapacidade laboral transitoria, se esta require hospitalización.

Artigo 14º.-Vacacións.

Tódolos traballadores desfrutarán dun período de 30 días naturais. O inicio das vacacións será en

día laborable, retribuídas a salario real. A dirección da empresa elaborará de mutuo acordo cos representantes dos traballadores un calendario de vacacións, que se exporá no taboleiro de anuncios da empresa, para coñecemento do conxunto dos traballadores.

As vacacións desfrutaranse en proporción ó tempo efectivamente traballado, considerándose como tempo efectivamente traballado:

1. Menos de tres meses de ILT anuais, ou aquel que sendo superior ó dito prazo, sexa debido a internamento hospitalario ou convalecencia.

2. O de ausencias por todo tipo de licencias retribuídas.

3. O de baixa por accidente de traballo e por maternidade da muller.

En caso de enfermidade durante o período de vacacións, os días de ILT non computarán como efectivamente desfrutados.

Artigo 15º.-Licencias retribuídas.

O persoal da empresa terá dereito a licencias retribuídas nos seguintes casos:

1. Matrimonio do traballador, 16 días naturais.

2. Parto de esposa, 3 días, no suposto de que este teña lugar fóra do domicilio ou residencia habitual do interesado, aumentarase un día máis.

3. Falecemento do cónxuxe, pais, fillos, avós, irmáns e netos (en pais, avós e irmáns inclúense os políticos) 3 días.

Se se precisa por tales causas realizar un desprazamento, o total do permiso será de 5 días naturais.

4. Nos demais casos e supostos observarase o estipulado no artigo 37 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 16º.-Roupa de traballo.

A empresa entregaralle ó persoal de producción, mantemento e laboratorio dous xogos completos de pezas de roupa de traballo adecuados ó labor que ten que realizar, tales como fundas, pantalón e chaqueta, batas, calzado, guantes, etc. Un deste xogos será entregado no mes de xaneiro e o outro xogo no mes de xullo.

Cando se realicen traballos á intemperie proporcionaranse as pezas de roupa adecuadas.

Así mesmo, nos postos de traballo nos que pola súa natureza se produza un desgaste extraordinario das pezas de roupa, estas substituiranse a medida que se vaian deteriorando.

Artigo 17º.-Póliza de seguro.

A empresa subscribirá un seguro colectivo de accidentes, laborais e non laborais, en favor dos seus traballadores, con cobertura de 3.500.000 pesetas para os casos de morte e de 4.000.000 de pesetas para os casos de invalidez.

Artigo 18º.-Seguridade e hixiene no traballo.

Seguridade e hixiene.

1. O traballador, na prestación dos seus servicios, terá dereito a unha protección eficaz en materia de seguridade e hixiene.

2. O traballador está obrigado a observar no seu traballo as medidas legais e regulamentarias de seguridade e hixiene.

3. Na inspección e control das ditas medidas que sexan de observancia obrigada polo empresario, o traballador ten dereito a participar por medio dos seus representantes legais no centro de traballo se non conta con órganos ou centros especializados competentes na materia a teor da lexislación vixente.

4. O empresario está obrigado a lles facilitar unha formación práctica e adecuada en materia de seguridade e hixiene ós traballadores que contrate, ou cando cambien de posto de traballo ou teñan que aplicar unha nova técnica que poida ocasionar riscos graves para o propio traballador ou para os seus compañeiros ou terceiros, xa sexa con servicios propios, xa sexa coa intervención dos servicios oficiais correspondentes, o traballador está obrigado a segui-las ditas ensinanzas e a realiza-las prácticas cando teñan lugar dentro da xornada de traballo ou noutras horas, pero co desconto naquela do tempo investido nas mesmas.

5. Os órganos internos da empresa competentes en materia de seguridade e, no seu defecto, os representantes legais dos traballadores no centro de traballo, que aprecien probabilidade seria e grave de accidente por inobservancia da lexislación aplicable na materia, requirirán o empresario por escrito para que adopte as medidas oportunas que fagan desaparece-lo estado de risco; se a petición non fose atendida nun prazo de catro días, dirixiranse á autoridade competente; esta, se apreciase as circunstancias alegadas mediante resolución fundada, requirirá o empresario para que adopte as medidas de seguridade apropiadas ou que suspenda as súas actividades na zona ou local de traballo ou co material en perigo. Tamén poderá ordenar, cos informes técnicos precisos, a paralización inmediata do traballo se se estima un risco grave de accidente. Se o risco de accidente fose inminente, a paralización das actividades poderá ser acordada por decisión dos órganos competentes da empresa en materia

de seguridade ou pola totalidade dos representantes dos traballadores; tal acordo será comunicado de inmediato á empresa e á autoridade laboral, a cal en vintecatro horas anulará ou ratificará a paralización acordada.

Recoñecementos médicos.

Os traballadores afectados polo presente convenio terán o dereito e o deber a unha revisión médica xeral, completa e suficiente, polo menos unha vez ó ano. Cando manipulen ou empreguen substancias corrosivas, infecciosas, irritantes, pulvíxenas ou

tóxicas, que especialmente poñan en perigo a saúde ou a vida dos traballadores, efectuaranse os recoñecementos coa frecuencia que requira cada caso e, polo menos, dous ó ano.

A empresa facilitará os medios necesarios para que estas revisións poidan levarse a cabo procurando que se realicen dentro da xornada laboral.

Servicios de hixiene.

O centro de traballo disporá de abastecemento suficiente de auga potable, así como de cuartos de vestiario e de aseos, duchas e servicios, conforme o disposto nos artigos 38 a 41 da ordenanza xeral de seguridade e hixiene.

Limpeza de comedores e servicios de hixiene.

A de limpeza de comedores, vestiarios, duchas e servicios realizada polo persoal adscrito á sección de limpeza; se esta non existise, este cometido recaerá no traballador que habitualmente o veña efectuando.

Limitacións de peso.

A carga máxima será de 50 kg por saco ou envase tanto en recepción coma en manexo ou expedición. Establécese un límite de amontoamento tanto en almacéns coma en carga de camións non superior a un metro corenta centímetros, e se supera esta altura e ata o máximo dun metro oitenta centímetros, farase con dous traballadores.

Esta norma rexerá sempre e cando a empresa non dispoña dun sistema mecanizado en carga e almacenaxe.

Carga e descarga por traballadores maiores de 60 anos.

Recoméndase no posible evita-la realización de tarefas de carga e descarga por traballadores maiores de 60 anos, se a instalación non está mecanizada. Enténdese que unha instalación está mecanizada se existe cando menos, fita transportadora.

Traballos tóxicos ou penosos por embarazadas.

Durante o período de embarazo evitarase a realización de traballos tóxicos ou penosos por parte das traballadoras que se atopen en tal estado.

Artigo 19º.-Penosidade.

Os traballadores que realicen traballos tóxicos, penosos e perigosos percibirán un complemento do 25% sobre o salario base de convenio, en proporción ó tempo efectivamente traballado en tales condicións. A cualificación destes traballos será efectuada entre a empresa e os representantes legais dos traballadores. As discrepancias, de se-lo caso, someteranse á autoridade laboral competente. Este complemento extinguirase cando desapareza a causa de tal cualificación.

Artigo 20º.-Dereitos sindicais.

A empresa respectará o dereito de tódolos traballadores a sindicárense libremente e aterase ó disposto no Estatuto dos traballadores e na LOLS.

Artigo 21º.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria será o órgano de interpretación, vixilancia, arbitraxe e conciliación do convenio. Estará constituída por tres representantes da empresa e tres dos traballadores.

Artigo 22º.-Dereitos e obrigas dos traballadores.

Os traballadores terán os dereitos e obrigas establecidos polas leis.

Artigo 23º.-Incumprimentos, faltas e sancións dos traballadores.

1. Faltas.

Os traballadores poderán ser sancionados pola dirección da empresa en virtude de incumprimento laboral, de acordo coa graduación de faltas e sancións que se determinan neste convenio e as que se establezan en disposicións legais aplicables, todo isto de conformidade co disposto no artigo 58 do Estatuto dos traballadores.

Toda falta cometida por un traballador clasificarase, atendendo á súa importancia e trascendencia, en leve, grave e moi grave.

Constitúen faltas leves:

-Dunha a tres faltas de puntualidade na asistencia ó traballo (ata 30 minutos de atraso), sen a debida xustificación e cometidas dentro do período dun mes.

-Non cursar en tempo oportuno a baixa correspondente cando se falte ó traballo por motivo xustificado, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo.

-Abandono sen causa xustificada do servicio, mesmo cando sexa por breve tempo.

-Non atende-lo público coa dilixencia e corrección debidas.

-Non lle comunicar á empresa os seus cambios de residencia ou domicilio.

-Faltar ó traballo un día ó mes, a menos que exista causa que o xustifique.

Constitúen faltas graves:

-Máis de tres faltas non xustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo (ata 30 minutos de atraso), cometidas dentro dun período de trinta días. Cando as faltas se cometesen con ocasión de relevar outro traballador, a comisión de dúas faltas de puntualidade abondará para que sexa cualificada como grave.

-Faltas dous días ó traballo, dentro dun período de trinta días e sen causa que o xustifique.

-Entregarse a xogos, calquera que sexa, estando de servicio.

-A simulación de enfermidades ou accidentes.

-Simula-la presencia doutro traballador, fichando ou asinando por el.

-Neglixencia ou desidia no traballo que afecte a boa marcha do servicio.

-A desobediencia ós seus superiores en calquera materia relativa ó servicio propio na categoría e funcións que correspondan ó traballador.

-A imprudencia en acto de servicio. Se implicase grave risco de accidente para o traballador, para os seus compañeiros ou perigo de avaría ou incendio das instalacións ou mercadorías, podería ser considerada como falta moi grave.

-Realizar sen o oportuno permiso traballos particulares durante a xornada, así como utilizar para usos propios ferramentas da empresa, mesmo cando isto aconteza fóra da xornada de traballo.

-O estado de embriaguez no traballo.

-A reincidencia en falta leve, agás se se trata da relativa a puntualidade, aínda que sexan de distinta natureza, cometidas nun mesmo trimestre.

Son faltas moi graves:

-Máis de de dez faltas non xustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo (ata trinta minutos de retraso), cometidas nun período de seis meses, ou de vinte faltas, cometidas durante un ano.

-Fraude nas xestións encomendadas e o furto ou roubo, tanto á empresa coma ós seus compañeiros de traballo ou a calquera outra persoa, dentro das dependencias do centro de traballo ou durante acto de servicio, en calquera lugar.

-Facer desaparecer, inutilizar ou causar desperfectos en materias primas, como en ferramentas, maquinaria, aparellos, instalacións, edificios, útiles ou documentos da empresa.

-Viola-lo segredo da correspondencia ou documentos reservados da empresa.

-Revelar a elementos estraños á empresa datos de reserva obrigada.

-Malos tratos de obra ou falta grave de respecto e consideración ós seus superiores, compañeiros ou subalternos, sempre que non constitúan causas de despedimento disciplinario.

-Causar accidentes graves, por neglixencia ou imprudencia inescusables.

-Abandona-lo traballo en posto de responsabilidade.

-A diminución voluntaria, continuada e demostrada no rendemento do seu labor.

-Orixinar frecuentes e inxustificadas rifas e liortas cos seus compañeiros de traballo.

-A reincidencia en falta grave cometida dentro do mesmo semestre e aínda que sexa de distinta natureza.

2. Sancións.

As sancións máximas que se lles poderán impor ós traballadores que incorran nas faltas especifi

cadas no número anterior deste artigo serán as seguintes:

-Para faltas leves: amoestación por escrito.

Suspensión de emprego e soldo ata de dous días.

-Para faltas graves: suspensión de emprego e soldo de tres a quince días.

-Para faltas moi graves: suspensión de emprego e soldo de quince a sesenta días.

* Despedimento disciplinario nos supostos en que a falta implique incumprimento contractual.

Artigo 24º.-Réxime de sancións.

Correspóndelle á empresa a facultade de impor sancións nos termos do estipulado neste convenio.

En calquera caso, a empresa dará conta por escrito e previamente ó delegado de persoal da sanción que lle vaia impor ó traballador afectado, quen terá sido oído, así como a representación dos traballadores.

Disposición adicional

Primeira.-Contratos temporais.

En todo o referente á contratación temporal, aterase ó disposto no convenio colectivo estatal das industrias de fabricación de alimentos compostos para animais.

Segunda.-Lexislación supletoria.

En todo o non estipulado neste convenio, aterase ó que determinen as disposicións laborais en vigor, no Estatuto dos traballadores.

ANEXO I

Táboa de salarios 2000

CategoríaSalario baseComplemento

convenio

Salario brutoSalario anual

Peón84.09326.069110.1631.652.439

Axudante84.43027.165111.5951.673.930

Ofic. 3ª84.45728.338112.7951.691.930

Ofic. 2ª84.76529.513114.2771.714.162

Ofic. 1ª85.10031.759116.8591.752.880

Encargado85.43533.451118.8871.783.301

Aux. admin.84.76529.513114.2771.714.162

Ofi. admin.85.10031.759116.8591.752.880

Vixilante84.09326.465110.5581.658.372

* Nota: o salario anual está composto por 15 pagas de 30 días, incluídas as pagas de 15 de marzo, 15 de xullo e 15 de decembro.

Cálculo valor hora extraordinaria:

As horas extraordinarias para cada categoría calcularanse de acordo co seguinte módulo e recarga:

Recarga=75x100 do módulo.

Módulo=salario anual

------------------

1.800 horas

Valor hora extraordinaria=1,75xmódulo.