Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Venres, 24 de novembro de 2000 Páx. 15.754

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN PÚBLICA ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN SANITARIA

ACORDO do 31 de outubro de 2000 polo que se convoca o curso de diplomado en sanidade para o ano 2001.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión de 19 de decembro de 1997, autorizou a constitución da Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria (FEGAS), aprobando os seus estatutos e facultando o Servicio Galego de Saúde (Sergas), para achega-lo patrimonio fundacional. O obxecto da fundación consiste tipicamente na formación nas materias de saúde pública e administración sanitaria, desenvolvendo toda a súa actividade con suxeición ós criterios de planificación e as directrices de carácter xeral emanadas da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e do Sergas, sendo os seus beneficiarios todas aquelas persoas que dun modo ou outro traballen ó servicio da sanidade en Galicia.

O marco de colaboración existente entre a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o Servicio Galego de Saúde (Sergas), por unha banda, e a FEGAS, pola outra, ten por obxecto o deseño conxunto e a execución pola FEGAS do plan de formación e reciclaxe profesional sanitaria de tódolos traballadores, tanto da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais como do Sergas.

Entre as distintas actividades que se van conveniar para o ano 2001 entre ámbalas dúas partes, atópase a edición do curso de diplomado en sanidade do ano 2001, promovido pola Dirección Xeral de Saúde Pública e organizado pola FEGAS no marco do devandito convenio de colaboración.

A realización do curso foi autorizada pola Escola Nacional de Sanidade e adaptáronse os seus contidos as directrices enumeradas dela.

En efecto, os profesionais sanitarios deben ter unha visión comunitaria dos problemas individuais de saúde, razón pola que, sen perder de vista os aspectos diagnósticos e terapéuticos na práctica clínica, terán que considerarse tamén os problemas de saúde que transcenden o propio individuo para convertérense nunha cuestión de interese comunitario.

En tal sentido, no curso proporciónanselles ós participantes as bases conceptuais e as técnicas de análise e intervención propias da saúde pública, co obxecto de permitirlles enmarca-las súas actividades profesionais dentro das estratexias globais da Comunidade Autónoma de Galicia, de xeito que constitúa un punto de partida que permita continuar un posterior afondamento e ampliación dos coñecementos nesta materia.

Por todo isto, a Escola Galega de Administración Sanitaria convoca o curso de diplomado en sanidade-edición 2001, conforme as seguintes bases:

Primeira.-Convócase un curso de diplomado en sanidade, edición do ano 2001, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, organizado e dirixido pola Escola Galega de Administración Sanitaria, acreditado pola Escola Nacional de Sanidade e que ten por obxecto a formación a nivel básico, en materia de saúde pública, dos profesionais sanitarios.

Segunda.

1. O curso de diplomado en sanidade terá unha duración de 200 horas acreditadas, das que 150 horas terán carácter presencial, agrupadas en 6 módulos temáticos, e as 50 horas restantes corresponden á execución e presentación dun traballo práctico relacionado cos contidos do curso, que será valorado na avaliación formativa do alumnado.

2. O curso desenvolverase conforme o seguinte programa docente:

Módulo 1: introducción ó concepto de saúde. Determinantes da saúde e da enfermidade.

Módulo 2: sistemas de información sanitaria e indicadores da saúde.

Módulo 3: métodos e técnicas para o estudio, identificación e análise de problemas de saúde.

Módulo 4: planificación e programación sanitarias.

Módulo 5: organización sanitaria e política de saúde.

Módulo 6: intervención, programas de promoción e protección da saúde e prevención da enfermidade.

Módulo 7: traballo práctico.

3. Sen prexuízo da elaboración do calendario definitivo do curso, as actividades docentes de carácter presencial realizaranse en Santiago de Compostela entre os meses de marzo e maio de 2001, xeralmente nas tardes dos xoves, os venres pola mañá e pola tarde e os sábados pola mañá de cada semana, e débese ter rematado o proceso de avaliación e certificación dos participantes no mes de novembro de 2001.

4. O director do curso será nomeado pola Escola Galega de Administración Sanitaria por proposta da Dirección Xeral de Saúde Pública.

Terceira.

1. O número máximo de participantes no curso será de 40, coa seguinte distribución:

a) 17 prazas reservaranse para facultativos sanitarios que presten ou tivesen prestado os seus servicios en institucións sanitarias do Sergas.

b) 4 prazas reservaranse para profesionais de enfermería que presten ou tivesen prestado os seus servicios en institucións sanitarias do Sergas.

c) 19 prazas reservaranse para profesionais sanitarios titulados superiores ou de grao medio, que presten ou tivesen prestado os seus servicios en centros directivos ou unidades administrativas de servicios sanitarios de Galicia.

2. O custo dos dereitos de inscrición no curso e de certificacións de créditos ascenderá á cantidade de 75.000 pesetas por participante, que deberán ingresarse a favor da Escola Galega de Administración Sanitaria na forma que se determine.

Cuarta.

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. Os interesados en seren admitidos dirixirán a solicitude á Escola Galega de Administración Sanitaria, utilizando o modelo de instancia que se poderá recoller na propia sede da escola, na Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, na Dirección Xeral de Saúde Pública e nas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

3. De existiren máis solicitudes ca prazas, a selección dos aspirantes ó curso faraa unha comisión formada por representantes da Dirección Xeral de Saúde Pública e da Escola Galega de Administración Sanitaria.

4. O criterio de admisión dos aspirantes será o de maior antigüidade de servicios prestados, entendéndose por maior antigüidade de servicios a acreditación polos aspirantes do maior número de días efectivamente traballados na Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, no Sergas ou noutra institución sanitaria do Sistema Nacional de Saúde, computándose indistintamente tanto os servicios prestados con carácter temporal como con carácter fixo.

5. As certificacións nas que conste o vínculo xurídico e a antigüidade deberán ser emitidas polos servicios de persoal das institucións que corresponda.

Quinta.

1. A dita comisión de selección publicará a lista provisional de admitidos e excluídos do curso. A dita publicación farase nos taboleiros de anuncios da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, nos da Dirección Xeral de Saúde Pública, nos das delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e no da propia escola, podendo reclamar contra eles os interesados a partir do día seguinte ó da súa publicación ou exposición ó público nos taboleiros mencionados no prazo de 10 días habiles, mediante escrito dirixido á propia comisión.

Transcorrido o dito prazo e resoltas as reclamacións presentadas, a dirección da FEGAS acordará a lista definitiva de profesionais admitidos e excluídos, que se publicará nos lugares descritos no parágrafo anterior.

2. Os aspirantes admitidos aboarán os dereitos da inscrición dentro do prazo de 10 días hábiles contados desde o día seguinte ó da dita publicación definitiva, no xeito que nela se determine.

Sexta.

1. A asistencia ás actividades docentes presenciais é obrigatoria, permitíndose un máximo de 15 horas de ausencia xustificadas.

2. Ó remate do curso os participantes serán avaliados cunha proba obxectiva individualizada sobre os contidos do curso e un traballo de campo no que deberán aplicalos.

3. Os traballos prácticos que van realiza-los aspirantes deberán serlle propostos, para a súa aprobación, á dirección do curso.

4. A proba obxectiva e o traballo práctico serán avaliados por un tribunal, no que estarán representadas a Dirección Xeral de Saúde Pública, a Escola Nacional de Sanidade e a Escola Galega de Administración Sanitaria. Actuará como presidenta a directora xeral de Saúde Pública ou persoa en quen delegue e, como secretario, o director do curso.

O dito tribunal poderá solicitar, de se-lo caso, a asesoría dos expertos e especialistas que estime oportunos, que se limitarán a presta-la súa colaboración nas especialidades técnicas, con voz e sen voto.

5. No caso de que na cualificación do tribunal resultase non apto, o alumnado terá dereito á realización dunha nova proba de avaliación, coincidente coa do seguinte curso que se convoque.

6. Rematada a actuación do tribunal, confeccionarase a relación de aptos e serán expedidos os correspondentes diplomas pola Escola Nacional de Sanidade.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2000.

Javier Bouzada Romero

Director da Escola Galega de Administración

Sanitaria