Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Venres, 24 de novembro de 2000 Páx. 15.693

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 22 de novembro de 2000 pola que se declara oficialmente a existencia da enfermidade encefalopatía esponxiforme bovina.

O artigo 2.1º do Real decreto 2459/1996, do 2 de decembro, polo que se establece a lista de enfermidades de animais de declaración obrigatoria e se dá a normativa para a súa notificación, dispón que os órganos competentes das comunidades autónomas realizarán a declaración oficial das enfermedades dos animais que figuran nos puntos A e B do anexo I do citado real decreto.

Entre as enfermidades de declaración obrigatoria da letra A do anexo I atópase a encefalopatía esponxiforme bovina.

Como consecuencia da aplicación da Decisión 98/272/CE da Comisión, do 23 de abril, relativa á vixilancia epidemiolóxica das encefalopatías esponxiformes transmisibles e o Programa 2000 das normas de prevención e vixilancia das encefalopatías esponxiformes transmisibles dos animais, investíganse as poboacións de animais que, de conformidade co citado programa, integran o grupo de risco, e adóptanse tódalas medidas sanitarias provisionais e cautelares establecidas no devandito programa.

As mostras para a detección destas enfermidades son enviadas ó Laboratorio Nacional de Referencia, sito na Facultade de Veterinaria da Universidade de Zaragoza. Este laboratorio comunicou ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a presencia da enfermidade, e o ministerio procedeu a poñelo inmediatamente en coñecemento desta consellería, polo que procede a declaración oficial da enfermidade.

De conformidade co Real decreto 2459/1996, do 2 de decembro, e a Decisión 98/272/CE da Comisión, do 23 de abril de 1998, a letra E.D.a) do anexo do Real decreto 3318/1982, do 24 de xullo, de traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de agricultura e pesca, e facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, de 20 de outubro, e pola Lei 12/1989, do 4 de outubro,

DISPOÑO:

1. Declarar oficialmente a existencia da enfermidade encefalopatía esponxiforme bovina.

2. Comunicar esta declaración ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para a súa notificación á Unión Europea e ós estados membros.

3. Faculta-lo director xeral de Producción Agropecuaria para a adopción das medidas de sanidade animal necesarias e, en particular, as previstas para a completa execución do Programa 2000 das normas

de prevención e vixilancia das encefalopatías esponxiformes transmisibles dos animais.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria