Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Venres, 24 de novembro de 2000 Páx. 15.685

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 21 de novembro de 2000 pola que se establecen as condicións da emisión de obrigacións da Comunidade Autónoma de Galicia polo importe de 250 millóns de euros.

Con base no artigo 26.1º da Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, o Consello da Xunta de Galicia, por Decreto 16/2000, do 20 de xaneiro, autorizou a realización das operacións financeiras recollidas na indicada lei mediante a emisión de débeda pública ou a concertación de créditos, facultando, así mesmo, o conselleiro de Economía e Facenda para que estableza as condicións das ditas operacións e dicte as disposicións necesarias para tal efecto.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Obtida a autorización, establecida no artigo 14.3º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, mediante acordo do Consello de Ministros con data do 24 de marzo de 2000, disponse a emisión de débeda pública por un importe de 250 millóns de euros.

Artigo 2º

Esta emisión realízase baixo a forma de obrigacións da Xunta de Galicia, representada mediante anotacións en conta, ó abeiro dos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores e da Lei 41/1999, de 12 de novembro, sobre sistemas de pagos e de liquidación de valores.

A emisión de débeda pública que autoriza a presente orde terá as características que se detallan a continuación:

-Importe: 250 millóns de euros.

-Data da emisión: 29 de novembro de 2000.

-Data de desembolso: 29 de novembro de 2000.

-Prezo da emisión: 100,6227802%.

-Nominal das obrigacións: 1.000 euros.

-Subscrición: realizarana directamente as entidades financeiras aseguradoras da emisión, actuando no nome propio ou por conta de terceiras persoas, o día 28 de novembro de 2000.

-Cupón: os cupóns anuais vencerán o 29 de novembro de cada ano. A Xunta de Galicia pagará no seu vencemento os cupóns polo seu importe líquido. Procederase, se é o caso, á devolución das retencións practicadas segundo procedemento establecido en cada momento na lexislación aplicable.

-Cotizacións: solicitarase a inscrición desta débeda pública á Central de Anotacións de Débeda Pública do Banco de España na forma prevista nos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores e nos demais preceptos legais aplicables na materia.

-Fiscalidade: de conformidade co previsto no artigo 14.5º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, esta emisión goza dos mesmos beneficios e condicións cá débeda pública do Estado.

-Amortización: dunha soa vez ó par, ós dez (10) anos desde a data da emisión.

-Tipo de xuro: 5,80%.

-Liquidez: as entidades aseguradoras garanten durante a vida da emisión a liquidez das obrigacións.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2000.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda