Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Venres, 24 de novembro de 2000 Páx. 15.681

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 26 de outubro de 2000 pola que se regula a extracción de semente de mexillón en bancos naturais.

O cultivo de mexillón en viveiros situados na zona marítima é un sector tradicional, consolidado na Comunidade Autónoma de Galicia.

No desenvolvemento da súa actividade, os establecementos dedicados ó cultivo desta especie precisan abastecerse de importantes cantidades de semente, na súa maior parte procedente de bancos naturais.

A concorrencia doutras actividades nas zonas de extracción e fundamentalmente a necesidade de asegura-lo aprovisionamento regular e estable dos viveiros para o cultivo de mexillón, sen altera-lo fráxil equilibrio ecolóxico da zona costeira, fan necesario regular adecuadamente as condicións para a extracción de semente de rocas do litoral.

O Decreto 338/1999, do 3 de decembro, polo que se modifica o Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, aprobado polo Decreto 406/1996, do 7 de novembro, sinala que as condicións das habilitacións para o abastecemento de semente en banco natural, as zonas e períodos de extracción e as cantidades máximas que se van extraer en cada zona se regularán mediante orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

En consecuencia, tendo en conta a disposición derradeira primeira do Decreto 406/1996, do 7 de novembro, polo que se faculta a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para dicta-las disposicións necesarias para o seu desenvolvemento e aplicación,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto regula-lo abastecemento dos viveiros con semente de mexillón procedente de banco natural, as habilitacións, zonas e períodos de extracción e as cantidades máximas que se van extraer en cada zona.

Artigo 2º.-Modalidades de extracción.

A semente de mexillón de banco natural con destino ó cultivo en viveiros poderá ser recollida ben polos propios concesionarios ou ben por acordo subscrito coas confrarías de pescadores ou agrupacións de mariscadores.

Artigo 3º.-Zonas de extracción.

1. As zonas do litoral de Galicia para as que se poderán outorgar habilitacións son:

a) Bancos naturais do litoral das provincias da Coruña e Pontevedra.

b) Arquipélago de Ons: parte leste de Ons (de Punta Centolo a Punta Federento) e Onza (de Punta Cociñadoiro a Porto do Sol).

c) Arquipélago de Sálvora: cara leste da Illa de Sálvora (de Punta Lagos a Punta Besugueiros).

d) Arquipélago de Cíes: parte leste das illas norte (Punta Farolillo a illote Viños) e sur (de Punta Pau de Bandeira a Alto de Vicos).

2. As autorizacións para a extracción de semente de mexillón nos bancos naturais do litoral dos arquipélagos de Ons, Sálvora e Cíes requirirán o informe previo da Consellería de Medio Ambiente de conformidade co disposto no Decreto 274/1999, do 21 de outubro, polo que se aproba o plan de ordenación dos recursos naturais das illas atlánticas.

Artigo 4º.-Período de extracción.

1. O período de extracción é o comprendido entre o 1 de decembro e o 30 de abril.

2. Prohíbese a extracción de semente os sábados, domingos e festivos.

Artigo 5º.-Cantidades máximas a extraer.

En cada período poderanse extraer como máximo 3.500 kilogramos de semente por batea.

Artigo 6º.-Estatística.

O titular da habilitación deberá remitir á delegación territorial que a outorgou, dentro dos quince días seguintes ó final de cada período de extracción, unha relación das cantidades extraídas indicando detalladamente o lugar e data da recollida.

A non remisión da información indicada no parágrafo anterior dará lugar ó correspondente expediente sancionador conforme o prevido na Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros.

Capítulo II

Extracción de semente polo concesionario do viveiro

Artigo 7º.-Solicitudes.

1. Os concesionarios de bateas e liñas de cultivo, autorizadas para o cultivo de mexillón, que desexen abastece-los seus viveiros con semente de banco natural de acordo co sinalado no punto 1º do artigo 37 e no artigo 45 do Regulamento de viveiros de cultivos mariños en augas de Galicia, deberán solicitarllo á delegación territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura correspondente en función do domicilio social da empresa.

Se a zona de extracción é un arquipélago das illas atlánticas a solicitude dirixirase á delegación territorial que proceda pola localización daquel.

A solicitude, que será única por concesionario para cada unha das zonas sinaladas no artigo 3º, farase mediante instancia conforme o modelo que se publica como anexo I á presente orde.

2. As solicitudes presentaranse no rexistro da consellería, nas súas delegacións territoriais ou comarcais, ou nas formas previstas no art. 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, acompañadas da seguinte documentación:

a) Acreditación do solicitante:

-DNI do solicitante, se é persoa física.

-DNI do representante e acreditación da representación se é persoa xurídica.

b) Xustificante de ter realizada a liquidación da correspondente taxa administrativa por tramitación.

Artigo 8º.-Resolución.

1. A decisión adoptará a forma de resolución do delegado territorial e deberá ser comunicada ó interesado, con indicación de que non pon fin á vía administrativa e de que contra ela se poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura no prazo dun mes desde o día seguinte ó da súa notificación, segundo dispón o artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O prazo máximo no que debe notificarse a resolución expresa é de tres meses. O vencemento do prazo máximo sen notificarse resolución expresa lexitima ó interesado que deducira a solicitude para entendela desestimada por silencio administrativo, sen prexuízo da resolución que a administración debe dictar.

3. Na resolución, como mínimo, faranse consta-los seguintes datos:

a) Vixencia.

Non poderá ser superior á da concesión do viveiro e en ningún caso poderá ser prorrogada. No suposto de varios viveiros dun mesmo titular tomarase como referencia a daquel ó que lle reste máis tempo de concesión.

b) Zonas, datas e cantidades que se poden extraer.

Cada resolución autorizará a extracción nunha única zona das sinaladas no artigo 3º.

c) Persoas autorizadas.

Poderá habilitar tanto ó titular como ós trababalladores que pertenzan á súa empresa.

d) Medios de transporte utilizados.

e) Viveiros de destino.

4. A modificación dalgún dos termos recollidos na resolución, tales como a titularidade do viveiro, a especie ou a identidade dos recolectores, requirirá a solicitude dunha nova habilitación pola perda da eficacia da anterior.

Artigo 9º.-Identificación dos recolectores.

1. Durante a extracción e o transporte da semente polos recolectores, deberán levar consigo orixinal ou copia da resolución, exhibíndoa xunto co documento nacional de identidade ou pasaporte por petición da autoridade competente.

2. O titular do viveiro poderá ser requirido para que achegue documentación acreditativa de que a persoa inscrita na autorización pertence a esa empresa.

Capítulo III

Extracción da semente mediante acordo coas confrarías de pescadores ou agrupacións de mariscadores

Artigo 10º.-Solicitudes.

1. Os concesionarios de bateas e liñas de cultivo autorizadas para o cultivo de mexillón, ou as súas asociacións, poderán subscribir acordos coas confrarías de pescadores, ou agrupacións de mariscadores, para que estas lles subministren semente de mexillón extraída das rochas do litoral incluído en

zonas de autorización ou plans de explotación outorgadas ou aprobados ó seu favor, de acordo co sinalado no punto 3º do artigo 37 e no artigo 45 do Regulamento de viveiros de cultivos mariños en augas de Galicia.

Os recolectores deberán estar en posesión do preceptivo permiso de explotación ó que se refire o artigo 31 da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia.

2. Os acordos conterán, como mínimo, a seguinte información:

-Concesionarios e/ou organizacións que o subscriben.

-Persoas que en representación dos anteriores asinan o convenio e título acreditativo da súa capacidade.

-Finalidade.

-Datas previstas para a extracción.

-Zona(as) onde se vai realiza-la extracción e quilogramos que se van extraer.

-Nome, apelidos e DNI dos recolectores.

-Identificación do medio/s de transporte que se van utilizar.

-Nome e localización dos viveiros nos que se vai engorda-la semente.

-Nome, apelidos e DNI dos titulares dos viveiros.

-Sinatura das partes que subscriben o acordo.

3. Estes acordos serán presentados á delegación territorial de Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura correspondente á zona de extracción, nas formas previstas no punto 2 do artigo 7º, conforme o modelo anexo II.

Artigo 11º.-Resolución.

1. A decisión adoptará a forma de resolución da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura. Deberá ser notificada a tódolos interesados, con indicación de que pon fin á vía administrativa e que contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, ante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, ou recurso contencioso-administrativo, ante a xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, contados en ámbolos dous casos desde o día seguinte ó da súa notificación, de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 e no artigo 46 e seguintes da Lei 29/1998, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, do 13 de xullo de 1998.

2. O prazo máximo no que debe notificarse a resolución expresa é de tres meses. O vencemento do prazo máximo sen notifica-la resolución expresa lexitima ó interesado que deducira a solicitude para entendela desestimada por silencio administrativo, sen prexuízo da resolución que a Administración debe de dictar.

Disposición adicional

En función das características conxunturais de cada campaña e cando o seguimento e avaliación dos recursos o aconselle, a delegación territorial,

caso a prohibición de extraer semente de mexillón os sábados, domingos e festivos.

Disposicións derrradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Recursos Mariños para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2000.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura